DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Luns, 22 de abril de 2024 Páx. 24902

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 12 de abril de 2024 pola que se determinan as federacións deportivas que deberán presentar informe de auditoría das contas anuais de 2023 e auditorías operativas.

Consonte o establecido no artigo 57.1 da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, a Administración deportiva autonómica ten atribuída a competencia de realizar ou solicitar auditorías financeiras ou de xestión ou operativas ás federacións deportivas galegas. Na liña da referida previsión, o artigo 37.2 do Decreto 85/2014, do 3 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, recolle que deberán presentar no rexistro «(...) un informe de auditoría das súas contas anuais aquelas federacións deportivas galegas que resulten obrigadas conforme o plan de auditorías aprobado pola Administración deportiva autonómica a inicios de cada exercicio. Anualmente incorporarase ao plan unha porcentaxe de federacións, de forma que, cada catro anos, todas presenten o dito informe».

Segundo o establecido no artigo 4 da Resolución do 5 de outubro de 2020, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se aproba o Plan de auditoría das federacións deportivas de Galicia para o período 2021-2024 e pola que se establece o procedemento para a presentación do informe de auditoría das contas anuais (código de procedemento PR947B), modificada pola Resolución do 18 de febreiro de 2021 e pola Orde do 17 de novembro de 2022, concrétase nesta orde cales son as federacións obrigadas a presentar auditoría das súas contas correspondentes ao exercicio 2023, así como as auditorías operativas ou de xestión.

Na súa virtude, no uso das facultades que teño atribuídas polo Decreto 65/2023, do 14 de xuño, polo que se nomea vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes a Diego Calvo Pouso, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto da presente orde é determinar as federacións deportivas galegas que deberán presentar o informe de auditoría das contas anuais de 2023, así como operativas ou de xestión, nos termos fixados no plan de auditorías aprobado pola Resolución do 5 de outubro de 2020, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se aproba o Plan de auditoría das federacións deportivas de Galicia para o período 2021-2024 e pola que se establece o procedemento para a presentación dos informes de auditoría das contas anuais, modificada pola Resolución do 18 de febreiro de 2021.

Artigo 2. Auditorías das contas anuais

Deberán presentar o informe de auditoría das contas anuais de 2023 as seguintes federacións deportivas galegas:

Federación Galega de Actividades Subacuáticas.

Federación Galega de Aeronáutica.

Real Federación Galega de Atletismo.

Federación Galega de Automobilismo.

Federación Galega de Bádminton.

Federación Galega de Baloncesto.

Federación Galega de Balonmán.

Federación Galega de Béisbol e Sófbol.

Federación Galega de Billar.

Federación Galega de Birlos.

Federación Galega de Caza.

Federación Galega de Ciclismo.

Federación Galega de Columbicultura.

Federación Galega de Deportes de Inverno.

Federación Galega de Deporte Adaptado.

Federación Galega de Deportes Autóctonos.

Federación Galega de Esgrima.

Federación Galega de Espeleoloxía.

Federación Galega de Esquí Náutico.

Real Federación Galega de Fútbol.

Federación Galega de Golf.

Federación Galega de Halterofilia.

Federación Galega de Hóckey.

Federación Galega de Judo e D.A.

Federación Galega de Karate de D.A.

Federación Galega de Kickboxing e Muaythai.

Federación Galega de Kung-Fu.

Federación Galega de Loita e D.A.

Federación Galega de Motociclismo.

Real Federación Galega de Motonáutica.

Federación Galega de Natación.

Federación Galega de Orientación.

Federación Galega de Pádel.

Federación Galega de Patinaxe.

Federación Galega de Pelota.

Federación Galega de Petanca.

Federación Galega de Piragüismo.

Federación Galega de Remo.

Federación Galega de Rugby.

Federación Galega de Salvamento e Socorrismo.

Federación Galega de Squash.

Federación Galega de Surf.

Federación Galega de Taekwondo.

Federación Galega de Tenis.

Federación Galega de Tenis de Mesa.

Federación Galega de Tiro ao Voo.

Federación Galega de Tiro con Arco.

Federación Galega de Tiro Olímpico.

Federación Galega de Tríatlon e P.M.

Real Federación Galega de Vela.

Federación Galega de Voleibol.

Federación Galega de Ximnasia.

Artigo 3. Das contas que se van auditar

1. Serán obxecto de auditoría as contas anuais correspondentes ao exercicio 2023.

2. A auditoría efectuarase conforme a Lei 22/2015, do 20 de xullo, de auditoría de contas, e o Real decreto 1517/2011, do 31 de outubro, polo que se aproba o Regulamento que desenvolve o texto refundido da Lei de auditoría de contas, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2011, do 1 de xullo, en todo o que non se opoña á Lei 22/2015.

3. Segundo a disposición adicional segunda do Real decreto 1491/2011, do 24 de outubro, polo que se aproban as normas de adaptación do Plan xeral de contabilidade ás entidades sen fins lucrativos e o modelo de plan de actuación das entidades sen fins lucrativos, as normas de adaptación do Plan xeral de contabilidade ás entidades sen fins lucrativos non serán de aplicación ás federacións deportivas españolas e federacións territoriais de ámbito autonómico integradas nelas nin aos clubs profesionais e asociacións deportivas declarados de utilidade pública que, atendendo aos termos da disposición transitoria quinta do Real decreto 1514/2007 polo que se aproba o Plan xeral de contabilidade, rexeranse pola Orde do Ministerio de Economía e Facenda, do 2 de febreiro de 1994, para o caso das federacións deportivas, e pola Orde do Ministerio de Economía, do 27 de xuño de 2000, no caso de clubs profesionais e asociacións deportivas, sen prexuízo de que nas contas anuais se inclúa a información que, cando teñan o carácter de utilidade pública, se require na adaptación do Plan xeral de contabilidade ás entidades sen fins lucrativos. En concreto, incluirán na memoria das contas anuais información relativa a:

a) Actividade da entidade.

b) Se é o caso, as bases de presentación e a información da liquidación do orzamento.

c) Excedente do exercicio.

d) Ingresos e gastos.

e) Aplicación de elementos patrimoniais a fins propios.

f) Cambios no órgano de goberno, dirección e representación.

g) Información sobre autorizacións outorgadas pola autoridade administrativa correspondente que sexan necesarias para determinadas actuacións.

h) Calquera outra información que sexa significativa.

Artigo 4. Auditorías operativas

1. Someteranse a unha auditoría operativa as federacións deportivas galegas de hóckey, kickboxing e muaythai, piragüismo e vela.

2. As auditorías operativas conterán a análise dos posibles puntos débiles e a correspondente proposta de recomendacións para a súa mellora.

Artigo 5. Lugar, procedemento e prazo de presentación

1. A presentación será obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado, con código PR947B, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, segundo o disposto na Resolución do 5 de outubro de 2020, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se aproba o Plan de auditoría das federacións deportivas de Galicia para o período 2021-2024 e pola que se establece o procedemento para a presentación dos informes de auditoría.

2. O prazo de presentación dos informes de auditoría, nos termos establecidos nesta orde, abrirase a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, e terá como data límite para a súa presentación o 30 de xullo de 2024 para as auditorías das contas anuais de 2023, e a do 29 de novembro de 2024 para as auditorías operativas.

Disposición adicional primeira. Empresa auditora

Para a realización dos informes de auditoría a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes ten contratado un Acordo marco para os servizos de auditoría das contas anuais de 2021, 2022, 2023 e operativas das federacións deportivas galegas. A empresa auditora contratada contactará coas federacións relacionadas nos artigos 2 e 4 para a análise e informe das contas anuais de 2023, así como para realizar as auditorías operativas, e deberá tamén emitir recomendacións referentes a aspectos detectados no sistema de control para establecer as medidas que se consideren necesarias para mellorar, corrixir ou eliminar as deficiencias atopadas. As federacións deportivas galegas deberán colaborar coa empresa ou persoa auditora facilitando o seu labor e achegando a documentación que lles sexa requirida.

Disposición adicional segunda. Réxime de recursos

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderanse interpoñer os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

1. Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

2. Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral para o Deporte para ditar, no ámbito das súas competencias, cantos actos e medidas sexan precisos para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2024

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Deportes