DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Venres, 5 de abril de 2024 Páx. 22127

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 19 de marzo de 2024 pola que se modifica a autorización do centro privado Cesforem Formación, da Coruña.

A titularidade do centro privado (CPR) Cesforem Formación, da Coruña, solicita a modificación da autorización para impartir, na modalidade semipresencial e/ou a distancia, o ciclo formativo de grao medio (CM) Coidados Auxiliares de Enfermaría e o ciclo formativo de grao superior (CS) Hixiene Bucodental.

Conforme a Orde do 13 de setembro de 2023, publicada no Diario Oficial de Galicia do 22 de setembro, o centro conta con autorización para impartir os ciclos solicitados na modalidade presencial, réxime ordinario.

Logo de tramitar o expediente de acordo co establecido no Decreto 133/1995, do 10 de maio, sobre autorización de centros docentes privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias, e na Orde do 20 de setembro de 1995 que o desenvolve, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos

DISPOÑO:

Artigo 1. Modificación da autorización

Modificar a autorización do centro para impartir na modalidade semipresencial e/ou a distancia do réxime para persoas adultas as ensinanzas do CM Coidados Auxiliares de Enfermaría e do CS Hixiene Bucodental. O centro queda configurado como se detalla a seguir:

Denominación xenérica: centro privado (CPR).

Denominación específica: Cesforem Formación.

Código do centro: 15033290.

Domicilio: avenida Monelos, 45 baixo.

Localidade: A Coruña.

Código postal: 15009.

Concello: A Coruña.

Provincia: A Coruña.

Titular: Formación Profesional y Certificados de Galicia, S.L.

Composición resultante:

a) Modalidade presencial, réxime ordinario:

• 2 CM Coidados Auxiliares de Enfermaría (2 unidades para 20 postos escolares cada unha).

• 1 CS Hixiene Bucodental (2 unidades para 20 postos escolares cada unha).

b) Modalidade semipresencial e/ou a distancia, réxime para persoas adultas:

• 1 CM Coidados Auxiliares de Enfermaría.

• 1 CS Hixiene Bucodental.

Artigo 2. Ordenación académica

1. Ás ensinanzas autorizadas no artigo 1 desta orde na modalidade semipresencial e/ou a distancia aplicaráselles, en canto sexa axeitado á súa natureza, o previsto na Orde do 5 de novembro de 2010 pola que se establece, con carácter experimental, a ordenación da formación profesional inicial polo réxime para as persoas adultas nas modalidades a distancia e semipresencial.

2. O desenvolvemento dos módulos profesionais organizarase sobre a base da titoría individual e colectiva, que serán atendidas directamente polo profesorado de cada módulo. A titoría individual realizarase preferentemente de xeito telemático; a titoría colectiva terá carácter presencial coa intervención directa do profesorado, nas instalacións do centro docente, e, conforme o artigo 12 da mencionada Orde do 5 de novembro de 2010, as horas semanais de dedicación á titoría colectiva para a realización por parte do alumnado das actividades programadas non poderá ser inferior ao enteiro igual ou inmediatamente superior ao 25 % das horas semanais que se establezan para cada módulo profesional.

A asistencia ás titorías presenciais nas instalacións do centro educativo terá carácter voluntario para o alumnado.

3. Ao longo do período lectivo correspondente, o profesorado de cada módulo profesional realizará un seguimento do desenvolvemento do proceso de ensino e aprendizaxe, utilizando para iso os instrumentos e os procedementos de recollida de información previamente establecidos na programación dos módulos, que deberán ser coñecidos polo alumnado.

A avaliación da aprendizaxe do alumnado será continua a través das actividades que se programen e harmonizarase con probas presenciais teórico-prácticas para cada avaliación parcial, de carácter obrigatorio para o alumnado, e axustadas aos resultados de aprendizaxe e aos criterios de avaliación dos currículos dos módulos profesionais. Ao finalizar o desenvolvemento de cada módulo, realizarase unha proba presencial final de carácter global. Esta proba terá que realizala o alumnado que non superase o módulo mediante as probas presenciais parciais que se realicen ao longo do curso.

4. O profesorado que imparta nas modalidades de distancia e semipresencial disporá das competencias necesarias para o manexo da plataforma de formación a distancia e para realizar o seguimento do proceso de ensino-aprendizaxe do alumnado.

Artigo 3. Inicio da actividade

Para a posta en funcionamento das ensinanzas que se autorizan, a Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Coruña, logo do informe do Servizo Territorial de Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación de persoal que impartirá docencia no dito centro, así como o equipamento adecuado.

Artigo 4. Inscrición no Rexistro de Centros

Esta orde dará lugar á correspondente inscrición no Rexistro de Centros da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 5. Revisión da autorización

O centro queda obrigado ao cumprimento da normativa vixente e a solicitar a oportuna revisión cando teña que modificarse calquera dos datos que se sinalan nesta orde.

Disposición derradeira primeira. Recursos

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición, ante esta consellería, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses desde a mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de marzo de 2024

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación,
Formación Profesional e Universidades