DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Luns, 29 de abril de 2024 Páx. 26370

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Igualdade

RESOLUCIÓN do 24 de abril de 2024 pola que se establecen a adscrición provisional e a atribución de competencias nos órganos desta consellería.

En virtude do Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, establécese a estrutura da Consellería de Política Social e Igualdade co obxectivo de acadar unha mellor adecuación ás necesidades sociais actualmente demandadas.

Na dita consellería créase a Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero e a Dirección Xeral de Promoción da Igualdade, tras a supresión da Secretaría Xeral da Igualdade da estrutura anterior, circunstancia que obriga a adoptar as medidas inmediatas que aseguren o correcto funcionamento dos servizos e dos asuntos encomendados nas áreas competenciais que se deberán asumir mentres non se aprobe o decreto polo que se estableza a nova estrutura orgánica.

Polo exposto, de conformidade coa disposición transitoria primeira do Decreto 49/2024, do 22 de abril, e ao abeiro do disposto no artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo único. Adscrición provisional e atribución de competencias na Dirección Xeral de Promoción da Igualdade

A Dirección Xeral de Promoción da Igualdade asumirá, mentres non se aprobe o decreto polo que se estableza a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Igualdade, as competencias da extinta Secretaría Xeral da Igualdade establecidas no Decreto 123/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, en materia de promoción da igualdade e de violencia de xénero, e adscribiránselle provisionalmente os órganos e unidades dependentes dela que a continuación se relacionan, que subsistirán coa mesma estrutura e funcións establecidas no dito decreto:

a) A Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade, así como os órganos e unidades dependentes dela.

b) A Subdirección Xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero, así como os órganos e unidades dependentes dela.

c) O Servizo de Apoio Técnico-Administrativo, así como as unidades dependentes del.

Disposición adicional única. Unidades periféricas

As unidades administrativas en materia de igualdade dos servizos periféricos adscritos á Consellería de Política Social e Igualdade desenvolverán, no seu ámbito territorial, as funcións de promoción da igualdade e o fomento de actuacións dirixidas á erradicación da violencia de xénero no marco do desenvolvemento das liñas de actuación da extinta Secretaría Xeral da Igualdade, de conformidade co Decreto 123/2022, do 23 de xuño.

Disposición derradeira única. Efectos do acto

Esta resolución producirá os seus efectos na data da súa emisión.

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2024

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade