DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Xoves, 2 de maio de 2024 Páx. 27053

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

DECRETO 125/2024, do 15 de abril, polo que se aproba o Plan territorial especial de San Fiz de Asma, no concello de Chantada.

No marco das accións globais do Goberno da Xunta de Galicia de cara á posta en valor da Ribeira Sacra e co fin de acadar a declaración deste territorio como patrimonio da humanidade, iniciouse o proceso coa súa declaración como Ben de interese cultural, na categoría de paisaxe cultural, mediante o Decreto 166/2018, do 27 de decembro.

Tras esta declaración da paisaxe cultural da Ribeira Sacra como ben de interese cultural, observouse a concorrencia dunha gran singularidade e especiais características na parroquia de San Fiz de Asma, no concello de Chantada, que a fan merecente dunha ordenación detallada.

O artigo 26 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, recollía a posibilidade, que agora prevé o artigo 32.2 da vixente Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, de que o Consello da Xunta de Galicia acordase a elaboración dun plan de ordenación do medio físico (POMF), cando circunstancias singulares, non previstas nas directrices de ordenación do territorio de galicia (DOT), aprobadas polo Decreto 19/2011, do 10 de febreiro, aconsellasen levar a cabo tal ordenación; para tal efecto, debería sinalarse o seu ámbito territorial e os obxectivos principais a que se acadarían, logo de informe do concello ou concellos que estivesen incluídos total ou parcialmente dentro do ámbito obxecto do plan. En cumprimento da referida previsión, vixente naquel momento, o 12.9.2019 solicitouse informe previo ao Concello de Chantada, que o 26.9.2019 emitiu informe favorable á tramitación referida.

De conformidade co artigo 30.1 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, o Consello da Xunta de Galicia, na sesión do 7.11.2019, acordou iniciar o procedemento de elaboración dun plan de ordenación do medio físico en San Fiz de Asma, no concello de Chantada, e designar a entón Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para elaborar o referido plan e dirixir o procedemento.

Segundo a disposición transitoria terceira da vixente Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, as referencias e remisións da lexislación e dos instrumentos de ordenación do territorio aos plans de ordenación do medio físico previstos na Lei 10/1995, do 23 de novembro, poderán considerarse realizadas aos plans territoriais especiais definidos na vixente Lei 1/2021, do 8 de xaneiro.

O ámbito do plan territorial especial, que ocupa unha superficie de 224,95 hectáreas, localízase na ribeira da parroquia de San Fiz de Asma, pertencente ao concello lucense de Chantada. Trátase dunha zona ocupada, maioritariamente, por masas arboradas autóctonas e superficies agrícolas dedicadas a viñedos, con fortes pendentes e encaixada no canón do río Miño. Os seus límites son: ao norte co encoro de Belesar, ao sur e ao leste co río Miño, e ao oeste limita co río Asma e co territorio restante da parroquia de San Fiz de Asma.

As condicións xeolóxicas e morfolóxicas do ámbito, os seus valores patrimoniais e a súa impresionante xeografía, xunto cunha recente e intensiva ocupación, evidencian a súa singularidade e identidade diferenciada doutras paisaxes, e constátase como altamente representativa dos atractivos existentes na Ribeira Sacra, que a fan merecedora dunha ordenación detallada.

Desde un punto de vista morfolóxico, identifícanse grandes contrastes marcados pola profunda fenda que supoñen os cursos fluviais no territorio, así como a forte pendente dos seus vales, que presentan grandes inclinacións e mesmo paredes verticais, e ladeiras que rematan contra zonas chairas con pendentes inferiores e que conforman a fértil paisaxe da bocarribeira.

Os asentamentos e edificacións existentes tamén usan os mesmos recursos, xa que elixen, nun terreo accidentado, aqueles lugares máis propicios, sexa próximos ao fondo do val ou nas ladeiras, en función da posibilidade das pendentes e da orientación.

O obxectivo fundamental do plan territorial especial é combinar a protección daquelas manifestacións relevantes do patrimonio natural e do patrimonio cultural desta área declarada ben de interese cultural na categoría de paisaxe cultural coa implementación de medidas de salvagarda que permitan a conservación e mantemento das características dunha paisaxe construída que ten unha funcionalidade que se quere preservar, promover e difundir, incidindo nos seus aspectos xerais ou territoriais de forma compatible cunha economía baseada na actividade agrogandeira e de recursos culturais e turísticos complementarios sustentables.

O plan territorial especial integra en todo momento a paisaxe como elemento transversal que hai que protexer, conservar e potenciar, xa que este é o motivo central da declaración do BIC da Ribeira Sacra, e recolle as principais determinacións da normativa en materia de paisaxe, primando a adaptación e a mimetización das construcións, expoñendo as recomendacións da Guía de cores e materiais para a comarca paisaxística Ribeira Sacra Miñota e mantendo a singularidade dunha paisaxe que atrae moitos visitantes que se achegan ata o ámbito.

A relevancia e posta en valor do patrimonio cultural no plan territorial especial é fundamental, partindo de que o propio ámbito xorde da súa delimitación como paisaxe cultural. A zonificación realízase, entre outros motivos, tendo en conta as contornas de protección dos bens de interese cultural que existen no lugar. Para a súa elaboración, realizáronse as oportunas prospeccións, que revelaron evidencias da existencia dos castros de San Fiz e da Ribada ou dos camiños históricos que transcorrían polo ámbito e tamén da importancia das diferentes tipoloxías das construcións vinculadas á viticultura como patrimonio rural. Así mesmo, para a súa elaboración realizouse un inventario completo das construcións existentes no ámbito, analizando polo miúdo a tipoloxía, morfoloxía e cronoloxía.

O plan territorial especial inclúe o contido e a documentación exixidos para este tipo de instrumentos de ordenación do territorio na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, nomeadamente no artigo 33, con especial mención á incidencia no planeamento municipal vixente. Con este obxecto, seguindo o disposto no artigo 33.2.b) da dita lei, o plan territorial especial incorpora tamén a documentación de carácter técnico e normativo necesaria para a modificación do Plan xeral de ordenación municipal do concello de Chantada.

A formulación e aprobación do plan territorial especial axustouse ao procedemento establecido na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio, vixente no momento da súa iniciación así como ao previsto nos artigos 55 e 54.9 e seguintes da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia.

Así, mediante anuncio do 27.1.2021, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático (DOG núm. 29, do 12 de febreiro), fíxose público o informe ambiental estratéxico (IAE), en que se conclúe non someter ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria o POMF de San Fiz de Asma, ao considerar que non se producirán efectos significativos no ambiente.

A entrada en vigor o 14.2.2021 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro (DOG número 8, do 14 de xaneiro), incidiu directamente no procedemento de tramitación do POMF de San Fiz. Ante esta situación e dado o incipiente estado de tramitación do POMF, co fin de adaptar o referido instrumento de ordenación territorial en tramitación ás novas determinacións derivadas da Lei de ordenación do territorio vixente, optouse por axustar a súa documentación e contido ás exixencias da nova normativa, para os efectos de poder continuar a súa tramitación con plena adaptación á nova lexislación territorial en vigor e, polo tanto, como un plan territorial especial, continuando a súa tramitación segundo o sinalado no artigo 55.5 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro.

Mediante a Resolución do 20.5.2022 da entón Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, acordouse aprobar inicialmente o plan territorial e sometelo ao trámite de información pública mediante anuncio que se publicou no DOG número 102, do 30.5.2022; e no BOP número 122 desa mesma data, con indicación expresa da ligazón para acceder ao documento na web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Así mesmo, notificouse individualmente a todas as persoas titulares catastrais dos terreos afectados sobre as cales incide o instrumento, e o dito trámite tamén se publicou no DOG número 181, do 22.9.2022, e no BOE número 231, do 26.9.2022; deuse audiencia á Deputación de Lugo e ao Concello de Chantada, e solicitáronse todos os informes sectoriais preceptivos segundo a lexislación sectorial aplicable.

Unha vez finalizado o seu procedemento de tramitación e cumpridos todos os trámites preceptivos, en cumprimento do previsto no artigo 54.9 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, o 1 de abril de 2024 foi aprobado provisionalmente o plan territorial especial pola vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Visto canto antecede, de acordo co disposto no artigo 54.10 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, por proposta da conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do quince de abril de dous mil vinte e catro,

DISPOÑO:

Artigo único. Aprobación do Plan territorial especial de San Fiz de Asma

1. Apróbase definitivamente o Plan territorial especial de San Fiz de Asma, no concello de Chantada, de conformidade coa Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, integrado polos seguintes documentos:

a) Memoria descritiva.

b) Memoria urbanística, que inclúe a documentación de carácter técnico e normativo necesaria para a modificación do Plan xeral de ordenación municipal do concello de Chantada.

c) Documentación gráfica con planos de información e ordenación a escala axeitada.

d) Disposicións normativas.

e) Documentación ambiental conforme a lexislación aplicable.

f) Memoria económica.

g) Síntese e conclusión do proceso participativo.

2. De conformidade co previsto nos artigos 20.4 e 58.2 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, apróbase a modificación do Plan xeral de ordenación municipal do concello de Chantada do 29 de xullo de 1985.

3. A normativa do plan territorial especial incorpóranse como anexo a este decreto.

4. O contido íntegro do plan territorial especial está dispoñible no seguinte enderezo electrónico:

https://cmatv.xunta.gal/rexistro-de-planeamento-urbanistico-de-galicia

5. De conformidade co previsto no artigo 60.2.c) da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, e 32 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, indícase que, mediante o Anuncio do 27.1.2021, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático (DOG núm. 29, do 12 de febreiro), fíxose público o informe ambiental estratéxico do plan territorial especial, que pode consultarse, xunto coa restante documentación do procedemento de avaliación ambiental estratéxica no seguinte enderezo electrónico: https://cmatv.xunta.gal/busca-por-palabra-clave

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este decreto, o plan que este aproba, así como a modificación do planeamento urbanístico do concello de Chantada, entrarán en vigor de conformidade co previsto nos artigos 58 e 60 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia.

Santiago de Compostela, quince de abril de dous mil vinte e catro

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático

ANEXO

Normativa do plan territorial especial

Artigo 1. Ámbito

O ámbito do Plan territorial especial de San Fiz de Asma é o sinalado nos planos que acompañan este documento e comprende a superficie da parroquia de San Fiz de Asma, no concello de Chantada, que queda baixo a influencia da delimitación da paisaxe cultural da Ribeira Sacra, aprobada no Decreto 166/2018, do 27 de decembro, polo que se declara ben de interese cultural a paisaxe cultural da Ribeira Sacra.

Artigo 2. Fins e obxectivos

1. Os criterios de ordenación desde o punto de vista urbanístico deste plan territorial especial teñen os seguintes fins e obxectivos:

a) A ordenación integrada do ámbito, atendendo ás súas características diferenciadas e tendo en conta as novas figuras de protección do patrimonio cultural e a normativa sectorial que resultan de aplicación.

b) A fixación dos parámetros substantivos que informan toda a ordenación, en atención á defensa e promoción dos valores culturais, naturais e paisaxísticos do ámbito, nomeadamente o tratamento das construcións e actividades da zona, especificando, para tal efecto as limitacións de usos e as actividades admisibles.

c) Ser un posible modelo de desenvolvemento do rural para ter en conta para o resto dos territorios ribeiregos da recentemente declarada paisaxe cultural Ribeira Sacra e outros de semellantes características en Galicia.

2. A ordenación proposta regula os usos e actividades admisibles no ámbito de máxima protección cultural, e incide na corrección de distorsións xeradas polo medio construído, coa previsión das medidas correspondentes.

3. A volumetría e os materiais serán acordes co lugar en que se atopan, cumprindo co establecido no decreto de declaración da paisaxe cultural, e poderán servir de referencia para ser aplicables a modo de boas prácticas ao resto da Ribeira Sacra.

Artigo 3. Zonificación do ámbito do plan

Para os efectos de referirse ás diferentes áreas de intervención ou de niveis de protección, descríbese a continuación a xerarquía de zonas en función da súa incidencia nas variables culturais, ambientais e paisaxísticas.

a) Zona 1: área de conservación prioritaria e restauración ambiental.

a.1. Correspóndese con aquelas zonas afectadas polo contorno de protección de monumentos declarados ben de interese cultural ou catalogados polo Plan básico autonómico.

a.2. A finalidade nesta zona é protexer e garantir a conservación dos elementos do patrimonio cultural e o seu contorno, permitindo un uso público, racional e sustentable acorde cun ámbito que forma parte da paisaxe cultural da Ribeira Sacra, declarada ben de interese cultural.

a.3. Todos os elementos discordantes nesta zona deberanse adecuar ou desmontar seguindo os parámetros de integración que se detallan nesta normativa. Aqueles que afecten directamente un ben catalogado deberanse desmontar e restaurar o medio natural.

b) Zona 2: áreas de uso agropecuario-forestal e áreas de recuperación ambiental.

b.1. Esta zona inclúe as parcelas que non pertencen á zona 1 pero que están na ladeira que mira ao río Miño e ao río Asma, tal como consta na documentación gráfica deste PTE. É dicir, aqueles predios que, debido á topografía do ámbito, sexan visibles desde certa distancia e poidan interferir na correcta harmonización da paisaxe cultural.

b.2. As construcións, vías, urbanizacións ou infraestruturas incluídas nesta zona que non cumpran cos parámetros estéticos previstos neste documento deberán cumprir cos criterios de recuperación ambiental, co fin de minimizar o seu impacto na paisaxe a través de pequenas obras de reforma ou acondicionamento.

c) Zona 3: áreas produtivas e equipamentos.

Esta zona inclúe os espazos dedicados á produción de enerxía hidroeléctrica ou industrias de produción de viño, en que se permitirá unha maior flexibilidade estética e de volume das construcións integrantes, así como a posible expansión futura. Na maioría dos casos, trátase de zonas pouco expostas polo que a superficie ocupada pode ser maior e os materiais utilizados tamén poderán diferir do recomendado.

Terase en conta a Guía de Boas prácticas para a identificación e acondicionamento de miradoiros da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Artigo 4. Solo urbano e de núcleo rural

O plan territorial especial non modifica as actuais condicións para as construcións situadas en solos urbanos ou de núcleo rural, polo que neses ámbitos resulta de aplicación o planeamento urbanístico municipal, no marco da normativa urbanística vixente e demais normativa sectorial que resulte de aplicación.

Artigo 5. Solo rústico

1. O plan territorial especial categoriza no seu ámbito de aplicación os solos rústicos de especial protección, de conformidade coas categorías definidas no Plan básico autonómico de Galicia, aprobado mediante o Decreto 83/2018, do 26 de xullo, segundo consta na epígrafe Cartografía deste documento.

2. O réxime xurídico que resulta de aplicación no solo rústico deriva da regulación establecida para o efecto na Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e no Decreto 143/2016, do 10 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento que desenvolve a dita lei, coas particularidades recollidas neste plan, así como na normativa sectorial que poida resultar de aplicación no solo rústico de especial protección.

3. De conformidade co previsto no número 3 do artigo 20 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, modifícase o réxime de usos e condicións da edificación previstos na normativa urbanística vixente para o solo rústico no ámbito de aplicación deste plan, tal e como se recolle nos artigos seguintes, sen prexuízo do réxime previsto no artigo 40 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, para as edificacións tradicionais existentes.

Artigo 6. Usos e actividades admisibles en solo rústico

1. Os usos e actividades admisibles no solo rústico do ámbito deste plan territorial especial son os seguintes:

a) As actividades de lecer, a práctica de deportes organizados e actividades de carácter deportivo ou sociocultural.

b) As actividades científicas, escolares e divulgativas.

c) O estacionamento de vehículos nas áreas previstas para iso no plan, e o estacionamento de maquinaria nos ámbitos industriais e, con carácter provisional nas viñas.

d) Movementos de terras que teñan por finalidade o soterramento de edificacións e a creación de bancais.

e) O valado de predios e os muros de contención, neste caso, sempre que estean debidamente xustificados.

f) As instalacións vinculadas funcionalmente ás estradas e previstas na ordenación sectorial destas.

g) As instalacións e infraestruturas hidráulicas, de telecomunicacións, produción e transporte de enerxía, gas, abastecemento de auga, saneamento e xestión e tratamento de residuos, sempre que non impliquen a urbanización ou transformación urbanística dos terreos polos cales discorren.

h) As construcións e instalacións agrícolas en xeral, dentro do cumprimento dos parámetros establecidos neste plan.

i) As construcións de apoio e vinculadas ao desenvolvemento das actividades relativas aos labores nas viñas, que implican de forma eventual pero repetida, a presenza de persoas con carácter habitual.

Para tal efecto, nas ditas construcións permitiranse servizos propios para a comodidade dos seus usuarios, entre outros, a habilitación de estancias para a hixiene e aseo e para poder preparar alimentos, así como aquelas intervencións que teñan por obxecto a mellora ou implantación das condicións sanitarias necesarias para o seu acondicionamento para a estadía das persoas, sen que iso implique un uso como vivenda ou residencial.

j) As construcións de natureza artesanal ou de reducida dimensión que alberguen actividades complementarias de primeira transformación, almacenamento e envasado de produtos do sector primario, sempre que cumpran as condicións establecidas neste plan, na LSG e no RLSG para as construcións en solo rústico.

k) As construcións e instalacións para equipamentos e dotacións públicas.

l) As instalacións apícolas.

m) O resto de usos ou actividades entenderanse como non permitidos ou prohibidos.

2. En todo caso, no solo rústico de especial protección será preceptivo o informe favorable do organismo sectorial competente por razón dos valores obxecto da protección, de conformidade co previsto no artigo 36.2 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 51.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento de desenvolvemento.

Artigo 7. Usos e actividades prohibidos

Os usos e actividades prohibidos no solo rústico do ámbito obxecto deste plan territorial especial son os seguintes:

a) Os desmontes e os recheos.

b) As acampadas dun día e actividades comerciais ambulantes.

c) Os campamentos de turismo e instalacións fluviais, de carácter público ou privado, de uso individual ou colectivo, que se desenvolvan ao aire libre.

d) O depósito de materiais, almacenamento e parques de maquinaria e estacionamento ou exposición de vehículos ao aire libre.

e) As construcións e instalacións destinadas ao apoio da gandaría extensiva e intensiva, granxas, currais domésticos e establecementos en que se aloxen, manteñan ou críen animais.

f) As construcións e instalacións forestais destinadas á xestión forestal e as de apoio á explotación forestal, así como as de defensa forestal, talleres, garaxes e parques de maquinaria forestal.

g) As construcións e instalacións destinadas a establecementos de acuicultura.

h) As actividades e instalacións comprendidas no ámbito da lexislación mineira, incluídos os establecementos de beneficio, e pirotecnias.

i) As estacións de servizo asociadas ás estradas.

j) O uso residencial e o uso de aloxamento turístico.

Artigo 8. Medidas de integración paisaxística das construcións

1. As construcións que non se axusten ao establecido pola normativa aplicable e a este plan territorial especial, terán que realizar actuacións de integración paisaxística para reducir o seu impacto visual. En certos casos, estudaranse medidas correctoras individualizadas pola singularidade da situación, pero en xeral deberase actuar sobre as edificacións e sobre as vías da súa propiedade co fin de integralas no seu contorno e reducir o impacto visual. De non ser posible realizar a dita integración paisaxística polo elevado impacto que poida supoñer na vía ou na edificación, deberase proceder á desmontaxe ou demolición parcial ou total das zonas afectadas e á recuperación ambiental do terreo no caso de ser necesario.

2. O sinalado anteriormente non resultará de aplicación ás construcións existentes sobre as cales non proceda adoptar ningunha medida de reposición da legalidade urbanística por ter transcorrido os prazos previstos na normativa urbanística para tal efecto.

Artigo 9. Réxime de fóra de ordenación ou parcialmente incompatible

Ás construcións en situación de fóra de ordenación ou parcial incompatibilidade co planeamento urbanístico existentes no ámbito de aplicación deste plan territorial especial resultaralles aplicable o réxime previsto no artigo 90 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e no artigo 205 do Decreto 143/2016, do 10 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento que desenvolve a Lei do solo, respectivamente, coas especificidades previstas neste plan territorial especial para as edificacións e construcións existentes no seu ámbito de aplicación parcialmente incompatibles.

Artigo 10. Condicións de edificacións nas zonas 1 e 2

As construcións existentes nas zonas 1 e 2 do ámbito deberán cumprir co establecido polo artigo 39 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, en que se regulan as condicións xerais das edificacións en solo rústico, e concordantes do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, coas particularidades sinaladas neste plan territorial especial, nomeadamente:

a) Só se permitirá a construción de novas edificacións para adegas de dimensións inferiores a 50 m² medidos en planta e materiais similares aos tradicionais das casetas de viña existentes. Non se computarán para estes efectos as superficies soterradas, con independencia da extensión e sempre que se adapten ás condicións do sistema de bancais e muras.

b) A altura máxima non será superior a 5 metros e a pendente da cuberta será similar á do terreo, dunha auga en tella cerámica curva. A implantación non se poderá facer sobre plataformas.

c) Quedan expresamente prohibidas as cubertas realizadas con fibrocemento, panel ondulado imitación a tella ou lousa.

d) Como materiais de acabamento, quedan expresamente prohibidos o bloque de formigón ou formigón visto e o ladrillo visto. A construción de adegas deberá realizarse en cachotaría das características da zona.

e) Os volumes ou construcións auxiliares non poderán superar os 5 m² de superficie en total e sempre se deberán realizar exentos á construción principal. Ambos os volumes terán formas paralelepípedas.

f) Permítense manter os corredores, balcóns ou galerías abertas nunha das fachadas, e prohíbense os beirados.

Artigo 11. Parcela mínima e superficie construída máxima

artigo 11 g.pdf

1. As novas construcións só se poderán executar en parcelas cunha superficie mínima de 2.000 m², segundo o disposto no artigo 39.d) da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

2. As construcións non poderán ter unha superficie construída superior aos 50 m², agás aquelas que teñan consideración de construcións tradicionais. As construcións que non cumpran isto deberán adaptarse.

Artigo 12. Forma das construcións

artigo 12 g.pdf

As novas construcións manterán a forma prismática elemental das tipoloxías tradicionais, non se permiten formas que non sexan cadradas ou rectangulares. Os engadidos a estes volumes deberán estar separados do volume principal e nunca superarán o 10 % da superficie construída do volume principal.

Artigo 13. Implantación das construcións

artigo 13 g.pdf

A implantación sobre o terreo deberá ser o suficientemente coidadosa para alterar o mínimo o solo ou o bancal en que se sitúa. En calquera caso, prohíbese a implantación mediante a construción de plataformas.

Artigo 14. Alturas das construcións

artigo 14.pdf

1. As novas construcións deberanse realizar de planta baixa e permítese a utilización de espazos subterráneos, que non computarán para os efectos de superficie construída.

2. Permitiranse as construcións de planta baixa e un piso que se integren paisaxisticamente que non excedan dos 5 m de alto e tamén as que sexan construcións tradicionais.

3. Non se permitirán construcións de máis alturas nin as chemineas de máis de 1,5 m de altura medidos desde a unión da cuberta coa cheminea ata o punto máis alto da cheminea.

Artigo 15. Espazos exteriores das construcións

artigo 15.pdf

No caso das construcións de dúas plantas, permitirase manter nunha soa das fachadas os corredores, os balcóns e as galerías e prohíbense os corpos voados e os beirados.

Artigo 16. Condicións para a localización e implantación

1. As construcións deberanse dispor de tal modo que se minimicen os movementos de terras, evitando localizacións en parcelas cunha pendente elevada. En caso de ser necesario acondicionar o terreo, nos noiros ou desmontes resultantes compensarase a escavación co recheo, de tal modo que o bancal difira o menos posible da sección natural dos terreos.

2. As construcións disporanse de tal modo que se minimice a eliminación de elementos naturais ou construídos de interese paisaxístico, tal como afloramentos rochosos ou masas de arborado autóctono, muros ou outras construcións tradicionais, e escollerase a localización que ofreza unha mellor integración volumétrica e escénica cos ditos elementos.

Deberanse evitar lugares situados en cotas altas respecto ao territorio da contorna, xa que presentan unha maior exposición visual, e, sempre que sexa posible, as edificacións non se localizarán nas liñas de cornixa ou nos cumios, evitando que a proxección da edificación na liña do horizonte modifique o perfil natural do terreo.

Artigo 17. Condicións para os peches

1. Asegurarase a súa axeitada integración paisaxística mediante algunha das técnicas descritas na Guía de estudos de impacto e integración paisaxística. En ausencia doutra medida de integración paisaxística máis axeitada, disporanse dentro da parcela masas vexetais irregulares, deseñadas para integrar os volumes construídos e matizar a súa visibilidade, de tal modo que adquiran un aspecto semellante ás formacións vexetais naturais existentes na contorna.

2. Na parte non edificada da parcela deberase evitar o amoreamento desordenado de materiais, maquinaria, recipientes, refugallos ou equivalentes. Para tal fin, deben preverse ou ben lugares específicos de almacenamento en zonas de escasa visibilidade, ou ben as oportunas medidas de ocultación, de xeito que se evite un impacto visual negativo sobre a contorna.

3. Nas masas vexetais empregadas para a integración paisaxística disporanse, sempre que sexa posible, especies autóctonas. En calquera caso, evitarase as especies invasoras, así como especies de tipo ornamental propias das zonas urbanizadas.

Artigo 18. Medidas de integración paisaxística. Condicións das construcións

1. Calquera construción ou edificación deberá responder, en canto ás súas características esenciais, aos usos ou actividades que xustifican a súa implantación en solo rústico, e debe deseñarse de tal xeito que se integre o máis respectuosamente posible na paisaxe da contorna.

2. A composición volumétrica das edificacións e construcións deberá favorecer a súa integración na paisaxe e a adaptación do conxunto ás características da topografía e da paisaxe do lugar.

3. Para o acabamento das construcións empregaranse materiais e técnicas construtivas que ofrezan un resultado acorde coas formas e as cores propias do lugar e da arquitectura tradicional. Poderá empregarse como referencia a Guía de cores e materiais desenvolvida para a grande área paisaxística ribeiras encaixadas do Miño e do Sil, concretamente para a comarca paisaxística da Ribeira Sacra Miñota.

4. Para construcións de características substancialmente diferentes das da arquitectura tradicional, tales como naves, equipamentos, instalacións de servizo, infraestruturas ou outras equivalentes, nas cales non resulte congruente empregar os materiais e técnicas construtivas tradicionais, deben seleccionarse os materiais e as cores en atención ás características da paisaxe de acollida, de tal xeito que se procure a mellor integración cromática e textural posible.

Tenderase a solucións que impliquen un mantemento baixo, co gallo de asegurar unha boa imaxe durante o maior tempo posible, tales como as pezas prefabricadas de formigón ou outros materiais, susceptibles de facilitar a montaxe e de recibir tratamentos texturais e cromáticos personalizados diferentes da pintura (máis estables e duradeiros). No caso de utilizárense estes materiais prefabricados convén coidar os acabamentos para transmitir unha imaxe de calidade.

5. En calquera caso, evitarase o emprego de materiais que degraden visualmente a paisaxe pola súa cor, brillo ou similar, así como o ladrillo ou bloque de formigón sen revestir.

Artigo 19. Materiais para as construcións

artigo 19 primeira.pdf

1. Os materiais de fachada permitidos serán a cachotaría, os revestimentos de madeira e o recebado e pintado segundo as determinacións da Guía de cores e materiais para a comarca paisaxística Ribeira Sacra Miñota. O resto de acabamentos deberase adecuar aos indicados nos artigos anteriores.

2. Poderán tomarse como referencia as seguintes cores recomendadas para as construcións rurais R01-Sinxeleza (construcións tradicionais anteriores a 1960), para o tipo R07-Illada en solo rústico (construcións a partir do 1960) e para o tipo R02-Eixes (construcións singulares), que figuran na Guía de cores e materiais.

artigo 19 imaxes.pdf

Artigo 20. Cubertas das construcións

artigo 20.pdf

1. As cubertas das novas construcións serán a unha auga. Tan só se permitirán cubertas de varias augas nas construcións tradicionais.

artigo 20 segunda.pdf

2. O único material de cobertura permitido en construcións novas será a tella cerámica curva.

Artigo 21. Materiais para a construción de bancais

artigo 21.pdf

En relación co material con que se realizan os socalcos ou, se é o caso, o material que queda visible, só poderá verse como material de acabamento a cachotaría, realizada coa técnica de pedra en seco. Prohíbese explicitamente o perpiaño e o bloque de formigón.

Artigo 22. Materiais de pavimento

artigo 22.pdf

Os materiais para a realización de pavimentos deberán ser a terra compactada, o lastro en caso de ser preciso un pavimento pétreo e a grava. O uso de formigóns comportará a utilización de areas pardas na súa elaboración e só estará permitido nunha anchura de ata 2,5 m e sempre que a pendente do terreo así o exixa.

Artigo 23. Condicións das construcións en solo rústico dentro da zona 3: áreas produtivas e equipamentos

1. Os ámbitos produtivos e de equipamentos delimitados na zona 3 terán unha consideración singular e non estarán obrigados a cumprir coas limitacións de superficie, morfoloxía ou materiais establecidas anteriormente para as edificacións en solo rústico.

Para tal efecto, quedan exceptuados de cumprir coa limitación dos 50 m² de construción; tamén poderán exceder a altura sempre e cando estea xustificado por razóns derivadas da actividade e non se produza un menoscabo á paisaxe, e poderán deseñar cubertas planas. En canto aos materiais de fachada e cuberta, recoméndanse o emprego dos descritos para o solo rústico, porén permítese o emprego doutros sempre e cando estean debidamente xustificados e non produzan distorsión ou reflexos sobre a paisaxe.

2. En todo caso, para aqueles parámetros non comentados expresamente nesta epígrafe, aplicarase obrigatoriamente o disposto para as construcións en solo rústico.

Artigo 24. Condicións dos elementos accesorios ás construcións en solo rústico

1. En canto aos elementos accesorios ás edificacións, limítase o espazo exterior cuberto asociado a unha construción a 25 m², medidos en planta e a maiores do espazo pechado. Este espazo deberá deixar dúas das súas paredes abertas.

No que respecta aos resíos ou aos espazos ao aire libre baixo parras ou pérgolas, disporanse no lado curto da edificación, preferiblemente na zona de entrada e en paralelo aos socalcos. Para os soportes recoméndase o emprego de materiais lixeiros e de madeira, aínda que se permiten tamén os elementos de cantaría. Quedan prohibidos os postes de plástico ou metal sen acabamento.

De ser necesaria a instalación dun solado (ou plataforma) no resío ou baixo a pérgola, este seguirá as determinacións para os pavimentos e non excederá nunca a superficie de 25 m².

No caso de empregar mobiliario exterior, maquinaria, depósitos, etc., estes terán un carácter provisorio e non incluirán elementos permanentes. Deberán recollerse a diario e quedarán gardados no interior das construcións.

2. Poderá permitirse a instalación de sistemas locais para produción de enerxía ou calefacción mediante o emprego de fontes renovables, sempre en condicións de autoconsumo e fornecemento de actividades propias do ámbito e de pequena escala. Para iso deberán analizar e xustificar a integración na súa contorna.

A instalación será a mínima imprescindible para unha dotación eléctrica básica, e localizarase preferentemente nunha zona próxima ou inmediata ás edificacións existentes, pero non sobre a cuberta. No caso de edificacións non tradicionais, ou cando non resulte viable ou conveniente outra localización, poderá instalarse sobre a cuberta, mantendo a pendente existente e cunha ocupación en superficie máxima do 10 % do total da auga da cuberta.

3. Os invernadoiros ou espazos cubertos similares para a produción agrícola ou almacenamento de produtos gandeiros serán incompatibles coa estrutura de bancais. Polo tanto, non se permitirá a súa instalación nos socalcos ou en zonas con pendentes superiores ao 20 %.

Os valados cinexéticos compatibles coa estrutura de bancais serán temporais, de non máis de 1,5 m de altura e realizados con malla de aceiro galvanizado con postes de madeira da menor sección posible.

Na zona de bancais, de ser necesario un elemento de peche ou delimitación entre predios, realizarase da forma tradicional, cun muro de pedra seca ou con pedras cravadas no solo, dunha altura entre 30 cm e 70 cm como máximo.

Queda fóra do cumprimento desta condición o ámbito de 100 m arredor da liña que delimita o solo de núcleo rural.

4. Permitirase a utilización ou creación dunha rede de auga potable, que deberá cumprir coas instrucións técnicas para obras hidráulicas de Galicia (ITOHG) e ser sempre soterrada, agás casos excepcionais e debidamente xustificados. Será responsabilidade das entidades locais a subministración de auga, a rede de sumidoiros e o tratamento das augas residuais, de acordo co artigo 27 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, e segundo o artigo 25.2.I) da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local.

As captacións particulares, no caso de existiren, deberán cumprir coas ITOHG, ser igualmente soterradas e estar debidamente delimitadas para evitar riscos.

No ámbito non se considera necesaria a creación dunha rede de saneamento pública que preste servizo ás parcelas en solo rústico. Prohíbese a instalación de fosas sépticas nos bancais.

Non se permite a vertedura de residuos no ámbito (os restos de poda ou materia orgánica quedan exceptuados). Promoverase a instalación de contedores para a recollida de residuos en zonas expresamente destinadas para tal fin.

Permitirase a recollida de auga de choiva en depósitos dunha altura inferior a 80 cm.

Artigo 25. Masas arboradas

Co fin de conservar e pór en valor as masas arboradas de carácter autóctono, queda prohibida a corta polo pé das especies autóctonas existentes no ámbito, agás nos casos extraordinarios debidamente xustificados e con autorización previa.

Permítese o aproveitamento leñoso dos restos de poda, o aproveitamento de pastos e o micolóxico.

Artigo 26. Rede autonómica de estradas de Galicia. Ordenación de sistemas

1.1. Clasificación das estradas autonómicas.

As estradas autonómicas clasifícanse, en atención ás súas características técnicas, segundo se dispón no artigo 4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, ou no precepto correspondente da norma de rango legal que a substitúa.

En atención ás súas características funcionais, as estradas autonómicas clasifícanse segundo se dispón no artigo 32 do Regulamento xeral de estradas de Galicia aprobado polo Decreto 66/2016, do 26 de maio, ou no precepto correspondente da norma que o substitúa.

1.2. Condicións da rede de estradas autonómicas.

1.2.1. Zona de dominio público.

a) A zona de dominio público das estradas está integrada polos terreos ocupados por todos os elementos do dominio público viario adquiridos por título lexítimo pola Administración autonómica, e defínese segundo o previsto no artigo 37, en relación co 2, da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, ou nos preceptos correspondentes da norma de rango legal que a substitúa.

b) A execución de obras, instalacións ou a realización de calquera outra actividade na zona de dominio público das estradas autonómicas está suxeita ao deber de obter a correspondente autorización, previamente ao outorgamento da licenza municipal, se é o caso.

c) A competencia para autorizar a execución de obras, instalacións ou a realización de calquera outra actividade na zona de dominio público das estradas autonómicas correspóndelle á Axencia Galega de Infraestruturas ou ao órgano da Administración autonómica que asuma as súas funcións.

d) As limitacións á propiedade e á titularidade doutros dereitos establecidos para a zona de dominio público serán efectivas tamén para os terreos afectados por actuacións previstas, logo de aprobados definitivamente os anteproxectos, proxectos de trazado ou proxectos de construción correspondentes.

1.2.2. Zonas de protección da estrada e liña límite de edificación.

a) Para a protección do dominio público viario e a debida prestación do servizo público viario, ademais da zona de dominio público, establécense as zonas de protección da estrada denominadas de servidume e de afección, así como a liña límite de edificación.

Para o seu establecemento e delimitación observarase o previsto nos artigos 38 (zonas de protección da estrada e liña límite de edificación), 39 (delimitación da zona de servidume), 40 (delimitación da zona de afección) e 41 (delimitación da liña límite de edificación) da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de Estradas de Galicia, ou nos preceptos correspondentes da norma de rango legal que a substitúa.

b) A execución de obras, instalacións ou a realización de calquera outra actividade nas zonas de protección das estradas autonómicas está suxeita ao deber de obter a correspondente autorización, previamente ao outorgamento da licenza municipal, se é o caso.

c) A competencia para autorizar a execución de obras, instalacións ou a realización de calquera outra actividade nas zonas de protección das estradas autonómicas correspóndelle á Axencia Galega de Infraestruturas ou ao órgano da Administración autonómica que asuma as súas funcións.

d) As limitacións á propiedade e á titularidade doutros dereitos establecidos para as zonas de protección e pola liña límite de edificación serán efectivas tamén para os terreos afectados por actuacións previstas, logo de aprobados definitivamente os anteproxectos, proxectos de trazado ou proxectos de construción correspondentes.

1.2.3. Limitacións de uso derivadas do ruído.

Para a execución de obras e instalacións no contorno das estradas autonómicas, establécese como requisito previo ao outorgamento da licenza municipal a realización dos estudos necesarios para a determinación dos niveis sonoros esperables, así como para o establecemento das limitacións á edificabilidade ou da obrigatoriedade de dispor dos medios de protección acústica necesarios, en caso de superarse os limiares recomendados, segundo o establecido na normativa básica estatal en materia de ruído ou na correspondente normativa autonómica de desenvolvemento.

Artigo 27. Rede autonómica de estradas de Galicia. Ordenanzas reguladoras do solo rústico

2.1. Condicións de parcelamento e segregación.

Os parcelamentos e segregacións de parcelas lindeiras coas estradas autonómicas están suxeitos ao deber de obter a correspondente autorización da Axencia Galega de Infraestruturas ou do órgano da Administración autonómica que asuma as súas funcións.

O outorgamento da antedita autorización será requisito previo para a obtención da correspondente licenza municipal de parcelamento ou segregación, se é o caso.

2.2. Condicións de posición.

2.2.1. Posición da edificación.

a) Entre as estradas de titularidade autonómica e a liña límite de edificación, segundo establece a lexislación sectorial en materia de estradas autonómicas, prohíbese calquera tipo de construción de nova planta, por encima ou por debaixo da rasante do terreo.

Non se admitirán voos sobre as liñas límite de edificación que dan fronte ás estradas autonómicas.

b) Será requisito para o outorgamento da correspondente licenza municipal para a execución de todo tipo edificacións e outras construcións nas zonas de servidume e afección das estradas autonómicas a obtención previa da autorización da Axencia Galega de Infraestruturas ou do órgano da Administración autonómica que asuma as súas funcións.

2.2.2. Posición do peche.

a) A posición dos peches de parcelas nas marxes das estradas de titularidade autonómica rexerase pola lexislación e normativa sectorial aplicable en materia de estradas.

b) Será requisito para o outorgamento da correspondente licenza municipal para a execución de peches nas zonas de servidume e afección das estradas de titularidade autonómica a obtención previa da autorización da Axencia Galega de Infraestruturas ou do órgano da Administración autonómica que asuma as súas funcións.

2.3. Condicións de acceso.

Será requisito para o establecemento de accesos ás estradas autonómicas a obtención previa da autorización da Axencia Galega de Infraestruturas., ou do órgano da Administración autonómica que asuma as súas funcións.

O outorgamento da antedita autorización de acceso será requisito previo para a obtención da correspondente licenza municipal para realizar calquera tipo de edificación na parcela, agás no caso de que se dispoña dun acceso alternativo que non se realice a través da estrada autonómica.

Artigo 28. Protección arqueolóxica

Os predios afectados pola delimitación dos xacementos e o seu contorno de protección, atenderán ao réxime xurídico das intervencións nos bens de interese cultural e catalogados, ás normas técnicas de intervencións no contorno de protección e na zona de amortecemento dispostos na Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.

Especificamente, ás autorizacións (artigo 39 da LPCG), aos criterios de intervención (artigo 44 da LPCG), ao réxime de intervencións no contorno de protección (artigo 45 da LPCG), aos criterios específicos de intervención no contorno de protección (artigo 46 da LPCG), ás clases de actividades arqueolóxicas (artigo 95 da LPCG) e á autorización para a realización de actividades arqueolóxicas (artigo 96 da LPCG).