DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Martes, 9 de abril de 2024 Páx. 22446

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

DECRETO 39/2024, do 21 de marzo, polo que se aproba a agrupación voluntaria dos concellos da Arnoia e Beade, da provincia de Ourense, para o sostemento en común do posto de traballo non reservado denominado técnico/a de xestión administrativa, Administración especial, grupo A2.

Os concellos da Arnoia e Beade, da provincia de Ourense, acordaron aprobar definitivamente a súa agrupación voluntaria para o sostemento en común dun único posto de traballo de persoal funcionario denominado técnico/a de xestión administrativa, Administración especial, grupo A2 e, en consecuencia, elevar o expediente á Xunta de Galicia para a súa aprobación.

A normativa autonómica regula as agrupacións voluntarias de municipios para o sostemento en común de postos de traballo non reservados a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional nos artigos 165 e seguintes da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

No expediente seguíronse os trámites previstos na normativa de aplicación anteriormente referenciada e constan o informe da Delegación do Goberno na Comunidade Autónoma de Galicia e o certificado do secretario-interventor no cal acredita que, transcorrido o prazo dun mes desde a solicitude do informe á Deputación Provincial de Ourense, este non se emitiu, polo que se considera favorable, segundo o disposto no artigo 167.c) da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

A competencia para a aprobación da agrupación corresponde ao Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de réxime local, segundo dispón o artigo 167 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vinte e un de marzo de dous mil vinte e catro,

DISPOÑO:

Primeiro. Aprobar a agrupación voluntaria dos concellos da Arnoia e Beade, da provincia de Ourense, para o sostemento en común do posto de traballo non reservado de técnico/a de xestión administrativa, Administración especial, grupo A2, así como os estatutos polos que se rexerá a dita agrupación, que forman parte integrante do expediente.

Contra este acto, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Potestativamente, e con carácter previo, os interesados poderán interpoñer recurso administrativo de reposición, ante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015. Así mesmo, as entidades locais poderán presentar previamente requirimento no prazo de dous meses conforme o disposto no artigo 44 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, vinte e un de marzo de dous mil vinte e catro

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente primeiro e conselleiro
de Presidencia, Xustiza e Deportes