DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 83 Venres, 26 de abril de 2024 Páx. 26258

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 12 de abril de 2024, da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda e Administración Pública, pola que se acorda a incoación do procedemento para a declaración da Comunidade Autónoma de Galicia como herdeira ab intestato de José Fernández González.

José Fernández González, con DNI 06487447K, nado en Vigo (Pontevedra) o 25 de xaneiro de 1938, faleceu o 16 de maio de 2020 en Monterrei (Ourense), con derradeiro domicilio, segundo o Padrón municipal de habitantes, en Albarellos, Monterrei, datos que figuran comprobados xunto co da súa veciñanza civil galega, no Informe preliminar do 12 de abril de 2024 do Servizo de Protección e Defensa Patrimonial da Subdirección Xeral do Patrimonio. O dito informe foi emitido logo da realización das actuacións previas precisas que levan a considerar procedente a apertura do procedemento administrativo para a declaración da Comunidade Autónoma de Galicia como herdeira ab intestato da persoa causante, pola presunta ausencia doutros herdeiros con dereito a suceder preferente ao da Administración autonómica, de conformidade co disposto na Lei 2/2006, de dereito civil de Galicia.

Segundo o anterior, en exercicio das competencias atribuídas á Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio no artigo 4 da Lei 6/2023, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e no seu título III, así como nos artigos 4 e 7 do Decreto 113/2022, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda e Administración Pública,

RESOLVO:

Primeiro. Incoar procedemento para a declaración da Comunidade Autónoma de Galicia como herdeira ab intestato de José Fernández González.

Segundo. Publicar esta resolución no Boletín Oficial del Estado, no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Facenda e Administración Pública, Área Temática de Patrimonio, Anuncios, que se poderá consultar na seguinte ligazón:

http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/patrimonio/anuncios

Terceiro. Remitir copia desta resolución aos concellos de Vigo e Monterrei, así como a calquera outro en que durante a instrución deste procedemento se detecten bens da persoa causante, para a súa exposición pública no seu taboleiro de anuncios por un prazo non inferior a trinta días naturais.

O prazo máximo ordinario para resolver este procedemento é dun ano contado desde a data de adopción desta resolución.

Con anterioridade á resolución do procedemento, calquera persoa interesada poderá presentar alegacións ou achegar os documentos e outros elementos de xuízo que considere oportunos, que se dirixirán á Consellería de Facenda e Administración Pública, Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio, Subdirección Xeral do Patrimonio, código de expediente ABI/2023/0008; Edificio Administrativo San Caetano, bloque nº 3, CP 15781 Santiago de Compostela.

Conforme o previsto no artigo 112.1, parágrafo segundo, da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, contra esta resolución non se poderá interpor recurso administrativo, sen prexuízo de que as alegacións de oposición a este acto de trámite que se presenten durante o procedemento sexan obxecto de consideración, se procede, na resolución que poña fin ao procedemento.

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2024

Jorge Atán Castro
Secretario xeral técnico e do Patrimonio
da Consellería de Facenda e Administración Pública