DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Mércores, 10 de abril de 2024 Páx. 22699

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 22 de marzo de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga a autorización de desmantelamento das instalacións actuais do parque eólico Monte Redondo, así como a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción das instalacións relativas ao proxecto do parque eólico, sito no concello de Vimianzo (A Coruña) e promovido por Naturgy Renovables, S.L.U. (IN408A 2020/029).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Naturgy Renovables, S.L.U. en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Monte Redondo, constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 24.11.2000, mediante a Resolución da Dirección Xeral de Industria (actualmente a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais) autorizáronse as instalacións electromecánicas e aprobouse o proxecto de execución da primeira fase do parque eólico denominado Monte Redondo (expediente 15/1999) (DOG nº 2, do 3 de xaneiro de 2001).

Segundo. O 20.2.2001, mediante a Resolución da Dirección Xeral de Industria (actualmente a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais), autorizáronse as instalacións electromecánicas e aprobouse o proxecto de execución da segunda fase do parque eólico denominado Monte Redondo, e incluíronse a primeira e a segunda fase no réxime especial de produción de enerxía eléctrica (expediente 15/1999) (DOG nº 62, do 28 de marzo de 2001).

Terceiro. O 26.12.2001 a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio (actualmente a Consellería de Economía, Industria e Innovación) da Coruña autorizou a posta en servizo do parque eólico.

Cuarto. O 14.2.2020 a promotora, Naturgy Wind, S.L.U., presentou a solicitude de autorización administrativa da modificación das instalacións de produción de enerxía eléctrica e as súas infraestruturas de evacuación do proxecto denominado Parque eólico Monte Redondo, ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, consistente en forma xeral na retirada das actuais infraestruturas (cunha potencia total de 49,50 MW, repartida en 66 aeroxeradores de 750 kW de potencia unitaria) e a instalación de novas máquinas e infraestruturas de conexión entre elas; reduciuse o número de aeroxeradores a 12 unidades, aumentou a dimensión e a potencia unitaria de cada un e modificouse a actual subestación transformadora, pero mantívose a mesma potencia total instalada. O 11.12.2020 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle á promotora o cumprimento de requisitos da súa solicitude de modificación substancial.

Quinto. O 21.1.2021 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitoulles os informes a que facía referencia o artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, segundo a anterior redacción da lei, á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático e á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio.

Sexto. O 23.2.2021 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental Sostibilidade e Cambio Climático emitiu a relación de organismos que deben emitir informe sobre o estudo de impacto ambiental, de acordo co previsto no artigo 33.4 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Sétimo. O 3.3.2021 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe de referencia do artigo 33 da Lei 8/2009, onde se indica que os 12 aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación regulada no punto 2.1.1 do Psega respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable recollidas no planeamento municipal, e tamén se recollen os organismos que deben emitir un informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial.

Oitavo. O 17.2.2021 Naturgy Renovables, S.L.U. solicita a transmisión de titularidade e mediante a Resolución do 19.5.2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, autorízase a transmisión de titularidade do expediente do parque eólico Monte Redondo de Naturgy Wind, S.L.U., a favor de Naturgy Renovables, S.L.U.

Noveno. O 17.6.2021 o Consello da Xunta de Galicia acordou declarar iniciativa empresarial prioritaria o parque eólico Monte Redondo (expediente IN408A/2020/029), promovido por Naturgy Renovables, S.L.U., e mediante a Resolución do 27 de xullo de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, declarouse a tramitación de urxencia dos procedementos administrativos correspondentes ao parque eólico Monte Redondo (expediente IN408A/2020/029), promovido por Naturgy Renovables, S.L.U., o que supón a redución á metade dos prazos establecidos para o procedemento ordinario, salvo os relativos á presentación de solicitudes e recursos.

Décimo. O 23.7.2021 esta dirección xeral remitiulle a documentación técnica do proxecto do parque eólico Monte Redondo á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Coruña (en diante, a Xefatura Territorial) para a continuación da tramitación, de acordo co indicado no artigo 33.9 da Lei 8/2009.

Décimo primeiro. Mediante o Acordo do 16 de agosto de 2021, da Xefatura Territorial da Coruña, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción e o proxecto de interese autonómico do proxecto parque eólico Monte Redondo, no concello de Vimianzo (expediente IN408A 2020/29).

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia e no xornal La Voz de Galicia do 26.8.2021. Así mesmo, permaneceu exposto ao público no taboleiro de anuncios do concello afectado (Vimianzo) e nas dependencias da Xefatura Territorial da Coruña, que emitiron o correspondente certificado de exposición pública. Así mesmo, a dita resolución estivo exposta no portal web da Consellería de Economía, Empresa e Innovación (actualmente Consellería de Economía, Industria e Innovación).

Décimo segundo. Vista a Sentenza 18/2022, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, e aínda que esta non adquiriu firmeza e está sendo obxecto de impugnación e discusión en vía de casación pola Xunta de Galicia, con base no principio de seguridade xurídica e por un criterio de precaución, someteuse de novo a información pública durante un prazo de trinta (30) días a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental (EIA) e o proxecto de interese autonómico (PIA) do proxecto do parque eólico Monte Redondo, no concello de Vimianzo (A Coruña) (expediente IN408A 2020/29), da Xefatura Territorial da Coruña.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia e no xornal La Voz de Galicia o 28.3.2022. Así mesmo, permaneceu exposta ao público no taboleiro de anuncios do concello afectado (Vimianzo) e nas dependencias da Xefatura Territorial da Coruña, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública. Así mesmo, a dita resolución estivo exposta no portal web da Consellería de Economía, Empresa e Innovación. Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

Décimo terceiro. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, a Xefatura Territorial da Coruña remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Augas de Galicia-Demarcación Galicia Costa, Concello de Vimianzo, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, UFD Distribución, Retegal, S.A., Retevisión-Cellnex Telecom, S.A. e EDP Renovables España.

A seguir relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia-Demarcación Galicia Costa o 9.9.2021, Concello de Vimianzo o 9.9.2021, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal o 16.9.2021, UFD Distribución o 6.9.2021 e Retevisión-Cellnex Telecom, S.A. o 17.9.2021.

O Concello de Vimianzo emitiu un informe, que versa fundamentalmente sobre aspectos de planeamento urbanístico, cualificación do solo, instrumentos de ordenación do territorio ou plans e proxectos sectoriais. Debemos sinalar que o proxecto conta co informa da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, tal e como se recolle no antecedente de feito sétimo.

A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Para o resto de organismos que non emitiron condicionado no prazo de 30 días desde a recepción da solicitude, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento, de acordo co artigo 33 da Lei 8/2009.

Décimo cuarto. O 22.12.2021 a Xefatura Territorial remitiulle o expediente a esta dirección xeral para continuar coa tramitación do procedemento, de acordo co establecido no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Décimo quinto. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronselles informes aos seguintes organismos: Augas de Galicia-Demarcación Galicia Costa, Axencia de Turismo de Galicia, Concello de Vimianzo, Subdirección Xeral de Residuos, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica e Instituto de Estudos do Territorio.

Formalizada a tramitación ambiental, o 8.3.2023 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a DIA relativa ao parque eólico, que se fixo pública mediante o Anuncio do 13 de marzo de 2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (DOG nº 57, do 22 de marzo).

Décimo sexto. O 9.3.2023 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle á promotora a documentación técnica refundida resultante como consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizados polos distintos organismos durante a tramitación do expediente.

Décimo sétimo. O 22.3.2023 Naturgy Renovables, S.L.U. deu resposta ao requirimento mencionado no antecedente de feito anterior presentando unha declaración responsable en que indica que a documentación definitiva foi a presentada o 26.7.2022, proxecto de execución refundido denominado Modificación do parque eólico Monte Redondo en explotación, visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia o 1.7.2022 con número 20221961, así como o arquivo shape coa configuración final do parque.

Décimo oitavo. O 27.3.2023 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitoulle á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo informe de distancias conforme o artigo 33.7 da Lei 8/2009, nos termos indicados na disposición transitoria sétima, en relación co refundido achegado pola promotora o 26.7.2022, onde se recolle a relocalización do aeroxerador 01, debido ao informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 8.11.2021.

Décimo noveno. O 5.5.2023 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009, onde se conclúe que as coordenadas dos 12 aeroxeradores «cumpren a distancia mínima de 500 m coas diferentes delimitacións do solo de núcleo rural, urbano e urbanizable».

Vixésimo. O 1.6.2023 Naturgy Renovables, S.L.U. deu resposta a un requirimento feito por esta dirección xeral sobre o tipo de visado do documento achegando o proxecto de execución Modificación do parque eólico Monte Redondo en explotación, asinado electronicamente o 30.5.2023 por Javier Regueira Miguéns, colexiado número 2938 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, e visado polo mesmo colexio o 1.6.2023, con número 20231753, o cal recolle a configuración final do parque, así como unha declaración responsable en que manifesta: «non é necesario solicitar novos informes sobre o condicionado técnico aos seguintes organismos/empresas de interese público ou xeral: Concello de Vimianzo, Consellería do Medio Rural, Augas de Galicia, EDP, Retegal, Cellnex e Unión Fenosa Distribución».

Vixésimo primeiro. O 4.8.2023 o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe técnico sobre o proxecto refundido do parque eólico mencionado no antecedente de feito décimo noveno.

Vixésimo segundo. O 18.10.2023 a promotora presentou ante esta dirección xeral autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) do 17.10.2023.

Vixésimo terceiro. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 49,6 MW, segundo o informe do xestor da rede do 21.8.2020 e do 7.6.2022.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (actualmente Consellería de Economía, Industria e Innovación) (DOG nº 126, do 4 de xullo), no Decreto 59/2023, do 14 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG nº 203, do 25 de outubro), e pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG nº 39, do 26 de febreiro), polo artigo 39 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG nº 251, do 31 de decembro), e polo artigo 39 da Lei 10/2023, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nas demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, o 7.6.2023 a Xefatura Territorial remitiu informe complementario de tramitación en que se recollen as respostas destas, o cal se incorpora textualmente a esta resolución:

a) «A Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, define o fraccionamento de proxectos como o “mecanismo artificioso de división dun proxecto co obxectivo de evitar a avaliación de impacto ambiental ordinaria, no caso de que a suma das magnitudes supere os limiares establecidos no anexo I”. O pretendido fraccionamento tería como fin último eludir a avaliación ambiental ordinaria. Porén, no caso de parques eólicos próximos entre si, non é posible (mediante o fraccionamento) evitar o seu sometemento ao procedemento ordinario de avaliación ambiental, pola obriga de considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos con outros parques xa construídos e/ou avaliados.

Así, no ámbito dos parques eólicos, o referido anexo I establece que estarán sometidas á avaliación ambiental ordinaria, entre outras, as “instalacións para a utilización da forza do vento para a produción de enerxía (parques eólicos) que teñan 50 ou máis aeroxeradores, ou que teñan máis de 30 MW ou que estean a menos de 2 km doutro parque eólico en funcionamento, en construción, con autorización administrativa ou con declaración de impacto ambiental”.

Polo tanto, no caso das instalacións de aproveitamento eólico, o fraccionamento que se alega de adverso non produce os efectos denunciados (evitar que o proxecto teña que ser sometido a unha avaliación ambiental ordinaria).

Por outra banda, a Lei 21/2013 obriga a que os estudos de impacto ambiental que presenten os promotores deban recoller os efectos sinérxicos ou acumulativos derivados da existencia doutros parques eólicos ou outro tipo de instalacións nas proximidades. Polo tanto, ese suposto “fraccionamento” dos proxectos non evita que a avaliación ambiental deba ter en conta o efecto derivado da proximidade doutras instalacións e infraestruturas.

O estudo de impacto ambiental do proxecto do parque eólico contén un estudo de efectos acumulativos e sinérxicos cunha zona de estudo nun raio de 15 km dos parques eólicos e liñas eléctricas situadas na súa contorna, entre eles os parque eólicos en funcionamento ou en proxecto Alto da Croa, Alto da Croa II, Cabo Vilano, Do Vilán, Miñón, Monte Tourado-Eixe, Monte Tourado, Mouriño, Muxía I, Muxía II Modificado, Pena Forcada, Singular O Barrigoso, Ponte Rebordelo, Valsagueiro e as súas liñas de evacuación.

Cómpre sinalar que nada impide, desde o punto de vista da lexislación ambiental e do sector eléctrico, a execución de parques próximos entre si por parte dun mesmo ou distintos promotores e compartindo certas instalacións. Así o ten declarado o Tribunal Supremo na súa Sentenza do 11 de decembro de 2013 cando di que “...unha cousa é que os distintos elementos e instalacións dun parque eólico deban ter unha consideración unitaria e outra que iso impida que poidan existir parques próximos e que estes poidan compartir a localización dalgúns elementos ou a liña de vertedura á rede”.

Pola contra, tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, como o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición derradeira segunda do Real decreto 1183/2020 modifica o Real decreto 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares de ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o seu uso compartido por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña. En palabras do Alto Tribunal, na devandita Sentenza do 11 de decembro de 2013, “non podería darse un tratamento separado a grupos de aeroxeradores de forma artificiosa e tratalos como parques autónomos, ou duplicar instalacións co mesmo fin, pois iso comportaría efectivamente unha fraude de lei que, á marxe do seu maior impacto ambiental, podería supor unha alteración da competencia ou unha evitación de maiores exixencias ambientais».

Pola súa parte, a Lei 8/2009 define parque eólico como a instalación de produción de electricidade a partir de enerxía eólica, constituída por un ou varios aeroxeradores interconectados electricamente con liñas propias, que comparten unha mesma estrutura de accesos e control, con medición de enerxía propia, así como coa obra civil necesaria. Polo tanto, de acordo con esta definición, pode colixirse o carácter unitario dun parque e considerarse autónomo e independente sempre que teña capacidade de funcionamento separado, sen prexuízo de que comparta infraestruturas de evacuación con outros parques. É máis, compartir infraestruturas de evacuación supón, como é lóxico, un menor impacto ambiental, obxectivo que se debe perseguir neste tipo de instalacións. Nesta mesma liña, a utilización de accesos comúns supón un uso máis racional do terreo, ao se reduciren as superficies afectadas polas instalacións.

No que respecta á definición de instalacións de conexión, a Lei 8/2009 remítese ao establecido no artigo 30 do mencionado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, entendendo por instalacións de conexión de centrais de xeración aquelas que sirvan de ligazón entre unha ou varias centrais de xeración de enerxía eléctrica e a correspondente instalación de transporte ou distribución, incluíndo liñas e subestacións.

b) En relación co órgano competente para resolver este procedemento, remítese ao exposto no fundamento de dereito número un. Así mesmo, indícase que, de acordo co artigo 3 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, correspóndelle á Administración xeral do Estado a competencia de autorizar instalacións peninsulares de produción de enerxía eléctrica, incluíndo as súas infraestruturas de evacuación, cando a potencia eléctrica instalada é superior a 50 MW eléctricos.

c) No que respecta ás alegacións de carácter ambiental, cómpre indicar que estas cuestións foron tidas en conta na DIA emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 8.3.2023, onde se considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e na restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo da DIA, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto na DIA.

Ademais do obrigado cumprimento das condicións sinaladas, se se manifesta calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, ese órgano ambiental poderá ditar, do xeito que proceda, os condicionados adicionais que resulten oportunos.

Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: Concello de Vimianzo, direccións xerais do Patrimonio Cultural, do Patrimonio Natural, de Planificación e Ordenación Forestal, de Defensa do Monte, de Desenvolvemento Rural, de Emerxencias e Interior, Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático e de Saúde Pública, do Instituto de Estudos do Territorio, da Axencia de Turismo de Galicia e Augas de Galicia.

d) O organismo Augas de Galicia emitiu informe o 9.9.2021 en que se conclúe que non é previsible que o proxecto poida causar impactos ambientais significativos, tendo en conta as medidas protectoras e correctoras que a promotora prevé adoptar no documento ambiental presentado e as consideracións para tal efecto referidas no informe.

Durante os procesos de execución dos traballos de desenvolvemento e implantación da actuación proposta, de cara á non afección ao dominio público hidráulico, deberán recollerse as directrices sinaladas no informe, así como as indicadas nos documentos sometidos a informe.

e) En relación coa posible afección do aeroxerador 9 a unha captación de auga veciñal, no proxecto non se prevé a afección directa por ningunha infraestrutura do parque. Non obstante, no caso de que a execución do proxecto afecte algunha captación de augas, deberase prever a súa reposición.

f) No expediente consta un informe da Dirección Xeral de Saúde Pública do 25.8.2022 favorable, condicionado á inclusión no proxecto da programación de paradas técnicas temporais, de ser necesario, para asegurar a ausencia de efectos negativos sobre a saúde da poboación. Ademais, deberá facerse o seguimento do efecto de pestanexo durante o primeiro ano en todos os aeroxeradores, para comprobar que os resultados modelizados son correctos.

g) No expediente consta informe do Instituto de Estudos do Territorio do 1.10.2021, que conclúe que o estudo de impacto e integración paisaxística (EIIP) inclúe un capítulo coa xustificación de como se incorporaron ao proxecto as determinacións das directrices de paisaxe. Máis concretamente, as directrices para parques eólicos (DX.20), para miradoiros e puntos de observación (DX.26), para construcións e solo rústico (DX.17) e para as unidades de paisaxe afectadas polo proxecto (matogueira e rochedo, plantacións forestais e litoral). Pode considerarse formalizado o disposto no artigo 11.2 da Lei 7/2008 e nos artigos 26 e seguintes do Regulamento da Lei 7/2008.

h) En relación coa afección ao patrimonio cultural, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emitiu o 8.11.2021 un informe en que se require o desprazamento da plataforma e cimentación do aeroxerador CO01 de xeito que se respecte un contorno de protección do ben Cruz de Carboeiro, de 20 m. Previamente ao inicio das obras, deberá presentarse un proxecto arqueolóxico axustado ao establecido na Lei 5/2016, do 4 de maio, de patrimonio cultural de Galicia, e no Decreto 199/1997, do 10 de xullo, polo que se regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia. O proxecto deberá incorporar as medidas correctoras incluídas no anexo VIII do EIA e as consideracións técnicas que figuran no seu informe. A totalidade das obras que comporten movementos ou remocións de terras deberán levar aparellado o seu control arqueolóxico, que deberá ser presencial e continuo nos contornos de protección dos xacementos arqueolóxicos documentados no anexo VIII do EIA. Realizarase un especial seguimento da roza das zonas de obra, así como o control dos perfís e cortes que se xeren. No caso de que se constate a existencia de restos arqueolóxicos, primarase a súa conservación. Rematada a totalidade das obras, certificarase o estado final dos elementos arqueolóxicos.

i) En canto á posible afección a unhas ruínas dunha explotación mineira de volframio, no estudo arqueolóxico non se localizou ningún elemento de minaría susceptible de ser afectado polo proxecto. Non obstante, se durante as obras de construción se apreciase a existencia de elementos de arqueoloxía industrial, deberá realizarse unha análise deles de cara á súa posible posta en valor.

j) En canto ao Plan de vixilancia ambiental proposto, ás metodoloxías de seguimento e recomendacións para reducir o impacto ambiental recollidas no proxecto, estas están adaptadas ao contexto específico.

k) No que respecta ás alegacións de carácter urbanístico, estas serán tidas en conta para a emisión do informe a que fai referencia o artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, en relación co proxecto sectorial do parque eólico. En todo caso, o proxecto que se aproba mediante este acordo conta co informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo. O artigo foi modificado pola Lei 10/2023, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.

l) En relación cos prexuízos xerados polo proxecto sobre explotacións agrícolas, gandeiras, forestais e madeireiras, débese indicar que non están previstas afeccións aos usos actuais máis alá das propias zonas de implantación das infraestruturas definidas no proxecto de execución, que deberán ser compensadas axeitadamente pola promotora aos titulares dos terreos afectados.

m) No que respecta ás posibles afeccións ao medio forestal derivadas da execución do proxecto, o Servizo de Montes emitiu informe o 16.9.2021 sobre que a instalación do parque eólico afecta varios montes veciñais en man común. Tamén podería verse afectado o monte Carantoña, pertencente ao Catálogo de montes de utilidade pública. Non afecta a infraestruturas de xestión forestal, agás pistas forestais.

A empresa promotora e a comunidades propietarias poderán asinar de común acordo un acto de disposición (cesión, ocupación ou dereito de superficie) que non obrigue á expropiación das superficies afectadas.

Tampouco afectará a masas de frondosas autóctonas nin masas ou mouteiras selectas. De cara ao desmantelamento dos aeroxeradores existentes, no proceso de demolición da cimentación deberán retirarse os restos ata unha profundidade mínima de 80 cm, para non comprometer no futuro a produtividade das especies forestais que poidan ocupar os ditos terreos.

As afeccións virán determinadas polas superficies ocupadas directamente polos aeroxeradores, ademais de polas distancias de servidume que operen para cada elemento construtivo, de acordo coa súa normativa específica, e ademais pola superficie necesaria para o cumprimento das distancias de plantación recollidas no anexo II da Lei 7/2012, de montes de Galicia.

Haberá que ter en conta a delimitación das faixas de xestión de biomasa, consonte os artigos 20 e 20.bis da Lei 3/2007, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia: 5 metros desde o último elemento en tensión e desde os paramentos das edificacións non destinadas ás persoas e 50 metros nas subestacións eléctricas en que existan edificacións destinadas a albergar oficinas, almacéns ou parque móbil. En canto á presenza de gando cabalar e outro na zona de afección do proxecto, teranse en conta as posibles afeccións aos elementos de peche das parcelas en que exista gando, que deberán ser restituídos en conformidade cos titulares dos terreos.

n) Sobre o risco de incendios e accidentes por rotura dos aeroxeradores, no EIA inclúese unha análise sobre a posible incidencia de catástrofes e accidentes graves en que se prevén esas eventualidades.

o) No que respecta á validez e aplicación do Plan sectorial eólico de Galicia, cómpre subliñar que este segue vixente e resulta plenamente aplicable. A Lei 8/2009, do 22 de decembro, ampara a plena vixencia e aplicabilidade do plan preexistente en canto non se aprobe o novo previsto, ao establecer na súa disposición transitoria terceira que «en canto non se aprobe un novo plan sectorial eólico de Galicia, entenderase aplicable o actualmente vixente en todo aquilo que non se opoña ao establecido nesta lei».

p) Á marxe do anterior, cómpre lembrar que na tramitación de cada procedemento de autorización de parques eólicos a Administración observa a normativa ambiental en vigor, e incorpora aos expedientes os informes e actuacións legalmente exixibles.

q) En relación a erros en magnitudes recollidas no proxecto, en particular unha indicación de produción anual en GWH en lugar de MWH, pode comprobarse que a errata non altera as conclusións finais do proxecto en canto á viabilidade do parque eólico.

r) No que respecta ás alegacións contra o acordo do 17.6.2021 do Consello da Xunta de Galicia, en que se declara, entre outras, a modificación do parque eólico Monte Redondo iniciativa empresarial prioritaria, este é un acto administrativo firme que non é obxecto deste expediente.

s) En relación cos posibles prexuízos xerados polo proxecto sobre explotacións agrícolas, gandeiras, forestais e madeireiras, cómpre indicar que non están previstas afeccións sobre os usos actuais máis alá das propias zonas de implantación das infraestruturas definidas no proxecto de execución. En todo caso, no que respecta ás compensacións polas afeccións xeradas polo proxecto, no caso de que non se chegase a un acordo entre a promotora eólica e os afectados durante o procedemento expropiador, fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.

t) En canto aos posibles erros na titularidade ou natureza dos terreos incluídos na RBDA, a promotora do proxecto tomará nota das modificacións propostas polos alegantes.

Polo que atinxe ás alegacións presentadas con posterioridade á DIA, inadmítense, de conformidade co artigo 23 da Lei 21/2013, do 9 decembro, de avaliación ambiental, por se presentaren fóra dos prazos de información pública e consultas regulados nos artigos 21 e 22 da devandita lei.

No caso de escritos recibidos de oposición á DIA do 8.3.2023, segundo o establecido no artigo 42 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a DIA non será obxecto de recurso, sen prexuízo daqueles que, de ser o caso, procedan na vía administrativa e xudicial fronte ao acto polo cal se autoriza o proxecto.

Cuarto. A seguir, recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a respecto da DIA das instalacións do parque eólico Monte Redondo, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 8.3.2023:

a) A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático resolveu: «Logo de finalizar a análise técnica do expediente de avaliación de impacto ambiental, proponse formular a DIA do proxecto nos termos recollidos ao longo deste documento, en cumprimento do disposto no artigo 41 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental».

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico Monte Redondo.

Nos epígrafes 4 e 5 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

4. Condicións ambientais.

4.1. Condicións particulares.

4.2. Condicións xerais.

4.2.1. Protección da atmosfera.

4.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

4.2.3. Protección do solo e infraestruturas.

4.2.4. Xestión de residuos.

4.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

4.2.6. Integración paisaxística e restauración.

4.3. Outras condicións.

5. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

5.1. Aspectos xerais.

5.2. Aspectos específicos.

5.3. Informes do programa de vixilancia.

De acordo con todo o que antecede, e no exercicio das competencias que esta dirección xeral ten atribuídas,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar a autorización de desmantelamento das instalacións actuais do parque eólico Monte Redondo cuxas características principais son as seguintes:

Solicitante: Naturgy Renovables, S.L.U.

Domicilio social: avda. de América, 38, 28028 Madrid.

Denominación do proxecto: Desmantelamento do PE Monte Redondo e execución da modificación do parque eólico Monte Redondo en explotación.

Potencia instalada: 49,5 MW.

Concellos afectados: Vimianzo (A Coruña).

Orzamento de execución material: 1.795.104,91 €.

Instalacións para desmantelar:

• 66 aeroxeradores Ecotecnia/ECO 48, de 750 kW de potencia nominal unitaria e cunha altura da buxa de 55 m e cun diámetro de rotor de 48 m.

• 66 centros de transformación instalados no interior das góndolas dos aeroxeradores.

• Rede eléctrica de media tensión soterrada a 20 kV, de interconexión entre os centros de transformación dos aeroxeradores e a subestación de evacuación existente, composta de 4 circuítos. Desmantelamento e restauración das canalizacións que queden sen uso.

• 2 torres meteorolóxicas de 55 m de altura.

• Desmantelamento e restauración dos vieiros que queden sen uso.

Segundo. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do modificado parque eólico Monte Redondo, sito no concello de Vimianzo (A Coruña) e promovido por Naturgy Renovables, S.L.U., para unha potencia de 49,5 MW.

Terceiro. Outorgar autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Monte Redondo, composto polo documento Modificación do parque eólico Monte Redondo en explotación, asinado electronicamente o 30.5.2023 por Javier Regueira Miguéns, colexiado número 2938 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia e visado polo mesmo colexio o 1.6.2023 con número 20231753.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Naturgy Renovables, S.L.U.

Domiclio social: avda. de América, 38, 28028 Madrid.

Denominación: Parque eólico Monte Redondo.

Potencia instalada: 49,5 MW.

Potencia autorizada/evacuable: 49,5 MW.

Produción neta: 199.830 MWh/ano.

Horas equivalentes netas: 4.036 h.

Concello afectado: Vimianzo (A Coruña).

Orzamento de execución material (sen IVE): 46.165.035,27 €.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico ás cales se circunscriben as autorizacións:

Vértice

poligonal

Coordenadas UTM

(fuso 29 ETRS89)

X

Y

01

495.588,19

4.775.785,58

02

495.588,19

4.771.285,57

03

493.374,42

4.771.285,56

04

492.124,41

4.772.785,57

05

492.624,42

4.773.285,58

06

492.374,42

4.773.571,27

07

492.374,42

4.774.535,57

08

494.124,43

4.774.535,58

09

494.124,43

4.775.785,58

Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

Aeroxerador

Coordenadas UTM

(fuso 29 ETRS89)

X

Y

C001

494.382,00

4.775.646,00

C002

495.168,65

4.775.088,24

C003

494.843,17

4.774.270,19

C004

492.780,42

4.772.553,42

C005

495.189,70

4.773.670,44

C006

494.110,00

4.773.863,00

C007

493.585,30

4.774.226,85

C008

492.882,32

4.773.807,57

C009

492.965,75

4.773.272,09

C010

493.382,82

4.773.002,80

C011

494.079,21

4.772.623,73

C012

493.162,00

4.772.137,00

Coordenadas da subestación:

Vértice

Coordenadas UTM

(fuso 29 ETRS89)

X

Y

01

494.424,16

4.772.994,13

02

494.428,18

4.772.992,78

03

494.423,63

4.772.979,00

04

494.383,02

4.772.987,52

05

494.390,19

4.773.021,74

06

494.434,61

4.773.012,52

Coordenadas das torres meteorolóxica e de comunicacións:

Coordenadas UTM

(fuso 29 ETRS89)

X

Y

TM1

494.697,00

4.775.395,00

TM2

492.632,00

4.773.485,00

Características técnicas principais das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

• Doce (12) aeroxeradores tripá Vestas V162, de 4,125 MW de potencia nominal unitaria, con velocidade e paso variables, altura ata a buxa de 119 m e un diámetro do rotor de 162 m.

• Doce (12) centros de transformación de illamento seco, potencia aparente unitaria 6.300 kVA e relación de transformación 0,72/30 kV, instalados no interior das góndolas dos aeroxeradores.

• Dúas (2) torres meteorolóxicas de 119 metros de altura.

• Rede eléctrica soterrada de media tensión (30 kV) de canalización da enerxía xerada polos aeroxeradores ata a subestación transformadora do parque. A rede constará de 4 circuítos executados en cable RHZ1-2OL 18/30 kV H16 con condutor de aluminio, con varias seccións segundo a necesidade do tramo.

• Rede de comunicacións constituída por cable de fibra óptica 8 fíos monomodo 9/125 μm.

• A subestación transformadora 30/66 kV do parque eólico estará composta por:

– Unha posición combinada de liña-transformador a 66 kV cos equipamentos necesarios de protección e medida exixidos pola compañía distribuidora.

– Catro posicións de liña a 30 kV.

– Unha posición de batería de condensadores a 30 kV.

– Unha posición de transformador de potencia a 30 kV e unha de transformador de servizos auxiliares.

– Unha posición de medida de tensión de barras de 30 kV.

– Un transformador de dous debandados, de potencia nominal 55 MVA ONAF, relación de transformación 66/32 kV e regulación en carga.

– Unha reactancia de posta á terra con seccionador en 30 kV, con limitación de corrente a 500 A, 30 segundos.

– Un transformador de servizos auxiliares 30/0,42-0,242 kV, de 50 kVA.

– Un grupo electróxeno de 40 kVA en servizo continuo.

– Un grupo de baterías de condensadores de 10,5 MVAr

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Naturgy Renovables, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático propón o seguinte: «Proponse como importe do aval, que será actualizable e deberá fixar o órgano substantivo, a cantidade de 838.390 €, dos cales 359.310 € corresponden á fase de obras (incluíndo a desmontaxe do parque actual) e 479.080 € á de desmantelamento e abandono do parque renovado».

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG nº 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia, regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).

4. As actuacións de desmantelamento das instalacións iniciais do parque eólico realizaranse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución que mediante esta resolución se aproba, así como as consideracións efectuadas pola Subdirección Xeral de Residuos, de acordo co punto 4.1.5 da DIA.

5. De acordo coas condicións establecidas na DIA do 8.3.2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, a promotora deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras de construción, cos informes favorables da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, e da Dirección Xeral de Saúde Pública, de acordo cos número 4.1.2 e 4.1.3 da DIA.

6. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegarlle á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da DIA.

7. Con carácter previo á comunicación de inicio de obras, a promotora deberá acreditar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais que conta cos títulos habilitantes municipais de natureza urbanística dos terreos de implantación do parque e as súa infraestruturas de evacuación, recollidos na presente autorización administrativa, de acordo co artigo 40.2 da Lei 8/2009.

8. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a promotora cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os cales mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, a promotora deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a eles.

9. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que mediante esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicables á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

10. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuados e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

11. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

12. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.

13. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na DIA do 8.3.2023, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

14. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia da persoa interesada.

15. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou doutros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

16. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra a presente resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2024

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais