DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 83 Venres, 26 de abril de 2024 Páx. 26260

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 12 de abril de 2024, da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda e Administración Pública, pola que se acorda a incoación do procedemento para a declaración da Comunidade Autónoma de Galicia como herdeira ab intestato de Josefa Reimundo Caramés.

Josefa Reimundo Caramés, con DNI 33688866F, nada en Ribadeo (Lugo) o 19 de maio de 1924, faleceu o 7 de abril de 2011 en Vigo (Pontevedra), con derradeiro domicilio, segundo o Padrón municipal de habitantes, na rúa A Coruña desa cidade, datos que figuran comprobados xunto co da súa veciñanza civil galega, no Informe preliminar do 12 de abril de 2024 do Servizo de Protección e Defensa Patrimonial da Subdirección Xeral do Patrimonio. O dito informe foi emitido logo da realización das actuacións previas precisas que levan a considerar procedente a apertura do procedemento administrativo para a declaración da Comunidade Autónoma de Galicia como herdeira ab intestato da persoa causante, pola presunta ausencia doutros herdeiros con dereito a suceder preferente ao da Administración autonómica, de conformidade co disposto na Lei 2/2006, de dereito civil de Galicia.

Segundo o anterior, en exercicio das competencias atribuídas á Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio no artigo 4 da Lei 6/2023, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e no seu título III, así como nos artigos 4 e 7 do Decreto 113/2022, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda e Administración Pública,

RESOLVO:

Primeiro. Incoar procedemento para a declaración da Comunidade Autónoma de Galicia como herdeira ab intestato de Josefa Reimundo Caramés.

Segundo. Publicar esta resolución no Boletín Oficial del Estado, no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Facenda e Administración Pública, Área Temática de Patrimonio, Anuncios, que se poderá consultar na seguinte ligazón:

http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/patrimonio/anuncios

Terceiro. Remitir copia desta resolución aos concellos de Vigo e Ribadeo, así como a calquera outro en que durante a instrución deste procedemento se detecten bens da persoa causante, para a súa exposición pública no seu taboleiro de anuncios por un prazo non inferior a trinta días naturais.

O prazo máximo ordinario para resolver este procedemento é dun ano contado desde a data de adopción desta resolución.

Con anterioridade á resolución do procedemento, calquera persoa interesada poderá presentar alegacións ou achegar os documentos e outros elementos de xuízo que considere oportunos, que se dirixirán á Consellería de Facenda e Administración Pública, Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio, Subdirección Xeral do Patrimonio, código de expediente ABI/2018/0004; Edificio Administrativo San Caetano, bloque nº 3, CP 15781 Santiago de Compostela.

Conforme o previsto no artigo 112.1, parágrafo segundo, da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, contra esta resolución non se poderá interpor recurso administrativo, sen prexuízo de que as alegacións de oposición a este acto de trámite que se presenten durante o procedemento sexan obxecto de consideración, se procede, na resolución que poña fin ao procedemento.

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2024

Jorge Atán Castro
Secretario xeral técnico e do Patrimonio
da Consellería de Facenda e Administración Pública