DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Luns, 29 de abril de 2024 Páx. 26372

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 23 de abril de 2024 pola que se modifica a Orde do 21 de decembro de 2023 pola que se aproba o Plan xeral de explotación marisqueira para o trienio 2024-2026 (códigos de procedemento PE403A, PE403C, PE403D e PE403E).

A Orde do 21 de decembro de 2023 pola que se aproba o Plan xeral de explotación marisqueira para o trienio 2024-2026 (códigos de procedemento PE403A, PE403C, PE403D e PE403E), establece o período autorizado para a extracción dos recursos xerais e as cotas de captura para as diferentes especies nas zonas de libre marisqueo non sometidos a plan específico.

Como novidade, nesta orde engádese unha cota máxima de captura para a ostra rizada (Magallana gigas) nas zonas de libre marisqueo, coa finalidade de contribuír a que esta especie se manteña no ámbito actual de distribución e, ao mesmo tempo, permitir obter un beneficio económico coa súa explotación como recurso marisqueiro.

A Confraría de Pescadores de Pontedeume presentou unha solicitude para prorrogar durante os meses de abril, maio e xuño do ano 2024, o período autorizado para a extracción da ostra rizada (Magallana gigas) en zonas de libre marisqueo non sometidas ao Plan de xestión da ría de Ares e Sada (Betanzos) na modalidade de marisqueo a pé. A dita solicitude foi valorada positivamente polo resto das confrarías con mariscadores a pé da zona VII, e conta cos informes favorables do persoal técnico da Consellería do Mar.

A orde respecta os principios de boa regulación establecidos no artigo 37.a) da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, e no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Así, de acordo cos principios de necesidade, proporcionalidade e eficacia, esta norma explica os fins perseguidos coa súa aprobación, contén a regulación imprescindible para atender a súa finalidade e non impón cargas administrativas á cidadanía. Igualmente, en virtude do principio de seguridade xurídica, a norma garda coherencia co resto do ordenamento xurídico, e, en cumprimento do principio de transparencia, identifícanse con claridade nela os obxectivos que se pretenden acadar. Así mesmo, na elaboración desta disposición observáronse os trámites previstos na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Visto o anterior, e unha vez consultadas as confrarías afectadas,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 21 de decembro de 2023 pola que se aproba o Plan xeral de explotación marisqueira para o trienio 2024-2026 (códigos de procedemento PE403A, PE403C, PE403D e PE403E)

A letra b) do número 2 do artigo 4 da Orde do 21 de decembro de 2023 pola que se aproba o Plan xeral de explotación marisqueira para o trienio 2024-2026 (códigos de procedemento PE403A, PE403C, PE403D e PE403E), queda redactada como segue:

«b) Resto das zonas:

i. Ano 2024: Na ría de Ares e Sada, pertencente á zona marisqueira marítimo-terrestre VII A Coruña-Ferrol, no caso do marisqueo a pé e para única e exclusivamente a ostra rizada (Magallana gigas), do 2 de xaneiro ao 28 de xuño e do 1 de outubro ao 31 de decembro.

Para o resto: do 2 de xaneiro ao 27 de marzo e do 1 de outubro ao 31 de decembro.

ii. Ano 2025: do 2 de xaneiro ao 31 de marzo e do 1 de outubro ao 31 de decembro.

iii. Ano 2026: do 2 de xaneiro ao 31 de abril e do 1 de outubro ao 31 de decembro».

Disposición derradeira única. Publicación e entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2024

Alfonso Villares Bermúdez
Conselleiro do Mar