DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Venres, 12 de abril de 2024 Páx. 23512

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 1 de abril de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Lugo, polo que se publica a resolución do recurso de reposición contra o acordo de deslindamento do monte veciñal da comunidade de Bravos, concello de Ourol (expediente 118_78/2018_3DES).

Na sesión realizada polo xurado provincial o día 11.3.2024 figura o seguinte acordo:

MVMC Carranco, Chao dos Nabás, Paiomouro, Seixo do Abertido, Moles, Panda da Serra e Couteiro, pertencente aos veciños da parroquia de Bravos, no concello de Ourol (expediente 118_78/2018_3DES).

O 9.10.2023, o Xurado ditou a resolución de aprobar o deslindamento do monte veciñal en man común da comunidade de Bravos con propiedades particulares. O acordo foi publicado no Diario Oficial de Galicia o 17.11.2023.

O 1.12.2023 presentou recurso de reposición Jesús Lamelas Pillo, no cal alega, en síntese, que houbo indefensión e descoñecemento dos motivos polos que non se tomaron en consideración as súas alegacións e invoca causas de nulidade ou anulabilidade total ou parcial do procedemento por incumprimento do regulado no artigo 54 da Lei 7/2012, de montes de Galicia, e por carecer da revisión de esbozo previamente.

O 15.1.2024, o recurso foi enviado á comunidade de Bravos para que, nun prazo de 15 días, formulasen as alegacións que considerasen oportunas. A comunidade presentou a súa resposta o 2.2.2024.

O 8.2.2024, o Servizo de Montes elaborou un informe ao respecto, do cal se desprende que non houbo indefensión do recorrente no procedemento de deslindamento, nin causa de nulidade. Así mesmo, confirma que a proposta de deslindamento, tal e como exixe o procedemento, non carece de fundamento histórico e legal.

A situación parece indicar que o recorrente descoñece a localización precisa dos terreos que reclama e a base documental en que se apoia carece de referencias gráficas, e semella que non exerceu o dominio deses terreos polo descoñecemento e falta de identificación. Isto fai imposible a súa localización precisa, tal e como require o deslindamento, cuxo obxecto é determinar con precisión o perímetro do monte e recoller con cartografía precisa a súa representación.

Cabe indicar que o monte resultante tras o deslindamento reduce a súa superficie, polo que, en todo caso, se os predios reclamados estivesen dentro tras a dita modificación, xa estarían previamente dentro do perímetro do monte veciñal clasificado.

Examinado o devandito recurso de reposición, o Xurado, por unanimidade, acorda desestimalo, de conformidade cos fundamentos que se recollen na correspondente resolución.

Contra esta resolución, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación no Diario Oficial de Galicia, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Lugo, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Lugo, 1 de abril de 2024

Mª Olga Iglesias Fontal
Presidenta do Xurado Provincial de Clasificación de
Montes Veciñais en Man Común de Lugo