DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Venres, 3 de maio de 2024 Páx. 27626

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 19 de abril de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución do acordo de revisión do esbozo do monte veciñal denominado monte Cotobade e Castrillón da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Cortellas e Lourido, no concello de Soutomaior (expediente RE22008).

Para os efectos previstos na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáselle publicidade ao acordo acadado polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en sesión que tivo lugar o 28 de febreiro de 2024, respecto á revisión do esbozo e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal denominado monte Cotobade e Castrillón da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Cortellas e Lourido, no concello de Soutomaior (expediente RE22008).

O 1.12.2023, o Servizo de Montes desta xefatura territorial emite o seguinte informe:

«Feitos:

Primeiro. O 2.9.2022 e número 2022/2179324, a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (en diante, CMVMC) de Cortellas e Lourido solicita a revisión do esbozo do monte veciñal Cotobade e Castrillón. A dita solicitude deu lugar á apertura do expediente RE22008. Consta no expediente:

– Memoria técnica da revisión do esbozo do monte Cotobade e Castrillón de agosto de 2022. Asinada pola enxeñeira forestal núm. 908 do COETFG e modificada o 8.5.2023.

– Certificado do secretario coa conformidade do presidente da CMVMC de Cortellas e Lourido do 17.11.2023 da aprobación na Asemblea do 11.9.2022.

– Cartografía en formato dixital.

Segundo a memoria técnica levouse a cabo un levantamento topográfico das parcelas con GPS de precisión centimétrica en que se percorreu todo o perímetro con varios membros da xunta reitora, durante o percorrido detectaron mollóns de todo o perímetro e encravado, a maior parte do perímetro está delimitado por muros que o separan das propiedades privadas. Existe un levantamento topográfico do ano 1886 e deslinde coa CMVMC de Lourido tramitado e aprobado consonte o artigo 53 da Lei 7/2012 de montes de Galicia. A CMVMC de Cortellas e Lourido na memoria asinada polo técnico competente en materia forestal achega documentación suficiente que acredita a proposta da revisión do esbozo.

Segundo. O obxecto da revisión do esbozo é o MVMC denominado monte Cotobade e Castrillón co ID 3153. A superficie inicial clasificada é de 94 ha.

Segundo os datos do Sistema rexistral forestal non consta superficie de xestión pública, constan dúas expropiacións para o gasoduto (0,07 has) e para a instalación dunha antena (3 m2). Asemade, dispón dun instrumento de ordenación inscrito no Rexistro de Montes Ordenados de Galicia co número 3600271.

A superficie total da revisión do esbozo achegada é de 75,00 ha e un perímetro revisado con propietarios particulares de 12.948 m, segundo a proposta de revisión do esbozo achegada e o indicado na memoria técnica queda definido do seguinte xeito:

Monte: Cavada de Estévez.

Superficie: 10,72 ha.

Perímetro: 1.999 m.

Linde sur: predios particulares.

Linde norte: MVMC de Aranza.

Linde leste: predios particulares.

Linde oeste: predios particulares.

Monte: Castrillón.

Superficie: 64,28 ha.

Perímetro: 10.949 m.

Linde sur: predios particulares.

Linde norte: predios particulares.

Linde leste: predios particulares.

Linde oeste: MVMC Chan do Coello e predios particulares.

Terceiro. O 30.11.2022, o Xurado Provincial de MVMC de Pontevedra acorda solicitar ao Servizo de Montes unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal clasificado a favor da CMVMC de Cortellas e Lourido (Soutomaior), expediente RE22008, coa finalidade de dar cumprimento ao establecido na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Consideracións legais e técnicas.

Primeira. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (en diante, LMG), na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

1. Os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión total ou parcial, axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

2. Para estes efectos, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común, de oficio ou por instancia de parte, poderá solicitar á Administración forestal unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal en man común. Na proposta non poderán incluírse parcelas que figuren inmatriculadas no Rexistro da Propiedade a favor de persoas físicas ou xurídicas distintas á comunidade veciñal de montes.

3. Unha vez aceptada a proposta polo xurado, poñerase en coñecemento da comunidade propietaria e publicarase no Diario Oficial de Galicia para o resto de posibles interesados.

4. Aceptada a revisión, poderase proceder á marcaxe dos montes veciñais, que, en todo caso, se axustará ao plano que resulte da dita revisión. A marcaxe poderá ser realizada de oficio pola propia Administración forestal ou por instancia das comunidades propietarias.

5. Se durante a revisión ou a marcaxe se suscitan cuestións relativas á propiedade, poñerase fin ao procedemento, dentro do perímetro cuestionado, sen máis trámites. Este acordo de finalización e arquivamento parcial do procedemento non será susceptible de impugnación na vía administrativa, sen prexuízo da facultade dos interesados de acudiren á vía xurisdicional civil, por ser esta a competente para dirimir tal controversia.

Segunda. A revisión do esbozo do monte Cotobade e Castrillón proposta polo Servizo de Montes é a presentada pola CMVMC de Cortellas e Lourido e queda definido consonte os datos reflectidos no feito segundo e a documentación achegada».

Vista a proposta de revisión presentada polo Servizo de Montes sobre a adaptación do esbozo do monte veciñal denominado Cotobade e Castrillón e de conformidade co previsto na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, este xurado por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Aprobar a revisión do esbozo do monte veciñal denominado Cotobade e Castrillón clasificado a prol da CMVMC de Cortellas e Lourido (Soutomaior), segundo a proposta do Servizo de Montes e a planimetría elaborada polo mesmo.

Pontevedra, 19 de abril de 2024

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra