DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Luns, 22 de abril de 2024 Páx. 25156

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 1 de abril de 2024, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica no concello de Gondomar (expediente IN407A 2023/238-4).

Expediente: IN407A 2023/238-4.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: LMTA, LMTS VAA708, CTC e ITC O Carballás.

Concello: Gondomar.

Feitos:

1. O 24.4.2023, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica denominada LMTA, LMTS VAA708, CTC e ITC O Carballás.

O proxecto de execución que acompaña a solicitude foi asinado pola enxeñeira técnica industrial Herminia López Caamaño, colexiada 4598 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo, e en que figura un orzamento total de 362.522,85 euros.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade resolver as caídas de tensión no lugar de Carballás, na parroquia de Mordagáns, no concello de Gondomar, mediante as seguintes actuacións:

– Instalación dun centro de transformación de 160 kVA de potencia, compacto rural de manobra exterior, telexestionado con envolvente prefabricada de formigón, conectado ao tramo LMTA VAA7080760.

– Instalación dos XS do apoio 9WCCCVIX//36-26-4 no tramo VAA7080760.

– Substitución dun apoio 9WATGS22//36-26-3 por un apoio de celosía tipo C-1000/16 e instalación dun novo apoio C-1000/14, no cal se colocará un ITC.

– Instalación dunha liña de media tensión aérea de 26 metros desde o apoio proxectado C-1000/16 ata o apoio proxectado C-1000/14.

– Instalación dunha liña de media tensión subterránea de 961 metros para alimentar o centro de transformación proxectado.

2. Esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Gondomar, Augas de Galicia, a Axencia Galega de Infraestruturas e a Axencia Estatal de Seguridade Aérea. A empresa promotora manifestou a súa conformidade co condicionado emitido pola Axencia Estatal de Seguridade Aérea.

A Axencia Galega de Infraestruturas e Augas de Galicia non emitiron os condicionados técnicos, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar.

O Concello de Gondomar informou que o centro de transformación non cumpre coas condicións de solo rústico do RSLG e deberá ser desprazado.

3. Mediante os escritos do 8.5.2023, esta xefatura territorial notificou a solicitude da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da referida instalación eléctrica ás persoas que figuran afectadas pola declaración de utilidade pública na relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora.

Como non foi posible efectuar a notificación a todas as persoas titulares das parcelas afectadas pola declaración de utilidade pública solicitada pola empresa promotora, publicáronse os correspondentes anuncios no Diario Oficial de Galicia do 6.6.2023 e do 3.7.2023 e no taboleiro de edictos único do Boletín Oficial del Estado do 9.6.2023 e do 6.7.2023, co fin de realizar a notificación por comparecencia.

4. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante a Resolución do 8.5.2023, publicada nos seguintes medios:

– DOG (Diario Oficial de Galicia): 2.6.2023.

– Xornal Faro de Vigo: 25.5.2023.

– Taboleiro de anuncios do Concello de Gondomar, desde o 2.6.2023 ata o 15.7.2023, segundo o certificado emitido polo propio concello.

– Portal de transparencia e Goberno aberto da Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Durante este trámite non se recibiron alegacións.

5. O 9.8.2023, UFD achegou unha contestación para o Concello de Gondomar e unha actualización da relación de bens e dereitos afectados para dar contestación ao informe do Concello de Gondomar.

6. Tras requirimento desta xefatura, o 19.9.2023, UFD achegou unha modificación do proxecto que recolle unha variación nos metros de lonxitude da liña de media tensión subterránea que pasa dos 961 metros orixinais a 965 metros debido ao recuamento do centro de transformación na parcela con referencia catastral 2814711NG2621S0001EK. Tamén recolle un aumento de 421,65 euros en relación co orzamentado orixinalmente.

7. Esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas polas modificacións propostas, isto é, o Concello de Gondomar. A empresa promotora manifestou a súa conformidade co condicionado emitido.

8. Mediante os escritos do 6.11.2023, esta xefatura territorial notificou as modificacións propostas ás persoas que figuran afectadas pola declaración de utilidade pública na nova relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora.

Como non foi posible efectuar a notificación a todas as persoas titulares das parcelas afectadas polas modificacións propostas, publicáronse os correspondentes anuncios no Diario Oficial de Galicia do 20.11.2023 e no taboleiro de edictos único do Boletín Oficial del Estado do 23.11.2023, co fin de realizar a notificación por comparecencia.

9. Non se recibiron alegacións.

Consideracións legais e técnicas:

1. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG nº 126, do 4 de xullo), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).

2. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

– Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

– Liña de media tensión aérea (LMTA) a 20 kV, con condutor LA-56 de 26 metros de lonxitude, coa orixe no apoio proxectado C-1000/16 na LMTA VAA708, tramo VAA7080760, na parcela 569, polígono 72, e final no apoio proxectado C-1000/14, na parcela 571, polígono 72, no cal se instala un interruptor telecontrolado.

– Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 20 kV, con condutor RHZ1, de 965 metros de lonxitude, coa orixe no apoio proxectado C-1000/14, mediante un paso aéreo subterráneo, e final no centro de transformación proxectado.

– Centro de transformación a 160 kVA, con relación de transformación 20 kV/400 V, situado na parcela con referencia catastral 2814711NG2621S0001EK, no camiño Carballás.

– A instalación está situada no lugar do Carballás, na parroquia de Morgadáns, no concello de Gondomar (Pontevedra).

Conforme o indicado,

RESOLVO:

1. Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTA, LMTS VAA708, CTC e ITC O Carballás, expediente IN407A 2023/238-4, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

2. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

3. A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante esta xefatura territorial acompañada da seguinte documentación:

– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.

– Un certificado de dirección final de obra en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.

– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

5. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

6. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 1 de abril de 2024

Beatriz López del Olmo
Xefa territorial de Pontevedra