DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Martes, 9 de abril de 2024 Páx. 22504

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

RESOLUCIÓN do 19 de marzo de 2024, da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, pola que se modifican os modelos tipo de estatutos dos anexos I e II da Orde do 17 de outubro de 2023 pola que se publican modelos de estatutos para agrupacións forestais de xestión conxunta e modelos tipo para constituír dereitos de uso e aproveitamento en Galicia.

O día 6 de novembro de 2003 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 17 de outubro de 2023 pola que se publican modelos de estatutos para agrupacións forestais de xestión conxunta e modelos tipo para constituír dereitos de uso e aproveitamento en Galicia.

A disposición adicional primeira desta orde faculta a dirección xeral competente en materia de montes de Galicia para realizar modificacións nos modelos de estatutos e modelos tipo publicados nesta orde, co obxectivo de manter a súa actualización e a adaptación ás necesidades e regulacións vixentes.

Vista a necesidade de realizar modificacións nos modelos de estatutos que recollen os anexos I e II da orde, a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, no exercicio das súas competencias e en cumprimento do disposto na disposición adicional primeira,

RESOLVE:

Primeiro. Modificar os seguintes modelos tipo, regulados no artigo 1, letras a) e b) da Orde do 17 de outubro de 2023:

a) Modelo tipo de estatutos para entidades sen ánimo de lucro de xestión forestal conxunta (anexo I).

b) Modelo tipo de estatutos para entidades sen ánimo de lucro de representación para a planificación ou comercialización conxunta (anexo II).

Segundo. Publicar as citadas modificacións, os anexos quedarán redactados como se indica a seguir.

Santiago de Compostela, 19 de marzo de 2024

José Luis Chan Rodríguez
Director xeral de Planificación e Ordenación Forestal

ANEXO I

Modelo tipo de estatutos para entidades sen ánimo de lucro
de xestión forestal conxunta

CAPÍTULO I

Asociación en xeral

Artigo 1. Nome e natureza

Baixo a denominación de «Asociación []» (en diante, a asociación) constitúese unha entidade de carácter asociativo e sen ánimo de lucro, ao abeiro do disposto no artigo 22 da Constitución española e na Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, que regulan o dereito de asociación, e a demais lexislación aplicable.

Artigo 2. Personalidade e capacidade

A asociación constituída ten personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar, e pode realizar todos aqueles actos que sexan necesarios para o cumprimento da finalidade para a cal foi creada, con suxeición ao establecido no ordenamento xurídico.

Artigo 3. Enderezo

A asociación establece o seu domicilio social en [].

Opcional: no caso de que estea previsto ter varias oficinas.

Poderán ser utilizados outros locais asociativos noutras localidades, mediante o acordo da Asemblea Xeral por proposta da Xunta Directiva. A Asemblea Xeral terá atribucións para cambiar tanto o domicilio social como os locais, e dará conta do seu acordo ao organismo encargado do Rexistro de Asociacións.

Artigo 4. Ámbito de actuación

O ámbito territorial en que a asociación desenvolverá principalmente as súas actividades é [].

A superficie da iniciativa de actuación de xestión ou comercialización conxunta é a indicada na planimetría do anexo XX.

Artigo 5. Duración

A asociación constitúese por tempo indefinido e rexerase polos principios democráticos recollidos no marco da Constitución española e do resto do ordenamento xurídico.

O exercicio fiscal rematará o 31 de decembro de cada ano natural.

Artigo 6. Finalidades e actividades

Artigo 6.1

Eliminaranse aqueles obxectos sociais que poidan non corresponder, e non poderán engadirse máis obxectos sociais que os aquí establecidos.

1. Os fins principais da asociación son os seguintes:

a) A mobilización de terreos agroforestais ou agrogandeiros mediante unha actuación de xestión conxunta.

b) A explotación e o aproveitamento conxunto dos terreos agroforestais mediante a xestión sostible e multifuncional dos produtos e servizos forestais, contribuíndo a aumentar a rendibilidade e a calidade dos recursos forestais.

c) A xestión activa e posta en valor das masas consolidadas de frondosas autóctonas, tendo en conta os beneficios sociais e ambientais que achegan á sociedade galega.

d) Apoio á xestión forestal sostible no marco das estratexias de mitigación e adaptación fronte ao cambio climático e nas políticas activas de descarbonización, sen esquecer o seu papel como refuxio da biodiversidade e a importancia que presenta nos servizos fundamentais para a vida.

e) A restauración e conservación dos ecosistemas forestais e a protección da biodiversidade.

f) Cumprir co disposto na lexislación forestal vixente que lle permita a inscrición no Rexistro de Agrupacións Forestais de Xestión Conxunta.

2. Para o cumprimento dos seus fins, a asociación poderá desenvolver as seguintes actividades:

a) Actividade forestal, que se desenvolverá exclusivamente naquela superficie da que teña cedida dereitos de uso e xestión.

b) [].

c) [].

3. Os beneficios obtidos por calquera concepto destinaranse exclusivamente ao cumprimento destes fins, sen que poidan ser repartidos entre os socios, nin con outras persoas físicas ou xurídicas con interese lucrativo.

CAPÍTULO II

Das persoas ou entidades socias

Artigo 7. Requisitos das persoas ou entidades asociadas

1. Para adquirir a condición de persoa asociada requírese ser persoa física ou xurídica. No caso de ser persoa física, deberá ser maior de idade e non estar suxeita á inhabilitación ou incapacidade legal, así como ter interese no desenvolvemento dos fins establecidos pola asociación no artigo 6 destes estatutos.

2. As persoas xurídicas de carácter asociativo, así como as entidades sen personalidade xurídica, requirirán o acordo expreso do seu órgano competente para ter a consideración de socias. No caso de entidades de carácter institucional, requirirán o acordo do seu órgano de goberno.

Artigo 7.3

Opción 1: só poderán ser socios os titulares de parcelas forestais que teñan cedido á asociación o dereito de uso ou xestión.

3. Para que unha persoa ou entidade sexa socia é necesario que teña cedido á asociación o dereito de uso ou xestión dunha ou varias parcelas forestais.

Artigo 7.3

Opción 2: poderán ser socios os titulares de parcelas forestais que teñan cedido á asociación o dereito de uso ou xestión, así como os que acheguen capital ou prestacións accesorias.

3. Para que unha persoa ou entidade sexa socia é necesario que teña cedido á asociación o dereito de uso ou xestión dunha ou varias parcelas forestais, ou ben que acheguen fondos económicos ou calquera outro tipo de prestación accesoria que permita realizar unha xestión forestal sostible.

Artigo 8. Clases de persoas ou entidades socias

Artigo 8

Opción 1: no caso de que só existan socios que teñan cedidos dereitos de uso ou xestión sobre parcelas forestais.

Dentro da asociación poderán existir dúas clases de persoas ou entidades asociadas en función do momento de entrada da persoa ou entidade como socia:

a) Fundadoras: aquelas persoas ou entidades que asinaron a acta fundacional.

b) Numerarias: aquelas persoas ou entidades que ingresaron despois da sinatura da carta fundacional.

Artigo 8

Opción 2: no caso de haber dúas clases de socias: clase forestal e clase xeral.

Dentro da asociación poderán existir catro clases de persoas ou entidades asociadas en función do momento de entrada da persoa ou entidade como socia, e de se cedesen ou non os dereitos de uso ou xestión de parcelas forestais á asociación:

a) Fundadoras de clase forestal: aquelas persoas ou entidades que asinaron a acta fundacional e que cederon dereitos de uso ou xestión sobre parcelas forestais.

b) Fundadoras de clase xeral: o resto das persoas ou entidades que asinaron a acta fundacional.

c) Numerarias de clase forestal: aquelas persoas ou entidades que ingresaron con posterioridade á sinatura da acta fundacional e que cederon dereitos de uso ou xestión sobre parcelas forestais.

d) Numerarias de clase xeral: o resto das persoas ou entidades que ingresaron despois da sinatura da carta fundacional.

Artigo 9. Perda da condición de persoa ou entidade socia

1. A condición de persoa ou entidade socia poderá perderse por algunha das seguintes causas:

a) Por vontade propia, que se fará efectiva mediante a presentación da súa renuncia, mediante escrito dirixido á Xunta Directiva e dirixido á Secretaría da asociación. A renuncia producirá efectos desde a data da súa presentación.

b) Por falta de pagamento de [] cotas, que se farán efectivas desde a notificación do acordo adoptado pola Xunta Directiva á interesada. No caso de perder a condición de socia por falta de pagamento das cotas, poderá ser rehabilitada nesa condición sempre que no prazo de [] días desde a notificación do impagamento proceda ao pagamento da cota pendente.

c) Polo incumprimento destes estatutos ou acordos validamente adoptados polos órganos da asociación, así como no caso de realizaren actuacións que prexudiquen gravemente os intereses da asociación.

d) Por falecemento da persoa física ou extinción da persoa xurídica.

e) Por non realizaren sistematicamente as prestacións accesorias ás que se comprometera.

f) Por incumpriren a obriga de aceptar o réxime de obras, melloras e servidumes que poidan afectar as parcelas forestais cuxo uso ou xestión teña atribuído a asociación.

g) Por infrinxiren a prohibición de concorrencia no caso de seren membros da Xunta Directiva, salvo nos casos en que exista autorización para iso.

h) Por seren condenadas en sentenza firme para indemnizar a asociación dos danos e prexuízos causados por feitos contrarios á lexislación vixente ou aos estatutos, ou por teren realizado actos sen a dilixencia debida na súa condición de vogal da Xunta Directiva.

i) Por estar o asociado en concurso ou execución hipotecaria do seu patrimonio.

2. A expulsión de persoas ou entidades socias nos supostos das alíneas b) e c) do punto anterior será acordada pola Xunta Directiva, oída a persoa ou entidade interesada. O acordo de expulsión deberá ser ratificado pola Asemblea Xeral.

3. A perda da condición de socia non dará dereito a recuperar as cotas de pertenza á asociación aboadas mentres se formou parte da asociación. En cambio, dará o dereito a recuperar, na contía que se tivese establecido previamente, tanto a participación patrimonial inicial como outras achegas económicas que fixera. O importe que resultase a devolver poderá verse reducido no importe das débedas que a persoa teña coa asociación, e tamén na contía dos danos e prexuízos derivados do incumprimento de compromisos asumidos pola persoa mentres foi socia.

Artigo 10. Prestacións accesorias

1. No momento do ingreso na asociación, a persoa ou entidade que o solicite poderá comprometerse a realizar un determinado servizo accesorio que poderá consistir, entre outros, na cesión dos dereitos de uso ou xestión de todos ou parte dos predios á asociación.

Esta prestación accesoria deberá ser aceptada pola asociación mediante a súa aprobación na Asemblea Xeral de socios.

2. No caso de que algún membro da asociación se comprometer a realizar prestacións accesorias, calquera que sexan, a Xunta Directiva deberá levar constancia daquelas prestacións comprometidas, e debe asumir pola súa vez a obriga de verificar o seu cumprimento.

3. O incumprimento da obriga de realizar a prestación accesoria asumido pola persoa ou entidade socia, aínda cando o dito incumprimento non lle sexa imputable, poderá dar lugar á súa exclusión da asociación, sen prexuízo de que, se o incumprimento fose imputable ao asociado, este aboaralle á asociación unha cantidade económica determinada que, no caso de non estar establecido nestes estatutos, poderá establecerse en reunión da Xunta Directiva.

Artigo 11. Dereitos das persoas ou entidades socias

1. Todas as persoas ou entidades asociadas teñen os mesmos dereitos:

a) Participar nas actividades da asociación.

b) Ser electoras e elixibles para cargos nos órganos de goberno.

c) Participar nas asembleas con voz e voto.

d) Recibir información sobre a composición dos órganos de representación da asociación, o seu estado de contas e o desenvolvemento da súa actividade.

e) Acceder á documentación da asociación a través dos órganos de representación.

f) Ser oídas con carácter previo á adopción de medidas disciplinarias contra elas, e ser informadas dos feitos que orixinan as ditas medidas; debe motivarse o acordo que, se é o caso, impoña a sanción.

g) Solicitar, por si ou conxuntamente con outras persoas ou entidades socias, a realización dunha sesión da Asemblea Xeral; poden propoñer un ou varios dos puntos que tratar na orde do día correspondente.

h) Impugnar os acordos dos órganos da asociación que esta considere contrarios á lei ou aos estatutos.

2. Cada persoa ou entidade socia terá dereito a emitir un voto. Este dereito poderá suspenderse no caso de non estar ao día no pagamento das cotas sociais, se é o caso.

Artigo 11.3.

Opcional: no caso de contar con participacións de clase forestal e clase xeral.

3. A maioría dos dereitos de voto da asociación deberán estar en posesión dos socios que acheguen titularidade ou dereitos de uso ou xestión sobre parcelas forestais.

Artigo 12. Obrigas dos socios e entidades

1. Son obrigas das persoas ou entidades asociadas:

a) Cumprir os presentes estatutos e os acordos validamente adoptados polos órganos de goberno e representación da asociación.

b) Aboar as taxas que, de acordo cos estatutos, se establezan.

c) Cumprir as obrigas inherentes aos cargos para os cales foron elixidos.

d) Asistir ás asembleas e aos demais actos organizados pola asociación.

Artigo 12.1.e)

Só no caso de que se prevexa aceptar prestacións accesorias.

e) Cumprir coas prestacións accesorias comprometidas, tanto no momento do ingreso na asociación como en calquera momento posterior.

Artigo 13. Libro de rexistro de socios

1. A asociación levará un libro de rexistro de socios no cal constarán os datos persoais dos socios.

2. A asociación só poderá rectificar o contido do libro de rexistro de socios se os interesados non se opuxeron á rectificación no prazo dun mes desde a súa notificación fidedigna.

3. Os datos persoais dos socios poderán ser modificados por petición destes e non producirán efectos fronte á asociación ata que non sexan reflectidos nos ditos libros.

4. Calquera socio poderá examinar o libro de actas, que estará baixo o coidado e a responsabilidade dos membros da Xunta Directiva.

5. Calquera persoa ou entidade socia ten dereito a obter unha certificación das accións, dereitos ou gravames inscritos ao seu nome.

Artigo 13.6

Só no caso de considerar a existencia de socios da clase forestal e clase xeral.

6. No libro de rexistro de socios distinguirase entre dúas clases: aquelas persoas asociadas que cedan, por calquera medio, os dereitos de uso ou xestión de parcelas forestais á asociación (que se identificarán como socios forestais) e o resto de socios (que se identificarán como socios xerais).

Artigo 14. Da admisión de novos socios

1. No caso de que algunha persoa física ou entidade manifestase interese en integrarse na asociación, seguirase o seguinte procedemento:

a) Esa persoa ou entidade deberá comunicar formal e expresamente o interese á Xunta Directiva.

b) A Xunta Directiva deberá determinar se a inclusión deste novo membro é de interese da asociación.

Artigo 14.1.b)

Este texto adicional engadiríase só no caso de que a asociación teña previsto aceptar prestacións accesorias.

No caso de que a persoa ou entidade interesada en acceder á asociación sexa titular de dereitos de uso de parcelas forestais e estea disposta a ceder eses dereitos de uso ou xestión á asociación, presupoñerase o interese para esta, sen necesidade de que sexa avalado pola Xunta Directiva.

A Xunta Directiva, se o considera oportuno, ofreceralle a posibilidade de subscribir o contrato de cesión de uso ou xestión conxunta a favor da asociación e, de ser o caso, tamén pode determinar as condicións para o ingreso como socia da persoa ou entidade solicitante.

c) A persoa ou entidade solicitante deberá elixir entre as opcións presentadas, comunicándolle á Xunta Directiva, formalmente e de xeito expreso, a súa conformidade coas condicións que se establezan.

d) En caso de conformidade, a Xunta Directiva deberá incluír na orde do día da seguinte sesión da Asemblea Xeral a solicitude de inscrición desa persoa ou entidade como socia.

e) A Asemblea Xeral deberá decidir sobre a solicitude de ingreso desa nova persoa ou entidade.

CAPÍTULO III

Dos órganos da asociación

Artigo 15. Organización da asociación

O órgano de goberno da asociación é a Asemblea Xeral e o órgano de representación, a Xunta Directiva, que adoptará os seus acordos de acordo co principio de maioría ou de democracia interna.

Artigo 16. Asemblea Xeral

A Asemblea Xeral é o órgano supremo de goberno da asociación e estará integrada por todas as persoas asociadas.

Artigo 17. Sesións da Asemblea Xeral. Clases e convocatoria

1. As sesións da Asemblea Xeral poderán ser ordinarias ou extraordinarias.

2. As sesións ordinarias terán lugar polo menos unha vez ao ano, dentro dos [] meses seguintes ao peche do exercicio.

3. As sesións extraordinarias realizaranse cando as circunstancias así o aconsellen, tantas veces como o acorde a Xunta Directiva, ou cando o solicite por escrito o [] por cento das persoas ou entidades adheridas.

4. As convocatorias realizaranse por escrito e indicarán o lugar, o día e a hora da reunión, así como a orde do día, entre a publicación ou notificación da convocatoria e a data da reunión da Asemblea Xeral deberá mediar como mínimo un prazo de [] días naturais.

5. No caso de que un mínimo do [] por cento dos asociados solicite a realización dunha sesión da Asemblea Xeral, nesta solicitude deberán figurar os puntos que desexen incluír na orde do día da dita sesión, que deberá ser convocada pola Xunta Directiva dentro do mes seguinte á data de recepción da solicitude.

6. A documentación e información sobre os asuntos incluídos na orde do día estarán á disposición das persoas físicas ou entidades socias na Secretaría da asociación cunha antelación mínima de [] días naturais á xuntanza da Asemblea Xeral.

Artigo 18. Constitución e quórum suficiente

1. As sesións da Asemblea Xeral, tanto ordinarias como extraordinarias, quedarán validamente constituídas sempre que na primeira convocatoria acuda un terzo das persoas asociadas presentes ou representadas ou, pasada media hora e en segunda convocatoria, con calquera número de asistentes con dereito a voto. En todo caso, deberán estar presentes as persoas que representen a presidencia e a secretaría, ou persoas que as substitúan.

2. A Asemblea Xeral poderá convocar, establecer ou realizar as súas sesións, así como adoptar os acordos que procedan, tanto presencialmente como a distancia.

3. Nas sesións que se realicen a distancia, os participantes poderán reunirse en distintos lugares sempre que estean asegurados, por medios electrónicos tales como o teléfono ou medios audiovisuais, a identidade, o contido das súas manifestacións, no momento en que estas se produzan; a interactividade e intercomunicación no tempo real entre as persoas participantes, así como a dispoñibilidade de medios durante a sesión. Entre outros, considéranse incluídos entre os medios electrónicos válidos o correo electrónico, as audioconferencias e as videoconferencias.

Nas sesións a distancia, os acordos entenderanse adoptados na sede da asociación.

Artigo 18.3

Facultativo no caso de considerar a existencia de socios da clase forestal e clase xeral.

3. Para que unha determinada sesión da Asemblea Xeral se considere validamente constituída é necesario que os membros da clase forestal representen máis do 50 % dos asistentes á sesión.

Artigo 19. Competencias da Asemblea Xeral na sesión ordinaria

Serán competencias da Asemblea Xeral na sesión ordinaria:

a) Examinar e aprobar as contas e os balances do exercicio anterior.

b) Aprobar o orzamento de ingresos e gastos de cada exercicio, así como o plan de actividades.

c) Examinar e aprobar as cotas das persoas asociadas, por proposta da Xunta Directiva.

d) Elixir e cesar os membros da Xunta Directiva.

e) Aprobar a constitución ou separación dunha federación.

f) Solicitar a declaración de utilidade pública da asociación.

g) Aprobar o Regulamento de réxime interno da asociación.

h) Aprobar e modificar os plans e instrumentos de ordenación forestal e, se é o caso, de ordenación agraria.

i) Aprobar a solicitude de inscrición no Rexistro de Agrupacións Forestais de Xestión Conxunta.

j) Aprobar a solicitude para a subscrición dun contrato de xestión ou convenios de colaboración coa Administración.

Artigo 19.k)

Só no caso de que a asociación teña previsto aceptar prestacións accesorias.

k) Aceptar ou rexeitar as prestacións accesorias que propuxese algún dos socios.

Artigo 20. Competencias da Asemblea Xeral na sesión extraordinaria

Serán competencias da Asemblea Xeral na sesión extraordinaria:

a) Modificar os estatutos da asociación, incluído o cambio de enderezo.

b) Elixir e cesar os membros da Xunta Directiva.

c) Acordar a transformación, fusión ou disolución da asociación, así como designar as persoas liquidadoras.

d) Aqueles que, sendo competencia da Asemblea Xeral na sesión ordinaria, por razóns de urxencia ou necesidade non poidan esperar á súa convocatoria.

e) Todos aqueles non expresamente conferidos á Asemblea Xeral na sesión ordinaria, nin á Xunta Directiva.

Artigo 21. Adopción de acordos

1. Os acordos da Asemblea Xeral adoptaranse por maioría simple das persoas presentes ou representadas, cando os votos afirmativos superen os negativos, non sendo computables para estes efectos os votos nulos ou en branco, ou as abstencións.

2. Para adoptar os seguintes acordos será necesaria a maioría absoluta dos votos emitidos, que resultará cando os votos afirmativos superen a metade das persoas presentes ou representadas:

a) Nomeamento de membros da Xunta Directiva.

b) Acordo de constitución de federacións e de integración ou separación delas.

c) Disolución da asociación.

d) Modificación dos estatutos, incluído o cambio de enderezo social.

e) Alleamento de bens.

f) Retribucións das persoas que integran os órganos de representación.

3. Os acordos que se adopten de acordo cos preceptos contidos neste artigo serán de obrigado cumprimento para todas as persoas asociadas, incluso as que non asistan.

Artigo 22. A Xunta Directiva. Composición

1. A Xunta Directiva é o órgano de representación que xestiona e representa os intereses da asociación, de acordo coas disposicións e directrices da Asemblea Xeral.

2. Estará integrado por un presidente, vicepresidente, secretario, tesoureiro e vogais, que deberán ser designados pola Asemblea Xeral entre os asociados maiores de idade, en pleno uso dos seus dereitos civís e que non estean incursos en causas de incompatibilidade legalmente establecidas.

Os cargos que integran a Xunta Directiva desempeñaranse con carácter gratuíto, sen prexuízo do dereito ao reembolso dos gastos debidamente xustificados que se poidan ocasionar por actuacións relacionadas coa asociación.

3. O seu mandato será de [] anos, e pode ser obxecto de sucesivas reeleccións.

4. Os cargos da Xunta Directiva cesarán nas súas funcións por algunha das seguintes causas:

a) Morte ou declaración de falecemento da persoa física, ou extinción da persoa xurídica.

b) Incapacidade, inhabilitación ou incompatibilidade, segundo o disposto no ordenamento xurídico.

c) Resolución xudicial.

d) Dimisión voluntaria.

e) Perda da condición da persoa asociada.

f) Incumprimento dalgunha das obrigas que se lles encomenden.

g) Transcorrido o prazo do seu mandato. Neste caso, e mentres non se realice a elección dunha nova xunta directiva, esta continuará en funcións ata o nomeamento das novas persoas titulares.

5. De existiren vacantes na Xunta Directiva, estas serán cubertas provisionalmente polos restantes membros da xunta, ata a elección definitiva pola Asemblea Xeral.

Artigo 22.6

Facultativo no caso de considerar a existencia de socios da clase forestal e clase xeral.

6. Os membros da clase forestal terán dereito a nomear [] membros da Xunta Directiva, mentres que os membros da clase xeral terán dereito a designar outros [].

Artigo 23. Sesións e acordos da Xunta Directiva

1. A Xunta Directiva será convocada pola Presidencia, por iniciativa propia ou por solicitude dalgún dos seus compoñentes.

2. Para estar validamente constituídos deberán estar presentes a metade máis un dos seus membros e, en todo caso, as persoas que representen a Presidencia e a Secretaría, ou as que os substitúan.

3. Para que os acordos da Xunta Directiva sexan válidos deberán ser adoptados pola maioría de votos dos asistentes. Os empates resolveranse polo voto de calidade da Presidencia.

4. A Xunta Directiva poderá convocar, constituír, realizar as súas sesións ou adoptar acordos presencialmente ou a distancia.

5. Nas sesións que se realicen a distancia os membros da Xunta Directiva poderán reunirse en distintos lugares sempre que se asegure, por medios electrónicos tales como os telefónicos e audiovisuais, a identidade, o contido das súas manifestacións, no momento en que estas se produzan; a interactividade e intercomunicación en tempo real entre as persoas participantes, así como a dispoñibilidade de medios durante a sesión. Entre outros, considéranse incluídos entre os medios electrónicos válidos o correo electrónico, as audioconferencias e as videoconferencias.

Nas sesións realizadas a distancia, os acordos entenderanse adoptados na sede da asociación.

Artigo 24. Competencias da Xunta Directiva

A Xunta Directiva terá as seguintes facultades:

a) Programar e dirixir actividades asociativas.

b) Asumir a xestión administrativa e económica da asociación.

c) Executar os acordos tomados pola Asemblea Xeral.

d) Someter á aprobación da Asemblea Xeral o orzamento anual de ingresos e gastos, así como o estado de contas do exercicio anterior.

e) Convocar e fixar as datas das sesións da Asemblea Xeral.

f) Propoñerlle á Asemblea Xeral a fixación de cotas ordinarias e extraordinarias para as persoas e entidades asociadas.

g) Nomear as comisións ou seccións de traballo que se consideren oportunas para o bo funcionamento da asociación.

h) Ditar normas de organización interna, así como exercer cantas funcións non estean expresamente atribuídas á Asemblea Xeral.

i) Resolver as solicitudes de admisión daquelas persoas ou entidades que desexen incorporarse á asociación.

j) Propoñerlle o plan de actividades da asociación á Asemblea Xeral para a súa aprobación, impulsando e dirixindo as súas tarefas.

k) Resolver os procedementos disciplinarios que se instrúan.

Artigo 24.l)

Só no caso de que teña previsto aceptar prestacións accesorias.

l) Levar un rexistro das prestacións accesorias a que se comprometeron as persoas ou entidades socias, así como verificar o seu cumprimento.

Artigo 25. Obrigas documentais

A asociación deberá dispoñer dos seguintes documentos, que estarán á disposición de todas as persoas ou entidades asociadas:

a) Unha lista actualizada das persoas ou entidades socias.

b) Documentación contable que permita obter unha imaxe fiel do patrimonio, resultados e situación financeira da entidade, así como das actividades desenvolvidas. Esta contabilidade realizarase de acordo coa normativa específica que resulte de aplicación.

c) Inventario dos seus activos.

d) Libro de actas das sesións dos seus órganos de goberno e representación.

Artigo 26. Atribucións da persoa que ocupa o cargo de presidente

A persoa que ocupe o cargo de presidente terá as seguintes atribucións:

a) Representar legalmente a asociación ante calquera organismo público ou privado.

b) Convocar e presidir as sesións que realice a Xunta Directiva e a Asemblea Xeral, dirixir as deliberacións dun e doutro, e decidir con voto de calidade aquelas deliberacións con empate.

c) Ordenar a execución dos acordos adoptados pola Xunta Directiva e a Asemblea Xeral.

d) Ordenar pagamentos validamente acordados.

e) Asinar as actas, certificados, pagamentos e demais documentos da asociación xunto coa persoa que representa a Secretaría ou, se é o caso, co membro da Xunta Directiva que se encargue da elaboración do documento de que se trate.

f) Verificar que a asociación cumpre co disposto na lexislación forestal vixente co fin de que sexa inscrita no Rexistro de Agrupacións Forestais de Xestión Conxunta.

Artigo 27. Atribucións da persoa que ocupa o cargo de vicepresidenta

A persoa titular da Vicepresidencia exercerá as funcións propias da Presidencia nos casos de ausencia ou enfermidade do presidente, pode tamén actuar en representación da asociación nos casos en que así o acorde a Xunta Directiva ou a Asemblea Xeral.

Artigo 28. Atribucións da persoa que ocupa o cargo de secretaría

A persoa titular da Secretaría terá as seguintes atribucións:

a) Tramitar as solicitudes de ingreso na asociación, así como formalizar as inscricións das altas e baixas das persoas asociadas.

b) Dirixir as actividades sociais e a administración da asociación.

c) Formalizar as convocatorias de reunións por orde da Presidencia, así como redactar a correspondente acta.

d) Expedir certificacións de acordos co visto e prace da Presidencia, así como emitir informes.

e) Redactar o inventario dos bens da asociación.

f) Custodia o arquivo de libros e documentos da asociación.

g) Cumprir coas demais obrigas documentais nos termos que legalmente correspondan.

O titular da Secretaría, nos casos de ausencia ou enfermidade, será substituído por outro membro da Xunta Directiva que designe a Presidencia.

Artigo 29. Atribucións da persoa que ocupa o cargo de tesouraría

A persoa titular da Tesouraría terá as seguintes atribucións:

a) Recadar e custodiar os fondos pertencentes á asociación na forma en que acorde a Xunta Directiva e a Asemblea Xeral.

b) Intervir coa súa sinatura todos os documentos de cobramentos e pagamentos co visto e prace da Presidencia.

c) Cumprir as ordes de pagamento emitidas pola Presidencia.

d) Elaborar o proxecto de orzamento para a súa aprobación.

e) Levar os libros de contabilidade da asociación e elaborar as contas anuais para a súa aprobación pola Asemblea Xeral.

f) Calquera outra función da Tesouraría como a responsabilidade da xestión económica financeira da asociación.

Artigo 30. Atribucións da persoa que ocupa o cargo de vogal

Os vogais terán as obrigas propias do seu cargo e aqueloutras que lles sexan conferidas.

CAPÍTULO IV

Réxime económico da asociación

Artigo 31. Patrimonio inicial

1. A asociación, no momento de iniciar a súa actividade, ten un patrimonio de [] euros.

2. O peche do exercicio económico coincidirá co ano natural e terá lugar o 31 de decembro de cada ano.

Artigo 32. Contas anuais

1. Anualmente, con referencia ao último día do exercicio, elaboraranse as contas anuais, nas cales se reflectirá a situación patrimonial e contable da asociación, así como unha memoria das actividades desenvolvidas. Esta documentación estará á disposición das persoas asociadas durante un prazo non inferior a [] días, para que posteriormente sexa sometida á aprobación da Asemblea Xeral.

2. A Xunta Directiva levará os correspondentes libros contables que permitan obter unha imaxe fiel do patrimonio, resultados e situación financeira da asociación.

Artigo 33. Destino dos ingresos para os efectos da asociación

Como entidade sen ánimo de lucro, os beneficios obtidos das actividades económicas desenvolvidas pola asociación, incluída a prestación de servizos, destinaranse exclusivamente ao cumprimento dos seus fins. Estes beneficios, en ningún caso poderán ser repartidos entre as persoas ou entidades asociadas, nin entre ningunha outra persoa ou entidade con interese lucrativo.

Artigo 34. Orixe dos recursos económicos

O núcleo principal dos recursos económicos procederá dos seguintes recursos:

a) As cotas periódicas das persoas ou entidades asociadas.

b) As cotas extraordinarias propostas pola Xunta Directiva e aprobadas pola Asemblea Xeral.

c) As doazóns ou subvencións que poidan conceder organismos públicos, entes privados ou particulares.

d) Os ingresos que se poidan percibir polo desenvolvemento das actividades da asociación e, en particular, os derivados do desenvolvemento da actividade forestal con criterios de xestión forestal sostible.

e) Calquera outro ingreso admitido pola normativa vixente para actividades sen ánimo de lucro.

Artigo 35. Honorarios das persoas ou entidades asociadas

Artigo 35.1

Opción 1: establécese unha cota periódica para financiar os gastos da asociación.

1. A Asociación establece unha cota periódica para as persoas ou entidades asociadas co obxectivo de financiar os gastos que vaia sufragar durante o desenvolvemento das súas actividades.

Artigo 35.1

Opción 2: non se establece ningún tipo de cota periódica, aínda que se deixa a posibilidade de que se establezan no futuro.

1. A Asociación non establece unha cota periódica para as persoas ou entidades asociadas, aínda que se reserva a posibilidade de constituíla no futuro se fose necesario. Esta cota deberá ser proposta pola Xunta Directiva e aprobada pola Asemblea Xeral.

2. Ademais, por proposta da Xunta Directiva, a Asemblea Xeral poderá aprobar todas aquelas cotas extraordinarias que se consideren necesarias e convenientes para o mantemento e a sustentabilidade da asociación.

Artigo 36. Doazóns e subvencións recibidas

1. As subvencións ou axudas que se poidan obter poderán destinarse tanto para gastos e melloras comúns da asociación (mantemento de vías, acondicionamento de cargadoiros, instrumentos de xestión, traballos técnicos, etc.), como para a realización de traballos silvícolas naquelas parcelas xestionadas pola asociación, segundo o establecido no contrato de cesión de aproveitamento ou xestión conxunta subscrito cos propietarios ou titulares dos dereitos de uso das ditas parcelas.

2. Todos os socios que sexan titulares de parcelas deberán colaborar con ela para a obtención das subvencións ou axudas que se poidan percibir.

Así mesmo, no caso de que a asociación vaia formalizar un contrato de cesión de uso ou xestión conxunta dunha parcela, a Xunta Directiva, ou quen se encargue da súa redacción, deberá garantir que, entre as súas cláusulas, se inclúe aquela que obrigue o propietario a colaborar coa asociación na obtención de todo tipo de subvencións ou axudas.

3. Nos contratos de cesión de uso ou xestión conxunta que poida subscribir a asociación coa propiedade deberanse incluír causas de penalización por incumprimento do período de permanencia comprometido. Entre elas, a Xunta Directiva deberá valorar a conveniencia de introducir unha cláusula que permita que, á hora de calcular o custo total acumulado dos traballos silvícolas realizados, non se teñan en conta as subvencións ou doazóns recibidas para a execución destas obras.

Artigo 37. Contratos de cesión de uso ou de xestión conxunta para formalizar entre a asociación e a propiedade

1. A Xunta Directiva poderá propoñer a formalización de contratos de cesión de uso ou de xestión conxunta cos titulares de parcelas.

2. No caso de que se vaian asinar contratos vinculados á explotación forestal, estes deberán conter cláusulas onde se especifique a porcentaxe ou o importe do aproveitamento que percibirá a asociación como compensación dos traballos de xestión e actuacións que se vaian realizar na parcela, polo que a Xunta Directiva, ou o persoal técnico que a apoie, deberá velar pola inclusión deste tipo de cláusulas.

Artigo 38. Réxime das obras, melloras e servidumes

1. Para o exercicio dos seus fins sociais, é requisito que a asociación dispoña dun instrumento de ordenación forestal ou xestión forestal.

2. Como consecuencia da execución do instrumento de ordenación ou xestión forestal, poderá xurdir a necesidade de realizar obras, melloras ou servidumes en terreos forestais, propiedade das persoas asociadas, pero cuxo uso ceden á asociación. De darse tal circunstancia, o socio cedente non poderá opoñerse á realización da obra ou mellora, nin á constitución da servidume que lle corresponda.

3. No caso de que as parcelas xestionadas pola asociación non sexan de socios senón que sexan xestionadas en virtude do disposto nun contrato de cesión de uso ou xestión conxunta subscrito entre a asociación e a propiedade, ese contrato deberá conter cláusulas que garantirán que o propietario non se opoña á realización de obras ou melloras de interese para a asociación, salvo acordo mutuo entre as partes.

4. Os propietarios en cuxo predio forestal se realicen as ditas obras, melloras ou servidumes terán dereito a percibir unha indemnización da asociación no caso de que, como consecuencia destas, o valor razoable do devandito predio se vise afectado negativamente. O seu importe determinarase en función do disposto no acordo extraestatutario que acorde a Asemblea Xeral e debe aboarse no prazo de [] días, contados desde o inicio da actuación nos solares da súa propiedade.

5. Terán prioridade aquelas obras recollidas nos instrumentos de ordenación ou xestión forestal.

6. A asociación non poderá destinar os seus fondos a destinos distintos do financiamento de traballos directos e indirectos relacionados coa execución destes instrumentos de ordenación ou xestión forestal, e debe destinar para tal fin un mínimo do 40 % de todos os ingresos obtidos, salvo que as necesidades económicas de afrontar os traballos establecidos nos instrumentos de ordenación ou xestión forestal sexan inferiores, neste caso axustarase esa porcentaxe de reinvestimento a eses importes.

No caso de que os ingresos deriven da realización de ingresos de masas afectadas por incendios, tormentas ou pragas, a porcentaxe de reinvestimento establecida no parágrafo anterior deberá elevarse ao 100 %.

Artigo 39. Custos de referencia ligados aos modelos forestais utilizados

A Asociación levará unha contabilidade que permita cuantificar os diferentes custos que soporta. Para tal fin, a Xunta Directiva deberá dotarse de medios técnicos que lle permitan calcular os custos de execución das distintas actuacións silvícolas previstas nos modelos silvícolas que utiliza como referencia, tendo en conta diferentes niveis de mecanización en función da situación física característica da área xestionada pola asociación.

Estes recursos deberán ser actualizados tendo en conta a variación dos custos no tempo, ben por parte da Xunta Directiva ou por terceiros aos que teña encomendada esta tarefa.

Artigo 40. Avaliación económica derivada da aplicación de modelos forestais de referencia

1. Os recursos a que se refire o artigo anterior tamén se utilizarán para o cálculo do valor económico dunha determinada masa forestal ou do valor dunha determinada prestación accesoria.

Neste caso, haberá que ter en conta os ingresos previstos en función da calidade da estación da zona xestionada pola asociación. A Xunta Directiva, ou aquel terceiro a quen se lle encomendou esta tarefa, deberá levar un rexistro actualizado da calidade da estación de cada unha das parcelas xestionadas, utilizando estes valores para calcular o beneficio latente de cada masa en pé, tanto no momento en que a parcela pasa a ser xestionada pola asociación como no momento en que deixa de ser xestionada, no caso de que esta se produza con anterioridade á execución da corta definitiva.

Artigo 40.2

Opcional no caso de que se trate dun grupo de produción de castaña ou doutro tipo de produto que se obteña de forma recorrente ao longo dos anos, axustándose o nivel de produtividade dunha determinada masa tendo en conta o historial produtivo obtido.

2. No caso particular daquelas masas destinadas á elaboración de castañas ou doutro tipo de produtos que se obteñan de forma recorrente no tempo, a súa capacidade de produción estimarase no momento da inclusión. Para estimar a capacidade de produción a propia asociación poderá ter en conta a produción media establecida na zona onde se sitúa a masa. Nestes casos, ao longo dos primeiros anos posteriores á xestión da masa pola asociación, deberán ser verificados e axustados, se é o caso, os valores preestablecidos.

Artigo 41. Da garantía sobre a superficie forestal asignada en explotación

Os socios que, por calquera modalidade xurídica, cedan á asociación o uso e a explotación de parcelas forestais, non poderán ceder a súa propiedade salvo que se garanta que esta poderá seguir desfrutando dos ditos dereitos de uso ata a finalización do prazo establecido inicialmente.

CAPÍTULO V

Do Regulamento de réxime interno da asociación

Artigo 42. Regulamento interior

1. Mediante acordo da Asemblea Xeral poderá aprobarse un regulamento de réxime interno que desenvolva aquelas materias non previstas directamente nestes estatutos.

2. O funcionamento interno da asociación estará sometido á xurisdición civil.

CAPÍTULO VI

Disolución e liquidación da asociación

Artigo 43. Disolución

A asociación quedará disolta polas seguintes causas:

a) Por acordo adoptado por maioría cualificada en sesión extraordinaria da Asemblea Xeral.

b) Polas causas que se determinan no artigo 39 do Código civil.

c) Por sentenza xudicial firme.

d) Polas demais causas que se determinen nestes estatutos.

Artigo 44. Liquidación

1. Acordada a disolución da asociación, deberá abrirse un prazo de liquidación ata o remate do cal a entidade conservará a súa personalidade xurídica.

2. Pasarán a ser liquidadoras as persoas que sexan membros da Xunta Directiva no momento da disolución, salvo designación expresa de liquidadores pola Asemblea Xeral ou por autoridade competente.

3. Correspóndelles ás persoas liquidadoras:

a) Velar pola integridade dos bens da asociación.

b) Concluír as operacións pendentes e realizar as novas que sexan necesarias para a liquidación.

c) Recoller os créditos da asociación.

d) Liquidar o patrimonio e pagar os acredores.

e) Destinar os bens resultantes da liquidación para os efectos previstos no acordo de disolución ou nestes estatutos, que non menoscaben o seu carácter sen ánimo de lucro.

f) Solicitar a baixa da asociación e a anulación das inscricións rexistrais, así como solicitar a baixa no Rexistro de Agrupacións Forestais de Xestión Conxunta.

4. A solicitude de inscrición da disolución da asociación no rexistro correspondente irá xunto co documento xustificativo do destino dos bens resultantes da liquidación.

CAPÍTULO VII

Mediación e arbitraxe

Artigo 45. Mediación e arbitraxe

Todas as cuestións, discrepancias, reclamacións e controversias que xurdan na relación entre a asociación e os asociados, así como entre eles pola súa condición de tales, incluídas as relacionadas coa separación, exclusión e determinación da cota de liquidación, resolveranse, en primeiro lugar, por acordo entre os correspondentes partícipes.

No caso de que os ditos participantes non poidan chegar a un acordo para resolver as súas discrepancias, someteranse á arbitraxe de equidade, de conformidade co regulado pola lexislación vixente, e xulgará un árbitro designado polas partes e, na súa falta, un representante da dirección xeral con competencias en materia forestal.

O laudo da devandita arbitraxe será vinculante e executivo ante calquera tribunal xudicial competente para iso.

ANEXO II

Modelo tipo de estatutos para entidades sen ánimo de lucro
de representación para a planificación ou comercialización conxunta

CAPÍTULO I

Da asociación en xeral

Artigo 1. Nome e natureza

Baixo a denominación de «Asociación []» (en diante, a asociación) constitúese unha entidade de carácter asociativo e sen ánimo de lucro, ao abeiro do disposto no artigo 22 da Constitución española e na Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, e na demais lexislación aplicable.

Artigo 2. Personalidade e capacidade

A asociación constituída ten personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar, e pode realizar todos aqueles actos que sexan necesarios para o cumprimento da finalidade para a cal foi creada, con suxeición ao establecido no ordenamento xurídico.

Poderá unirse, federarse ou asociarse con outras entidades nacionais e estranxeiras de propietarios forestais, así como participar en calquera outra, logo do acordo da Xunta Directiva que deberá ser ratificado pola Asemblea Xeral.

Artigo 3. Enderezo

A asociación establece o seu domicilio social en [].

Artigo 3

Opcional: no caso de que estea previsto ter varias oficinas.

Poderán ser utilizados outros locais asociativos noutras localidades, mediante acordo da Asemblea Xeral por proposta da Xunta Directiva. A Asemblea Xeral terá atribucións para cambiar tanto o domicilio social como os locais, e dará conta do seu acordo ao organismo encargado do Rexistro de Asociacións.

Artigo 4. Ámbito de actuación

O ámbito territorial en que a asociación desenvolverá principalmente as súas actividades é [].

A superficie da iniciativa de actuación de xestión ou comercialización conxunta é a indicada na planimetría do anexo XX.

Artigo 5. Duración

A asociación constitúese por tempo indefinido e rexerase polos principios democráticos recollidos no marco da Constitución española e do resto do ordenamento xurídico.

O exercicio fiscal rematará o 31 de decembro de cada ano natural.

Artigo 6. Finalidades e actividades

Artigo 6.1

Elimina aqueles obxectos sociais que poidan non corresponder.

1. Os fins principais da asociación son os seguintes:

a) A mobilización de terreos agroforestais ou agrogandeiros mediante unha actuación de xestión conxunta, ou mediante o impulso de iniciativas e propostas que melloren a estrutura da propiedade forestal de Galicia, dirixidas á consecución de unidades de explotación tecnicamente viables.

b) A realización de melloras no medio rural, a promoción e o desenvolvemento agrario e a prestación de servizos comúns que sirvan a aquela finalidade.

c) Promover iniciativas que contribúan a incrementar o valor engadido dos bens, produtos e recursos xerados nos montes galegos.

d) O apoio á xestión forestal sostible no marco de estratexias de mitigación e adaptación fronte ao cambio climático e nas políticas activas de descarbonización, sen esquecer o seu papel como refuxio da biodiversidade e a importancia que presenta en servizos fundamentais para a vida, incluída a realización de actividades que favorezan o perfeccionamento técnico, mantendo por todos os medios posibles o intercambio de información, coñecementos e experiencias relativas a produción forestal.

e) Asegurarlles aos seus socios información, asesoramento e asistencia técnica no ámbito silvícola.

f) Procurar unha máxima transparencia na información aos seus asociados sobre melloras, métodos, técnicas, prácticas aconsellables, axudas e orientacións de carácter socioeconómico que favorezan os seus intereses, así como a prestación de servizos para acadalas.

g) Representar os seus socios ante as administracións, entes, corporacións e institucións nacionais e internacionais, no ámbito forestal, tratando de contribuír á elaboración de políticas forestais acordes cos intereses dos silvicultores galegos.

h) Elevar á Administración pública, tanto estatal como autonómica, mesmo á Unión Europea, reclamacións, iniciativas e suxestións que reflictan as aspiracións e os dereitos dos seus membros.

i) Colaborar cos organismos e coas entidades no desenvolvemento dos coñecementos técnicos e científicos, favorecendo a docencia, a divulgación, a investigación científica, a experimentación práctica sobre o terreo e a utilización de todo o necesario para lograr o perfeccionamento tecnolóxico e económico do sector forestal e do monte en xeral.

j) Cooperar con calquera organización interesada na promoción da produción e comercialización da madeira.

k) Actuar como órgano consultivo na elaboración das disposicións que poidan afectala ante a consellería con competencias no sector forestal, a mesa da madeira e outros organismos.

l) Fomentar a solidariedade e o sentimento de unión, así como a axuda entre todos os seus membros.

m) Todos aqueles outros fins lícitos que vaian en beneficio da asociación e dos seus membros.

n) Cumprir co disposto na lexislación forestal vixente que lle permita a inscrición no Rexistro de Agrupacións Forestais de Xestión Conxunta.

2. Para levar a cabo os seus fins, a asociación poderá desenvolver as seguintes actividades:

a) Actividade de comercialización conxunta de produtos obtidos en montes xestionados por persoas físicas ou entidades....

b) [].

c) [].

3. Os beneficios obtidos por calquera concepto destinaranse exclusivamente ao cumprimento destes fins, sen que poidan ser repartidos entre os socios nin con outras persoas físicas ou xurídicas con interese lucrativo.

CAPÍTULO II

Das persoas ou entidades socias

Artigo 7. Requisitos das persoas ou entidades asociadas

1. Para adquirir a condición de persoa asociada requírese ser persoa física ou xurídica. No caso de persoa física, deberá ser maior de idade e non estar suxeita á inhabilitación ou incapacidade legal, así como ter interese no desenvolvemento dos fins establecidos pola asociación no artigo 6 destes estatutos.

2. As persoas xurídicas de natureza asociativa requirirán o acordo expreso do seu órgano competente para seren consideradas socias. No caso de entidades de carácter institucional, requirirán o acordo do seu órgano reitor.

3. Poderá ser socia calquera persoa ou entidade que teña vinculación coa actividade forestal.

Artigo 8. Clases de persoas ou entidades socias

Dentro da asociación poderán existir dúas clases de persoas ou entidades asociadas segundo o momento do ingreso:

a) Fundadoras: aquelas persoas ou entidades que subscribiron a acta fundacional.

b) Numerarias: aquelas persoas ou entidades que ingresaron con posterioridade á subscrición da acta fundacional.

Artigo 9. Perda da condición de persoa ou entidade socia

1. A condición de persoa ou entidade socia poderá perderse por algunha das seguintes causas:

a) Por vontade propia, que se fará efectiva mediante a presentación da súa renuncia, por escrito dirixido á Xunta Directiva e dirixido á Secretaría da asociación. A renuncia producirá efectos desde a data da súa presentación.

b) Por falta de pagamento de [] cotas, que se farán efectivas desde a notificación do acordo adoptado pola Xunta Directiva á persoa interesada. No caso de perder a condición de socia por falta de pagamento das cotas, poderá ser rehabilitada nesa condición sempre que no prazo de [] días desde a notificación do impagamento proceda ao pagamento das cotas pendentes.

c) Polo incumprimento destes estatutos ou de acordos validamente adoptados polos órganos da asociación, así como no caso de realizar actuacións que prexudiquen gravemente os intereses da asociación.

d) Por falecemento da persoa física ou a extinción da persoa xurídica.

e) Por infrinxir a prohibición de concorrencia no caso de ser membro da Xunta Directiva, salvo nos casos en que exista autorización para iso.

f) Por ser condenado en sentenza firme para indemnizar a asociación polos danos e prexuízos ocasionados por actos contrarios á lexislación vixente ou aos estatutos, ou ben por ter realizado actos sen dilixencia na súa condición de membro da Xunta Directiva.

g) Por atoparse o asociado en causa de concurso de acredores ou execución hipotecaria do seu patrimonio.

2. A expulsión de persoas ou entidades socias nos supostos das alíneas b) e c) do punto anterior será acordada pola Xunta Directiva, oída a persoa ou a entidade interesada. O acordo de expulsión deberá ser ratificado pola Asemblea Xeral.

Contra esta resolución poderá recorrerse ante a xurisdición ordinaria.

3. A perda da condición de socio non dará dereito a recuperar as cotas de pertenza á asociación aboadas mentres se formou parte da asociación. En cambio, dará o dereito a recuperar, na contía que se tivese establecido previamente, tanto a participación patrimonial inicial como outras achegas económicas que fixera. O importe que resultase a devolver poderá verse reducido no importe das débedas que a persoa teña coa asociación, e tamén na contía dos danos e prexuízos derivados do incumprimento de compromisos asumidos pola persoa mentres foi socia.

Artigo 10. Dereitos das persoas ou entidades socias

1. Todas as persoas ou entidades asociadas teñen os mesmos dereitos:

a) Participar nas actividades da asociación.

b) Seren electoras e elixibles para cargos nos órganos de goberno.

c) Participar nas asembleas con voz e voto.

d) Recibir información sobre a composición dos órganos de representación da asociación, do seu estado de contas e do desenvolvemento da súa actividade.

e) Acceder á documentación da asociación a través dos órganos de representación.

f) Seren oídas con carácter previo á adopción de medidas disciplinarias contra elas, e seren informadas dos feitos que orixinan as ditas medidas; debe motivarse o acordo que, se é o caso, impoña a sanción.

g) Solicitar, por si ou conxuntamente con outras persoas ou entidades socias, a realización dunha sesión da Asemblea Xeral; poden propoñer un ou varios dos puntos que tratar na orde do día correspondente.

h) Impugnar os acordos dos órganos da asociación que esta considere contrarios á lei ou aos estatutos.

2. Cada persoa ou entidade socia terá dereito a emitir un voto. Este dereito poderá suspenderse no caso de non estar ao día no pagamento das cotas sociais, de existiren estas.

Artigo 11. Obrigas das persoas ou entidades socias

1. Son obrigas das persoas ou entidades asociadas:

a) Cumprir os presentes estatutos e os acordos validamente adoptados polos órganos de goberno e representación da asociación.

b) Aboar as taxas que, de acordo cos estatutos, se establezan.

c) Desempeñar as obrigas inherentes aos cargos para os cales foron elixidos.

d) Asistir ás asembleas e aos demais actos organizados pola asociación.

Artigo 12. Libro de rexistro de socios

1. A asociación levará un libro de rexistro de socios/as no cal fará constar os datos persoais dos socios.

2. A asociación só poderá rectificar o contido do libro de rexistro de socios/as se os interesados non se opuxeran á rectificación no prazo dun mes desde a notificación fidedigna da finalidade de proceder a ela.

3. Os datos persoais dos socios/as poderán ser modificados por petición súa e non producirán efectos fronte á asociación ata que non sexan reflectidos nos ditos libros.

4. Calquera socio/a poderá examinar o libro rexistro, que estará baixo o coidado e a responsabilidade dos membros da Xunta Directiva.

5. Calquera persoa ou entidade socia ten dereito a obter unha certificación das participacións, dereitos ou gravames rexistrados ao seu nome.

Artigo 13. Da admisión de novos socios

1. No caso de que calquera persoa física ou entidade manifestase interese por acceder á asociación, seguirase o seguinte procedemento:

a) Esa persoa ou entidade deberá comunicar de maneira formal e explícita o interese da Xunta Directiva.

b) A Xunta Directiva deberá determinar se a inclusión desta nova persoa socia é de interese para a asociación.

c) No caso de considerar que é de interese para a asociación, a Xunta Directiva deberá incluír a solicitude de alta desa persoa ou entidade como socia na orde do día da seguinte sesión da Asemblea Xeral.

d) A Asemblea Xeral deberá decidir ao respecto da solicitude de entrada desa nova persoa ou entidade.

CAPÍTULO III

Dos órganos da asociación

Artigo 14. Organización da asociación

O órgano de goberno da asociación é a Asemblea Xeral, e o órgano de representación é a Xunta Directiva, que adoptará os seus acordos de acordo co principio de maioría ou de democracia interna.

Artigo 15. Asemblea Xeral

A Asemblea Xeral é o órgano supremo de goberno da asociación e estará integrada por todas as persoas asociadas.

Artigo 16. Sesións da Asemblea Xeral. Clases e convocatoria

1. As sesións da Asemblea Xeral poderán ser ordinarias ou extraordinarias.

2. As sesións ordinarias realizaranse polo menos unha vez ao ano, dentro dos [] meses seguintes ao peche do exercicio económico.

3. As sesións extraordinarias realizaranse cando as circunstancias así o aconsellen, cantas veces como o acorde a Xunta Directiva, ou cando o soliciten por escrito o [] por cento das persoas ou entidades socias.

4. As convocatorias realizaranse por escrito e indicarán o lugar, o día e a hora da reunión, así como a orde do día, entre a publicación ou notificación da convocatoria e a data da reunión da Asemblea Xeral deberá mediar como mínimo un prazo de [] días naturais.

5. No caso de que un mínimo do [] por cento dos asociados soliciten a realización dunha sesión da Asemblea Xeral, deberán relacionarse nesa solicitude os puntos que desexen incluír na orde do día desa sesión, que deberá ser convocado pola Xunta Directiva dentro do mes seguinte á data de recepción da solicitude.

6. A documentación e información sobre os asuntos incluídos na orde do día estará á disposición das persoas físicas ou entidades socias na Secretaría da asociación cunha antelación mínima de [] días naturais á realización da sesión da Asemblea Xeral.

Artigo 17. Constitución e quórum suficiente

1. As sesións da Asemblea Xeral, tanto ordinarias como extraordinarias, quedarán validamente constituídas sempre que na primeira convocatoria asistan un terzo das persoas asociadas presentes ou representadas ou, transcorrida media hora, e en segunda convocatoria, con calquera número de persoas asociadas asistentes con dereito a voto. En todo caso, deberán estar presentes as persoas que representen a Presidencia e a Secretaría, ou persoas que as substitúan.

2. A Asemblea Xeral poderá convocar, constituír ou realizar as súas sesións, así como adoptar os acordos pertinentes, tanto presencialmente como a distancia.

3. Nas sesións que se realicen a distancia os participantes poderán atoparse en distintos lugares sempre que se asegure, por medios electrónicos tales como telefónicos ou audiovisuais, a identidade, o contido das súas declaracións, o momento en que estas se producen, a interactividade e intercomunicación en tempo real entre os participantes, así como a dispoñibilidade de medios durante a sesión. Entre outros, considéranse incluídos entre os medios electrónicos válidos o correo electrónico, as audioconferencias e as videoconferencias.

Nas sesións a distancia os acordos entenderanse adoptados na sede da asociación.

Artigo 18. Facultades da Asemblea Xeral na sesión ordinaria

Serán competencias da Asemblea Xeral na sesión ordinaria:

a) Examinar e aprobar as contas e os balances do exercicio anterior.

b) Aprobar o orzamento de ingresos e gastos de cada exercicio, así como o plan de actividades.

c) Examinar e aprobar as cotas das persoas asociadas, por proposta da Xunta Directiva.

d) Elixir e cesar os membros da Xunta Directiva.

e) Aprobar a incorporación ou separación dunha federación.

f) Solicitar a declaración de utilidade pública da asociación.

g) Aprobar o Regulamento de réxime interno da asociación.

h) Aprobar e modificar os plans e instrumentos de ordenación forestal e, de ser o caso, de ordenación e xestión agropecuaria.

i) Aprobar a solicitude de inscrición no Rexistro de Agrupacións Forestais de Xestión Conxunta.

j) Aprobar a solicitude para a subscrición dun contrato de xestión ou convenios de colaboración coa Administración.

Artigo 19. Facultades da Asemblea Xeral na sesión extraordinaria

Serán competencias da Asemblea Xeral na sesión extraordinaria:

a) Modificar os estatutos da asociación, incluído o cambio de domicilio.

b) Elixir e cesar os membros da Xunta Directiva.

c) Acordar a transformación, fusión ou disolución da asociación, así como designar as persoas liquidadoras.

d) As que, sendo competencia da Asemblea Xeral en reunión ordinaria, por razóns de urxencia ou necesidade non poidan agardar á súa convocatoria.

e) Todas as non conferidas á Asemblea Xeral en sesión ordinaria, nin á Xunta Directiva.

Artigo 20. Adopción de acordos

1. Os acordos da Asemblea Xeral adoptaranse por maioría simple das persoas presentes ou representadas, cando os votos afirmativos superen os negativos, e non serán computables para estes efectos os votos nulos ou en branco nin as abstencións.

2. Será necesaria a maioría absoluta dos votos emitidos, que resultará cando os votos afirmativos superen a metade das persoas presentes ou representadas, para adoptar os seguintes acordos:

a) Nomeamento de membros da Xunta Directiva.

b) Acordo de constitución de federacións e de integración ou separación delas.

c) Disolución da asociación.

d) Modificación dos estatutos, incluído o cambio de domicilio social.

e) Alleamento de bens.

f) Retribucións das persoas que integran os órganos de representación.

3. Os acordos que se adopten de acordo cos preceptos recollidos no presente artigo obrigarán a todas as persoas asociadas, incluso as non asistentes.

Artigo 21. A Xunta Directiva. Composición

1. A Xunta Directiva é o órgano de representación que xestiona e representa os intereses da asociación, de acordo coas disposicións e directrices da Asemblea Xeral.

2. Estará integrado por un/unha presidente/a, vicepresidente/a, secretario/a, tesoureiro/a e vogais, que deberán ser designados pola Asemblea Xeral entre as persoas asociadas maiores de idade, en pleno uso dos seus dereitos civís e que non estean incursos en causas de incompatibilidade legalmente establecidas.

Os cargos que compoñen a Xunta Directiva desempeñaranse con carácter gratuíto, sen prexuízo do dereito ao reembolso dos gastos debidamente xustificados que se poidan ocasionar por actuacións relacionadas coa asociación.

3. A duración do seu mandato será de [] anos e pode ser obxecto de sucesivas reeleccións.

4. Os cargos da Xunta Directiva cesarán nas súas funcións por calquera dos seguintes motivos:

a) Morte ou declaración de falecemento da persoa física, ou extinción da persoa xurídica.

b) Incapacidade, inhabilitación ou incompatibilidade, segundo o disposto no ordenamento xurídico.

c) Resolución xudicial.

d) Dimisión voluntaria.

e) Perda da condición de persoa asociada.

f) Incumprimento dalgunha das obrigas que tivesen encomendadas.

g) Transcorrido o prazo do seu mandato. Neste caso, e mentres non se proceda á elección dunha nova xunta directiva, aquela continuará en funcións ata a designación das novas persoas titulares.

5. De producirse vacantes na Xunta Directiva, estas serán desempeñadas provisionalmente polas restantes persoas que a integran, ata a elección definitiva pola Asemblea Xeral.

Artigo 22. Sesións e acordos da Xunta Directiva

1. A Xunta Directiva será convocada pola Presidencia, por iniciativa propia ou por petición de calquera dos seus compoñentes.

2. Para estar validamente constituídos deberán estar presentes a metade máis un dos seus membros e, en todo caso, as persoas titulares da Presidencia e a Secretaría, ou as que os substitúan.

3. Para que os acordos da Xunta Directiva sexan válidos, deberán ser adoptados pola maioría de votos das persoas asistentes. Os empates resolveranse polo voto de calidade da Presidencia.

4. A Xunta Directiva poderase convocar, constituír, realizar as súas sesións ou adoptar acordos presencial ou a distancia.

5. Nas sesións que se realicen a distancia, os membros da Xunta Directiva poderán encontrarse en distintos lugares sempre que se asegure, por medios electrónicos tales como os telefónicos e audiovisuais, a identidade, o contido das súas declaracións, o momento en que estas teñan lugar, a interactividade e intercomunicación en tempo real entre os participantes, así como a dispoñibilidade de medios durante a sesión. Entre outros, considéranse incluídos entre os medios electrónicos válidos o correo electrónico, as audioconferencias e as videoconferencias.

Nas sesións realizadas a distancia, os acordos entenderanse adoptados na sede da asociación.

Artigo 23. Competencias da Xunta Directiva

A Xunta Directiva terá as seguintes atribucións:

a) Programar e dirixir actividades asociativas.

b) Levar a xestión administrativa e económica da asociación.

c) Executar os acordos tomados pola Asemblea Xeral.

d) Someter á aprobación da Asemblea Xeral o orzamento anual de ingresos e gastos, así como o estado de contas do exercicio anterior.

e) Convocar e fixar as datas das sesións da Asemblea Xeral.

f) Propoñerlle á Asemblea Xeral a fixación de cotas ordinarias e extraordinarias para as persoas e entidades asociadas.

g) Nomear as comisións ou seccións de traballo que se consideren oportunas para o bo funcionamento da asociación.

h) Ditar normas interiores de organización, así como exercer cantas funcións non estean expresamente atribuídas á Asemblea Xeral.

i) Resolver as solicitudes de ingreso daquelas persoas ou entidades que desexen incorporarse á asociación.

j) Propoñerlle o plan de actividades da asociación á Asemblea Xeral para a súa aprobación, impulsando e dirixindo as súas tarefas.

k) Resolver os procedementos disciplinarios que se instrúan.

Artigo 24. Obrigas documentais

A asociación deberá dispoñer dos seguintes documentos, que estarán á disposición de todas as persoas ou entidades asociadas:

a) Unha lista actualizada das persoas ou entidades socias.

b) Documentación contable que permita obter unha imaxe fiel do patrimonio, resultados e situación financeira da entidade, así como das actividades desenvolvidas. Esta contabilidade realizarase de acordo coa normativa específica que resulte de aplicación.

c) Inventario dos seus bens.

d) Libro de actas das sesións dos seus órganos de goberno e representación.

Artigo 25. Atribucións da persoa que ocupa o cargo de presidente/a

A persoa que ocupe o cargo de presidente/a terá as seguintes atribucións:

a) Representar legalmente a asociación ante calquera organismo público ou privado.

b) Convocar e presidir as sesións que realice a Xunta Directiva e a Asemblea Xeral, dirixir as deliberacións dunha e doutra, e decidir con voto de calidade aquelas deliberacións con empate de votos.

c) Ordenar a execución dos acordos adoptados pola Xunta Directiva e a Asemblea Xeral.

d) Ordenar pagamentos validamente acordados.

e) Asinar as actas, os certificados, os pagamentos e os demais documentos da asociación xunto coa persoa que representa a Secretaría ou, se é o caso, co membro da Xunta Directiva a que lle corresponda a elaboración do documento de que se trate.

f) Verificar que a asociación cumpre co disposto na lexislación forestal vixente co fin de que sexa inscrita no Rexistro de Agrupacións Forestais de Xestión Conxunta.

Artigo 26. Atribucións da persoa que ocupa o cargo de vicepresidente/a

A persoa titular da Vicepresidencia exercerá as funcións propias da presidencia nos casos de ausencia ou enfermidade do/da presidente/a; tamén pode actuar en representación da asociación nos casos en que así o acorde a Xunta Directiva ou a Asemblea Xeral.

Artigo 27. Atribucións da persoa que ocupa o cargo de secretario/a

A persoa titular da Secretaría terá as seguintes atribucións:

a) Tramitar as solicitudes de ingreso na asociación, así como formalizar as inscricións das altas e baixas das persoas asociadas.

b) Dirixir as actividades sociais e a administración da asociación.

c) Formalizar as convocatorias de reunión por orde da Presidencia, así como redactar as correspondente actas.

d) Expedir certificacións de acordos co visto e prace da Presidencia, así como emitir informes.

e) Redactar o inventario dos bens da asociación.

f) Custodia o arquivo de libros e documentos da asociación.

g) Cumprir coas demais obrigas documentais nos termos que legalmente correspondan.

O titular da Secretaría, nos casos de ausencia ou enfermidade, será substituído por outro membro da Xunta Directiva que designe a Presidencia.

Artigo 28. Atribucións da persoa que ocupa o cargo de tesoureiro/a

A persoa titular da Tesouraría terá as seguintes atribucións:

a) Recadar e custodiar os fondos pertencentes á asociación na forma que acorde a Xunta Directiva e a Asemblea Xeral.

b) Intervir coa súa sinatura todos os documentos de cobramentos e pagamentos co visto e prace da Presidencia.

c) Cumprir as ordes de pagamento emitidas pola Presidencia.

d) Elaborar o anteproxecto de orzamento para a súa aprobación.

e) Levar os libros de contabilidade da asociación e elaborar as contas anuais para a súa aprobación pola Asemblea Xeral.

f) Calquera outra función da Tesouraría como a responsabilidade da xestión económica financeira da asociación.

Artigo 29. Atribucións da persoa que ocupa o cargo de vogal

Os vogais terán as obrigas propias do seu cargo e aqueloutras que lles sexan conferidas.

CAPÍTULO IV

Réxime económico da asociación

Artigo 30. Patrimonio inicial

1. A asociación, no momento de iniciar a súa actividade, ten un patrimonio de [] euros.

2. O peche do exercicio económico coincidirá co ano natural e terá lugar o 31 de decembro de cada ano.

Artigo 31. Contas anuais

1. Anualmente, con referencia ao último día do exercicio económico, elaboraranse as contas anuais, nas cales se reflectirá a situación patrimonial e contable da asociación, así como unha memoria das actividades desenvolvidas. Esta documentación estará á disposición das persoas asociadas durante un prazo non inferior a [] días, para que sexa sometida posteriormente á súa aprobación pola Asemblea Xeral.

2. A Xunta Directiva levará os correspondentes libros contables, que permitan obter unha imaxe fiel do patrimonio, o resultado e a situación financeira da asociación.

Artigo 32. Destino dos ingresos aos fins da asociación

Como entidade sen ánimo de lucro, os beneficios obtidos derivados das actividades económicas desenvolvidas pola asociación, incluídas as prestacións de servizos, destinaranse exclusivamente ao cumprimento dos seus fins. Estes beneficios, en ningún caso poderán ser repartidos entre as persoas ou entidades asociadas, nin tampouco entre ningunha outra persoa ou entidade con interese lucrativo.

Artigo 33. Orixe dos recursos económicos

O núcleo principal dos recursos económicos procederá dos seguintes recursos:

a) As cotas periódicas das persoas ou entidades asociadas.

b) As cotas extraordinarias propostas pola Xunta Directiva e aprobadas pola Asemblea Xeral.

c) As doazóns ou subvencións que poidan conceder organismos públicos, entes privados ou particulares.

d) Os ingresos que se poidan percibir polo desenvolvemento das actividades da asociación.

e) Calquera outro ingreso admitido pola normativa vixente para actividades sen ánimo de lucro.

Artigo 34. Cotas das persoas ou entidades asociadas

Artigo 34.1

Opción 1: establécese unha cota periódica para financiar os gastos da asociación.

1. A asociación establece unha cota periódica para as persoas ou entidades asociadas co obxectivo de financiar os gastos que soportará durante o desenvolvemento das súas actividades.

Artigo 34.1

Opción 2: non se establece ningún tipo de cota periódica, aínda que se deixa a posibilidade de que se establezan no futuro.

1. A asociación non establece unha cota periódica para as persoas ou entidades asociadas, aínda que se reserva a posibilidade de constituíla no futuro se for necesario. Esta cota deberá ser proposta pola Xunta Directiva e aprobada pola Asemblea Xeral.

2. Ademais, por proposta da Xunta Directiva, a Asemblea Xeral poderá aprobar todas aquelas cotas extraordinarias que se consideren necesarias e convenientes para o mantemento e a sustentabilidade da asociación.

Artigo 35. Doazóns e subvencións recibidas

As subvencións ou axudas que se poidan obter poderán destinarse a gastos e melloras comúns da asociación.

Artigo 36. Contratos de cesión de uso ou xestión conxunta para formalizar entre a asociación e a propiedade

1. A Xunta Directiva poderá propoñer a formalización de contratos de cesión de uso ou xestión conxunta cos titulares de parcelas.

2. No caso de que se vaian asinar contratos vinculados á explotación forestal, estes deberán conter cláusulas onde se especifique a porcentaxe ou o importe do aproveitamento que percibirá a asociación como compensación dos traballos de xestión e actuacións que se vaian realizar na parcela, polo que a Xunta Directiva, ou o persoal técnico que a apoie, deberá velar pola inclusión deste tipo de cláusulas.

CAPÍTULO V

Do Regulamento de réxime interno da asociación

Artigo 37. Regulamento de réxime interno

1. Mediante acordo da Asemblea Xeral poderá aprobarse un regulamento de réxime interno que desenvolva aquelas materias non previstas directamente nos presentes estatutos.

2. O funcionamento interno da asociación estará sometido ao ordenamento xurisdicional civil.

CAPÍTULO VI

Disolución e liquidación da asociación

Artigo 38. Disolución

A asociación quedará disolta polas seguintes causas:

a) Por acordo adoptado por maioría cualificada en sesión extraordinaria da Asemblea Xeral.

b) Polas causas que se determinan no artigo 39 do Código civil.

c) Por sentenza xudicial firme.

d) Polas demais causas que se determinen nestes estatutos.

Artigo 39. Liquidación

1. Acordada a disolución da asociación, deberase abrir un prazo de liquidación ata o remate do cal a entidade conservará a súa personalidade xurídica.

2. As persoas que sexan membros da Xunta Directiva no momento da disolución converteranse en liquidadoras, salvo designación expresa de liquidadores pola Asemblea Xeral ou pola autoridade competente.

3. Correspóndelles ás persoas liquidadoras:

a) Velar pola integridade do patrimonio da asociación.

b) Concluír as operacións pendentes e realizar as novas que sexan precisas para a liquidación.

c) Cobrar os créditos da asociación.

d) Liquidar o patrimonio e pagar os acredores.

e) Destinar o haber resultante da liquidación para os fins previstos no acordo de disolución ou nos presentes estatutos, que non desvirtúe a súa natureza sen ánimo de lucro.

f) Solicitar a baixa da asociación e cancelación dos asentos rexistrais, así como solicitar a baixa no Rexistro de Agrupacións de Xestión Conxunta.

4. A solicitude de inscrición da disolución da asociación no rexistro correspondente irá xunto co documento xustificativo do destino dos bens resultantes da liquidación.

CAPÍTULO VII

Mediación e arbitraxe

Artigo 40. Mediación e arbitraxe

Todas as cuestións, dúbidas, discrepancias, reclamacións e controversias que xurdan na relación entre a asociación e os asociados, así como entre estas pola súa condición de tales, incluídas as relacionadas coa separación, exclusión e determinación da cota de liquidación, quedarán resoltas, en primeiro lugar, por acordo entre os participantes correspondentes.

No caso de que os ditos participantes non poidan chegar a un acordo para resolver as súas discrepancias, someteranse á arbitraxe de equidade, de conformidade co regulado pola lexislación vixente, e xulgará un árbitro nomeado polas partes e, na súa falta, por un representante da Dirección Xeral con competencias en materia de montes.

O laudo da devandita arbitraxe será vinculante e executivo ante calquera tribunal xudicial que teña xurisdición para iso.