DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Luns, 29 de abril de 2024 Páx. 26377

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 23 de abril de 2024 pola que se convoca o Curso superior de deporte, dereitos humanos e obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS).

Unha vez aprobado polo Consello Reitor o programa de actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) para o ano 2024, de conformidade co artigo 6.2 da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo,

RESOLVO:

Convocar o Curso superior de deporte, dereitos humanos e obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS), que deberá desenvolverse de acordo coas seguintes bases:

Primeira. Obxectivos

O deporte é un fenómeno transversal que caracteriza a sociedade moderna. O seu desenvolvemento abrangue diferentes e moi variadas dimensións, que van desde a saúde e benestar ata aspectos económicos e financeiros.

Unha das facianas onde o deporte, a través das súas diferentes manifestacións, desempeña un rol salientable é no eido social no que atinxe á integración, á igualdade e á promoción de colectivos vulnerables. Por este motivo, en canto á promoción dos dereitos humanos, o deporte avístase como unha ferramenta fundamental.

A Axenda 2030 para o desenvolvemento sostible, promovida polas Nacións Unidas, establece un plan de acción a escala internacional para erradicar a pobreza, combater as desigualdades, construír sociedades xustas e inclusivas e protexer os dereitos humanos. A consecución destas metas non é posible sen un desenvolvemento sostible, para o cal se marca un conxunto de 17 obxectivos, coñecidos como os obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS).

É por iso que mediante este curso se pretenden achegar ás persoas destinatarias as principais cuestións referentes ao desenvolvemento dos ODS, facendo especial fincapé nos aspectos onde o deporte pode servir como instrumento ou ferramenta facilitadora.

Segunda. Contidos

1. Contexto legal e institucional.

a) Marco legal das administracións públicas.

b) Marco xurídico do deporte.

c) Organización institucional internacional, nacional e local.

d) Aspectos económicos, sociais e culturais.

2. Intelixencia artificial, xestión deportiva e ODS.

a) A intelixencia artificial na xestión deportiva.

b) Innovación e tecnoloxía aplicada aos dereitos humanos no deporte.

c) ODS, economía e deporte.

d) A seguridade dixital: responsabilidades e dereitos.

3. O deporte como ferramenta de cambio.

a) O deporte como mensaxeiro de paz e solidariedade.

b) O deporte como axente de igualdade e non-discriminación.

c) O deporte como aliado da conservación do medio natural.

d) Deporte e voluntariado social.

4. Escenario internacional.

a) Os dereitos humanos na historia do deporte.

b) O deporte como fenómeno global.

c) O deporte no marco das Nacións Unidas.

d) O movemento olímpico.

Terceira. Número de prazas

Oitenta (80).

Cuarta. Persoas destinatarias

Esta actividade está dirixida ao persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, da Administración autonómica galega, das súas entidades públicas instrumentais e da Administración institucional; da Administración local; e das universidades do Sistema universitario de Galicia. Terá preferencia o persoal empregado público con responsabilidade na xestión de entidades e instalacións deportivas.

No caso de non se cubriren a totalidade das prazas convocadas con persoal empregado público, ás vacantes que resulten poderá acceder calquera persoa interesada nos contidos do curso.

Quinta. Desenvolvemento

1. Modalidade de impartición: presencial.

2. Datas de desenvolvemento: os días 8, 15, 22 e 29 de maio de 2024.

Horario: polas tardes, das 16.30 ás 20.30 horas.

3. Lugar de desenvolvemento: Escola Galega de Administración Pública, rúa de Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

4. Horas lectivas: terá unha carga lectiva de vinte e cinco (25) horas, distribuídas en 4 sesións presenciais (4 horas por sesión) máis nove (9) horas non presenciais de traballo autónomo do alumnado.

Sexta. Inscrición

1. As solicitudes de participación nesta actividade formativa só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo https://egap.xunta.gal/matricula.

As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

2. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade, todas as persoas deben introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo coas persoas destinatarias e criterios de selección establecidos nas bases cuarta e oitava, respectivamente, desta convocatoria.

3. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

4. As persoas interesadas deberán seleccionar primeiro a área en que está integrada esta actividade (coñecementos transversais) e, logo, seleccionar en «nome do curso»: «Curso superior de deporte, dereitos humanos e ODS».

5. O prazo para a inscrición permanecerá aberto desde as 9.00 horas do primeiro día hábil seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.59 horas do día 5 de maio de 2024.

6. Unha vez formalizada a matrícula, o persoal empregado público con responsabilidade na xestión de entidades e instalacións deportivas deberá achegar, antes de que finalice o prazo de inscrición, algún documento que o acredite (certificado asinado pola persoa que corresponda, cabeceira de nómina, toma de posesión....) ao correo electrónico novas.egap@xunta.gal

Poderá obterse calquera outra información a través do correo electrónico novas.egap@xunta.gal ou, das 9.00 ás 14.00 horas, nos teléfonos 981 54 62 39 e 981 54 62 41.

Sétima. Comprobación de datos

1. Conforme o disposto no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para tramitar o procedemento de selección consultaranse automaticamente os datos das persoas solicitantes desta acción formativa necesarios para realizar o proceso de selección, salvo que a persoa interesada se opuxese a iso.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo expresamente, incluír os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e enviar os documentos que indiquen a súa situación administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración, a través do seguinte enderezo electrónico: novas.egap@xunta.gal

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

4. A EGAP poderá pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios recollidos nesta convocatoria.

Oitava. Criterios de admisión e selección

A admisión levarase a cabo de acordo cos criterios indicados na base cuarta desta resolución para as persoas destinatarias, sempre que se poida confirmar coa documentación recibida ou coa información que figure na área de matrícula de cada solicitante. Fóra disto, o criterio secundario de selección será sempre a data e hora de inscrición.

Novena. Publicación das listaxes de persoas seleccionadas, en reserva e excluídas

A EGAP publicará no enderezo web https://egap.xunta.gal as listaxes das persoas seleccionadas; en reserva, no caso de que o número de solicitudes sexa superior ao número de prazas; e, de ser o caso, das persoas excluídas, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Décima. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas poderán renunciar á actividade formativa. A renuncia debe ser comunicada por escrito á EGAP o máis axiña posible e en todo caso, e como máximo, o día 7 de maio de 2024, ata as 12.00 horas, por correo electrónico dirixido a novas.egap@xunta.gal, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro). Na páxina web da Escola está dispoñible un modelo de renuncia.

b) As persoas que incumpran o prazo previsto pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade, agás que a renuncia teña algunha das seguintes causas:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/das responsables dos centros directivos.

– Por razóns de conciliación familiar.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

3. A asistencia e a puntualidade:

a) Serás obrigatorias a asistencia a todas as sesións presenciais do curso e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.

c) As faltas de asistencia:

1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días, contados a partir do día da finalización da sesión a que se faltase. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado final desta actividade formativa.

2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas presenciais pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Décimo primeira. Certificado oficial

Ao final desta actividade emitirase un certificado electrónico de aproveitamento, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula/), a aquelas persoas inscritas que cumpran a asistencia mínima requirida do 90 % das horas lectivas presenciais e completen e superen o traballo autónomo do alumnado nos prazos estipulados pola dirección do curso. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a modalidade de impartición, a data e o lugar de realización desta actividade, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Décimo segunda. Facultades da EGAP

1. A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta actividade, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización, caso en que se empregarán os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

2. A EGAP garantirá na acción derivada desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2024

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública