DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Mércores, 17 de abril de 2024 Páx. 24196

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 16 de xaneiro de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións de conexión de Beariz 400 kV-eixe leste, sitas nos concellos de Beariz, Boborás e O Irixo (Ourense) e promovido por Adelanta Corporación, S.A. (expediente IN408A 2020/175).

A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 15 de xaneiro de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga a autorización administrativa previa, e autorización administrativa de construción ás instalacións de conexión de Beariz 400 kV-eixe leste.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

1. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións de conexión de Beariz 400 kV eixe leste, sitas nos concellos de Beariz, Boborás e O Irixo (Ourense) e promovido por Adelanta Corporación, S.A. (expediente IN408A 2020/175).

2. Outorgar autorización administrativa de construción ao proxecto de execución Proxecto técnico instalacións de conexión Beariz 400 kV-eixe leste. Outubro 2023, redactado polo enxeñeiro técnico industrial Sergio Rodríguez Rodríguez, colexiado nº 482 do COITI Ourense (Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais), con visado V200491, do 11.10.2023.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, antes do inicio das obras Adelanta Corporación, S.A. deberá depositar un aval para garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao ambiente e do custo da restauración. O importe do aval, que fixará o órgano substantivo, será actualizable e unha parte corresponderá á fase de obras e outra á de desmantelamento e abandono das instalacións, de conformidade co disposto na DIA. Polo anteriormente exposto, este órgano substantivo fixa en 311.089 € a contía do aval, dos que 133.324 € corresponderán á fase de obras e 177.765 € á fase de desmantelamento e abandono das instalacións deste expediente.

Para a cancelación do dito aval será preciso o informe favorable do órgano ambiental, logo do levantamento dunha acta de comprobación pola inspección ambiental, conforme establece o referido Decreto 455/1996.

A solicitude de cancelación realizarase a través do órgano substantivo, e só se poderá efectuar unha vez que estean totalmente rematados os labores de restauración e integración paisaxística e logo de que a promotora acredite, mediante os informes do programa de vixilancia ambiental e calquera outra documentación que se considere oportuna de ser o caso, a suficiencia e o éxito dos traballos efectuados, tanto os referentes á restauración (coa vexetación debidamente implantada) como ás demais actuacións relacionadas coa imposición do aval ambiental.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. De acordo coas condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 3.7.2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, a promotora deberá levar a cabo unha prospección minuciosa para constatar a presenza ou ausencia de especies do Catálogo galego de especies ameazadas, e o caso de detección comunicarase á Dirección Xeral de Patrimonio Natural, xunto coas medidas que propoñan. O documento que elabore a promotora co resultado da dita prospección deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras, co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, de acordo co requirido na condición 4.3.3 da DIA.

3. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Programa de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

4. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por un técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución mediante esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano cartográfico as built en formato shape das instalacións deste expediente.

5. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial de Ourense da Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

6. En canto aos bens e dereitos afectados polas instalacións deste expediente e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a promotora cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións deste expediente, a promotora deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a eles.

7. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contado desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións, nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

8. A promotora deberá cumprir todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 3.7.2023, así como as establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

9. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

10. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou doutros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servicios públicos ou de interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

11. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

1. Con data do 24.12.2020 Adelanta Corporación, S.A. (en diante, a promotora), solicitou á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais (en diante, esta dirección xeral), a autorización administrativa previa e de construción, a aprobación do proxecto sectorial e a declaración de utilidade pública das instalacións de conexión Beariz 400 kV-eixe leste, sitas nos concellos de Beariz, Boborás e O Irixo (Ourense), ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental (en diante, Lei 8/2009, do 22 de decembro). A promotora achegou, xunto coa solicitude, o proxecto de execución, o proxecto sectorial, as separatas aos organismos e entidades afectados, a relación de bens e dereitos afectados (en diante, RBDA), o documento ambiental, e o trazado da liña de evacuación, e solicitou a tramitación de avaliación de impacto ambiental simplificada para as instalacións de referencia, de acordo co artigo 45 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

2. O 16.2.2021, esta dirección xeral solicitou, conforme o artigo 33.6 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, ao órgano competente en materia ambiental, o inicio do procedemento de consultas ás administracións públicas afectadas e ás persoas interesadas, previsto no artigo 46 da Lei 21/2013, de avaliación ambiental (en diante, Lei 21/2013). De forma simultánea, esta dirección xeral solicitou os informes recollidos no artigo 33.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, ao órgano competente en materia de territorio.

3. Con data do 25.2.2021, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático (en diante, órgano ambiental), comunicou que o proxecto se sometería a unha avaliación de impacto ambiental simplificada e que iniciaba o período de consultas ás administracións públicas e as persoas interesadas.

4. Con data do 20.7.2021, o órgano ambiental emitiu a resolución pola que se formulou o informe de impacto ambiental (en diante, IIA) do proxecto das Instalacións de conexión á rede eléctrica. Beariz 400 kV-eixe leste, nos concellos do Irixo, Boborás e Beariz (Ourense), promovido por Adelanta Corporación, S.A. (clave 2021/0051), que se fixo pública mediante o Anuncio do 21.7.202,1 do órgano ambiental (DOG núm. 148, do 4 de agosto). Cítase textualmente o que se recolle no punto «3.3. Características do potencial impacto» da devandita resolución: «Da análise da documentación avaliada e dos informes recibidos, e tendo en conta todo o anterior, despréndese a necesidade de someter o proxecto a unha avaliación de impacto ambiental ordinaria, ao considerarse que a configuración seleccionada pode ter impactos ambientais significativos sobre a hidroloxía e é necesario unha análise en profundidade das alternativas que se debe levar a cabo por medio da elaboración dun estudo de impacto ambiental para evitar as ditas afeccións, así como unha mellora da integración paisaxística, e valorar as repercusións que terá o proxecto en todos os demais elementos do medio».

O 21.7.2021, o órgano ambiental notificoulle a esta dirección xeral a resolución do IIA, xunto coas consideracións sobre a amplitude e nivel de detalle que debía ter o estudo de impacto ambiental (en diante, EIA), que elaborará a promotora.

O 9.8.2021 comunicouse a promotora a resolución do IIA, xunto coas consideracións achegadas polo órgano ambiental.

5. O 29.9.2021 mediante resolución desta dirección xeral declarouse a tramitación de urxencia do procedemento administrativo das instalacións de conexión Beariz 400 kV-eixe leste (expediente IN408A 2020/175), de acordo co establecido no artigo 44.2 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento de implantación de iniciativas empresariais en Galicia, e no artigo 33 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, o que supón a redución á metade dos prazos establecidos para o procedemento ordinario, salvo os relativos á presentación de solicitudes e recursos.

6. O 8.11.2021, a promotora solicitou a avaliación de impacto ambiental ordinaria, conforme a Lei 21/2013, e achegou o EIA, e entre outros documentos técnicos, as separatas ao proxecto técnico para o Concello do Irixo, o Concello de Boborás, Concello de Beariz, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana, Red Eléctrica de España, S.A., Unión Fenosa Distribución, S.A. O 29.11.2021, a promotora achegou un novo EIA, para a tramitación da avaliación ambiental ordinaria, en resposta aos requirimentos desta dirección xeral de adecuar a documentación ambiental.

7. O 22.12.2021, esta dirección xeral remitiu a documentación do expediente á Xefatura Territorial de Ourense (en diante, xefatura territorial), por ser a unidade tramitadora e para os efectos de que se continuase coa tramitación ata a remisión do expediente completo, de acordo co indicado no artigo 33.9 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

8. Mediante o Acordo do 28.12.2021, da xefatura territorial, sometéronse a información pública as solicitudes de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, e a necesidade de urxente ocupación, a autorización administrativa de construción, o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e o estudo de impacto ambiental do proxecto de instalacións de conexión Beariz 400 kV-eixe leste, sitas nos concellos de Beariz, Boborás e O Irixo, da provincia de Ourense (expediente IN408A 2020/175).

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) núm. 5, do 10.1.2022, por un prazo de quince (15) días, e no xornal La Región do 7.1.2022. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios do Concello de Beariz, Concello de Boborás e do Concello do Irixo, que non consta que remitise o certificado de exposición pública. Asemade, o dito acordo estivo exposto nas dependencias da Xefatura Territorial de Ourense, e no portal de transparencia da actual Consellería de Economía, Industria e Innovación para a súa consulta pública polo tempo regulamentario.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

9. O 3.1.2022, a xefatura territorial, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, e o previsto nos artigos 127, 131 e 146 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica (en diante, RD 1955/2000), remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Concello de Beariz, Concello de Boborás, Concello do Irixo, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (en diante, CHMS), Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, UFD Distribución Electricidad S.A., Red Eléctrica de España,S.A., Aguas do Paraño, S.L. Os informes recibidos foron remitidos a promotora para a aceptación dos condicionados impostos ou para a presentación dos seus reparos.

A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

10. O 3.1.2022, no procedemento de avaliación de impacto ambiental ordinaria, a xefatura territorial iniciou o trámite de consultas aos seguintes organismos: Concello de Beariz, Concello de Boborás, Concello do Irixo, Axencia de Turismo de Galicia, CHMS, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Instituto de Estudos do Territorio, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural e Dirección Xeral de Saúde Pública, Federación Ecoloxista Galega, Sociedade Galega de Historia Natural (en diante, SGHN) e Sociedade Galega de Ornitoloxía.

A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

11. Simultaneamente, o 3.1.2022, a xefatura territorial iniciou o trámite de consultas sobre o proxecto sectorial (proxecto de interese autonómico) aos seguintes organismos: Axencia Galega de Infraestruturas, CHMS, Delegación do Goberno, Instituto de Estudos do Territorio, Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Telecomunicacións e Servizo de Enerxía e Minas.

A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

12. O 26.1.2022, a promotora presentou un escrito en que solicita que o período de información pública do expediente de referencia sexa por un prazo de trinta (30) días no canto dos quince (15) días en que xa estivo en exposición pública (DOG núm. 5, do 10.1.2022), (en diante, IP 1).

13. Vista a Sentenza nº 18/2022, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, e aínda que a mesma non adquirira firmeza e estaba sendo obxecto de impugnación e discusión en vía de casación pola Xunta de Galicia, con base no principio de seguridade xurídica e por un criterio de precaución, o proxecto de Instalacións de conexión Beariz 400 kV-eixe leste someteuse de novo a información pública por un prazo de trinta (30) días.

Así, mediante o Acordo do 25.2.2022, da xefatura territorial, sometéronse a información pública as solicitudes de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, e a necesidade de urxente ocupación, a autorización administrativa de construción, o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e o estudo de impacto ambiental do proxecto de instalacións de conexión Beariz 400 kV-eixe leste, sitas nos concellos de Beariz, Boborás e O Irixo, da provincia de Ourense (expediente IN408A 2020/175), por un prazo de trinta (30) días.

O dito acordo publicouse por un prazo de trinta (30) días no DOG núm. 57, do 23.3.2022 (en diante, IP 2) e no xornal La Región da mesma data. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios do Concello do Irixo (Ourense). Os concellos de Beariz e Boborás non remitiron os certificados de exposición pública solicitados o 29.4.2022. Asemade, o dito acordo estivo exposto no portal de transparencia da actual Consellería de Economía, Industria e Innovación para a súa consulta pública polo tempo regulamentario.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

14. A xefatura territorial, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, e o previsto nos artigos 127, 131 e 146 do RD 1955/2000, remitiulles para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Concello de Beariz, Concello de Boborás, Concello do Irixo, CHMS, Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, UFD Distribución Electricidad, S.A., Red Eléctrica de España, S.A., Aguas do Paraño, S.L. Os informes recibidos foron remitidos a promotora para a aceptación dos condicionados impostos ou para a presentación dos seus reparos.

A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

15. No procedemento de avaliación de impacto ambiental ordinaria, a xefatura territorial realizou o trámite de consultas aos seguintes organismos: Concello de Beariz, Concello de Boborás, Concello do Irixo, Axencia de Turismo de Galicia, CHMS, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Instituto de Estudos do Territorio, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural e Dirección Xeral de Saúde Pública, Federación Ecoloxista Galega, SGHN e Sociedade Galega de Ornitoloxía.

A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

16. Ao mesmo tempo, a xefatura territorial realizou o trámite de consultas sobre o proxecto sectorial (proxecto de interese autonómico) aos seguintes organismos: Axencia Galega de Infraestruturas, Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS), Delegación do Goberno, Instituto de Estudos do Territorio, Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Telecomunicacións, e Servizo de Enerxía e Minas.

A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

17. O 22.4.2022 remitiuse á xefatura territorial a documentación actualizada da promotora relativa ao proxecto das Instalacións de conexión de referencia. Con motivo da nova documentación actualizada, e tendo en conta a dita Sentenza nº 18/2022, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, someteuse o proxecto actualizado das instalacións de conexión Beariz 400 kV-eixe leste a un novo trámite de información pública por un prazo de trinta (30) días.

Mediante o Acordo do 28.4.2022, da xefatura territorial, sometéronse a información pública as solicitudes de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, e a necesidade de urxente ocupación, a autorización administrativa de construción, o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e o estudo de impacto ambiental do proxecto de instalacións de conexión Beariz 400 kV-eixe leste, sitas nos concellos de Beariz, Boborás e O Irixo, da provincia de Ourense (expediente IN408A 2020/175), por un prazo de trinta (30) días.

O Acordo publicouse no DOG núm. 88, do 6.5.2022 (en diante, IP 3), por un prazo de trinta (30) días, e no xornal La Región da mesma data. A devandita documentación tamén se expuxo no taboleiro de anuncios do Concello do Irixo (Ourense). A exposición na xefatura territorial acreditouse. A xefatura territorial achegou os xustificantes da solicitude dos certificados de exposición pública aos concellos de Beariz e Boborás, non achegados ata a data de remisión do expediente o 10.8.2022 pola xefatura territorial a esta dirección xeral.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

18. O 29.4.2022, a xefatura territorial, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, e o previsto nos artigos 127, 131 e 146 do RD 1955/2000, remitiu as separatas do proxecto de execución aos seguintes organismos e entidades para a emisión dos seus correspondentes condicionados técnicos: Concello de Beariz, Concello de Boborás, Concello do Irixo, CHMS, Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, UFD Distribución Electricidad, S.A., Red Eléctrica de España, S.A., Aguas do Paraño, S.L. Os informes recibidos foron remitidos a promotora para a aceptación dos condicionados impostos ou para a presentación dos seus reparos.

Entre outros, cómpre indicar que Aguas do Paraño, S.L. emitiu, o 21.6.2022, a súa resposta na que expoñe a súa oposición expresa. Tras a remisión a promotora para a súa contestación, solicítase a emisión do condicionado a Aguas do Paraño, S.L. con base na separata técnica.

O Concello do Irixo emitiu o informe condicionado en que formula, entre outras, cuestións ou reparos de carácter urbanístico e traslada determinadas observacións efectuadas en nome do presidente da Comunidade de montes Charco Redondo (CMVMC).

A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33.14 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución foi de dun mes desde a recepción da solicitude. Ao estaren declaradas IEP as instalacións de conexión de Beariz 400 kV-eixe leste, tal e como está mencionado no antecedente de feito sétimo, o prazo para a emisión destes condicionados técnicos será da metade do prazo indicado.

19. O 29.4.2022, no procedemento de avaliación de impacto ambiental ordinaria, a xefatura territorial iniciou o trámite de consultas aos seguintes organismos: Concello de Beariz, Concello de Boborás, Concello do Irixo, Axencia de Turismo de Galicia, CHMS, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Instituto de Estudos do Territorio, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Pública, Federación Ecoloxista Galega, Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), Sociedade Galega de Ornitoloxía e Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega).

No trámite ambiental, o 22.2.2022 a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal achegou o informe emitido o 18.2.2022 polo Servizo de Montes da xefatura territorial, por solicitude do Servizo da Propiedade Forestal, sobre o estudo de impacto ambiental (EIA) en cumprimento do trámite de consultas e no que, entre outros, se comprobou que a liña de referencia situada nos concellos do Irixo, Boborás e Beariz afecta, entre outros, trece (13) montes veciñais en man común.

– A seguir indícase, tal e como se expresan no dito informe, a identificación destes: A Ermida dos veciños de A Ermida (O Irixo); Peniña e os Chaos ou Pena Negra, dos veciños de Silvares (Peniña, etc.) (O Irixo); de Cidá, dos veciños da Parroquia da Cidá (Santa Mariña) (O Irixo); Coto de Surribas, dos veciños de Surribas (O Irixo); A Portela e A Estibada, dos veciños de Froufe (O Irixo); de Cebral, dos veciños de Cebral (O Irixo); de Parada, dos veciños da Parroquia de Parada de Labiote (San Xulián) (O Irixo); Charco e Redondo, dos veciños de Nogueiroa (O Irixo); de Espiñeiros, dos veciños de Espiñeiros (O Irixo); de Cerdeira, dos veciños de Cerdeira (O Irixo); Sonelle, dos veciños de Sonelle (Boborás); As Santas, dos veciños de As Santas (Beariz) e Chancela, dos veciños de Muradás (Beariz).

– Na proposta do informe conclúese que, ademais das afeccións indicadas anteriormente, se afectan propiedades particulares, a infraestrutura viaria e a defensa contra incendios forestais. Indícase a necesidade de constituír as faixas de biomasa descritas na Lei 3/2007 ao redor das instalacións que transporten enerxía eléctrica de xeito aéreo, de ser o caso, así como da operatividade dos puntos de auga para a carga de medios terrestres e das pistas forestais. O 22.3.2022, a promotora achega a súa resposta en que expón una serie de aclaracións e compromisos con base nas puntualizacións feitas pola dita dirección xeral.

– Entre os feitos relacionados hai que sinalar que, tras a achega de documentación actualizada, o 6.6.2022 a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal achegou o segundo informe, emitido o 30.5.2022, en que ratifica as afeccións do seu informe emitido o 18.2.2022. O 5.7.2022, a promotora achega a súa resposta en que se remite ao seu escrito presentado o 22.3.2022 como contestación ao segundo informe da dirección xeral do 30.5.2022.

Ao respecto do trámite ambiental, o 7.3.2022 a promotora achegou á xefatura territorial o documento ambiental complementario Requirimento CHMS. Xustificación Drenaxe transversal. Febreiro 2022, en contestación ao condicionado técnico da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, asinado o 14.2.2022. O 19.4.2022, a promotora achegou nova proposta ao informe da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), que invalida o anterior. A nova proposta de execución, trasladada o 19.4.2022, que substitúe a proposta inicial, denominarase en diante «proposta final».

No trámite ambiental o 14.3.2022 a promotora achegou á xefatura territorial o documento Instalacións de conexión á rede eléctrica Beariz 400 kV-eixe leste. Estudo de impacto ambiental. Anexo 14: estudo de impacto turístico. Marzo 2022, en contestación ao condicionado técnico da Axencia de Turismo de Galicia asinado o 14.2.2022 e remitido o 15.2.2022 pola xefatura territorial a promotora.

A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos. Relaciónanse os informes non emitidos no trámite ambiental na IP 3 e solicitados o 29.4.2022.

20. O 2.5.2022, a xefatura territorial realizou o trámite de consultas sobre o proxecto sectorial (proxecto de interese autonómico) aos seguintes organismos: Axencia Galega de Infraestruturas, CHMS, Delegación do Goberno, Instituto de Estudos do Territorio, Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Telecomunicacións e Servizo de Enerxía e Minas.

A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

A xefatura territorial realizou o trámite de audiencia do proxecto sectorial aos concellos afectados para dar cumprimento ao artigo 82.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, presentou alegacións o Concello do Irixo.

21. O 3.5.2022 remitiuse á xefatura territorial documentación actualizada da promotora relativa a arquivos Shapefiles V3, presentados pola promotora o 28.4.2022. A xefatura territorial remitiu a actualización aos organismos e entidades afectadas.

22. O 26.7.2022, e tras rematar o período de información pública, a xefatura territorial achegou a promotora un requirimento coa solicitude de aclaracións ao proxecto de execución, quen o 3.8.2022 contestou, substituíndo integramente o anterior documento presentado polo novo proxecto técnico:

– «Proxecto técnico instalacións de conexión Beariz 400 kV-eixe leste. Xullo 2022», visado nº V220336 do 3.8.2022.

23. O 10.8.2022, a xefatura territorial, logo de rematar a tramitación do expediente citado e de conformidade co disposto no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, remitiu o expediente do proxecto a esta dirección xeral para continuar coa súa tramitación.

Achegou o seu informe conforme non se dan as prohibicións e limitacións de servidume de paso establecidas no artigo 161 do RD 1955/2000, do 1 de decembro, e o seu informe técnico favorable relativo ao cumprimento da normativa de instalacións industriais e eléctricas das instalacións de conexión Beariz 400 kV-eixe leste, para os efectos do disposto no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro. Tamén achegou o documento resumo da tramitación feita ata a data 10.8.2022 no que se especifican, entre outros:

– Os informes solicitados o 29.4.2022 e non emitidos ata a data de remisión do expediente a esta dirección xeral.

– Na epígrafe específica «14. Proposta» indícase, tal e como se cita de xeito literal «(...) conforme coa documentación que consta no expediente na data de sinatura da proposta, emítese informe favorable sobre a solicitude de Adelanta Corporación, S.A. no que respecta á tramitación das autorizacións administrativas previa e de construción (...)».

– Así mesmo, tamén na epígrafe específica «14. Proposta» exprésase ao respecto do trámite de compatibilidade, tal e como se reproduce de xeito literal: «(...) pondo en coñecemento desa dirección xeral a existencia de aproveitamentos que puidesen resultar incompatibles para que poida iniciar o procedemento de declaración de compatibilidade ou prevalencia de utilidades públicas, segundo o número 2 do artigo 45 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, así como a continuación dos trámites ambiental e do proxecto sectorial, das instalacións de conexión Beariz 400 kV-eixe leste».

24. O 21.10.2022, esta dirección xeral, como órgano sustantivo por razón da materia, enviou ao órgano ambiental o expediente ambiental do proxecto para continuar coa tramitación de avaliación de impacto ambiental ordinaria de cara á formulación da DIA. Entre outra documentación, achegouse o EIA titulado «Instalacións de conexión á rede eléctrica. Beariz 400 kV-eixe leste. Estudo de impacto ambiental. Outubro 2021».

25. No mes de marzo de 2023, á vista do resultado das tramitacións doutros parques e liñas no ámbito, producíronse cambios que afectan os elementos de referencia para o estudo de sinerxías, así como a propia liña de evacuación LAT 132 kV Valdepereira-SEC Paraño, que forma parte do proxecto das instalacións de conexión de Beariz 400 kV-eixe leste. Hai que sinalar que, entre outras modificacións, se perde o ramal ao pórtico SEC A Estibada.

O 31.3.2023, polo anteriormente exposto, a promotora achegou a esta dirección xeral a separata «Impactos sobre a fauna por colisións con liñas e aeroxeradores (marzo 2023)» ao anexo 8 (estudo de sinerxías) do estudo de impacto ambiental, no que se actualiza o estudo de impactos sobre a fauna. Esta dirección xeral remite a separata o 14.4.2023 á Dirección Xeral de Patrimonio Natural para os efectos correspondentes, e o 20.6.2023 ao órgano ambiental como complemento para a tramitación da DIA.

26. Como consecuencia do anterior antecedente de feito e do outorgamento de DIA desfavorable para determinados parques eólicos, entre outros A Estibada, que formaba parte da infraestrutura de evacuación, o 16.6.2023 a promotora achegou a actualización dos bosquexos. Hai que sinalar que, conforme se indica na documentación, se eliminan determinados tramos de acceso debido á desafección, entre outros, do parque eólico referido A Estibada.

27. Cumprida a tramitación ambiental, con data do 3.7.2023 o órgano ambiental emitiu a resolución pola que formulou a DIA, que se fixo pública mediante o Anuncio do 4.7.2023, do órgano ambiental (DOG núm. 135, do 17 de xullo). Nesta resolución conclúese que o proxecto é ambientalmente viable sempre que cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo do documento de formulación da DIA, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto na DIA.

O 4.7.2023, o órgano ambiental notificoulle a esta dirección xeral a resolución da DIA e, con data do 22.8.2023, esta dirección xeral comunicoulle a promotora a devandita resolución.

28. O 14.7.2023, a promotora presentou nesta dirección xeral a documentación técnica refundida para continuar o procedemento en resposta ao requirimento do 1.6.2023 desta dirección xeral, e conforme o artigo 47.4 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, e o artigo 33.15 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

29. Con data do 6.9.2023, a promotora, en cumprimento do previsto no artigo 123.2 do RD 1955/2000, achegou o acordo dos titulares das instalacións con permisos de acceso e de conexión outorgados no nó Beariz 400 kV, actualizado o 27.7.2023 «Acordo de promotores relativo á compartición de infraestruturas comúns de evacuación á subestación Beariz 400 kV».

30. Na mesma data a promotora solicita, con carácter preferente, a autorización administrativa previa e de construción e que se pospoña para un posterior acto administrativo diferenciado a declaración de utilidade pública (DUP).

31. O 13.10.2023, tras advertirlle a promotora determinadas discrepancias na documentación, este achegou para tal efecto os documentos substitutivos dos presentados o 14.7.2023 e que configuran a documentación técnica refundida.

Polo que respecta ás separatas técnicas do proxecto, a promotora expuxo na declaración responsable que as modificacións do proxecto refundido non afectan o sentido dos condicionados xa emitidos polos organismos afectados, e tampouco é necesario solicitar novos informes para os efectos de outorgamento da autorización administrativa previa e autorización de construción. Ademais do exposto, a promotora reitera a solicitude da preferencia na tramitación da autorización administrativa previa e de construción e que se pospoña para un posterior acto administrativo diferenciado a declaración de utilidade pública (DUP).

O 20.10.2023, a promotora achega os documentos das declaracións responsables substitutivas das anteriores presentadas.

32. O 25.10.2023, a xefatura territorial emite o informe técnico favorable para as instalacións que se relacionan conforme o proxecto refundido indicado no antecedente de feito trixésimo cuarto, Proxecto técnico instalacións de conexión Beariz 400 kV-eixe leste. Outubro 2023, visado V200491, do 11.10.2023.

33. O 23.11.2023, a promotora achegou, entre outros, o arquivo «Capas shape Proxecto instalacións conexión Beariz 400 kV-eixe leste. Novembro 2023» en substitución dos anteriormente presentados.

34. O 21.12.2023, esta dirección xeral, no trámite de audiencia, puxo de manifesto a documentación correspondente do expediente aos interesados ou, aos seus representantes, para o cal se tiveron en conta as limitacións previstas, se for o caso, na Lei 19/2013, do 9 de decembro.

O 15.1.2024, a promotora achegou a súa contestación á alegación do 29.12.2023, formulada pola Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN).

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2024

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais