DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Xoves, 11 de abril de 2024 Páx. 22910

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 14 de marzo de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa do desmantelamento parcial dunha planta de coxeración existente e a autorización administrativa previa e de construción da hibridación da planta resultante cunha nova instalación solar fotovoltaica para autoconsumo con excedentes que Rodonita Energía, S.L. promove no concello da Laracha (A Coruña).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Rodonita Energía, S.L. en relación coa autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción do desmantelamento parcial dunha planta de coxeración existente e a súa hibridación cunha nova instalación solar fotovoltaica para autoconsumo con excedentes, constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. Con data do 30 de xuño de 1994, a Dirección Xeral de Industria resolveu autorizar unha planta de coxeración titularidade de Epifanio Campo, S.A. nas súas instalacións de Lendo, concello da Laracha (A Coruña), e concederlle a condición de autoxerador eléctrico.

Segundo. Con datas do 28 de agosto e do 16 de decembro de 1997, a Dirección Xeral de Industria aprobou en dúas fases, mediante senllas resolucións, os proxectos reformados de execución da primeira e segunda fase da planta de referencia.

Terceiro. A instalación contou coas autorizacións parciais de posta en marcha expedidas pola Delegación Provincial da Consellería da Coruña, do 3 de setembro de 1997 e do 14 de xullo de 1998, asociadas ambas as dúas ás aprobacións de proxecto do 28 de agosto e do 16 de decembro de 1997, respectivamente. Ademais, a planta conta coa acta de posta en servizo do 16 de abril de 1999, a cal comprende as anteriores dúas autorizacións parciais, e na cal se detallan as características finais da planta de coxeración, cunhas instalacións electromecánicas que consistían en:

1. Cinco motores a gasóleo de 1.320 kW cada un.

2. Cinco xeradores de 1.572 kVA de potencia cada un e factor de potencia de 0,8.

3. Dous transformadores de 4.500 kVA e de 3.000 kVA de potencia.

4. Un transformador para servizos auxiliares de 400 kVA e relación de transformación de 20/0,38 kV.

5. Aparellaxe eléctrica de protección, medida, sinalización e interconexión coa rede de distribución.

Cuarto. Con data do 26 de febreiro de 1998, a Dirección Xeral de Industria resolveu inscribir no Rexistro de Instalacións de Produción en Réxime Especial, co número RE-98-04, a instalación de referencia.

Quinto. Con data do 12 de maio de 1999, a Dirección Xeral de Industria resolveu modificar a inscrición da planta de coxeración no Rexistro de Instalacións de Produción en Réxime Especial.

Sexto. A empresa Epifanio Campo, S.A. acordou en xunta universal do 1 de xaneiro de 2001 transformarse en sociedade limitada, que pasa a denominarse Epifanio Campo, S.L.

Sétimo. Con data do 11 de febreiro de 2002, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas resolveu modificar a inscrición da planta de coxeración no Rexistro de Instalacións de Produción en Réxime Especial co fin de recoller o cambio societario citado no antecedente de feito sexto.

Oitavo. Con data do 19 de abril de 2006, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas resolveu autorizar e incluír no réxime especial de produción de enerxía eléctrica regulamentado polo Real decreto 436/2004, do 12 de marzo, polo que se establece a metodoloxía para a actualización e sistematización do réxime xurídico e económico da actividade de produción de enerxía eléctrica en réxime especial, unha modificación das instalacións electromecánicas da planta de referencia.

Noveno. Con data do 14 de xuño de 2006, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas resolveu aprobar o proxecto de execución da citada modificación.

Décimo. Con data do 7 de xullo de 2006, a Delegación Provincial da Consellería de Innovación e Industria da Coruña autorizou a posta en servizo da modificación referida anteriormente, e que consistía na substitución dos grupos existentes por cinco novos grupos motor-xerador a gas natural, coas seguintes características unitarias básicas:

– Réxime de consumo de gas de 3.309 kW.

– Motor cunha potencia mecánica ao eixe de 1.400 kW.

– Xeradores trifásicos de gas Deutz, tipo TCG2020V16, de 1.681 kVA, que traballando cun factor de potencia de 1 e cun rendemento do 97,5 % subministran unha potencia eléctrica activa de 1.365 kW.

– Rendemento eléctrico do grupo do 41,3 %.

– Tensión de xeración de 660 V.

– Frecuencia de 50 Hz.

Décimo primeiro. Con data do 22 de setembro de 2006, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas resolveu inscribir a planta de coxeración modificada no Rexistro de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia, co número RE-06-33.

Décimo segundo. Con data do 19 de agosto de 2008, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas resolveu autorizar o cambio de titularidade e subrogación dos dereitos e obrigas asumidos en virtude das autorizacións administrativas outorgadas para a instalación de coxeración que Epifanio Campo, S.L. posúe en Lendo, concello da Laracha (A Coruña), a favor de Rodonita Energía, S.L.

Décimo terceiro. Con data do 5 de novembro de 2008, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas resolveu modificar a inscrición no Rexistro de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia da central de coxeración, de acordo do cambio de titularidade recollido no antecedente de feito décimo segundo.

Décimo cuarto. Con data do 5 de agosto de 2022, Rodonita Energía, S.L. solicitou ante a Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Coruña (actualmente Consellería de Economía, Industria e Innovación), en diante, xefatura territorial, o desmantelamento parcial da planta de coxeración da súa titularidade situada no concello da Laracha (A Coruña) consistente principalmente no desmantelamento de dous dos cinco motores que conforman a planta. Na mesma data, mediante unha nova solicitude, a citada empresa solicitou a autorización administrativa previa da hibridación da planta de coxeración resultante do desmantelamento parcial mencionado cunha nova instalación solar fotovoltaica para autoconsumo con excedentes.

Décimo quinto. Con data do 29 de marzo de 2023, a Xefatura Territorial remitiu ao operador do sistema (REE) unha separata do proxecto de desmantelamento parcial da planta de coxeración de referencia co fin de que este emita o correspondente informe de acordo co recollido no artigo 53.5 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e emite un informe do 13 de abril de 2023 sobre a solicitude de peche parcial da planta de coxeración, no cal se indica que este non incide na garantía de cobertura da demanda nin na seguridade do sistema da rede de transporte.

Na mesma data, a Xefatura Territorial remitiu á Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CMNC) unha separata do proxecto de desmantelamento co fin de que esta emita informe previo sobre a autorización de peche de acordo co recollido no artigo 138 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e non recibiu resposta no prazo establecido polo que se entende a conformidade co proxecto de desmantelamento.

Décimo sexto. Con data do 13 de abril de 2023, a Xefatura Territorial remitiu ao Concello da Laracha unha separata do proxecto de desmantelamento parcial da planta de coxeración de referencia co fin de que formule o condicionado técnico procedente de acordo co recollido no artigo 47 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, e non recibiu resposta no prazo establecido polo que se entende a conformidade co proxecto de desmantelamento e se continúa coa tramitación tal como indica o citado artigo.

Décimo sétimo. Con data do 1 de agosto de 2023, Rodonita Energía, S.L. solicita ante a Xefatura Territorial a agrupación dos expedientes correspondentes ao desmantelamento parcial da planta de coxeración da súa titularidade situada no concello da Laracha (A Coruña), código de expediente IN408A 2005/19, e a hibridación da planta de coxeración consecuencia do desmantelamento parcial cunha nova instalación solar fotovoltaica para autoconsumo con excedentes, código de expediente IN408A 2022/5-1, co fin de efectuar a súa tramitación conxunta.

Décimo oitavo. Con datas do 2 de febreiro de 2024 e do 19 de febreiro de 2024 requíreselle a Rodonita Energía, S.L. documentación adicional necesaria para continuar coa tramitación do procedemento. A empresa achegou a documentación requirida con datas do 14 de febreiro de 2024 e do 20 de febreiro de 2024.

Décimo noveno. Con data do 4 de marzo de 2024, a Xefatura Territorial da Coruña informou sobre o procedemento de autorización administrativa previa e de construción de referencia, e non observou impedimento para a continuidade da súa tramitación.

Vixésimo. A hibridación da planta de coxeración resultante do desmantelamento parcial coa nova instalación solar fotovoltaica para autoconsumo con excedentes conta cos dereitos de acceso e conexión á rede de distribución, de acordo co informe emitido o 5 de outubro de 2023 por UFD Distribución Electricidad, S.A., actualizados para unha potencia nominal de 5.250 kW, dos cales 2.000 kW empregaranse como hibridación fotovoltaica. Así mesmo indica que a data de emisión destes permisos é o 28 de novembro de 2022.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Segundo. O artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, establece que para a posta en funcionamento de novas instalacións de transporte, distribución, produción e liñas directas previstas na mencionada lei ou modificación das existentes requirirá de autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e autorización de explotación, que terán carácter regrado, e correspóndelle neste caso o seu outorgamento á Administración autonómica.

Terceiro. De acordo co Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, correspóndelle á Dirección Xeral competente en materia de enerxía a competencia para outorgar a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción desta instalación.

Cuarto. A hibridación da planta de coxeración existente, resultante do desmantelamento parcial, coa nova instalación solar fotovoltaica para autoconsumo con excedentes non precisa someterse a trámite de avaliación ambiental ao non atoparse prevista nos supostos recollidos na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, e na Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.

Quinto. Segundo o recollido no artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, a hibridación da planta de coxeración existente, resultante do desmantelamento parcial, coa nova instalación solar fotovoltaica para autoconsumo con excedentes está exenta do trámite de información pública. Así mesmo, a promotora non solicitou a declaración de utilidade pública.

Sexto. Na tramitación tivéronse en conta as normas de procedemento contidas na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, no Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión e as súas instrucións complementarias, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, no Real decreto 413/2014, do 6 de xuño, polo que se regula actividade de produción de enerxía eléctrica a partir de fontes de enerxía renovables, coxeración e residuos, no Real decreto 244/2019, do 5 de abril, polo que se regulan as condicións administrativas, técnicas e económicas do autoconsumo de enerxía eléctrica, na Instrución 2/2021, do 4 de marzo, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, sobre a tramitación administrativa e os requisitos técnicos aplicables ás instalacións de xeración asociadas ás modalidades de autoconsumo, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

De acordo co que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa á sociedade Rodonita Energía, S.L. para o desmantelamento parcial dunha planta de coxeración existente situada no concello da Laracha (A Coruña) segundo o proxecto denominado Proxecto de desmantelamento de dous motores de coxeración nas instalacións de Rodonita Energía no termo municipal da Laracha, provincia da Coruña, asinado polo enxeñeiro industrial Pedro Antas Pérez o 4 de abril de 2023, colexiado núm. 520 do ICOIIG.

Os datos principais deste proxecto son:

Desmantelamento dos grupos 1 e 5 da planta de coxeración gas natural de 6.825 kW e que fornece de enerxía térmica e eléctrica a Cerámica Campo. Os elementos que se desmantelan nestes grupos son:

– Grupo motor-xerador, sistema de refrixeración, sistema de lubricación, sistema de combustible, sistema de arranque, sistema de control, xestión e mando, sistema de admisión e sistema de escape e aproveitamento ata o entroncamento común.

A instalación de coxeración resultante tería as seguintes características técnicas:

– 3 grupos motor-xerador a gas natural coas seguintes características unitarias básicas:

a) Réxime de consumo de gas de 3.309 kW.

b) Motor cunha potencia mecánica ao eixe de 1.400 kW.

c) Xeradores trifásicos da casa Deutz, tipo TCG 2020V16, de 1.681 kVA, cun rendemento do 97,5 % (cos φ = 1) – 96,1 % (cos φ = 0,8), subministra unha potencia eléctrica activa de 1.365 kW (4.095 kW total da planta).

d) Rendemento eléctrico do grupo do 41,3 %.

e) Tensión de xeración de 660 V.

f) Frecuencia de 50 Hz.

– Para a elevación de tensión: transformadores de potencia de 3.000 e 4.500 kVA, cunha relación de transformación de 0,66/15 kV, así como un de 400 kVA e 15/0,4 kV para servizos auxiliares.

– Instalación cos preceptivos sistemas de protección, manobra, mando, control, interconexión coa liña de distribución e os correspondentes sistemas de posta a terra.

– Aparellaxe MT composta de:

• 1 cela de 15 kV de protección de liña.

• 1 cela de 15 kV de medida-remonte de barra.

• 1 cela de 15 kV de protección xeral.

• 1 cela de 15 kV de protección dos xeradores.

• 1 cela de 15 kV de medida de tensión de sincronismo.

• 1 cela de 15 kV de protección CT da fábrica.

– Enerxía eléctrica exportada prevista: 29.990 MWh/ano (7.800 h/ano).

– Rendemento térmico previsto referencia para cálculo REE (rendemento eléctrico equivalente): 86,83 %.

Segundo. Outorgar autorización administrativa previa e de construción para a hibridación da planta de coxeración resultante cunha nova instalación solar fotovoltaica para autoconsumo con excedentes que a empresa solicitante posúe na mesma localización no concello da Laracha (A Coruña) segundo o proxecto denominado Proxecto técnico instalación fotovoltaica de autoconsumo de 2.406 kWp con venda de excedentes no acollidos a compensación, asinado pola enxeñeira de Montes Luz María Lavia Buceta o 16 de xuño de 2023, colexiada núm. 6.087 do COIMM, así como os anexos ao citado proxecto asinados polo enxeñeiro industrial Camilo José González Fernández o 26 de outubro de 2023, colexiado núm. 1.312 do ICOIIG.

As características principais da hibridación de referencia son as seguintes:

Solicitante/promotora: Rodonita Energía, S.L. (CIF B36046498).

Domicilio social: lugar Arnosa, nº 35, Vilalonga, Sanxenxo (Pontevedra).

Situación: concello da Laracha (A Coruña).

Potencia instalada planta fotovoltaica: 2.362 kW.

Potencia instalada hibridación (fotovoltaica+coxeración): 6.457 kW.

Potencia instalada evacuable hibridación: 5.250 kW.

Potencia instalada evacuable planta fotovoltaica de autoconsumo: 2.000 kW.

Os datos principais deste proxecto son:

Instalación de central fotovoltaica de autoconsumo de 2.362 kW de potencia coas seguintes características:

– Produción anual estimada: 3.112,76 MWh/ano.

– Conexión: en AT á cela MT específica situada no CPMC proxectado e de aquí ao CT particular da empresa.

– LMTS a 15 kV de 170 metros, condutor tipo RHZ1-OL 12/20 kV 95 mm2, coa orixe no CPMC proxectado e remate no CT de fábrica. Esta liña discorrerá directamente soterrada en gabia.

– Xerador:

• 5.174 paneis fotovoltaicos de 465 Wp instalados en cuberta de naves da fábrica e interconectados cos inversores en cable tipo solar ZZ-F (AS) 0,6/1 kV, PV H1Z2Z2-K, 2×6 mm2.

• 8 inversores (6 de 320 kW nominal –352 kW máx.– e 2 de 125 kW), para instalar nun local independente, conectados por un condutor tipo XZ1 (S) 0,6/1kV 3×150 mm2 ao correspondente cadro de proteccións AC-BT e destes ao cadro de proteccións xeral AC-BT e desde este cadro vai a trafo elevador mediante condutor de sección 5×(4×1×240) mm2 + 5×1×120 mm2.

• CT e CPMC en envolvente prefabricada que terá os seguintes elementos principais:

- A tensión de xeración a 800 V elevarase a 15 kV mediante trafo elevador de 2.500 kVA con relación de transformación de 0,8/15 kV.

- CPMC: celas 1P (protección trafo xerador)+1R (remonte)+1M+1L (con entrada coxeración existente en fábrica)+1P (protección trafo fábrica).

• Trafo de SS.AA. de 5 kVA e relación de transformación 0,8/0,4 kV para instalar no mesmo local que os inversores.

– Reforma do CS de fábrica. Substitución das celas existentes por:

• 2 celas de remonte de liña: 1L (entrada liña da central de coxeración da fábrica) + 1 L (saída ao punto de volcado no embarrado do CS-CT existente).

• 1 cela de liña de entrada da central fotovoltaica proxectada.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

1ª. A instalación terá que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxectos de execución referidos no punto primeiro e segundo da parte dispositiva desta resolución.

2ª. Deberá cumprirse, en todo momento, canto establece o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, o Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión, e as súas instrucións complementarias, así como a demais normativa e directrices vixentes que sexan de aplicación.

3ª. Para introducir modificacións que afecten datos básicos do proxectos será necesaria a previa autorización previa desta dirección xeral. Pola súa banda, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Industria e Innovación da Coruña poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e deberá comunicarlle a este centro directivo todas as resolucións que dite en aplicación da devandita facultade.

4ª. Unha vez construídas as instalacións, o titular presentará unha solicitude de autorización de desmantelamento e autorización de explotación de acordo co establecido no artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no artigo 132.1 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, perante a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Industria e Innovación da Coruña, co fin de que esta efectúe a inspección da totalidade das obras e montaxes efectuadas e verifique o cumprimento dos compromisos contraídos por Rodonita Energía, S.L. e dos condicionados impostos nesta resolución para o cal deberá achegar a documentación requirida na ITC-RAT 22 do Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

5ª. Logo de obter a autorización de desmantelamento e de explotación mencionadas no parágrafo anterior o promotor deberá solicitar a modificación da inscrición da instalación no Rexistro Administrativo de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica da Comunidade Autónoma de Galicia de acordo co recollido nos artigos 39 e 40 do Real decreto 413/2014, do 6 de xuño, polo que se regula actividade de produción de enerxía eléctrica a partir de fontes de enerxía renovables, coxeración e residuos.

6ª. O prazo para a posta en servizo das instalacións será dun mes contados a partir da data de notificación da obtención do último permiso necesario para executar a instalación. Se transcorrido o dito prazo aquela non tivo lugar, poderá producirase a caducidade destas autorizacións.

7ª. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

8ª. Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra este acto, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2024

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais