DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Xoves, 11 de abril de 2024 Páx. 22958

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 27 de marzo de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución do expediente de clasificación como veciñal en man común do monte denominado Pena Maior ou Costa do Faro, a favor dos veciños do lugar de Ourín, na parroquia de San Martiño de Asperelo, do concello de Rodeiro (Pontevedra).

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 45.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en sesión que tivo lugar o 28 de febreiro de 2024, baixo a presidencia de Antonio Crespo Iglesias, xefe territorial, coa asistencia dos vogais: Amalia Elsa Pazos Pintos, xefa do Servizo de Montes; Xosé Carlos Morgade Martínez, representante das CMVMC da provincia; Xesús Santaló Ríos, representante do Colexio de Avogados da Provincia; Rubén Otero Deza e Francisco Carlos Lamas Rodríguez, representantes dos veciños do lugar de Ourín, e do secretario do xurado, José Alberto Cousido Fernández, funcionario adscrito ao Servizo Xurídico Administrativo, adoptou a seguinte resolución:

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 6.11.2018, Rubén Otero Deza, en representación dos veciños do lugar de Ourín, parroquia de San Martiño de Asperelo, concello de Rodeiro, insta a clasificación como monte veciñal en man común (en diante, MVMC) da parcela Pena Maior ou Costa do Faro a favor dos veciños do lugar de Ourín, concello de Rodeiro, provincia de Pontevedra:

Parcela: Pena Maior ou Costa do Faro.

Referencias catastrais: 36047A12001139, 36047A12001140 e 36047A12001141 e parte das 36047A12001137 e 36047A12001138.

Superficie: 55,96 ha.

Linde norte: MVMC de Santa Baia de Camba.

Linde sur: MVMC de Barrio (Asperelo) e camiño.

Linde leste: MVMC de Esmeriz, concello de Chantada (Lugo).

Linde oeste: parcela de 441 de Purificación Novoa Fernández, parcela 328 de Jaime Montes González, parcela 410 de Manuel Jorge Bardelás, parcela 419 de Manuel Lamas Bernárdez e parcela 358 de Ramón Albor Gómez.

Coa solicitude xúntase a seguinte documentación:

– Acta de constitución da xunta reitora provisional e relación de comuneiros.

– Planimetría da parcela Pena Maior ou Costa do Faro asinado polo enxeñeiro técnico agrícola colexiado núm. 579.

Durante a tramitación do expediente achegan a seguinte documentación para acreditar o aproveitamento veciñal en man común por parte dos veciños do lugar de Ourín, parroquia de San Martiño de Asperelo.

– O 17.7.2019 achegan escrito aclarando que o monte Pena Maior ou Costa do Faro chega ata o límite da provincia de Lugo.

– O 9.10.2019 achegan informe histórico asinado pola doutora en Xeografía e Historia colexiada núm. 6694, no que se fundamenta e xustifica a pertenza e uso consuetudinario do monte Ourín por parte dos veciños do lugar de Ourín.

– Declaracións xuradas dos veciños do lugar de Ourín do aproveitamento conxunto dos veciños e de participación nas labores de plantación co ICONA.

Segundo. O 19.2.2019 o xefe da Sección de Topografía informa da posibilidade de identificación da parcela Pena Maior ou Costa do Faro:

«(...) Solicítase a clasificación dun terreo de 57,48 ha sito na ladeira oeste do monte Faro, parroquia de Asperelo, no concello de Rodeiro. Salvo 1,52 ha que, segundo os datos do Instituto Xeográfico Nacional (en diante, IXN) e o Servizo de Montes do Departamento Territorial de Lugo, montan na provincia de Lugo.

– A solicitude inclúe a totalidade das parcelas catastrais 36047A12001139, 36047A12001140, 36047A12001141, máis case todas as parcelas 36047A12001137 e 36047A12001138.

– A solicitude solápase coa solicitude de xuño de 2018 dos veciños de Asperelo, este solapamento é de 25,85 ha.

– Segundo os datos achegados polo Servizo de Montes do Departamento Territorial de Lugo, a solicitude solápase co monte con pertenza da CMVMC de Esmeriz, parroquia de Requeixo, concello de Chantada, provincia de Lugo. Este solapamento é de 1,52 ha».

Terceiro. O 9.7.2019 o Xurado de MVMC de Pontevedra acorda incoar e acumular as solicitudes dos veciños do lugar de Asperelo e dos veciños do lugar de Ourín e non incoar a parcela de 1,52 ha, dado que, segundo o IXN e o Servizo de Montes de Lugo se atopan na provincia de Lugo. Noméase instrutor a Víctor Abelleira Argibay.

Cuarto. O 12.3.2020, a xefa da Área de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra emite informe preceptivo do Servizo de Montes:

«Primeiro. As dúas solicitudes encóntranse na ladeira oeste do Monte Faro.

No Monte Faro existe un consorcio activo co núm. de elenco PO-2305 de 284 ha, asinado coa Comunidade de Couso, propietaria do Monte Faro e Pena Maior de 73,60 ha.

Segundo. Da revisión da documentación achegada ao expediente polos solicitantes, dos informes da Sección de Topografía e da inspección en campo realizada con data do 12.2.2019, dedúcese a información seguinte:

1. As parcelas catastrais afectadas na súa totalidade polas dúas solicitudes son: 36047A12001139; 36047A12001140; 36047A12001141 máis 58.687 m2, da parcela 36047A12001137 que linda coas parcelas anteriores.

A diferenza radica na parcela 36047A12001138. A solicitude de Ourín comprende case toda a parcela 36047A12001138, exceptuando os camiños e a solicitude de Asperelo toda a parcela catastral, incluíndo os camiños.

A superficie solicitada polos veciños de Asperelo é de 64,59 ha e a superficie solicitada polos veciños de Ourín é de 57,48 ha.

Todas as parcelas se encontran en catastro a nome do comunal de Asperelo.

2. Accédese a este terreo solicitado polos veciños de Asperelo e polos veciños de Ourín, pola pista asfaltada de acceso ao parque eólico e ao Miradoiro do Monte Faro (parte da parcela 36047A12001137), onde se encontran as oficinas do parque eólico e a Torre de Vixilancia de Incendios de Lugo. A superficie está limitada ao norte, leste e sur pola parcela 36047A12001137. Ao leste, pola pista asfaltada de acceso ao parque eólico, ao norte por un cortalumes e ao sur por unha pista de terra.

Parte desta parcela 1137 é unha pista de terra que divide o terreo solicitado de norte á sur e separa a parcela 1138 das parcelas 1139, 1140 e 1141, todas elas do polígono 120.

Ao terreo solicitado só polos veciños de Asperelo, que é unha parte da parcela 36047A12001138, accédese directamente pola estrada OU-406. Este terreo comprende camiños de acceso ás parcelas de particulares e ao propio monte que se desexa clasificar, estando limitada toda ela por muros de pedra.

3. A parcela catastral 36047A12001139 está poboada por unha repoboación de piñeiro silvestre anterior a 1990 realizada pola Administración no consorcio PO-2305.

A parcela catastral 36047A12001141 tamén está poboada por unha repoboación de piñeiro silvestre de 1995 realizada tamén pola Administración no consorcio PO-2305.

A parcela 36047A12001140 non se repobou e deixouse como aparcadoiro. Agora está poboada por un substrato arbustivo e subarbustivo ao igual que o resto do terreo formado por xestas, toxos, urces e silvas.

A parcela 36047A12001138 ten algún carballo de pequeno tamaño (10-15 cm de diámetro) e un estrato arbustivo e subarbustivo formado por xestas, toxos, urces e silvas.

4. Non se aprecia ningún uso definido».

Quinto. O 4.2.2021 o Xurado de MVMC de Pontevedra acorda o cambio de instrutor do expediente de clasificación e pasa a ser Amalia Elsa Pazos Pintos.

Sexto. O 30.6.2021, o Rexistro da Propiedade de Lalín certifica que os predios dos que se insta a clasificación non se atopan inscritos no Rexistro. Ordénase as anotacións preventivas no Rexistro da Propiedade de Lalín, notifícase o trámite de audiencia, publícase edicto no Concello de Rodeiro e no Diario Oficial de Galicia (DOG) o Anuncio do 9 de setembro de 2021, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica o acordo de inicio do expediente de clasificación dos montes comunales de Asperelo e Pena Maior ou Costa do Faro, a favor da veciñanza de Asperelo e de Ourín, parroquia de Asperelo, concello de Rodeiro (DOG núm. 183, do 22 de setembro).

Sétimo. O 9.8.2021 o presidente da CMVMC de Barrio solicita ser parte interesada e expón que a referencia catastral 36047A12001138 (Fenteira) é comunal do lugar de Asperelo e que as referencias catastrais 36047A12001139; 36047A12001140; 36047A12001141 (Faro) indica que son de uso e aproveitamento colectivo dos lugares de Asperelo, Barrio e Ourín. Achega declaracións xuradas dos veciños do lugar de Barrio.

Oitavo. Dentro do período do trámite de audiencia recíbense alegacións de: CMVMC de Asperelo, CMVMC de Barrio, Veciños de Ourín, José Panadeiros Blanco, María de los Ángeles Baldonedo Rodríguez e Adrián Baldonedo Mengíbar.

O 6.10.2021 os veciños de Ourín alegan que a superficie solicitada é de 56,32 ha, que o monte obxecto de clasificación se denomina Pena Maior ou Costa do Faro e que se opoñen á clasificación da parcela 1138 a favor dos veciños de Asperelo, xa que, segundo o informe da doutora en Historia Pilar Rodríguez Suárez, os límites da Granxa e lugar de Ourín, pertencente inicialmente ao Mosteiro de Chantada, e dentro dos que se engloba o monte comunal do lugar de Ourín. Que no mesmo informe histórico se acredita que os veciños de Asperelo tiñan un monte de máis de 1.000 ferrados chamado Pena Millaceira, que se situaría ao oeste do lugar de Asperelo, en colindancia coas parroquias de Carboentes e Senra e co lugar de Caxide, moi afastado tanto da parcela 1138 como do monte de Ourín.

O 18.10.2021 José Panadeiros Blanco, Ángeles Baldonedo Rodríguez (secretaria de CMVMC de Barrio) e Adrián Baldonedo Mengíbar, propietarios de predios no lugar de Barrio opóñense á clasificación como MVMC dos veciños de Asperelo dos camiños da parcela 1138 do polígono 120 de Rodeiro, que estes camiños nunca foron comunais, que dan acceso a predios e aos montes comunais de Ourín e Barrio, que se atopan no PXOM de Rodeiro. Alegan que unha parte da parcela 1138 quedou sen clasificar a favor da CMVMC de Barrio e outra parte é un predio particular de José Cambeiro. O resto da parcela 1138 situada ao norte do monte de Barrio é propiedade e sempre o foi dos veciños do lugar de Ourín.

O 19.10.2021 o presidente da CMVMC de Barrio ratifícase en que se clasifiquen as parcelas 1139, 1140 e 1141 como monte comunal consuetudinario e conxunto dos lugares de Asperelo, Barrio e Ourín.

O 29.11.2021 a presidenta da CMVMC de Asperelo alega en contra das tres persoas do lugar de Barrio que presentaron alegacións o 18.10.2021: indica que unha é descoñecedora do monte e as outras dúas ocupan o MVMC e que teñen interposta demanda reivindicatoria de dominio. Ratifícanse no aproveitamento consuetudinario das parcelas 1139, 1140 e 1141 polos veciños dos lugares de Asperelo, Barrio e Ourín. Alegan que os veciños de Ourín nunca aproveitaron a parcela 1138 e que os documentos encargados a dous historiadores chegan a idéntica consideración, ben que non coinciden na zona na que se limitan os lugares e fan referencia á partilla do monte do lugar de Ourín do ano 1914, na que os veciños de Ourín dividiron e repartiron o seu monte nese momento (recoñecen a localización do linde Pena Curral). Fan referencia, pero non achegan a declaración xurada de Josefa Fernández Novoa.

O 2.12.2021 os veciños do lugar de Ourín alegan que o citado polo presidente da CMVMC de Barrio é falso porque ten interese partidario porque é veciño de Barrio e ten casa en Asperelo. Indican que o presidente participou na clasificación do MVMC de Barrio e nese momento era perfecto coñecedor da delimitación do monte que se ía clasificar e non solicitaron a clasificación do monte de Ourín porque non tiñan dereito e recoñecen no lindeiro norte da clasificación do ano 2004: devasa que limita co monte dos veciños de Ourín. Alegan que os veciños do lugar de Barrio e do lugar de Asperelo non achegan documentación que acredite o seu dereito nas parcelas 1139, 1140, 1141 e parte da 1138 e as declaracións responsables non son veraces. As pretensións dos catro veciños de Barrio e dous veciños de Asperelo rompen o patrón de aproveitamento histórico da ladeira oeste da Serra do Faro, todos os lugares da parroquia de Asperelo situados na ladeira oeste da serra, teñen o seu monte comunal, clasificado polo Xurado de Montes, uns seguidos doutros: Pereira, Couso, Barrio, Ourín e Santa Baia. Que os veciños de Asperelo non aproveitaron nin aproveitan as parcelas 1139, 1140, 1141 nin parte das 1137 e 1138, tampouco os camiños que, despois dunha modificación catastral, corresponden coas parcelas 1158, 1159 e 1160 do polígono 120.

Fóra do trámite de audiencia, o 3.1.2022, os veciños do lugar de Ourín achegan o informe pericial encargado polos veciños do lugar de Asperelo e informe do Concello de Rodeiro.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común ten a competencia para coñecer os expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter segundo o establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo. O artigo 1 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, define o monte veciñal en man común:

«Son montes veciñais en man común e se rexerán por esta lei os que, con independencia da súa orixe, as súas posibilidades produtivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e se veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade sen asignación de cotas polos membros daquelas na súa condición de veciños».

Deste xeito, para que un monte sexa declarado veciñal en man común o aproveitamento debe quedar acreditado non só nun pasado, senón tamén no presente e de forma continuada, así o establece o antedito artigo 1 da Lei 13/1989, e as diversas resolucións xudiciais que o interpretan, concluíndo que o decisivo para a inclusión dun monte na categoría de veciñal en man común é que resulte acreditada a constante posesión continuada do aproveitamento dos montes polos veciños promotores de xeito continuado.

Da lectura dos expedientes acumulados despréndese:

– Non existe dúbida da pertenza comunal dos terreos solicitados para a súa clasificación: a solicitude inclúe a totalidade das parcelas catastrais 36047A12001139, 36047A12001140, 36047A12001141, máis case a totalidade das parcelas 36047A12001137 e 36047A12001138.

– Revisada a superficie, segundo a cartografía dixital achegada polos veciños do lugar de Ourín, a instrutora ratifícase na superficie de 57,48 ha.

– Os veciños do lugar de Asperelo solicitan a clasificación da totalidade da parcela 36047A12001138. Parte dos terreos que teñen un uso actual de infraestrutura ou camiño non impide a súa clasificación como MVMC. Asemade, no caso de clasificarse como MVMC, estes camiños terían unha servidume obrigatoria de acceso a todos os predios existentes no monte. A CMVMC de Asperelo non presenta documentación que acredite o uso comunal das pistas solicitadas.

– O informe do Servizo de Montes indica o uso actual dos terreos solicitados para a súa clasificación: plantacións de Pinus silvestre realizadas pola Administración forestal (nese momento o ICONA) con base no consorcio número PO-2305, zona de aparcadoiro, camiños, zonas de aproveitamentos de xestas, toxos, urces e silvas.

– As alegacións presentadas polo presidente da CMVMC de Barrio e da presidenta da CMVMC de Asperelo do uso das parcelas 1139, 1140 e 1141 do polígono 120 do concello de Rodeiro como monte comunal consuetudinario e conxunto dos lugares: Asperelo, Barrio e Ourín, non acreditan proba documental do aproveitamento colectivo histórico nin actual.

– Tanto os representantes da CMVMC de Asperelo, da CMVMC de Barrio e os veciños de Ourín achegan documentación que non acredita de forma sólida o aproveitamento conxunto. Toda a documentación achegada ten data posterior ao inicio dos expedientes de clasificación. Así mesmo, é necesario aclarar que os permisos de aproveitamentos forestais se autorizan desde un punto de vista silvícola e nunca se verifica a propiedade dos terreos.

– A parroquia de San Martiño de Asperelo do concello de Rodeiro ten seis lugares: Asperelo, Barrio, Caxide, Couso, Pereira e Ourín. Segundo a información existente no Rexistro de MVMC de Pontevedra, catro lugares posúen MVMC clasificado e non o posúen o lugar de Ourín e o lugar de Caxide. O Xurado de MVMC pode clasificar por lugares ou por parroquias os montes comunais segundo se acredite o seu aproveitamento.

– A Resolución do Xurado de MVMC de Pontevedra do 28.4.2004 do MVMC de Barrio confirma que linda no norte co MVMC dos veciños do lugar de Ourín.

– Os terreos obxecto de clasificación como MVMC sitúanse na ladeira oeste da Serra do Faro (sistema montañoso que divide polo seu cume os concellos de Rodeiro e Chantada). Como se indicou de sur ao norte teñen nas zonas máis altas da Serra do Faro o MVMC clasificado por lugares: a CMVMC de Pereira, a CMVMC de Couso e CMVMC de Barrio. Os terreos solicitados para a súa clasificación sitúanse xeograficamente próximos ao lugar de Ourín, polo que, son os veciños deste lugar os que máis próximos teñen os terreos obxecto de clasificación e farían o aproveitamento dos produtos do monte.

– Os veciños do lugar de Ourín achegan informe da doutora en Xeografía e Historia Pilar Rodríguez Suárez. Do informe desprendemos:

1. Orixe foral da Granxa ou lugar de Ourín.

O primeiro foro do Mosteiro de Chantada existente data do ano 1352 a favor de Lope Sánchez e Mencía Gómez a unha voz (unha xeración máis) e catro mollos de centeo. Recoñece que:

«(...) et cubrades todals casas da villa d’Ourin ata dia Pascoa primeyra que ven et.tenades senpre este lugar d’Ourin”...este lugar d’Ourin poblado de omees lavaradores porque o mosteyro aia os seus dereytos en paz, et que facades guardar os montes et as devesas dese dito lugar».

O foro do Mosteiro de Valladolid de 1525 a favor de Leonor Enríquez tamén fai referencia ao lugar de Ourín:

«(...) a granxa e logares de Ourin en terra de Camba».

2. No apeo do Mosteiro de San Salvador de Chantada de 1537 aparece como propiedade A Granxa de Ourín. O dito mosteiro anexiónase ao Mosteiro de San Benito de Valladolid e no apeo de 1577 cítase por primeira vez os lindeiros da Granxa de Ourín e lugar de Ourín. O lugar de Ourín funciona de xeito autónomo e o monte existente é aproveitado polos aforados. Ningún veciño doutros lugares da parroquia de San Martiño de Asperelo aproveita estas terras.

3. No preito de 1703 defínense novamente os lindeiros da Granxa de Ourín e os emolumentos do común do Catastro do Marqués da Ensenada de 1753, a diferenza doutros montes da parroquia de Asperelo, e o denominan Costa do Faro. A localización segundo o Catastro do Marqués da Ensenada: o Monte de Ourín linda co monte común de Barrio, co monte común de Requeixo e co monte común de Santa Baia de Camba.

4. O informe da doutora en Xeografía e Historia obtén unha molloeira de lindeiros segundo a documentación histórica e sitúa en planimetría algúns dos lindeiros da Granxa de Ourín ou lugar de Ourín, no que se situaría o monte comunal Costa do Faro. Esta planimetría dá lugar á solicitude dos veciños de Ourín. Así mesmo, segundo o Catastro do Marqués da Ensenada, identifica o monte do lugar de Asperelo ao seu oeste.

– Os veciños do lugar de Asperelo achegan informe do licenciado en Filosofía, Letras e Ciencias Gregorio Casado González. Do informe despréndese:

1. Sintetiza o foro do 1.9.1352 entre o Mosteiro de Chantada e o fidalgo Lope Sánchez e a súa muller Mencía Gómez.

2. Sintetiza o foro do Mosteiro de San Salvador de Chantada de 1537, feito por Alonso de Moure.

3. Sintetiza e transcribe o apeo do Mosteiro de San Salvador de Chantada de 1577, feito por Francisco Fernandez. Aparecen os lindeiros da Granxa ou lugar de Ourin.

4. Sintetiza e transcribe o preito de 1703 e executoria entre o Mosteiro de San Benito de Valladolid e Chantada con Benito Enríquez Sarmiento e outros sobre os lugares de Quintela de Campelo, Pereira, Granja de Urín, lugar de Villavor, Villanueva e outros. Neste expediente atópanse declaracións de testemuñas que declaran os lindeiros do lugar de Ourín.

5. Sintetiza e transcribe a 3ª pregunta do Interrogatorio da Única Contribución ao Catastro do Marqués da Ensenada como complementaria para comprobar se os marcos de pechan a freguesía pola Serra do Faro son coincidentes ou non cos declarados no resto da documentación para o lugar de Ourín.

6. O informe do licenciado en Filosofía, Letras e Ciencias obtén unha molloeira de lindeiros segundo a documentación histórica, pero non achega planimetría da súa representación.

– Os veciños do lugar de Asperelo achegan documento de partilla do monte do lugar de Ourín de 1914. Os veciños do lugar de Ourín fan a división e partición do monte veciñal de Ourín, o perito fai o deslindamento, mesura e taxa dos distintos lugares e repártese a partes iguais entre todos os veciños en diferentes cotas: Subeiro, Redondo, Fieiro, Costa de Asperelo e sobre Briallos, Lameiros e Reañadoiro, Fenteira, Gorgullos e Fonte da Oz. Revisado o documento, non existen lindeiros nin planimetría dos lugares que se reparten os veciños do lugar de Ourín, non existe referencia a que sexa a totalidade do monte comunal e non existe referencia ao monte Pena Maior ou Costa do Faro.

– Dadas as diferenzas apreciadas, durante a tramitación do expediente, entre a petición da CMVMC de Asperelo e a dos veciños do lugar de Ourín, esta instrutora considera preciso realizar propostas de clasificación por separado para as dúas entidades.

Terceiro. Coa documentación existente queda acreditado o uso e aproveitamento colectivo histórico e actual da superficie solicitada polos veciños do lugar de Ourín como MVMC (exceptuar a 1,52 ha non incoadas por pertencer á CMVMC de Esmeriz).

Coa documentación existente no expediente non queda acreditado o uso e aproveitamento histórico nin actual da superficie reclamada de aproveitamento colectivo dos lugares de Asperelo, Barrio e Ourín.

Coa documentación existente no expediente non queda acreditado o uso e aproveitamento histórico nin actual da superficie solicitada polos veciños do lugar de Asperelo.

En consecuencia, vistos os antecedentes mencionados, a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios, de xenérica e específica aplicación, o xurado por unanimidade acorda: clasificar como veciñal en man común o monte denominado Pena Maior ou Costa do Faro a favor dos veciños do lugar de Ourín (Rodeiro), de acordo coa descrición reflectida no antecedente de feito primeiro e conforme a planimetría elaborada para o efecto polo Servizo de Montes, que forma parte inseparable da presente resolución.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da presente publicación, de acordo co disposto no artigo 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 27 de marzo de 2024

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra

ANEXO

missing image file