DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Xoves, 11 de abril de 2024 Páx. 22887

IV. Oposicións e concursos

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 1 de abril de 2024 pola que se convocan para a elección de destino as persoas aspirantes que superaron o proceso selectivo para o acceso á categoría de técnico de investigación, área de bioloxía-saúde, convocado pola Resolución do 3 de novembro de 2022.

Mediante a Resolución do 3 de novembro de 2022 (DOG do 18 de novembro) convócanse probas selectivas para cubrir tres prazas vacantes da categoría de técnico de investigación, área de bioloxía-saúde, unha pola quenda de promoción interna e dúas pola quenda de acceso libre.

Con data do 5 de marzo de 2024, o tribunal publica a relación definitiva de persoas aspirantes que superaron as probas selectivas pola quenda de acceso libre. Coa finalidade de dar cumprimento ao establecido no punto 9 da convocatoria, para que as persoas aspirantes que superaron o proceso selectivo soliciten destino,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar como anexo I a relación de persoas aspirantes que superaron o proceso selectivo e que son convocadas á elección de destino, segundo a orde que, en aplicación das bases da convocatoria, deberá seguirse para os efectos da adxudicación de destino.

Segundo. Os postos ofertados e os requisitos exixidos para a súa ocupación figuran como anexo II desta resolución.

Terceiro. No prazo máximo de cinco (5) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no taboleiro electrónico da USC, as persoas aspirantes que constan no anexo I desta resolución seleccionarán os destinos ofertados por orde de prelación a través do formulario electrónico habilitado ao respecto que figura no catálogo de procedementos da sede electrónica da USC: https://sede.usc.es/formularios/solicitudes/RHHH_eleccionDestinos.htm, para o cal empregarán os medios de identificación que se establecen na base 3.3 da Resolución do 3 de novembro de 2022 pola que se convocaba o procedemento selectivo.

Cuarto. Para a selección de destinos, a persoa aspirante deberá acceder ao sistema electrónico e proceder da seguinte forma:

Unha vez que acceda ao formulario electrónico, a persoa aspirante deberá, en primeiro lugar, elixir entre as opcións «Renuncia», «Solicitude de excedencia» ou «Escoller posto».

1º. De elixir a opción «Renuncia», a persoa aspirante que exerza esta opción quedará excluída do proceso e decaerá no seu dereito a ser nomeada persoal laboral fixo nesta categoría.

2º. Poderá elixir a «Solicitude de excedencia» sempre que cumpra os requisitos exixidos no artigo 64.2 do Convenio colectivo da USC.

3º. De elixir a opción «Escoller posto», a persoa aspirante seleccionará, por orde de preferencia, os destinos que se ofertan tendo en conta que deberá indicar, como mínimo, un número de prazas ordenadas segundo a preferencia, que sexa igual ao número de orde obtido.

Quinto. A persoa aspirante que non presente a súa solicitude de elección no prazo sinalado, ou seleccione un número de prazas inferior ao fixado no parágrafo anterior e non se lle adxudique ningún destino, ou non presentase a súa solicitude de excedencia no xeito previsto nesta resolución, seralle adxudicado o posto que lle corresponda atendendo á orde de publicación destes e ao número obtido no proceso selectivo entre os que quedasen sen adxudicar, unha vez concluído o proceso de adxudicación dos postos ás persoas aspirantes.

Contra a presente resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer un recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Non obstante, as persoas interesadas poderán interpoñer un recurso potestativo de reposición no prazo dun mes ante o órgano que a ditou. Neste caso non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo antedito mentres non se dite resolución expresa ou presunta do recurso administrativo de reposición, ao abeiro dos artigos 123 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2024

Antonio López Díaz
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela

ANEXO I

Relación de persoas aspirantes que superaron o procedemento selectivo convocadas á elección de destino

Quenda de acceso libre:

Número de orde

DNI

Apelidos e nome

1

***3766**

Romero Chouza, David

2

***2936**

Prado Vázquez, Alba Noelia

ANEXO II

Relación de prazas que se ofertan:

Código

Denominación e unidade de adscrición do posto

Quenda

Campus

PL000404

Técnico de investigación, área de bioloxía-saúde. Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría

Mañá

Lugo

PL001321

Técnico de investigación, área de bioloxía-saúde. Facultade de Veterinaria

Mañá

Lugo