DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Luns, 22 de abril de 2024 Páx. 25148

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 27 de marzo de 2024, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica no concello de Vigo (expediente IN407A 2022/218-4).

Expediente: IN407A 2022/218-4.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: recuamento LMT BAL705, CS e substitución CT Falcoa.

Concello: Vigo.

Feitos.

1. O 10.5.2022, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica denominada recuamento LMT BAL705, CS e substitución CT Falcoa.

O proxecto de execución que acompaña a solicitude foi asinado pola enxeñeira técnica industrial Herminia López Caamaño, colexiada 4598 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo, e en que figura un orzamento total de 418.719,15 euros.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade as seguintes actuacións previstas nos camiños da Pousa, Fondo, Falcoa e Centieira, no barrio Falcoa, no concello de Vigo (Pontevedra):

– Retirada do centro de transformación Falcoa (36A581) de tipo intemperie e cunha potencia instalada de 400 kVA.

– Novo centro de transformación (CT), en substitución do anterior, de 400 kVA de potencia, compacto manobra exterior 2L1P telecontrolado con GPRS/FO en envolvente prefabricada de formigón con telexestión BT, que será instalado na parcela 3130803NG2733S0001SG.

– Centro de seccionamento compacto manobra exterior 3L+TT con dúas celas de saída telecontroladas vía GPRS/3G en envolvente prefabricada de formigón, que será instalado na parcela 3130803NG2733S0001SG.

– No tramo BAL7050011, substitución do apoio metálico 9WML3H8A por un apoio final de liña C-9000-18 en que se instalará un paso aéreo-subterráneo para enlazar a liña de media tensión subterránea proxectada. Como consecuencia se realizará o retensado do van.

– Desmontaxe de 732 metros de dobre circuíto en condutor LA-110, 67 metros en condutor LAC-28, 9 apoios metálicos e 1 apoio de formigón, desde o apoio C-7000-20 (obxecto doutro expediente) ata o apoio proxectado C-9000-18 da BAL705 Trasiego, 5.

– Desmontaxe de 15 metros do tramo BAL7050002 en condutor RHZ1.

– Soterramento dos tramos BAL7050014 e BAL7050011 cun total de 1.267 metros de liña de media tensión subterránea.

2. Esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Vigo, Augas de Galicia, a Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) e Teléfonica España, S.A.U. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos por AESA, Teléfonica, S.A.U e Concello de Vigo.

Augas de Galicia non emitiu o condicionado técnico, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar.

3. Mediante escritos do 26.7.2022, esta xefatura territorial notificou a solicitude da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da referida instalación eléctrica ás persoas que figuran afectadas pola declaración de utilidade pública na relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora.

4. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante a Resolución do 26.7.2022 publicada nos seguintes medios:

– DOG (Diario Oficial de Galicia): 18.8.2022.

– Xornal Faro de Vigo: 12.8.2022.

– Taboleiro de anuncios do Concello de Vigo ata o 12.9.2022, segundo o certificado emitido polo propio concello.

Portal de transparencia e Goberno aberto da Consellería de Economía, Industria e Innovación.

5. O 25.8.2022, Francisco Javier González Magdalena e José Antonio González Magdalena alegaron a perda económica da parcela debido a que as instalacións proxectadas se sitúan na fronte que linda co viario público, provocando o recuamento do muro existente, ademais de afectar gravemente as posibilidades de edificabilidade e parcelación.

6. As alegacións presentadas foron trasladadas á empresa promotora. Na súa resposta UFD destaca que será durante o trámite de levantamento de actas previas cando as persoas afectadas poderán describir o ben e farán constar todas as manifestacións e datos que acheguen para determinar os seus dereitos e os prexuízos ocasionados pola expropiación.

7. O 29.9.2022, o Colexio Oficial de Enxeñeiros Industrias de Galicia (COEIG) presentou unha alegación onde solicita que se inadmita ou, de ser o caso, se denegue a solicitude de autorización administrativa previa, de construción e declaración de utilidade pública. En síntese, alega que o proxecto técnico vén asinado por un enxeñeiro técnico industrial sen especificar a súa especialidade o que impide apreciar a competencia do enxeñeiro, xa que nas atribucións dos enxeñeiros técnicos industriais rexe o principio de especialidade técnica.

8. Déuselle traslado desta alegación á empresa promotora. Esta destaca que os enxeñeiros técnicos industriais teñen atribucións plenas e ilimitadas dentro da súa especialidade, e parcialmente limitadas nas demais especialidades industriais. Estas limitacións noutras especialidades industriais son: industriais ou instalacións mecánicas, químicas ou eléctricas cuxa potencia non exceda dos 250 CV, a tensión de 15.000 V e o seu persoal de cen persoas. O límite de tensión será de 66.000 V cando as instalacións se refiran ás liñas de distribución e subestacións de enerxía eléctrica. No presente proxecto non é necesario que o enxeñeiro técnico industrial especifique a súa especialidade, pois as instalacións eléctricas proxectadas (liñas de distribución e a súa tensión) non superan os 66.000 V.

9. Os servizos técnicos da xefatura territorial, á vista da documentación contida no expediente, analizaron todas as alegacións presentadas, e emitiron o correspondente informe, concluíndo que non se presentan obxeccións para que se poida continuar co trámite da declaración de utilidade pública da instalación eléctrica proxectada para os efectos da expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento de acordo co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

En relación coa valoración dos predios e os prexuízos causados polas afeccións da instalación que se vai construír, estes poderanse poñer de manifesto na presentación da folla de aprecio que requirirá esta xefatura territorial. Ademais, nese momento, o titular concretará o valor en que considere o obxecto que se expropia tal como se indica no artigo 30 da Lei do 16 de decembro de 1954, sobre a expropiación forzosa.

Consideracións legais e técnicas.

1. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG nº 126, do 4 de xullo), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).

2. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

– Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

– Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 15 KV, condutor tipo RHZ, en cinco actuacións. A primeira de 627 metros de lonxitude ten orixe na LMTS BAL705 e final na LMTS existente BAL7050010. A segunda é de 15 metros de lonxitude, con orixe na LMTS existente BAL7050002 e final no centro de transformación (CT) Falcoa proxectado. A terceira actuación é de 25 metros lonxitude, coa orixe no CT Falcoa proxectado e final no centro de seccionamento (CS) proxectado. A cuarta é de 280 metros de lonxitude, coa orixe no CS proxectado e final na LMTS existente BAL7050010. A quinta actuación é de 320 metros lonxitude, coa orixe no CS proxectado e final na LMTA existente BAL7050011.

– Centro de transformación compacto, telecontrolado, a 400 kVA, con RT 15 kV/400 V, e centro de seccionamento 3L, 2 telecontroladas.

– Retensado dun van de 138 metros, contiguo ao apoio proxectado C-18/9000 fin de liña.

As instalacións están situadas nos camiños da Pousa, Fondo, Falcoa e Centieira, no barrio de Falcoa, no concello de Vigo (Pontevedra).

4. Con respecto ás alegacións presentadas, visto o contido destas, as respostas do promotor e o informe dos servizos técnicos desta xefatura territorial, exponse:

En relación co prexuízo que causa a instalación do apoio na parcela, cabe sinalar que, unha vez iniciado o procedemento expropiatorio, as persoas interesadas serán informadas do trámite de levantamento de acta previa á ocupación. Nese momento, de forma concreta, por unha parte débese describir e delimitar o obxecto de expropiación e, por outro lado, débese describir as afeccións concretas que comporta a expropiación.

De todas as maneiras, poderase poñer de manifesto a perda de valor da parcela na presentación da folla de aprecio, momento no cal o titular concretará o valor que considere como se indica no artigo 29 e seguintes da Lei do 16 de decembro de 1954, sobre a expropiación forzosa.

Ademais, o artigo 23 da Lei de expropiación forzosa permite ao propietario solicitar da Administración, nos casos de expropiación parcial dunha parcela e cando, como consecuencia diso, resulte antieconómica a conservación do resto da parcela non expropiada, que a expropiación comprenda a súa totalidade.

Con respecto ás alegacións presentadas polo COEIG, considérase que se xustifica a competencia profesional ao non se sobrepasar a limitación cuantitativa de 66 kV de tensión, referida a liñas de distribución e subestacións de enerxía eléctrica, establecida no Real decreto lei 37/1977, do 13 de xuño, sobre atribucións dos peritos industriais. Esta determinación foi ratificada pola Sentenza do 9 de xullo de 2002, do Tribunal Supremo, ditada no ámbito do recurso de casación núm. 7785/1994, que se sustenta na idea de que «na asignación de atribucións dos antigos peritos que a favor dos enxeñeiros técnicos fai o artigo 2.4 da Lei 12/1986, non hai ningunha limitación por razón de especialidade, e que isto fai que esas atribucións teñan que considerarse xenéricas», polo que os enxeñeiros técnicos «son organizados segundo especialidades e, dentro de cada unha destas, lles é recoñecida a plenitude de atribucións e facultades profesionais» pero «subsisten as antigas facultades xenéricas con límites cuantitativos», que o Real decreto lexislativo de 1977 atribúe aos antigos peritos.

Conforme o indicado,

RESOLVO:

1. Outorgar a UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada recuamento LMT BAL705, CS e substitución CT Falcoa, expediente IN407A 2022/218-4, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

2. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

3. A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante esta xefatura territorial acompañada da seguinte documentación:

As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.

Un certificado dirección final de obra en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.

Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

5. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

6. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 27 de marzo de 2024

Beatriz López del Olmo
Xefa territorial de Pontevedra