DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Xoves, 18 de abril de 2024 Páx. 24527

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 26 de marzo de 2024, da Xefatura Territorial de Lugo, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción, e se declara a utilidade pública, en concreto, para os efectos da urxente ocupación, dunha instalación eléctrica no concello de Sarria (expediente 2020/13-ATE).

Examinado o expediente instruído por instancia da empresa UFD Distribución Electricidad, S.A., con enderezo para os efectos de notificación na avenida de América, 38, 28028 Madrid, aprécianse os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 8.4.2020, a empresa UFD solicita autorización administrativa previa e de construción, así como declaración de utilidade pública da instalación descrita no Proxecto para CT, LMT, peche TTL814 con SAR806 (Sarria) do 9.1.2020.

Segundo. O 8.3.2022, debido ao condicionante da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil emitido durante a instrución do procedemento de autorización, UFD achega o modificado 1 do proxecto CT, LMT, peche TTL814 con SAR806 (Sarria), en que se cambia a situación do centro de transformación proxectado.

Terceiro. O 15.3.2022 e o 20.6.2022 emítense requirimentos do Servizo de Enerxía e Minas de emenda da documentación presentada, para poder continuar coa tramitación do expediente. O 24.3.2022, o 12.7.2022 e o 17.10.2022, en contestación aos requirimentos anteriores achégase documentación complementaria que completa o expediente.

Cuarto. O proxecto someteuse a información pública para os efectos previstos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, mediante a Resolución desta xefatura territorial do 28 de outubro de 2022. Esta resolución foi publicada no diario La Voz de Galicia do 4 de novembro do 2022 e no DOG do 22 de novembro de 2022, no taboleiro de anuncios desta xefatura territorial e no taboleiro de anuncios do Concello de Sarria. Con esta resolución inseríase a relación de bens e dereitos afectados.

Así mesmo, efectuouse notificación individual aos interesados incluídos na relación de bens e dereitos afectados.

Terceiro. Enviáronselles separatas relativas ao proxecto aos diferentes organismos afectados e cumpríronse os trámites establecidos no artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Cuarto. Durante o trámite de información pública non se presentaron alegacións.

Quinto. Persoal dos servizos técnicos desta xefatura territorial emitiu informe favorable sobre a solicitude obxecto deste expediente, de acordo co disposto na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro. Igualmente, unha vez revisado sobre o terreo o trazado da liña eléctrica proxectada, os referidos servizos técnicos informan que non se dá ningunha das limitacións para a imposición da servidume de paso de enerxía eléctrica a que se refire o artigo 161 do Real decreto 1955/2000, en relación co artigo 58 da Lei 24/2013, sobre os predios incluídos na relación de bens e dereitos que foi obxecto de información pública e sobre os que a empresa beneficiaria non chegou a un acordo amigable cos seus propietarios.

A este feitos son de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A esta xefatura territorial correspóndelle resolver sobre a presente solicitude, de acordo coas competencias que resultan do Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, e tendo en conta o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro (DOG nº 22, do 1 de febreiro), sobre órganos competentes para autorización de instalacións eléctricas na Comunidade Autónoma de Galicia, en relación co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Segundo. No expediente cumpríronse os trámites sinalados no artigo 53 da Lei 24/2013 e os regulamentarios previstos nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que regula o procedemento de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Terceiro. Á vista do informe técnico e do resto da documentación que figura no expediente, considérase que procede a autorización da instalación eléctrica.

Cuarto. Sen prexuízo do anterior, cómpre ter en conta que consonte o artigo 151 do citado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, en calquera momento a empresa beneficiaria e os titulares dos necesarios bens e dereitos poden convir un mutuo acordo, que causaría a correspondente conclusión do expediente expropiatorio.

De acordo co exposto e en virtude das competencias que ten atribuídas, esta xefatura territorial

RESOLVE:

Primeiro. Conceder a autorización administrativa á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. para o establecemento da instalación eléctrica denominada Proxecto para CT, LMT, peche TTL814 con SAR806 no concello de Sarria, coas seguintes características técnicas principais:

• Centro de transformación (CT) prefabricado compacto de manobra exterior con envolvente de formigón, de 250 kVA de potencia e unha relación de transformación de 20.000/400 V, en substitución do CT 27A924 Ferreiros existente que será desmontado.

• Liña de media tensión aérea a 20 kV, cunha lonxitude de 1.033 m, coa orixe no apoio nº 80 existente de tipo HV-13/1000 da liña TTL814 Sarria-Balmao, 14, condutor tipo LA-56 e final no apoio existente de tipo HV-13/1000 da liña SAR806, que actualmente sustenta o CT Ferreiros que será retirado e no cal se instalarán dous pasos aéreos soterrados (PAS). Desmontaxe do tramo da liña existente que se renova.

• Liña de media tensión soterrada a 20 kV, cunha lonxitude de 240 m, coa orixe no PAS proxectado de conexión coa LAT aérea existente, condutor tipo RHZ1 e final no PAS proxectado de conexión coa LAT aérea proxectada, con entrada e saída no CT proxectado.

Segundo. Conceder a autorización administrativa de construción para a execución do proxecto da instalación eléctrica.

Terceiro. Declarar a utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica obxecto deste expediente, o que implica a necesidade de ocupación dos bens ou da adquisición dos dereitos afectados e a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. Por isto, en cumprimento do disposto neste artigo, acórdase que polo representante da Administración se dea comezo, na data e hora que a cada interesado se lle notificará individualmente, ao levantamento das actas previas á ocupación dos predios contidos na relación de bens e dereitos publicada no diario La Voz de Galicia do 4 de novembro de 2022 e no Diario Oficial de Galicia do 22 de novembro de 2022, expostas no taboleiro de anuncios desta xefatura territorial e no taboleiro de anuncios do Concello de Sarria. Así mesmo, faise constar que ata o momento do levantamento das actas previas poderanse formular as alegacións que se consideren oportunas, para os efectos de rectificar posibles erros na relación de bens afectados que foi obxecto de publicación nos medios e nas datas anteriormente referidos. Estas alegacións deberanse presentar por escrito perante esta xefatura territorial de Economía, Industria e Innovación (Edificio Administrativo da Xunta de Galicia de Lugo, rolda da Muralla, 70, 27071 Lugo).

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

Primeira. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e cos planos que figuran no proxecto Proxecto para CT, LMT, peche TTL814 con SAR806 presentado pola empresa UFD Distribución Electricidad, S.A.

Segunda. A peticionaria asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que se manterán as condicións regulamentarias de seguridade con carácter permanente.

Terceira. Deberase cumprir canto establece a lexislación técnica de liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias, de acordo co Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, así como, de ser o caso, a lexislación aplicable ás instalacións de baixa tensión e as súas instrucións técnicas complementarias de acordo co Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, ademais do resto de normativa e directrices vixentes que sexan de aplicación.

Cuarta. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa desta xefatura territorial.

Quinta. O prazo de posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Sexta. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial o outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Esta publicación realízase igualmente para os efectos do artigo 44 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), cando os titulares dos predios propostos sexan descoñecidos, non se saiba o lugar de notificación, ou ben, intentada a notificación, non se puidera realizar e así dirixirlle ao Ministerio Fiscal as dilixencias que se produzan de conformidade co artigo 5 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía, Industria e Innovación no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da súa notificación/publicación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Lugo, 26 de marzo de 2024

Gustavo José Casasola de Cabo
Xefe territorial de Lugo