Antecedentes:
Mediante a Resolución do 9 de maio de 2024, acordouse a incoación do procedemento administrativo para a declaración da Comunidade Autónoma de Galicia como herdeira ab intestato de Josefina García Segundes (ABI/2017/0072).
A citada resolución publicouse no Boletín Oficial del Estado (supl. N. núm. 132, do 3 de marzo de 2023), no Diario Oficial de Galicia (DOG núm. 102, do 31 de maio de 2023), na páxina web da Consellería de Facenda e Administración Pública, e foi exposta no taboleiro de anuncios dos concellos da Coruña e Santiago de Compostela por prazo non inferior a un mes.
Constan no expediente os correspondentes certificados de defunción e derradeiras vontades relativos á persoa causante, en que se acredita o seu falecemento o 30 de xullo de 2013 en Santiago de Compostela, e que non tiña outorgado testamento rexistrado. Así mesmo, figura igualmente incorporado certificado do seu empadroamento no Concello de Santiago de Compostela, quedando xustificada formalmente a súa veciñanza civil galega.
Non se teñen recibido alegacións, documentos ou outros elementos de xuízo que cuestionen a sucesión a favor da Administración autonómica, o que corrobora o informe emitido para o efecto pola Policía Autonómica de Galicia e as manifestacións de terceiras persoas unidas ao expediente.
Das consultas efectuadas perante o Catastro Inmobiliario, no Índice Xeral Informatizado de Predios e Dereitos do Rexistro da Propiedade e por outras fontes, determinouse, en principio, que ao menos forman parte da masa hereditaria da persoa finada os bens e dereitos que se adxudican no punto segundo desta resolución, e sen prexuízo da inclusión daqueles outros que se identifiquen con posterioridade a esta declaración como de titularidade da persoa causante.
A Asesoría Xurídica da Consellería de Facenda e Administración Pública emitiu informe sobre a adecuación e suficiencia das actuacións practicadas para a declaración da Comunidade Autónoma como herdeira ab intestato da persoa causante.
Fundamentos xurídicos:
Lei 2/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia, artigos 267 e seguintes.
Código civil, artigos 657 e seguintes.
Lei 33/2003, do 3 de novembro, do patrimonio das administracións públicas, artigos 20.6, 20.bis.8.
Lei 6/2023, do 2 de novembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, título III, artigos 147 e seguintes.
Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Decreto 113/2022, do 16 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda e Administración Pública, artigos 4 e 7.
Segundo o anterior,
RESOLVO:
Primeiro. Declarar a Comunidade Autónoma de Galicia única e universal herdeira ab intestato de Josefina García Segundes, con DNI 32283951R, e enténdese legalmente aceptada a herdanza a beneficio de inventario.
Segundo. Adxudicar á Administración autonómica os seguintes bens e dereitos da herdanza identificados:
• Contratos e outros efectos bancarios:
– Abanca, conta de aforro: ES03 2080 0374 7230 0001 8912.
Terceiro. Publicar esta resolución no Boletín Oficial del Estado, no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Facenda e Administración Pública, área temática de Patrimonio, Anuncios, que se pode consultar na seguinte ligazón:
http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/patrimonio/anuncios
Unha copia desta resolución será remitida para a súa exposición pública, por prazo non inferior a trinta días naturais, no taboleiro de anuncios dos concellos da Coruña e Santiago de Compostela.
Esta resolución poderá ser impugnada por infracción das normas sobre competencia e procedemento mediante recurso de alzada, no prazo dun mes, perante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, de conformidade cos artigos 112 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Os que se consideren prexudicados en canto ao seu mellor dereito á herdanza ou noutros dereitos de carácter civil por esta declaración ou pola adxudicación de bens a favor da Comunidade Autónoma de Galicia que se contén nesta resolución, poderán exercer as accións pertinentes ante o órgano da xurisdición civil correspondente.
Santiago de Compostela, 12 de abril de 2024
Jorge Atán Castro
Secretario xeral técnico e do Patrimonio
da Consellería de Facenda e Administración Pública