DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Martes, 2 de abril de 2024 Páx. 21479

III. Outras disposicións

Augas de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 18 de marzo de 2024 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións a asociacións sen ánimo de lucro, en réxime de concorrencia competitiva, para o desenvolvemento de actuacións e actividades de educación ambiental para a sustentabilidade dos ríos da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento AU301G).

BDNS (Identif.): 750789.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán ser entidades beneficiarias destas subvencións as asociacións sen ánimo de lucro que teñan recollidos entre os seus fins a conservación da natureza e a protección do ambiente e/ou a educación ambiental e o voluntariado ambiental, sempre que o seu domicilio e ámbito territorial en que realizan principalmente as súas actividades estea en Galicia.

Segundo. Obxecto

Establecer as bases reguladoras para a concesión de subvencións a asociacións sen ánimo de lucro, en réxime de concorrencia competitiva, para o desenvolvemento de actuacións e actividades de educación ambiental para a sustentabilidade dos ríos da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa, e convocar estas subvencións para o ano 2024 (código de procedemento AU301G).

Terceiro. Bases reguladoras

Publícase conxuntamente este extracto coa Resolución do 18 de marzo de 2024 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións a asociacións sen ánimo de lucro, en réxime de concorrencia competitiva, para o desenvolvemento de actuacións e actividades de educación ambiental para a sustentabilidade dos ríos da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento AU301G).

Cuarto. Importe

As subvencións reguladas ao abeiro desta resolución financiaranse con cargo á conta financeira 6518 (subvencións correntes a familias e institucións sen fins de lucro) da entidade pública empresarial Augas de Galicia, cunha dotación de douscentos mil euros (200.000,00 €) con cargo á anualidade 2024.

O importe das subvencións para o desenvolvemento de actuacións e actividades de educación ambiental para a sustentabilidade dos ríos da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa será do 100 % dos gastos subvencionables, co límite máximo referido no artigo 5 para cada zona hidrográfica.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2024

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Presidenta de Augas de Galicia