DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Luns, 22 de abril de 2024 Páx. 25071

IV. Oposicións e concursos

Parlamento de Galicia

ACORDO do 9 de abril de 2024 polo que se anuncia a convocatoria para a realización de probas selectivas para ingresar, por oposición libre, en catro prazas do corpo administrativo, das cales unha está reservada á quenda de persoas con discapacidade, e polo que se aproban as bases reguladoras do procedemento de selección.

Primeira. Normas xerais

1.1. O obxecto do proceso selectivo será cubrir catro (4) prazas do corpo administrativo do Parlamento de Galicia, correspondentes ás ofertas de emprego público dos exercicios 2022 e 2023, mediante acceso libre, das cales unha (1) está reservada á quenda de persoas con discapacidade.

1.2. O sistema selectivo será o de oposición.

1.3. De conformidade co artigo 35.4 do Estatuto de persoal do Parlamento de Galicia, do total de prazas convocadas resérvase unha (1) para ser cuberta por persoas con discapacidade cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 por cento. A praza correspondente a esta cota que non se cubrir incrementará as prazas de acceso libre.

Se algunha persoa aspirante con discapacidade que se presenta pola cota de reserva de persoas con discapacidade superar os exercicios mais non obtiver praza e a súa puntuación for superior á obtida por outras persoas aspirantes do sistema de acceso xeral, será incluída pola súa orde de puntuación neste sistema.

De conformidade co disposto no Real decreto 2271/2004, do 3 de decembro, polo que se regula o acceso ao emprego público e a provisión de postos de traballo das persoas con discapacidade, durante os procesos selectivos darase un tratamento diferenciado ás persoas aspirantes pola cota de discapacidade, no que se refire ás relacións de persoas admitidas e excluídas, aos chamamentos aos exercicios e á relación de persoas aprobadas. No entanto, ao finalizar cada exercicio e ao finalizar o proceso elaborarase unha relación única en que se incluirán todas as persoas aspirantes que o superaron, ordenadas pola puntuación total obtida, con independencia do tipo de sistema polo que participasen.

1.4. As persoas que, cumprindo os requisitos establecidos na base 1.3, optaren ás prazas reservadas para persoas con discapacidade deberán indicalo expresamente na solicitude. De non o indicaren, entenderase que non optan por esta reserva.

As persoas aspirantes só poderán participar nunha das quendas citadas.

Se for o caso, as aclaracións ou as correccións deberán realizarse no prazo de alegacións ás listas provisionais de persoas admitidas.

1.5. Ao proceso selectivo seralle aplicable o Estatuto de persoal do Parlamento de Galicia (DOG nº 248, do 26 de decembro de 2007) e, supletoriamente, a Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, o Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público (TRLEBEP), e as demais normas concordantes, así como o disposto nesta convocatoria.

1.6. O nomeamento no marco do Estatuto de persoal do Parlamento de Galicia conferirá ás persoas seleccionadas, para todos os efectos, o carácter de persoal funcionario de carreira do corpo administrativo do Parlamento de Galicia desde a data da toma de posesión, sen prexuízo do establecido na base novena.

Segunda. Requisitos das persoas aspirantes

Para seren admitidas ao proceso selectivo, as persoas interesadas deberán posuír no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes, e manteren ata o momento da toma de posesión como persoal funcionario, os seguintes requisitos:

2.1. Nacionalidade

Poderán participar no proceso selectivo:

a) As persoas de nacionalidade española.

b) As persoas nacionais dalgún dos estados membros da Unión Europea.

c) As persoas nacionais dalgún estado en que, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, sexa aplicable a libre circulación de persoas traballadoras.

d) Tamén poderán participar, calquera que for a súa nacionalidade, os cónxuxes das persoas de nacionalidade española e das nacionais doutros estados membros da Unión Europea, sempre que non estiveren separadas de dereito. Nas mesmas condicións poderán participar os seus descendentes e os do seu cónxuxe, sempre que non estiveren separados de dereito ou non foren menores de vinte e un anos ou maiores desa idade dependentes.

2.2. Idade.

Ter feitos os dezaseis anos e non exceder a idade máxima de xubilación forzosa.

2.3. Titulación.

Estar en posesión do título de bacharelato ou en condicións de o obter.

As persoas interesadas con formación ou titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou da credencial que acredite, de ser o caso, a homologación do título ou da formación. Este requisito non será aplicable ás persoas aspirantes que obtivesen o recoñecemento da súa cualificación profesional, no ámbito das profesións regulamentadas, ao amparo das disposicións de dereito da Unión Europea.

2.4. Capacidade funcional.

Non padecer enfermidade ou discapacidade que impida o desempeño das funcións e tarefas correspondentes.

2.5. Habilitación.

Non ter sido separada mediante expediente disciplinario de ningunha administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder ao corpo ou escala de persoal funcionario do cal a persoa fose separada ou inhabilitada.

No suposto de persoas nacionais doutros estados, non estar inhabilitada ou en situación equivalente nin ter sido sometida a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no estado de procedencia o acceso ao emprego público nos termos anteriores.

2.6. Discapacidades.

Alén dos requisitos anteriores, as persoas aspirantes que se presenten pola cota de reserva de discapacidade terán que ter recoñecida a condición legal de persoa con discapacidade cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 por cento na data de publicación desta convocatoria.

2.7. Non poderá participar no proceso selectivo o persoal do Parlamento de Galicia que xa pertenza ao corpo de funcionarios obxecto desta convocatoria.

Terceira. Solicitudes

As persoas que desexaren tomar parte nas probas selectivas deberán formular a súa solicitude segundo o modelo que figura no anexo II destas bases, que tamén estará dispoñible na páxina web do Parlamento de Galicia (www.parlamentodegalicia.gal).

O prazo de presentación será de vinte días hábiles (20), que se contarán a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Dentro do prazo que se sinala no parágrafo anterior, as persoas aspirantes deberán presentar a súa solicitude, dirixida á Presidencia do Parlamento de Galicia, na sede electrónica do Parlamento de Galicia (https://sede.parlamentodegalicia.gal).

As solicitudes tamén se poderán presentar no Rexistro Xeral do Parlamento de Galicia, na rúa do Hórreo nº 63, 15701, Santiago de Compostela, ou na forma establecida no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

As persoas aspirantes deberán indicar na súa solicitude, no apartado de «Idioma do exame», se o texto do cuestionario do exercicio deberá entregarse en idioma galego ou en idioma castelán. Unha vez realizada a opción e presentada a súa solicitude, a persoa aspirante non poderá modificar a opción escollida. No caso de non seleccionar ningún idioma, asignaráselle o galego.

3.1. Documentación.

– Modelo de solicitude segundo o anexo II, completado.

– Fotocopia do DNI.

– Xustificante de ter aboados os dereitos de exame ou, na súa falta, de ser o caso, documentación acreditativa de se encontrar nalgunha das situacións a que fai referencia esta convocatoria susceptibles da exención do pagamento.

– Certificado de discapacidade, para o caso das persoas con discapacidade.

3.2. Dereitos de exame.

O importe dos dereitos de exame será de trinta e tres euros con trece céntimos (33,13 €), que se aboarán mediante transferencia bancaria na conta corrente ES 50 2080 0388 21 3110000502 en Abanca, na cal se indicará: «Taxas selección CAPG» e o nome e apelidos e mais o DNI da persoa aspirante.

Ás persoas aspirantes excluídas do proceso selectivo devolveráselles o importe ingresado, sempre que o solicitaren no prazo dun mes, contado desde a publicación da relación definitiva de persoas admitidas e excluídas no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia.

Non obstante, estará exento do pagamento da taxa dos dereitos de exame quen estiver incurso nalgunha das situacións a que fai referencia a normativa vixente en materia de taxas da Comunidade Autónoma de Galicia (artigo 23.5 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia): persoas con discapacidade, vítimas de terrorismo, con familia numerosa ou especial e demandantes de emprego.

3.3. Discapacidades.

As persoas aspirantes cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 por cento poderán solicitar –e, de ser o caso, serán establecidas, se for necesario e estiver xustificado– posibles adaptacións de tempo e medios especiais para a realización dos exercicios, de conformidade co disposto na Orde PRE/1822/2006, do 9 de xuño, pola que se establecen criterios xerais para a adaptación de tempos adicionais nos procesos selectivos para o acceso ao emprego público de persoas con discapacidade, co obxectivo de asegurar que estas persoas participen en condicións de igualdade.

De ser o caso, deberano indicar na súa solicitude, especificando claramente o tanto por cento de discapacidade recoñecida polo órgano competente, e deberán achegar coa solicitude a documentación acreditativa correspondente. No caso de formularen a solicitude por sede electrónica, para a compulsa da documentación achegada aplicarase o disposto no parágrafo final da base 8.1.

Se a solicitude derivar dunha circunstancia sobrevida, deberán solicitar a adaptación necesaria no prazo dun mes desde que se produciu o feito causante e, en calquera caso, nas vinte e catro horas seguintes á publicación da convocatoria para a realización do exercicio en que proceda a súa aplicación.

As persoas aspirantes das adaptacións sinaladas poderán solicitar na mesma epígrafe da solicitude a presenza durante a realización do exercicio de atención médica especializada. Neste suposto, deberán acreditar e presentar antes do final do prazo fixado o orixinal ou a copia auténtica do informe médico que acredite a necesidade da devandita medida.

Para tal efecto, os tribunais de selección poderán requirir un informe e, se for o caso, a colaboración dos órganos técnicos da Administración laboral ou sanitaria ou dos órganos competentes.

Cuarta. Admisión de persoas aspirantes

4.1. Unha vez expirado o prazo de presentación de solicitudes, a Presidencia do Parlamento de Galicia aprobará as listaxes provisionais de persoas aspirantes admitidas e excluídas a través dunha resolución que será publicada no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e na páxina web do Parlamento de Galicia (www.parlamentodegalicia.gal), coas causas das exclusións, se for o caso.

4.2. As persoas aspirantes excluídas inicialmente disporán dun prazo de dez (10) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da resolución no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia, para poderen alegar ou emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión.

As persoas que no prazo sinalado non repararen a causa de exclusión ou alegaren a omisión serán definitivamente excluídas da participación no proceso selectivo.

4.3. Ao transcorrer o antedito prazo, a Presidencia ditará unha nova resolución pola que se aprobará a relación definitiva de persoas admitidas e excluídas, que se publicará no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e na páxina web corporativa. A estimación ou desestimación das emendas achegadas entenderase implícita nesta resolución definitiva e a súa publicación servirá de notificación a quen presentase alegacións.

O feito de figuraren na relación de persoas admitidas non prexulga que se lles recoñeza ás persoas interesadas a posesión dos requisitos exixidos nestas bases. Cando da documentación que deba presentarse, no caso de superar o proceso selectivo, se desprender que non posúe algún dos requisitos, a persoa interesada decaerá en todos os dereitos que puideren derivar da súa participación neste procedemento.

Contra esta resolución poderase interpor un recurso potestativo de reposición ante este órgano no prazo dun mes, ou ben poderá interporse directamente un recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados ambos os dous desde o día seguinte ao da súa publicación no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia, de acordo cos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Quinta. Tribunal cualificador

5.1. Composición.

O tribunal cualificador do proceso será designado pola Presidencia do Parlamento de Galicia de acordo coa normativa reguladora da función pública aplicable nesta materia. Non poderá estar composto maioritariamente por persoal do corpo ou escala de que se trate. Ningunha persoa integrante terá titulación inferior á exixida para a admisión ás probas. Na súa composición débese atender aos principios de imparcialidade e profesionalidade e ás normas de igualdade de mulleres e homes.

A resolución do nomeamento será publicada no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e na páxina web corporativa (www.parlamentodegalicia.gal).

O tribunal poderá acordar solicitar á Oficialía Maior a incorporación de persoas asesoras especialistas para as probas correspondentes aos exercicios que coide necesario, que se limitarán a prestar a súa colaboración nas súas especialidades técnicas, con voz mais non voto. A designación de tales persoas asesoras deberáselle comunicar á Presidencia do Parlamento de Galicia.

5.2. Abstención e recusación.

As persoas integrantes do tribunal deberán absterse de intervir ou poderán ser recusadas por calquera persoa interesada, particularmente polas persoas aspirantes, cando concorra algún dos supostos previstos nos artigos 23 e 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, ou ben se realizaron tarefas de preparación de aspirantes relativas a procesos selectivos de acceso ao corpo e escala a que corresponde a praza obxecto desta convocatoria nos cinco anos anteriores ao da súa publicación. Neste caso, deberanllo comunicar á Presidencia do Parlamento.

Cando se producir esta situación, e consecuentemente a vacante dunha persoa integrante do tribunal titular, a persoa suplente cubrirá o devandito posto e a Presidencia designará unha nova persoa suplente.

A persoa que presida o tribunal, na sesión de constitución, deberá facer, e solicitarlles que o fagan aos demais membros do tribunal e, de ser o caso, tamén ás persoas asesoras previstas na base 5.1, unha declaración expresa de non se encontraren incursas nas circunstancias previstas nos parágrafos anteriores.

5.3. Constitución e actuación.

O tribunal non poderá constituírse nin actuar sen a asistencia da maioría das persoas que o integran e será necesaria, en todo caso, a presenza do presidente ou presidenta e do secretario ou secretaria.

As decisións do tribunal adoptaranse por maioría das persoas presentes.

Por cada sesión do tribunal redactarase a acta coa sinatura do secretario ou secretaria e o visto e prace do presidente ou presidenta.

Correspóndenlle ao tribunal cualificador as funcións relativas á determinación concreta do contido dos exercicios e a cualificación das persoas aspirantes, así como, en xeral, a adopción de cantas medidas foren precisas para o correcto desenvolvemento do proceso selectivo. O tribunal queda facultado para resolver todas as dúbidas que xurdiren na interpretación e na aplicación das normas contidas nas bases desta convocatoria e mais para determinar a actuación procedente nos casos non previstos.

O tribunal adoptará as medidas oportunas que permitan que as persoas aspirantes con algunha discapacidade que así o indicasen na solicitude poidan participar nas probas en igualdade de condicións que o resto das persoas participantes.

En ningún caso o tribunal poderá aprobar nin declarar que superou o proceso selectivo un número de persoas aspirantes superior ao de prazas convocadas. Será nula de pleno dereito calquera proposta de selección que o contraviñer.

Para os efectos de comunicacións e posibles incidencias, o tribunal cualificador terá a súa sede no domicilio oficial do Parlamento de Galicia, na rúa do Hórreo nº 63, 15701, Santiago de Compostela.

Os acordos adoptados polo tribunal poderán ser obxecto de recurso de alzada ante a Mesa da Parlamento, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Sexta. Proceso de selección

O sistema de selección será o de oposición. Os temas que rexerán as probas selectivas serán os publicados como anexo I a estas bases.

Teranse en conta as normas de dereito positivo relacionadas co contido do programa que, na data de publicación desta convocatoria, estiveren publicadas oficialmente no boletín ou diario correspondente, aínda que a súa entrada en vigor estiver diferida a un momento posterior. As normas de dereito positivo relacionadas co contido do programa que fosen derrogadas parcial ou totalmente, nas condicións temporais do parágrafo anterior, serán automaticamente substituídas por aquelas que as derrogasen total ou parcialmente.

6.1. Exercicios.

As probas da oposición consistirán na realización de tres exercicios obrigatorios e eliminatorios, agás as excepcións previstas no punto 6.1.3 referidas ao terceiro exercicio.

6.1.1. Primeiro exercicio (50 puntos).

Consistirá en responder por escrito un cuestionario de contido teórico de cen (100) preguntas tipo test sobre os temas do bloque A do programa indicados no anexo I.

O exercicio disporá de cinco (5) preguntas de reserva.

Por cada pregunta formularanse catro respostas alternativas, das cales só unha delas será correcta. A puntuación que se outorgará a cada resposta correcta será de cero coma cincuenta (0,50) puntos. Da puntuación total así obtida restaranse cero coma cento vinte e cinco (0,125) puntos por cada resposta incorrecta. As respostas en branco e aquelas que contiveren máis dunha alternativa non se valorarán.

As preguntas adicionais de reserva serán valoradas, por orde, só no caso de se anular algunha das preguntas do exercicio.

O tempo máximo de duración deste exercicio será de cento cincuenta (150) minutos.

O exercicio cualificarase de cero (0) a cincuenta (50) puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de vinte e cinco (25) puntos.

Superarán esta proba as cen (100) primeiras persoas candidatas que obtiveren as mellores cualificacións, sempre que acadaren o mínimo do 50 por cento das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes. Poderá ampliarse este número só nos supostos de que varias persoas opositoras tiveren a mesma nota de corte e tamén como consecuencia das impugnacións que foren estimadas. O resto de persoas candidatas quedarán apartadas do proceso selectivo. O tribunal fará público o devandito acordo a través da páxina web.

De se dar o caso de que o número de aspirantes que superaren este exercicio non for o previsto no parágrafo anterior, rebaixarase ao mínimo do 40 por cento das respostas correctas, despois de facer os descontos correspondentes, sempre que non se supere o número máximo de cen (100) persoas candidatas antes sinalado.

6.1.2. Segundo exercicio (50 puntos): só para as persoas aspirantes que superaren o primeiro exercicio.

As persoas aspirantes deberán resolver supostos de carácter práctico sobre os temas do bloque B do programa indicados no anexo I, cun total de cincuenta (50) preguntas tipo test.

O exercicio disporá de tres (3) preguntas de reserva.

Por cada pregunta formularanse catro respostas alternativas, das cales só unha delas será correcta. A puntuación que se outorgará a cada resposta correcta será un (1) punto. Da puntuación total así obtida restaranse cero coma vinte e cinco (0,25) puntos por cada resposta incorrecta. As respostas en branco e aquelas que conteñan máis dunha alternativa non se valorarán.

As preguntas adicionais de reserva serán valoradas, por orde, só no caso de se anular algunha das preguntas do exercicio.

O exercicio terá unha duración máxima de cento vinte (120) minutos.

O exercicio cualificarase de cero (0) a cincuenta (50) puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de vinte e cinco (25) puntos.

6.1.3. Terceiro exercicio: só para aquelas persoas aspirantes que superaren os dous exercicios anteriores.

Consistirá en responder por escrito un cuestionario de trinta (30) preguntas tipo test con catro respostas alternativas, das cales só unha delas será a correcta, mediante o cal se evidencie o coñecemento da lingua galega. O cuestionario deberá obrigatoriamente recoller contidos relacionados cos niveis funcionais da lingua –léxico, sintáctico e gramatical– correspondentes ao nivel do Celga 4.

O exercicio terá unha duración de sesenta (60) minutos.

Este exercicio valorarase como «apto/a» ou «non apto/a» e para superalo será necesario obter o resultado de «apto/a». Corresponderalle ao tribunal determinar o número de respostas correctas exixido para acadar a valoración de «apto/a».

Estarán exentas de realizaren este exercicio as persoas aspirantes que acrediten que, antes da finalización do prazo sinalado para presentar a solicitude para participar no proceso selectivo, posúen o Celga 4 ou o título equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro).

Os documentos que xustifiquen a exención (orixinais ou fotocopias compulsadas) deberán ser presentados polas persoas aspirantes que superen os dous primeiros exercicios no Rexistro xeral do Parlamento de Galicia no prazo máximo de tres (3) días hábiles, contados desde o día seguinte ao da publicación das cualificacións do segundo exercicio.

Coa convocatoria para a realización deste exercicio publicarase unha listaxe das persoas que están obrigadas a facelo. A non aceptación da solicitude de exención entenderase implícita na inclusión nesta listaxe e a súa publicación servirá de notificación a quen solicitase a exención.

6.1.4. Desenvolvemento dos exercicios.

O primeiro exercicio deberá realizarse no prazo máximo de corenta (40) días hábiles contados desde o día seguinte ao da constitución do tribunal. En todo caso, o primeiro exercicio non se realizará antes do 1 de setembro de 2024.

Entre a realización dun exercicio e a do seguinte deberá transcorrer un prazo mínimo de cinco (5) días desde o remate do exercicio anterior e un prazo máximo de sesenta (60) días hábiles.

A convocatoria da realización dos sucesivos exercicios será efectuada polo tribunal e publicarase na páxina web do Parlamento de Galicia, polo menos corenta e oito horas antes da data e hora sinaladas para o seu inicio.

As persoas aspirantes deberán presentarse, para a realización de cada exercicio, provistas do documento nacional de identidade, o pasaporte, o permiso de condución, o NIE ou dun documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal. Así mesmo, deberán levar bolígrafo azul ou negro.

As persoas aspirantes serán convocadas para cada exercicio nun único chamamento e será excluída da oposición a persoa que non comparecer. A orde de chamada das persoas aspirantes iniciarase alfabeticamente polo primeiro apelido comezando pola letra «n», elixida polo sorteo publicado na páxina web do Parlamento de Galicia.

No entanto, as mulleres embarazadas que prevexan a coincidencia do parto coas datas de realización de calquera dos exercicios, polas circunstancias derivadas do seu avanzado estado de xestación, ou eventualmente nos primeiros días do puerperio, poderano pór en coñecemento do tribunal, achegando á comunicación o correspondente informe médico oficial. A comunicación deberá realizarse dentro do prazo das corenta e oito (48) horas seguintes ao anuncio da data do exame.

O tribunal acordará se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo, aprazala ou adoptar ambas as medidas conxuntamente. Contra tal acordo non caberá recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan en calquera outro recurso admisible de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.

Os exercicios realizaranse a porta pechada sen outra asistencia que a das persoas aspirantes, as persoas integrantes do tribunal e as persoas colaboradoras designadas por este, se for o caso, sen prexuízo do disposto no punto 3.3 destas bases.

En calquera momento as persoas aspirantes poderán ser requiridas polo tribunal coa finalidade de acreditaren a súa identidade.

En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal tiver coñecemento de que algunha persoa aspirante non cumpre algún dos requisitos exixidos pola convocatoria, logo da audiencia da persoa interesada, deberá acordar proceder á súa exclusión.

Os exercicios realizados non levarán ningunha marca ou sinal que permita identificar o seu autor ou autora. O tribunal adoptará as medidas precisas para garantir o anonimato das persoas aspirantes na corrección dos exames.

Queda totalmente prohibida a utilización de reloxos intelixentes durante os exercicios. Este tipo de dispositivos, do mesmo xeito que os teléfonos móbiles, deberán permanecer apagados e gardados ou depositarse no chan durante todo o desenvolvemento das probas.

Á finalización das probas que consistan en responder un cuestionario, cada persoa aspirante poderá anotar e levar a relación das súas respostas.

6.1.5. Cualificacións.

Para respectar os principios de publicidade, transparencia, obxectividade e seguridade xurídica que deben rexer no acceso ao emprego público, o tribunal establecerá e informará as persoas aspirantes, antes da realización dos exercicios, dos criterios de corrección, valoración e superación que non estean expresamente establecidos nas bases desta convocatoria.

As persoas participantes poderán presentar, nos tres días hábiles seguintes á realización de cada exercicio, as reclamacións que estimaren oportunas referidas ás preguntas e ao seu contido. Se o tribunal, de oficio ou con base nalgunha reclamación, anular algunha das preguntas, substituiranse por orde polas de reserva incluídas no mesmo cuestionario. Esta decisión publicarase xuntamente coas cualificacións do exercicio.

No prazo das vinte e catro (24) horas seguintes á realización de cada exercicio tipo test publicarase o seu contido e as respostas correctas no portal web corporativo.

As cualificacións de cada un dos exercicios publicaranse na páxina web do Parlamento de Galicia.

Concederase un prazo de dez (10) días hábiles para os efectos de alegacións, que contarán desde o día seguinte ao da publicación na web do Parlamento de Galicia (www.parlamentodegalicia.gal) da resolución do tribunal pola cal se fan públicas as puntuacións do correspondente exercicio.

Sétima. Listaxe de cualificacións finais

7.1. Despois de rematar a corrección da totalidade dos exercicios, a resolución do tribunal coa relación das persoas aspirantes que superaron os tres exercicios, coa puntuación total obtida, publicarase no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e na páxina web do Parlamento de Galicia.

Contra esta resolución as persoas aspirantes poderán presentar alegacións, que non terán o carácter de recurso, ante o tribunal cualificador, no prazo de dez (10) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia. Tales alegacións serán resoltas na proposta definitiva das persoas aspirantes que superasen o proceso selectivo.

A orde de prelación das persoas aspirantes virá determinada pola suma das puntuacións obtidas nos exercicios da oposición. Non poderá superar o proceso selectivo un número de persoas superior ao de prazas convocadas.

No suposto de empate nas puntuacións de dúas ou máis persoas aspirantes, os criterios para resolver esa situación serán, por esta orde, os seguintes:

– A puntuación máis alta no segundo exercicio

– A puntuación máis alta no primeiro exercicio

– Por orde alfabética do primeiro apelido comezando pola letra «n», de conformidade co sorteo realizado e publicado na web corporativa

– Por sorteo entre as persoas implicadas.

Despois de transcorreren os dez días do prazo referido para presentar alegacións contra a listaxe provisional e, se for o caso, de se resolveren as alegacións presentadas, o tribunal fará publica, nos mesmos lugares previstos neste apartado, a proposta definitiva das persoas seleccionadas coas cualificacións obtidas en cada unha das fases do proceso selectivo e elevaralle á Mesa do Parlamento unha proposta en favor das persoas aspirantes que obtivesen a puntuación máis alta para seren nomeadas funcionarias do corpo administrativo do Parlamento de Galicia.

7.2. A Mesa do Parlamento adoptará o acordo de finalización do proceso selectivo e de aprobación do seu resultado co ingreso das persoas propostas no corpo administrativo do Parlamento de Galicia, como persoal funcionario de carreira. Este acordo publicarase no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e na paxina web corporativa e será notificado ás persoas seleccionadas.

Para asegurar a cobertura das vacantes, se se producir a renuncia das persoas seleccionadas antes do seu nomeamento ou da súa toma de posesión, convocarase a seguinte persoa da listaxe por orde de puntuación para que ocupe o seu lugar. Para estes efectos, terán a mesma consideración que as renuncias os supostos de persoas aspirantes na situación que se refire no parágrafo final da base oitava desta convocatoria.

Oitava. Presentación de documentos

8.1. A persoa aspirante que supere o proceso selectivo deberá presentar ante a Presidencia do Parlamento, sempre que non conste en poder da Administración parlamentaria, no prazo de vinte días naturais desde que se faga público o acordo de aprobación do proceso selectivo por parte da Mesa do Parlamento de Galicia, a seguinte documentación:

a) Fotocopia cotexada do título exixido na base 2.3 ou certificación académica que acredite que se realizaron todos os estudos para a súa obtención. No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberá presentar unha credencial da súa validación ou homologación.

b) Declaración, baixo a súa responsabilidade, de que non foi separada nin despedida mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin se atopa na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, para o acceso ao corpo do que foi separada ou inhabilitada, nin pertence ao mesmo corpo, segundo o modelo que figura como anexo III a esta convocatoria.

No suposto de ser nacional doutro estado, declaración responsable de que non se atopa inhabilitada ou en situación equivalente, nin foi sometida a unha sanción disciplinaria ou equivalente que impida no estado de procedencia o acceso ao emprego público nos mesmos termos, segundo o modelo que figura como anexo III a esta convocatoria.

c) Informe sobre o estado de saúde que acredite que a persoa aspirante non padece enfermidade nin está afectada por ningunha limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das correspondentes funcións e tarefas.

d) As persoas aspirantes cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 por cento que superaren o proceso selectivo deberán acreditar tal condición mediante unha certificación dos órganos competentes da Consellería de Política Social e Xuventude e, de ser o caso, da administración correspondente.

O Servizo de Persoal e Réxime Interior solicitará ao órgano competente a documentación que acredite que as persoas aspirantes que accederen por esta cota de reserva reúnen os requisitos de compatibilidade co desempeño das correspondentes funcións.

No caso de presentación por sede electrónica, a compulsa dos orixinais en papel debe ser electrónica, de acordo co artigo 29 do Decreto 191/2011, do 22 de setembro, de organización e funcionamento dos rexistros da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia. Os documentos orixinais asinados electronicamente serán válidos sempre que se mantiveren en soporte electrónico. Os documentos electrónicos con código de verificación CSV serán válidos en calquera soporte, pois a través do número de referencia poderá cotexarse co orixinal.

8.2. A persoa que, dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior libremente apreciados pola Presidencia, non presentar a documentación ou respecto da cal, despois de a examinar, se deducir que non cumpre algún dos requisitos sinalados na base segunda, non poderá ser nomeada persoal funcionario de carreira e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorra por falsidade na solicitude inicial. Neste caso, seguirase o procedemento establecido no parágrafo final da base sétima.

Novena. Nomeamento

Despois de se acreditar a posesión dos requisitos exixidos, a persoa seleccionada será nomeada persoal funcionario de carreira por resolución da Presidencia. Este nomeamento seralle notificado á persoa interesada e publicado no Diario Oficial de Galicia, no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e na páxina web corporativa.

No prazo dun mes, contado desde o día seguinte á publicación no Diario Oficial de Galicia, a persoa nomeada deberá tomar posesión ante a Presidencia do Parlamento e realizar o xuramento ou promesa de acatamento á Constitución e ao Estatuto de autonomía de Galicia, de obediencia ás leis e de exercer imparcialmente as súas funcións.

De non se facer efectiva a toma de posesión dentro do prazo establecido por causa imputable á persoa interesada, producirase o decaemento do seu dereito a adquirir a condición de persoal funcionario de carreira neste proceso selectivo.

Décima. Lista de espera para substitucións

As persoas aspirantes que non superaren o proceso selectivo pasarán a formar parte dunha lista de espera que se elaborará no Parlamento de Galicia para cubrir as necesidades eventuais de persoal que puideren xurdir, en condición de persoal funcionario interino vinculado ao mantemento das circunstancias polas cales son nomeadas.

Os requisitos para a elaboración das listas serán:

1º. Superar, polo menos, o primeiro exercicio.

2º. A puntuación total obtida nos exercicios superados no proceso selectivo.

No suposto de empate nas puntuacións de dúas ou máis persoas aspirantes, os criterios para resolver esa situación serán os establecidos na base 7.1.

Décimo primeira. Cláusula derradeira

Contra esta convocatoria, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor, potestativamente, un recurso de reposición perante a Mesa do Parlamento de Galicia no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou directamente un recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso–Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o artigo 10.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 9 de abril de 2024

Miguel Ángel Santalices Vieira
Presidente do Parlamento de Galicia

ANEXO I

Temario para ingresar por quenda libre no corpo administrativo
do Parlamento de Galicia

Bloque A

Tema 1. A Constitución española de 1978 (1). Dos dereitos fundamentais e das liberdades públicas. Dos dereitos e dos deberes dos cidadáns. Das garantías das liberdades e dereitos fundamentais. Da suspensión dos dereitos e liberdades. Da reforma constitucional.

Tema 2. A Constitución española de 1978 (2). A Coroa. As Cortes Xerais (Das cámaras. Da elaboración das leis).

Tema 3. A Constitución española de 1978 (3). Do Goberno e da Administración. Da relación do Goberno e das Cortes Xerais.

Tema 4. A Constitución española de 1978 (4). Da organización territorial do Estado (Principios xerais. Das comunidades autónomas).

Tema 5. O Estatuto de autonomía de Galicia (1). Bases fundamentais da autonomía galega. O territorio. Os símbolos. O recoñecemento da galeguidade. A condición de galego. Os dereitos dos cidadáns galegos e as súas garantías. Os dereitos lingüísticos dos cidadáns galegos.

Tema 6. O Estatuto de autonomía de Galicia (2). O poder galego. As competencias. O réxime xurídico.

Tema 7. O Estatuto de autonomía de Galicia (3). A Administración pública galega. A economía e a facenda. A reforma.

Tema 8. Lei 8/1985, do 13 de agosto, de eleccións ao Parlamento de Galicia. Electores. Censo. Elixibilidade. Incompatibilidades. Sistema electoral. Convocatoria de eleccións. Xuntas electorais. Presentación e proclamación de candidatos. Representantes das candidaturas ante a Administración electoral.

Tema 9. O Regulamento do Parlamento de Galicia (1). A sesión constitutiva do Parlamento de Galicia. O estatuto dos deputados. Os grupos parlamentarios.

Tema 10. O Regulamento do Parlamento de Galicia (2). A organización do Parlamento. As sesións. A orde do día. Cómputo de prazos e presentación de documentos. A orde dentro do recinto parlamentario.

Tema 11. O Regulamento do Parlamento de Galicia (3). O procedemento lexislativo. Proposicións non de lei. Procedementos lexislativos especiais.

Tema 12. O Regulamento do Parlamento de Galicia (4). O control sobre as disposicións da Xunta con forza de lei. A investidura, a moción de censura e a cuestión de confianza. As interpelacións e as preguntas.

Tema 13. O regulamento de organización e funcionamento da Administración do Parlamento de Galicia.

Tema 14. Normas reguladoras das relacións entre o Parlamento e o Valedor do Pobo, aprobadas pola Mesa do Parlamento o día 28 de maio de 1991. Normas reguladoras das relacións entre o Consello de Contas e o Parlamento de Galicia, aprobadas por acordo da Mesa do Parlamento do día 25 de marzo de 1993.

Tema 15. Acordo da Mesa do Parlamento de Galicia, do 17 de marzo de 2015, polo que se aproban as Normas supletorias do artigo 155.5 do Regulamento da Cámara para a tramitación das preguntas cualificadas de urxentes. Acordo da Mesa do Parlamento de Galicia, do 17 de marzo de 2015, polo que se aproban as Normas supletorias do artigo 155 do Regulamento para a tramitación das preguntas parlamentarias dirixidas ao presidente da Xunta de Galicia. Acordo da Mesa do Parlamento de Galicia, do 20 de outubro de 2015, polo que aproban as Normas reguladoras do Rexistro de intereses da Cámara.

Tema 16. A Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (1). Disposicións xerais. A capacidade de obrar e o concepto de interesado. Identificación e sinatura dos interesados no procedemento administrativo.

Tema 17. A Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (2). Da actividade das administracións públicas. Dos actos administrativos.

Tema 18. A Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (3). Das disposicións sobre o procedemento administrativo común.

Tema 19. A Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (4). Da revisión dos actos en vía administrativa. Da iniciativa lexislativa e a potestade para ditar regulamentos e outras disposicións.

Tema 20. A Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (1). Disposicións xerais. Dos órganos das administracións públicas (Dos órganos administrativos. Competencia. Os órganos colexiados das distintas administracións públicas: Funcionamento. Abstención e recusación). Funcionamento electrónico do sector público.

Tema 21. Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público (1): Titulo Preliminar. Disposicións xerais.

Tema 22. Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público (2): Libro Primeiro. Disposicións xerais da contratación no sector público (Capítulos I ao III.) Partes do Contrato (Capítulo I).

Tema 23. Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público (3): Libro Segundo. Dos Contratos das administracións públicas (Título I. Capítulo I agás subsección 2 á 7 da sección 2ª).

Tema 24. Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público (4): Libro Segundo. Dos Contratos das administracións públicas (Título I. Capítulo I, subsección 2 á 4 da sección 2ª).

Tema 25. O Estatuto de persoal da Administración parlamentaria (1). Obxecto e ámbito de aplicación. Clasificación do persoal da Administración do Parlamento de Galicia e rexistro de persoal. Comezo e extinción da relación de servizo.

Tema 26. O Estatuto de persoal da Administración parlamentaria (2). Planificación e ordenación do persoal da Administración do Parlamento de Galicia. Provisión de postos e mobilidade. Acceso ao emprego público. Carreira e promoción profesional. Avaliación do desempeño. Formación e perfeccionamento.

Tema 27. O Estatuto de persoal da Administración parlamentaria (3). Situacións administrativas. Sistema retributivo. Vacacións, licenzas e permisos. Representación, participación, negociación colectiva e dereito de reunión.

Tema 28. O Estatuto de persoal da Administración parlamentaria (4). Incompatibilidades. Réxime disciplinario. Facultades da Mesa do Parlamento de Galicia. Dereito supletorio.

Tema 29. Real Decreto Lexislativo 8/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral da Seguridade Social. Réxime xeral da Seguridade Social: campo de aplicación. Inscrición de empresas e afiliación de traballadores e traballadoras. Aspectos comúns da acción protectora. Incapacidade temporal. Réxime de protección social e aseguramento dos parlamentarios e parlamentarias.

Tema 30. Regulamento de réxime orzamentario e contable do Parlamento de Galicia e do Valedor do Pobo (1): Do orzamento: contido e aprobación. Os créditos e as súas modificacións. Execución e liquidación. Da xestión financeira.

Tema 31. Regulamento de réxime orzamentario e contable do Parlamento de Galicia e do Valedor do Pobo (2): Da contabilidade. Control e fiscalización. Dereito supletorio. Acordo da Mesa do Parlamento de Galicia, do 8 de abril de 2019, polo que se aproban as Normas reguladoras dos pagamentos a xustificar.

Tema 32. Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. Ámbito subxectivo de aplicación. Publicidade activa. Dereito de acceso á información pública. Normas en materia de transparencia no Regulamento do Parlamento de Galicia.

Tema 33. O Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, sobre protección de datos. Principios relativos ao tratamento. Licitude do tratamento. Condicións para o consentimento. Tratamento de categorías especiais de datos persoais. Dereito de acceso da persoa interesada. Dereito de rectificación. Dereito de supresión. Dereito á limitación do tratamento. Dereito á portabilidade dos datos. Dereito de oposición.

Tema 34. Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia. Disposicións xerais. Principio de transversalidade da dimensión de xénero. Linguaxe non sexista e imaxe pública. O acceso e a promoción no emprego público galego. Formación en igualdade e a igualdade e a transparencia retributiva no emprego público.

Tema 35. Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais. Dereitos e obrigas.

Tema 36. Real Decreto 311/2022, do 3 de maio, polo que se regula o Esquema Nacional de Seguridade: Principios básicos. Política de seguridade e requisitos mínimos de seguridade.

Tema 37. Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Bases reguladoras da concesión de subvencións. Procedementos de concesión e xestión das subvencións. A regulación das subvencións no Regulamento de organización e funcionamento do Parlamento de Galicia.

Bloque B (segundo exerecicio)

(Temario dispoñible para se descargar no seguinte enderezo electrónico:
https://www.parlamentodegalicia.gal/sitios/web/Transparencia/DocsTransparencia/AGORA.pdf)

Tema 1. Ágora Millennium: Rexistro de Entrada.

Tema 2. Ágora Millennium: Actividade parlamentaria.

Tema 3. Ágora Millennium: Rexistro de Saída.

Tema 4. Ágora Millennium: Publicacións.

Tema 5. Ágora Millennium: Composición dos órganos.

Tema 6. Ágora Millennium: Control da tramitación.

Tema 7. Ágora Millennium: Consultas.

Tema 8. Ágora Millennium: estatísticas.

missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO III

Declaración responsable

Don/Dona.…....…………………......……………………................................................................. con DNI ………....................

DECLARA RESPONSABLEMENTE:

Que non foi separado/a mediante expediente disciplinario de ningunha administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin se atopa na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder ao corpo ou escala de persoal funcionario do cal a persoa fose separada ou inhabilitada.

Asina esta declaración para os efectos de participar no proceso selectivo para ingresar por quenda libre en catro prazas do corpo administrativo do Parlamento de Galicia.

Santiago de Compostela, ........de...................................de...........

(Sinatura)