DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Mércores, 10 de abril de 2024 Páx. 22720

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 22 de marzo de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga a autorización de desmantelamento das instalacións actuais do parque eólico Monte Redondo, así como a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción das instalacións relativas ao proxecto do parque eólico, sito no concello de Vimianzo (A Coruña) e promovido por Naturgy Renovables, S.L.U. (IN408A 2020/029).

A seguir recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 22 de marzo de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan a autorización de desmantelamento das instalacións actuais do parque eólico Monte Redondo, a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción das instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Monte Redondo,

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Naturgy Renovables, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático propón o seguinte: «Proponse como importe do aval, que será actualizable e que deberá fixar o órgano substantivo, a cantidade de 838.390 €, dos cales 359.310 € corresponden á fase de obras (incluíndo a desmontaxe do parque actual), e 479.080 €, á de desmantelamento e abandono do parque renovado».

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG nº 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).

4. As actuacións de desmantelamento das instalacións iniciais do parque eólico realizaranse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución que mediante esta resolución se aproba, así como as consideracións efectuadas pola Subdirección Xeral de Residuos de acordo co número 4.1.5 da DIA.

5. De acordo coas condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 8.3.2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, a promotora deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras de construción, cos informes favorables da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e da Dirección Xeral de Saúde Pública, de acordo cos números 4.1.2 e 4.1.3 da DIA.

6. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegarlle á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da DIA.

7. Con carácter previo á comunicación de inicio de obras, a promotora deberá acreditar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais que conta cos títulos habilitantes municipais de natureza urbanística dos terreos de implantación do parque e as súas infraestruturas de evacuación, recollidos na presente autorización administrativa de acordo co artigo 40.2 da Lei 8/2009.

8. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a promotora cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os cales mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, a promotora deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a eles.

9. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de finalización de obra subscrito por un técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que mediante esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

10. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

11. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

12. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.

13. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 8.3.2023, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

14. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia da persoa interesada.

15. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou doutros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para realizar as obras das instalacións autorizadas.

16. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

1. O 24.11.2000, mediante a Resolución da Dirección Xeral de Industria (actualmente a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais) autorizáronse as instalacións electromecánicas e aprobouse o proxecto de execución da primeira fase do parque eólico denominado Monte Redondo (expediente 15/1999) (DOG nº 2, do 3 de xaneiro de 2001).

2. O 20.2.2001, mediante a Resolución da Dirección Xeral de Industria (actualmente a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais), autorizáronse as instalacións electromecánicas e aprobouse o proxecto de execución da segunda fase do parque eólico denominado Monte Redondo, e incluíronse a primeira e a segunda fase no réxime especial de produción de enerxía eléctrica (expediente 15/1999) (DOG nº 62, do 28 de marzo de 2001).

3. O 26.12.2001 a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio (actualmente a Consellería de Economía, Industria e Innovación) da Coruña autorizou a posta en servizo do parque eólico.

4. O 14.2.2020 a promotora, Naturgy Wind, S.L.U., presentou a solicitude de autorización administrativa da modificación das instalacións de produción de enerxía eléctrica e as súas infraestruturas de evacuación do proxecto denominado Parque eólico Monte Redondo, ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, consistente en forma xeral na retirada das actuais infraestruturas (cunha potencia total de 49,50 MW, repartida en 66 aeroxeradores de 750 kW de potencia unitaria) e a instalación de novas máquinas e infraestruturas de conexión entre elas; reduciuse o número de aeroxeradores a 12 unidades, aumentou a dimensión e a potencia unitaria de cada un e modificouse a actual subestación transformadora, pero mantívose a mesma potencia total instalada. O 11.12.2020 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle á promotora o cumprimento de requisitos da súa solicitude de modificación substancial.

5. O 21.1.2021 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitoulles os informes a que facía referencia o artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, segundo a anterior redacción da lei, á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático e á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio.

6. O 23.2.2021 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental Sostibilidade e Cambio Climático emitiu a relación de organismos que deben emitir informe sobre o estudo de impacto ambiental, de acordo co previsto no artigo 33.4 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

7. O 3.3.2021 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe de referencia do artigo 33 da Lei 8/2009, onde se indica que os 12 aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación regulada no punto 2.1.1 do Psega respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable recollidas no planeamento municipal, e tamén se recollen os organismos que deben emitir un informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial.

8. O 17.2.2021 Naturgy Renovables, S.L.U. solicita a transmisión de titularidade e mediante a Resolución do 19.5.2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, autorízase a transmisión de titularidade do expediente do parque eólico Monte Redondo de Naturgy Wind, S.L.U., a favor de Naturgy Renovables, S.L.U.

9. O 17.6.2021 o Consello da Xunta de Galicia acordou declarar iniciativa empresarial prioritaria o parque eólico Monte Redondo (expediente IN408A/2020/029), promovido por Naturgy Renovables, S.L.U., e mediante a Resolución do 27 de xullo de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, declarouse a tramitación de urxencia dos procedementos administrativos correspondentes ao parque eólico Monte Redondo (expediente IN408A/2020/029), promovido por Naturgy Renovables, S.L.U., o que supón a redución á metade dos prazos establecidos para o procedemento ordinario, salvo os relativos á presentación de solicitudes e recursos.

10. O 23.7.2021 esta dirección xeral remitiulle a documentación técnica do proxecto do parque eólico Monte Redondo á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Coruña (en diante, a Xefatura Territorial) para a continuación da tramitación, de acordo co indicado no artigo 33.9 da Lei 8/2009.

11. Mediante o Acordo do 16 de agosto de 2021, da Xefatura Territorial da Coruña, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción e o proxecto de interese autonómico do proxecto Parque eólico Monte Redondo, no concello de Vimianzo (expediente IN408A 2020/29).

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia e no xornal La Voz de Galicia do 26.8.2021. Así mesmo, permaneceu exposto ao público no taboleiro de anuncios do concello afectado (Vimianzo) e nas dependencias da Xefatura Territorial da Coruña, que emitiron o correspondente certificado de exposición pública. Así mesmo, a dita resolución estivo exposta no portal web da Consellería de Economía, Empresa e Innovación (actualmente Consellería de Economía, Industria e Innovación).

12. Vista a Sentenza 18/2022, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, e aínda que esta non adquiriu firmeza e está sendo obxecto de impugnación e discusión en vía de casación pola Xunta de Galicia, con base no principio de seguridade xurídica e por un criterio de precaución, someteuse de novo a información pública durante un prazo de trinta (30) días a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental (EIA) e o proxecto de interese autonómico (PIA) do proxecto do parque eólico Monte Redondo, no concello de Vimianzo (A Coruña) (expediente IN408A 2020/29), da Xefatura Territorial da Coruña.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia e no xornal La Voz de Galicia o 28.3.2022. Así mesmo, permaneceu exposta ao público no taboleiro de anuncios do concello afectado (Vimianzo) e nas dependencias da Xefatura Territorial da Coruña, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública. Así mesmo, a dita resolución estivo exposta no portal web da Consellería de Economía, Empresa e Innovación. Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

13. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, a Xefatura Territorial da Coruña remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Augas de Galicia-Demarcación Galicia Costa, Concello de Vimianzo, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, UFD Distribución, Retegal, S.A., Retevisión-Cellnex Telecom, S.A. e EDP Renovables España.

A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia-Demarcación Galicia Costa o 9.9.2021, Concello de Vimianzo o 9.9.2021, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal o 16.9.2021, UFD Distribución o 6.9.2021 e Retevisión-Cellnex Telecom, S.A. o 17.9.2021.

O Concello de Vimianzo emitiu un informe, que versa fundamentalmente sobre aspectos de planeamento urbanístico, cualificación do solo, instrumentos de ordenación do territorio ou plans e proxectos sectoriais. Debemos sinalar que o proxecto conta co informa da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, tal e como se recolle no antecedente de feito sétimo.

A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Para o resto de organismos que non emitiron condicionado no prazo de 30 días desde a recepción da solicitude, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento, de acordo co artigo 33 da Lei 8/2009.

14. O 22.12.2021 a Xefatura Territorial remitiulle o expediente a esta dirección xeral para continuar coa tramitación do procedemento, de acordo co establecido no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

15. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronselles informes aos seguintes organismos: Augas de Galicia-Demarcación Galicia Costa, Axencia de Turismo de Galicia, Concello de Vimianzo, Subdirección Xeral de Residuos, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica e Instituto de Estudos do Territorio.

Formalizada a tramitación ambiental, o 8.3.2023 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública mediante o Anuncio do 13 de marzo de 2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (DOG nº 57, do 22 de marzo).

16. O 9.3.2023 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle á promotora a documentación técnica refundida resultante como consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizados polos distintos organismos durante a tramitación do expediente.

17. O 22.3.2023 Naturgy Renovables, S.L.U. deu resposta ao requirimento mencionado no antecedente de feito anterior presentando unha declaración responsable en que indica que a documentación definitiva foi a presentada o 26.7.2022, proxecto de execución refundido denominado Modificación do parque eólico Monte Redondo en explotación, visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia o 1.7.2022 con número 20221961, así como o arquivo shape coa configuración final do parque.

18. O 27.3.2023 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitoulle á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo informe de distancias conforme o artigo 33.7 da Lei 8/2009, nos termos indicados na disposición transitoria sétima, en relación co refundido achegado pola promotora o 26.7.2022, onde se recolle a relocalización do aeroxerador 01, debido ao informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 8.11.2021.

19. O 5.5.2023 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009, onde se conclúe que as coordenadas dos 12 aeroxeradores «cumpren a distancia mínima de 500 m coas diferentes delimitacións do solo de núcleo rural, urbano e urbanizable».

20. O 1.6.2023 Naturgy Renovables, S.L.U. deu resposta a un requirimento feito por esta dirección xeral sobre o tipo de visado do documento achegando o proxecto de execución Modificación do parque eólico Monte Redondo en explotación, asinado electronicamente o 30.5.2023 por Javier Regueira Miguéns, colexiado número 2938 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, e visado polo mesmo colexio o 1.6.2023, con número 20231753, o cal recolle a configuración final do parque, así como unha declaración responsable en que manifesta: «non é necesario solicitar novos informes sobre o condicionado técnico aos seguintes organismos/empresas de interese público ou xeral: Concello de Vimianzo, Consellería do Medio Rural, Augas de Galicia, EDP, Retegal, Cellnex e Unión Fenosa Distribución».

21. O 4.8.2023 o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe técnico sobre o proxecto refundido do parque eólico mencionado no antecedente de feito décimo noveno.

22. O 18.10.2023 a promotora presentou ante esta dirección xeral autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) do 17.10.2023.

23. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 49,6 MW, segundo o informe do xestor da rede do 21.8.2020 e do 7.6.2022.

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2024

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais