DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Luns, 6 de maio de 2024 Páx. 27881

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 19 de abril de 2024, da Área de Deseño de Infraestruturas, pola que se fai pública a aprobación do expediente de información pública e, definitivamente, o anteproxecto de modificación da rede de drenaxe na PO-223, Pontevedra, de clave PO/23/169.02.

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, por delegación da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas (Orde do 7 de setembro de 2017, Diario Oficial de Galicia do 20 de setembro de 2017), vista a documentación recibida durante o trámite de información pública, ditou, o 19 de abril de 2024, a seguinte resolución:

«Resolución pola que se aproba o expediente de información pública e, definitivamente, o anteproxecto de modificación da rede de drenaxe na PO-223. Pontevedra, de clave PO/23/169.02

Antecedentes de feito.

Primeiro. A actuación proxectada ten por obxecto definir as actuacións necesarias para dotar de continuidade os diferentes treitos de colector lonxitudinal de drenaxe de augas pluviais da marxe dereita da estrada PO-223 entre os puntos quilométricos (p.q.) 3+640 e 4+450, previstos nas obras de mellora viaria para o fomento da mobilidade sustentable na PO-223 (O Couso-Sobral) e PO-224 (Santo André de Xeve), de clave PO/21/190.06, actualmente en execución, evitando a vertedura na obra de drenaxe transversal existente á altura do p.q. 4+460 da marxe dereita da PO-223, en cumprimento da Sentenza núm. 240/2022, do Xulgado Contencioso-Administrativo núm. 3 de Pontevedra.

Segundo. No Diario Oficial de Galicia (DOG) núm. 209, do 3 de novembro de 2023, publicouse o Anuncio do 25 de outubro de 2023 polo que se somete ao trámite de información pública o anteproxecto de modificación da rede de drenaxe na PO-223 (Pontevedra), de clave PO/23/169.02, así como a relación individual de bens, dereitos e persoas propietarias afectadas polo proxecto referido.

Terceiro. Non se formularon alegacións particulares ao anteproxecto no trámite de información pública, mais recibíronse informes das administracións afectadas aos cales se lles dá resposta motivada, segundo consta no expediente.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas é competente para resolver os expedientes de información pública en materia de estradas e informes das administracións afectadas, de acordo co Decreto 118/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da consellería. Esta competencia atópase delegada na persoa titular da dirección da Axencia Galega de Infraestruturas, segundo o artigo 8.1.b) da Orde do 7 de setembro de 2017, sobre delegación de competencias no secretario xeral técnico e noutros órganos e entidades públicas adscritos a esta consellería (DOG núm. 179, do 20 de setembro).

Segundo. Someteuse ao trámite de información pública a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados pola realización da obra, durante un período de trinta (30) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación do anuncio no DOG, para os efectos previstos no artigo 56.1 do Regulamento de expropiación forzosa.

De acordo con todo o exposto, e tras os informes e os certificados presentados,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar o expediente de información pública de modificación da rede de drenaxe na PO-223. Pontevedra, de clave PO/23/169.02.

Segundo. Aprobar o anteproxecto de modificación da rede de drenaxe na PO-223. Pontevedra, de clave PO/23/169.02, sen modificacións respecto á relación de bens e dereitos afectados recollidos no documento sometido a información pública.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que con carácter previo e potestativo se poida formular un recurso de reposición no prazo dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. No caso de ser un suxeito obrigado a relacionarse electronicamente coa Administración, para a interposición do recurso de reposición deberá empregar o modelo IF321B de recurso en materia de infraestruturas, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal/, ante a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas».

O que se fai público para xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2024

Carlos Lefler Gullón
Xefe da Área de Deseño de Infraestruturas