DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Martes, 2 de abril de 2024 Páx. 21447

III. Outras disposicións

Augas de Galicia

RESOLUCIÓN do 18 de marzo de 2024 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións a asociacións sen ánimo de lucro, en réxime de concorrencia competitiva, para o desenvolvemento de actuacións e actividades de educación ambiental para a sustentabilidade dos ríos da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento AU301G).

A Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, recolle entre os principios reitores do exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de augas o de contribución á preservación e mellora do ambiente e, en particular, dos ecosistemas acuáticos, e constitúe un obxectivo primordial en materia de auga o de previr a deterioración do estado de todas as masas de auga coa finalidade de acadar o seu bo estado ecolóxico.

Unha das competencias de Augas de Galicia é a realización de programas, proxectos e accións de cooperación para a implementación da Axenda 2030 e a consecución dos obxectivos de desenvolvemento sustentable en materia de augas (artigo 11.9 da Lei 9/2010, do 4 de novembro).

Augas de Galicia considera a educación e sensibilización sociais como unha das ferramentas máis importantes na consecución dos obxectivos da Directiva 2000/60/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de outubro de 2000, pola que se establece un marco comunitario de actuación no eido da política de augas, obxectivos que Augas de Galicia asume como propios e entre os cales cabe destacar a protección das augas superficiais continentais e, máis especificamente, dos ecosistemas fluviais.

A finalidade perseguida con esta convocatoria de subvencións é axudar as asociacións sen ánimo de lucro para dar a coñecer o papel fundamental dos ríos e as problemáticas ambientais ligadas a estes, así como fomentar prácticas e comportamentos que lles permitan aos cidadáns o mantemento e a mellora dos cursos fluviais mediante a práctica de dinámicas que fomenten a participación cidadá.

En consecuencia, tendo en conta o determinado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de conformidade coa Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. O obxecto desta resolución é establecer as bases reguladoras para a concesión de subvencións a asociacións sen ánimo de lucro, en réxime de concorrencia competitiva, para o desenvolvemento de actuacións e actividades de educación ambiental para a sustentabilidade dos ríos da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa, e convocar estas subvencións para o ano 2024 (código de procedemento AU301G).

2. A finalidade das subvencións é financiar o desenvolvemento de actividades e actuacións e a divulgación de programas de educación ambiental para a sustentabilidade dos ríos da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa.

Artigo 2. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser entidades beneficiarias destas subvencións as asociacións sen ánimo de lucro que teñan recollidos entre os seus fins a conservación da natureza e a protección do ambiente e/ou a educación ambiental e o voluntariado ambiental, sempre que o seu domicilio e ámbito territorial en que realizan principalmente as súas actividades estea en Galicia.

2. Para poderen obter a condición de entidade beneficiaria, as asociacións sen ánimo de lucro deberán cumprir, con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitudes, os seguintes requisitos:

a) Estar legalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

b) Cumprir os requisitos recollidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Estar ao día nas obrigas que lles sexan de aplicación coa Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia.

3. Ao abeiro desta convocatoria de subvencións, ningunha asociación poderá presentar máis dunha solicitude por zona hidrográfica, aínda que se refiran a actuacións distintas. O incumprimento deste punto dará lugar á inadmisión das solicitudes presentadas en segundo ou sucesivo lugar.

Artigo 3. Actuacións subvencionables

1. Serán subvencionables os investimentos realizados desde o 1 de xaneiro de 2024 ata o 8 de novembro de 2024, destinados ao desenvolvemento de actuacións e actividades de educación ambiental para a sustentabilidade dos ríos da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa, a través dalgunha das actuacións que se indican a seguir:

a) Actividades de divulgación, concienciación e sensibilización en relación co medio hídrico na zona hidrográfica correspondente.

Estas actividades deberán ter como obxectivo divulgar, concienciar e sensibilizar en relación co estado do medio hídrico sobre o cal se propón actuar e cos propósitos de mellora dese medio que se formulen no marco desta convocatoria, e implicar os axentes clave do programa e das actividades, e da sociedade en xeral, na valoración da conservación dos ecosistemas fluviais.

Englobaría actividades como:

1º. Realización de enquisas de poboación para o nivel de coñecemento ou de concienciación respecto do ciclo da auga, o seu uso sustentable ou a conservación de ecosistemas acuáticos.

2º. Divulgación e sensibilización en relación coa identificación de presións e impactos, por exemplo a localización de vertedoiros ou verteduras puntuais ao dominio público hidráulico ou ás súas inmediacións; problemas de permeabilidade faunística en infraestruturas hidráulicas e identificación de tramos fluviais ou zonas húmidas en xeral con problemática ligada a actuacións antrópicas.

3º. Concienciación en relación co estado do río, coa recollida de datos e mostras (parámetros fisicoquímicos e biolóxicos da auga), co seguimento da biodiversidade ligada a ecosistemas acuáticos e coa identificación de especies de flora e fauna alóctonas invasoras en medios acuáticos.

4º. Edición de libros, guías, vídeos e contidos web ou en redes sociais relacionados coa conservación dos ecosistemas acuáticos e uso sustentable da auga na zona hidrográfica correspondente, así como charlas, xornadas ou coloquios sobre experiencias xa en marcha de conservación de ecosistemas acuáticos, actividades de interpretación e de educación ambiental sobre aspectos ligados ao uso da auga e os ecosistemas acuáticos, talleres formativos con axentes clave, exposicións, formación mediante talleres a outros axentes implicados como os usuarios.

5º. Difusión do propio programa das actuacións e actividades subvencionadas.

b) Actuacións de conservación e mellora do estado dos ríos da zona hidrográfica correspondente.

Estas actuacións deberán ter como obxectivo desenvolver actividades de protección e recuperación de ecosistemas fluviais. Englobaría actividades como:

1º. Saídas formativas para a implantación dunha metodoloxía de traballo na detección de problemas e na súa posible solución.

2º. Limpeza de residuos nos ríos e no seu contorno.

3º. Mellora das formacións vexetais, con actuacións como revexetación ou medidas para favorecer a rexeneración natural ou a desaparición de especies de flora alóctonas invasoras.

4º. Actividades de mellora de hábitats para favorecer a desaparición de especies de fauna alóctonas invasoras e recolonización de especies autóctonas, con actuacións como a construción de refuxios ou rehabilitación de zonas de desova.

2. As actuacións propostas deberán referirse unicamente a unha zona hidrográfica concreta da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa.

A Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa divídese nas seguintes zonas hidrográficas:

a) Zona hidrográfica de Galicia-Sur, que abarca os sistemas de explotación parciais 1 ao 4, este incluído.

b) Zona hidrográfica de Galicia-Centro, que abarca os sistemas de explotación parciais 5 ao 8, este incluído.

c) Zona hidrográfica de Galicia-Norte, que abarca os sistemas de explotación parciais 9 a 16, este incluído.

d) Zona hidrográfica da Mariña, que abarca os sistemas de explotación parciais 17 ao 19, este incluído.

O territorio da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa e de cada unha das zonas hidrográficas desta demarcación poderá consultarse no enderezo electrónico da páxina web do Sistema de información IDE-DHGC (Infraestrutura de datos espaciais da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa), que estará dispoñible desde o enderezo electrónico da páxina web corporativa de Augas de Galicia (na actualidade https://augasdegalicia.xunta.gal).

Artigo 4. Gastos subvencionables

1. Serán gastos subvencionables aqueles que respondan de maneira indubidable á natureza da actividade subvencionada e resulten estritamente necesarios. Considérase gasto realizado o efectuado a partir do 1 de xaneiro de 2024 e pagado con anterioridade á finalización do prazo de xustificación. E, en todo caso, os seguintes:

a) Gastos relativos a material divulgativo e publicidade en medios de comunicación.

b) Gastos de persoal propio da entidade beneficiaria con asignación parcial ou total ao proxecto e xustificados segundo o estipulado no artigo 23 desta resolución.

Gastos derivados da contratación de persoal específico para o desenvolvemento da actividade subvencionada e de relatores. Os complementos por gastos de transporte e/ou axudas de custo non se poderán imputar como gastos de persoal.

En todo caso, os gastos de persoal non poderán superar o 75 % da totalidade da actividade subvencionada.

c) Gastos de alugamento de salas.

d) Gastos de desprazamento necesarios para o desenvolvemento das actividades subvencionadas. O importe máximo por quilometraxe para desprazamentos con vehículo particular é o establecido na Orde HFP/792/2023, do 12 de xullo, pola que se revisa a contía das axudas de custo e asignacións para gastos de locomoción no imposto sobre a renda das persoas físicas: 0,26 euros/km.

En todo caso, os gastos de persoal non poderán superar o 3 % da totalidade da actividade subvencionada.

e) Gastos en material funxible e material consumible de informática para as actuacións formativas e outras campañas de sensibilización ou voluntariado ambiental.

f) Gastos de xestión e administración que estean en relación directa coa actividade subvencionada e sexan indispensables para a súa preparación ou execución.

En todo caso, estes gastos non poderán superar o 10 % da totalidade da actividade subvencionada, e os gastos imputados deberán xustificarse cos criterios detallados no artigo 22 da resolución.

g) Será subvencionable o imposto sobre o valor engadido (IVE) só no caso de que non sexa repercutible de acordo co disposto na Lei 37/1992, do 28 de decembro, do imposto sobre o valor engadido. Para tal efecto, a asociación beneficiaria deberá presentar coa documentación xustificativa un certificado en que declare expresamente que o IVE dos gastos subvencionables non é repercutible por parte da asociación.

2. Non serán gastos subvencionables os seguintes:

a) Gastos financeiros.

b) Gastos de adquisición de material inventariable, instalacións, obra civil, nin os de reparación, construción, reforma, equipamentos e outros calquera que constitúan investimentos reais ou de carácter permanente.

c) Gastos xerais, como material de oficina, teléfono, mantemento da páxina web, fax, auga e luz, así como de alugueiros non contratados especificamente para o desenvolvemento da actividade subvencionada.

d) Os que non estean definidos ou que non teñan como finalidade o obxecto da subvención, así como os non imputables directamente aos procedementos obxecto de subvención.

3. En ningún caso o custo de adquisición dos bens e servizos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

Artigo 5. Crédito

1. As subvencións reguladas ao abeiro desta resolución financiaranse con cargo á conta financeira 6518 (subvencións correntes a familias e institucións sen fins de lucro) da entidade pública empresarial Augas de Galicia, cunha dotación de douscentos mil euros (200.000,00 €) con cargo á anualidade 2024.

2. O crédito indicado no punto anterior distribuirase nos seguintes grupos:

a) O 30 % do importe (60.000,00 €) irá destinado a actuacións que se van desenvolver no ámbito da zona hidrográfica de Galicia-Sur da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa.

b) O 30 % do importe (60.000,00 €) irá destinado a actuacións que se van desenvolver no ámbito da zona hidrográfica de Galicia-Centro da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa.

c) O 30 % do importe (60.000,00 €) irá destinado a actuacións que se van desenvolver no ámbito da zona hidrográfica de Galicia-Norte da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa.

d) O 10 % do importe (20.000,00 €) irá destinado a actuacións que se van desenvolver no ámbito da zona hidrográfica da Mariña da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa.

Outorgarase unha única subvención por cada zona hidrográfica da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa.

3. Estas cantidades teñen o carácter de máximo e serán de aplicación as seguintes previsións:

a) As solicitudes presentadas dividiranse en catro grupos en función da zona hidrográfica en que se vaian desenvolver as actuacións para as cales se solicita a subvención.

As solicitudes de subvención que cumpran os criterios e requisitos establecidos na convocatoria de subvención serán valoradas dentro de cada grupo, e outorgaráselles unha subvención a aquela que obteña a maior puntuación en cada grupo.

b) As solicitudes que non poidan ser atendidas por falta de crédito nalgún dos grupos quedarán en reserva e poderán, se é o caso, subvencionarse co crédito que quede libre de se producir unha non aceptación ou renuncia por parte da entidade beneficiaria dentro do mesmo grupo.

Artigo 6. Ampliación de crédito

Sen prexuízo do establecido no artigo anterior, prevese a posibilidade de ampliar o crédito nas circunstancias previstas no artigo 30.2 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

A ampliación de crédito queda condicionada á declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, á aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

Augas de Galicia publicará a ampliación nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura dun novo prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 7. Importe máximo das subvencións

1. O importe das subvencións para o desenvolvemento de actuacións e actividades de educación ambiental para a sustentabilidade dos ríos da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa será do 100 % dos gastos subvencionables, co límite máximo referido no artigo 5 para cada zona hidrográfica.

2. O importe da subvención en ningún caso poderá superar o custo da actividade que vai desenvolver a entidade beneficiaria.

Artigo 8. Compatibilidade das subvencións

1. Estas subvencións serán incompatibles con outras que, para a mesma finalidade, concedan outras administracións públicas.

2. As entidades beneficiarias están obrigadas a comunicarlles ás entidades concedentes a obtención de subvencións ou axudas que financien as actividades obxecto desta resolución.

Artigo 9. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 10. Forma e lugar de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

As solicitudes e os trámites posteriores deberán estar asinados electronicamente pola persoa representante legal da entidade solicitante ou pola persoa en quen estea delegada a competencia no momento da dita sinatura.

2. No formulario, que figura como anexo I desta resolución, declárase o seguinte:

a) Que o órgano competente da asociación acordou participar na convocatoria de subvencións e apoderou a persoa que asina para presentar a solicitude e demais documentos exixidos nesta resolución de convocatoria.

b) Que a asociación que solicita a subvención acepta as condicións e os demais requisitos exixidos na resolución de convocatoria.

c) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

d) O conxunto de todas as subvencións ou axudas das distintas administracións públicas competentes ou doutros entes públicos, solicitadas ou concedidas para as mesmas actuacións financiadas ao abeiro desta resolución, e o compromiso de comunicar decontado cantas subvencións ou axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

e) Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

f) Non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de subvencións previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g) Estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

h) O carácter repercutible ou non do IVE por parte da asociación, de acordo co disposto na Lei 37/1992, do 28 de decembro, do imposto sobre o valor engadido.

3. Ao abeiro desta convocatoria de subvencións, ningunha asociación poderá presentar máis dunha solicitude por zona hidrográfica, aínda que se refiran a actuacións distintas. O incumprimento deste criterio dará lugar á inadmisión das solicitudes presentadas en segundo ou sucesivo lugar.

Artigo 11. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:

a) Unha memoria en que se inclúan os seguintes puntos:

1º. Obxectivos propostos: neste punto incluirase unha explicación dos obxectivos que se pretenden acadar tanto coas actividades de divulgación, concienciación e sensibilización propostas como coas actuacións de conservación e mellora do estado dos ríos, na zona hidrográfica correspondente.

2º. Descrición das actividades e actuacións: neste punto describiranse dun xeito individualizado as actividades de divulgación, concienciación e sensibilización propostas e as actuacións de conservación e mellora. Indicaranse a localización concreta dos ríos en que se pretende actuar e o alcance xeográfico das actuacións que se propoñen, especificando as masas de auga concretas e o demais contido necesario para a súa valoración segundo os bloques descritos no artigo 17 desta resolución. Estas actividades e actuacións relacionaranse cos obxectivos expostos no punto anterior.

As masas de auga e o seu estado poderán consultarse no enderezo electrónico da páxina web do Sistema de información IDE-DHGC (Infraestrutura de datos espaciais da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa): https://mapas.xunta.gal/visores/dhgc/

3º. Medios materiais, persoais e económicos: neste punto incluirase unha relación dos medios materiais, persoais e económicos que se consideran necesarios para desenvolver o conxunto do proxecto e cada unha das actividades e actuacións descritas anteriormente. Este punto conterá unha proposta de organización deses medios para acadar os obxectivos enunciados. Así mesmo, incluiranse os compromisos de colaboración nas actuacións e actividades propostas tanto doutras administracións e colectivos escolares como doutras asociacións sen ánimo de lucro.

4º. Xestión do voluntariado: neste punto describirase o modo en que se propón xestionar o voluntariado que participe nas distintas actividades e actuacións, o seu sistema de captación e os requisitos establecidos e as propostas de formación durante o desenvolvemento do proxecto.

5º. Calendario de traballo: neste punto incluirase unha proposta de calendario de traballo para a xestión do voluntariado, para a organización dos medios materiais e persoais e para o desenvolvemento das actividades e actuacións do proxecto.

b) Orzamento desagregado no cal se detallen de forma separada os conceptos e os custos subvencionables, tanto os necesarios para desenvolver o conxunto do proxecto como para cada unha das actividades e actuacións propostas.

c) Copia dos estatutos da asociación solicitante.

A falta de presentación da documentación indicada poderá ser obxecto de requirimento de emenda, e aplicarase o previsto no artigo 16.2 desta resolución para o suposto de non atender o requirimento, sen prexuízo do disposto no artigo 12 desta resolución sobre comprobación de datos.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia

O procedemento que se vai seguir para presentar documentación de gran tamaño pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia a través da seguinte ligazón https://sede.xunta.gal/axuda/preguntas-frecuentes?content=pregunta-frecuente_0068.xml

Artigo 12. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) NIF da entidade representante.

c) DNI/NIE da persoa representante.

d) Certificacións sobre o cumprimento de obrigas que deba emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria.

e) Certificacións sobre o cumprimento de obrigas fronte á Seguridade Social, que deba emitir a Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

f) Certificacións sobre o cumprimento de obrigas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

g) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

h) Concesións de subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 13. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 14. Publicación dos actos

1. Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a ampliación do crédito da convocatoria e a relación de subvencións que se concedan.

2. Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web de Augas de Galicia (https://augasdegalicia.xunta.gal) a ampliación do crédito da convocatoria e a relación de subvencións que se conceden.

Artigo 15. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 16. Órganos competentes e instrución

1. A unidade administrativa encargada da tramitación do procedemento será a Subdirección Xeral de Réxime Xurídico de Augas de Galicia, que realizará, de oficio, cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

2. Unha vez finalizado o prazo de presentación das solicitudes, revisadas estas e a documentación que se presente con elas, se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación exixida, a unidade administrativa encargada da tramitación do procedemento requirirá o solicitante para que, no prazo máximo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, se considerará que desiste da súa solicitude, de acordo co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, despois de que se dite resolución ao abeiro do artigo 21 desta lei.

Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, en calquera fase do procedemento anterior á proposta de resolución, a unidade administrativa encargada da tramitación do procedemento poderá requirir os solicitantes para que presenten a información e/ou a documentación complementaria que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación e comprobación das solicitudes presentadas.

Aqueles expedientes que reúnan todos os requisitos e conteñan toda a documentación preceptiva serán elevados polo órgano instrutor á Comisión de Valoración.

3. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

a) Presidencia: a persoa titular da Dirección de Augas de Galicia.

b) Vogalías: a persoa titular da Xerencia de Augas de Galicia, a persoa titular da Comisaría de Augas, a persoa titular da Subdirección Xeral de Réxime Económico-Financeiro de Augas de Galicia e unha persoa designada pola Secretaría Xeral Técnica da Consellería con competencias en materia de augas.

c) Secretaría: un/unha funcionario/a de Augas de Galicia, designado/a pola Dirección de Augas de Galicia.

Se por calquera causa, no momento en que a Comisión de Valoración teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas compoñentes non pode asistir, será substituída pola persoa que para o efecto nomee a persoa titular da Dirección de Augas de Galicia.

4. A Comisión de Valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados nesta resolución e de emitir informe en que se concrete o resultado da valoración efectuada e no cal conste a relación ordenada de todas as solicitudes que cumpren coas condicións administrativas e técnicas para adquiriren a condición de entidades beneficiarias, con indicación da puntuación outorgada a cada unha delas. Este informe remitiráselle ao órgano instrutor, que o elevará xunto coa proposta de resolución ao órgano competente para resolver.

5. O órgano instrutor formulará a proposta de resolución.

A proposta de resolución proporá a inadmisión, tanto das solicitudes que non cumpran as exixencias contidas nesta resolución ou na normativa de aplicación, como das solicitudes que non conteñan a documentación necesaria, con indicación das causas desta inadmisión.

A proposta de resolución proporá a concesión das solicitudes que proceda. Na proposta de resolución que formule o instrutor figurarán de xeito individualizado as entidades solicitantes propostas para obteren a subvención, ordenadas segundo a valoración que se lle outorgue á solicitude no informe emitido pola Comisión de Valoración. Así mesmo, indicarase o importe da subvención para cada unha delas, ata esgotar o crédito dispoñible.

6. As solicitudes admitidas e valoradas pola Comisión de Valoración cuxa concesión superaría o importe do crédito dispoñible para a zona hidrográfica correspondente poderán ser atendidas seguindo a orde de puntuación, sen necesidade dunha nova convocatoria, co crédito que resulte dispoñible de se producir algunha non aceptación ou renuncia nese grupo e ata o límite do crédito dispoñible para ese grupo. Para estes efectos, poderán realizarse sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado neste artigo.

7. O órgano instrutor emitirá un informe en que conste que da información que ten no seu poder se desprende que as entidades beneficiarias cumpren todos os requisitos necesarios para accederen ás subvencións.

8. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta e o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base.

Artigo 17. Criterios de valoración

1. A concesión das subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo cos principios establecidos no artigo 5.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Aplicaranse os seguintes criterios e baremos para a valoración das solicitudes:

a) Obxectivos propostos. Con base na memoria presentada pola entidade solicitante, valoraranse os obxectivos propostos. Este criterio puntuarase cun máximo de 10 puntos e na súa valoración teranse en conta:

1º. Descrición dos obxectivos que se pretenden acadar co conxunto das actividades propostas de divulgación, concienciación e sensibilización e grao de concreción: ata un máximo de 5 puntos.

2º. Descrición dos obxectivos que se pretenden acadar co conxunto das actuacións propostas de conservación e mellora do estados dos ríos e grao de concreción: ata un máximo de 5 puntos.

b) Descrición das actividades e actuacións. Con base na memoria presentada pola entidade solicitante, valoraranse as actividades e actuacións propostas. Este criterio puntuarase cun máximo de 25 puntos e na súa valoración terase en conta:

1º. O grao de definición das actividades de divulgación, concienciación e sensibilización propostas: ata un máximo de 5 puntos.

2º. O grao de definición das actuacións propostas de conservación e mellora do estado dos ríos: ata un máximo de 5 puntos.

3º. O grao de coherencia das actividades de divulgación, concienciación e sensibilización propostas cos obxectivos descritos: ata un máximo de 5 puntos.

4º. O grao de coherencia das actuacións propostas de conservación e mellora do estado dos ríos cos obxectivos descritos: ata un máximo de 5 puntos.

5º. O grao de concreción da localización das actuacións propostas de conservación e mellora do estado dos ríos, do seu alcance xeográfico e das masas de auga en que se pretende actuar: ata un máximo de 5 puntos.

c) Alcance da intervención. Analizarase, con base na memoria presentada pola entidade solicitante, o alcance das actuacións propostas de conservación e mellora do estado dos ríos. Este criterio puntuarase cun máximo de 20 puntos da seguinte maneira:

1º. Por cada masa de auga distinta en que se pretende actuar: 1 punto, ata un máximo de 5 puntos.

2º. Por cada quilómetro de río en que se propón actuar, situado nunha masa de auga que teña un estado «bo ou mellor» segundo o Plan hidrolóxico da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa 2021-2027: 1 punto, ata un máximo de 5 puntos.

3º. Por cada quilómetro de río en que se propón actuar, situado nunha masa de auga que teña un estado «peor que bo» segundo o Plan hidrolóxico da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa 2021-2027: 2 puntos, ata un máximo de 10 puntos.

d) Medios materiais, persoais e económicos. Analizarase con base na memoria presentada pola entidade solicitante. Este criterio puntuarase cun máximo de 15 puntos e teranse en conta:

1º. Grao de definición dos medios materiais, persoais e económicos necesarios para o desenvolvemento de cada unha das actuacións e das actividades propostas: ata un máximo de 5 puntos.

2º. Coherencia da organización proposta para cada unha das actividades e actuacións, atendendo ao xeito de planealas: ata un máximo de 5 puntos.

3º. Compromisos de colaboración con administracións, colectivos escolares e outras asociacións sen ánimo de lucro, e coherencia coas actividades e actuacións propostas: ata un máximo de 5 puntos.

e) Xestión do voluntariado. Analizarase con base na memoria presentada pola entidade solicitante. Este criterio puntuarase cun máximo de 5 puntos e terase en conta:

1º. Grao de coherencia da proposta de xestión do voluntariado coas actividades e actuacións propostas, tendo en conta o sistema de captación do voluntariado e os requisitos establecidos e as propostas de formación durante o desenvolvemento do proxecto.

f) Calendario de traballo. Analizarase con base na memoria presentada pola entidade solicitante. Este criterio puntuarase cun máximo de 5 puntos e teranse en conta:

1º. Idoneidade e grao de coherencia do calendario de traballo proposto, tendo en conta os tempos destinados á xestión do voluntariado, á organización dos medios materiais e persoais e ao desenvolvemento das actividades e actuacións do proxecto: ata un máximo de 5 puntos.

g) Orzamento. Analizarase o orzamento desagregado presentado pola entidade solicitante. Este criterio puntuarase cun máximo de 15 puntos e teranse en conta:

1º. O grao de coherencia entre o orzamento e as actividades e actuacións propostas e o conxunto do proxecto: ata un máximo de 5 puntos.

2º. A solicitude do importe máximo da subvención fixado para cada zona hidrográfica no artigo 5.2) desta resolución: ata un máximo de 10 puntos. Os puntos distribuiranse do seguinte xeito:

Solicitude do importe máximo subvencionable previsto para a zona hidrográfica correspondente: 10 puntos.

Solicitude de menos do importe máximo subvencionable previsto para a zona hidrográfica correspondente: 0 puntos.

h) Presentación correcta da solicitude de subvención, sen necesidade de realizar ningún requirimento de emenda: ata un máximo de 3 puntos. Os puntos distribuiranse do seguinte xeito:

Asociacións que presentasen correctamente a solicitude: 3 puntos.

Asociacións que non presentasen correctamente a solicitude: 0 puntos.

i) Compromiso do emprego da lingua galega na elaboración de toda a documentación que se xere coa execución das actuacións ou actividades subvencionadas: ata un máximo de 2 puntos. Os puntos distribuiranse do seguinte xeito:

Presentación do compromiso do emprego da lingua galega: 2 puntos.

Non presentación do compromiso do emprego da lingua galega: 0 puntos.

3. Unha vez valoradas todas as solicitudes pola Comisión de Valoración, no caso de que máis dunha solicitude do mesmo grupo obteña puntuacións idénticas o desempate realizarase tendo en conta os seguintes criterios, na orde que se indica:

a) Maior puntuación no criterio de valoración recollido no artigo 17.2.c).3º desta resolución.

b) Maior puntuación no criterio de valoración recollido no artigo 17.2.c).2º desta resolución.

c) Data e a hora de presentación da solicitude. No suposto de que se lles requira aos solicitantes a emenda de erros, de omisións da solicitude ou da documentación presentada, entenderase por data e hora de entrada da solicitude aquela en que o dito requirimento estea correctamente atendido.

Artigo 18. Resolución, notificación e recursos

1. Unha vez realizada a proposta de resolución, a persoa titular da Presidencia de Augas de Galicia ou a persoa en quen delegue ditará a resolución do procedemento.

A resolución acordará tanto o outorgamento das subvencións como a desestimación e a non concesión, por desistencia, renuncia ao dereito ou imposibilidade material sobrevida.

2. O prazo para ditar a resolución do procedemento iniciado en virtude desta convocatoria será de tres meses, contados a partir da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

3. Segundo o establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima os interesados para entenderen desestimada por silencio administrativo a súa solicitude de concesión da subvención.

4. As resolucións ditadas neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse, ante o mesmo órgano, recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución ou desde o día en que se produza o acto presunto. Alternativamente, poderá interpoñerse directamente recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo da cidade de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución ou desde o día en que se produza o acto presunto.

Artigo 19. Modificación da resolución

O órgano competente para a concesión destas subvencións poderá acordar a modificación da resolución por instancia da entidade beneficiaria, sempre que se cumpran os límites e os requisitos recollidos no artigo 35 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Unicamente se aceptará como suposto que habilite a modificación da resolución de concesión a modificación dun contrato vixente derivada de circunstancias sobrevidas e que fosen imprevisibles no momento de licitación do contrato, segundo o establecido no artigo 205, números 1 e 2.b), da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro.

A modificación da resolución nestes supostos non implicará o incremento do importe da subvención inicialmente concedida.

Artigo 20. Aceptación

1. As entidades beneficiarias dispoñerán dun prazo de dez días, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de concesión, para comunicaren a aceptación da subvención e das condicións contidas nela, ou ben comunicaren a renuncia á subvención concedida.

2. Transcorrido o prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a subvención, de conformidade co artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As entidades beneficiarias das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigadas a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidas.

Artigo 21. Obrigas das entidades beneficiarias

Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias das subvencións concedidas ao abeiro desta orde quedan obrigadas a:

1. Cumprir co obxectivo da subvención e desenvolver as actuacións e actividades de educación ambiental para a sustentabilidade dos ríos da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa.

Deberán dispoñer dos permisos administrativos correspondentes en caso de que sexan necesarios para o desenvolvemento das actuacións subvencionadas.

2. Ser responsable de que as actuacións que se realicen, particularmente as divulgativas, estean en consonancia coa planificación hidrolóxica, co estado dos coñecementos científicos e co marco normativo relacionado coas temáticas obxecto das actuacións subvencionadas.

3. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos e realizar as actuacións que integran o proxecto subvencionado, segundo o estipulado no artigo 41 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

4. Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento da finalidade da subvención, a realización da actividade ou a adopción do comportamento que fundamentou a súa concesión e o seu custo real.

5. Proceder ao reintegro das cantidades percibidas, se as houber, xunto cos xuros de demora correspondentes, segundo o procedemento establecido no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nos seguintes supostos:

a) Incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención.

b) Incumprimento da obriga de xustificar o pagamento nos termos establecidos nesta resolución.

c) Incumprimento da obriga, de ser o caso, de achegar os tres orzamentos que, en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, debe ter solicitado a entidade beneficiaria e/ou falta ou insuficiente acreditación de que a elección recaeu na oferta economicamente máis vantaxosa.

d) Incumprimento das obrigas establecidas nos artigos 11 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou en calquera outro que resulte da normativa aplicable.

6. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

7. Consentir expresamente a inclusión dos datos relevantes da subvención nos rexistros públicos que proceda, conforme o previsto na disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

8. En relación coa subvención concedida, someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

9. As entidades beneficiarias deberán dar a adecuada publicidade ao carácter público do financiamento das actuacións ou actividades obxecto da subvención incluíndo a imaxe institucional de Augas de Galicia, así como lendas relativas o financiamento público das actuacións nos materiais impresos que se xeren.

As referencias ao carácter público do financiamento deberá realizarse sen prexuízo de deixar constancia de que as manifestacións que se realizan non son propias do órgano concedente, salvo autorización previa e expresa deste.

De realizarse comunicacións á prensa e aos medios informativos sobre a actuación subvencionada, debe facerse mención expresa á subvención concedida por Augas de Galicia.

Artigo 22. Contratación

1. As entidades beneficiarias poderán concertar con terceiros a execución parcial ou total das actuacións obxecto da subvención, salvo que o impida a súa natureza. En ningún caso poderán subcontratarse actuacións que, aumentando o custo da actuación subvencionada, non acheguen valor engadido ao seu contido.

Os contratistas quedarán obrigados soamente ante a entidade beneficiaria, que asumirá a total responsabilidade da execución da actuación subvencionada fronte á Administración concedente.

2. En todo caso, deberá observarse o establecido nos artigos 27 e 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no artigo 31.3 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

A entidade beneficiaria deberá acreditar, de ser o caso, as ofertas recibidas xunto coa documentación xustificativa da subvención e xustificar a elección entre as ofertas presentadas.

Artigo 23. Xustificación e pagamento

1. As entidades beneficiarias terán de prazo para presentar a documentación xustificativa da subvención ata o 8 de novembro de 2024, sen prexuízo de que se poida presentar a dita documentación con anterioridade para a súa tramitación.

2. As entidades beneficiarias deberán achegar a través da Carpeta cidadá, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, o anexo II da resolución en que expresamente se declara:

a) Si solicitou ou lle foron concedidas outras subvencións ou axudas para o mesmo proxecto ou conceptos para os cales lle foi concedida esta subvención, con indicación do importe e a súa procedencia, se é o caso.

b) Que a entidade solicitante non está incursa en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de entidade beneficiaria da subvención.

3. Xunto co anexo II deberá presentarse a seguinte documentación xustificativa:

a) Memoria técnica, que deberá incluír, como mínimo, un resumo executivo, a descrición das accións realizadas, número total de participantes, os leitos en que se realizaron as actuacións e actividades subvencionadas e os resultados obtidos. Á memoria xuntarase, de ser o caso, da seguinte documentación:

1º. Se con motivo da actuación se xera material divulgativo, copia del en soporte dixital, no cal constará a imaxe institucional de Augas de Galicia.

2º. Se a actuación subvencionada é unha actividade formativa, programa da xornada en que figuren os relatores, os títulos dos relatorios, as datas e o horario de impartición, así como listaxe completa de participantes, que incluirá control de asistencia.

b) As tres ofertas de diferentes provedores, cando proceda, de acordo co establecido no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Facturas ou documentos con valor probatorio no tráfico mercantil e administrativo (identificarase o provedor, NIF, o número de factura, o concepto e o importe) que xustifiquen a execución das actuacións que serviron de base á resolución de concesión.

Os gastos xustificados deberán axustarse aos conceptos incluídos no orzamento inicial. Non se aboará máis que o importe xustificado e ata o límite da subvención concedida.

As facturas que se presenten como xustificación dos gastos realizados deberán detallar as unidades e os prezos unitarios. De non vir correctamente tipificado o gasto nas facturas presentadas, poderase perder o dereito a cobrar a subvención concedida.

No caso de que na factura se inclúan gastos non subvencionables, deberán estar claramente identificados e separados dos subvencionables.

Os gastos deberán estar a nome da entidade beneficiaria.

d) Documento bancario acreditativo do pagamento das facturas presentadas, debidamente identificado.

Non se admitirán pagamentos en efectivo nin mediante cheque bancario.

e) Documentación acreditativa dos gastos de persoal.

En relación cos gastos de persoal, achegarase a seguinte documentación:

1º. Persoal contratado especificamente para o proxecto: copia do contrato, nóminas e recibos de liquidación de cotizacións.

2º. Persoal non contratado especificamente para o proxecto: copia do contrato, declaración responsable de horas dedicadas ao proxecto asinado polo representante da entidade beneficiaria da subvención e polo/a traballador/a, que inclúa unha breve descrición das tarefas realizadas de acordo coas actuacións subvencionadas e o cálculo do seu custo horario con base nas nóminas e nos recibos de liquidación de cotizacións, achegando copia deles.

f) Documentación acreditativa da realización das actividades de información ou publicidade.

A realización das actividades de información ou publicidade xustificarase achegando, segundo proceda:

1º. Dossier de prensa onde consten todas as comunicacións realizadas en prensa e medios informativos sobre as actuacións realizadas, acreditando a mención expresa á subvención concedida por Augas de Galicia.

2º. «Captura» impresa da páxina web da entidade beneficiaria, no caso de que dispoña dela, onde se faga referencia á actuación subvencionada e ao financiamento de Augas de Galicia.

3º. Proba da inclusión da imaxe institucional de Augas de Galicia, en toda a información ou publicidade da actividade subvencionada, así como en calquera material que se xere nas actuacións obxecto de subvención, coa referencia ao financiamento de Augas de Galicia.

g) De ser o caso, certificado de que o IVE non é repercutible por parte da asociación.

4. Augas de Galicia poderá solicitar calquera documentación necesaria para a correcta verificación da subvención.

5. A falta de presentación da xustificación no prazo indicado comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo do previsto no artigo 45.2 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

6. Augas de Galicia, de atopar conforme a documentación xustificativa, propoñerá o libramento dos fondos, segundo o estipulado no artigo 41 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 24. Incumprimento das obrigas

1. O órgano concedente poderá revogar a concesión da subvención se a entidade beneficiaria incumpre as condicións impostas con motivo da súa concesión.

2. O incumprimento das obrigas contidas nesta resolución ou na restante normativa que sexa de aplicación dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

3. Para facer efectiva a devolución a que se refire o número anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título V do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

4. Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título VI do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 25. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 26. Medidas antifraude

1. É de aplicación ao procedemento recollido nesta resolución o Plan específico de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude da entidade pública empresarial Augas de Galicia, que se pode consultar na seguinte ligazón:

https://augasdegalicia.xunta.gal/c/document_library/get_file?file_path=/portal-augas-de-galicia/plans/resto_plans/PlanMedidasAntifraudeAugasdeGalicia.pdf

2. Augas de Galicia empregará como canle de denuncias o sistema posto en funcionamento á disposición da cidadanía, a partir do 1 de xaneiro de 2022, no Sistema integrado de atención á cidadanía (SIACI) (https://www.xunta.gal/sistema-integrado-de-atencion-a-cidadania?langId=gl_ES), onde os cidadáns poden denunciar calquera irregularidade ou conduta de fraude. A presentación de denuncias nesta canle, que precisará da identificación electrónica da persoa denunciante para evitar suplantacións ou denuncias automatizadas, será tratada pola Administración autonómica garantindo o anonimato da persoa denunciante, de xeito que os órganos que deban investigar a denuncia non coñezan a identidade do denunciante.

A canle, ademais de pola cidadanía, poderá ser utilizada polos empregados públicos para presentaren medidas de mellora dos procedementos ou das accións antifraude. Tamén na canle se poderán denunciar incidencias que sexan realizadas por empresas ou por beneficiarios de subvencións.

No punto de acceso electrónico á canle de denuncias, situado en SIACI, figurará unha declaración da Xunta en que constará expresamente que, con independencia da necesaria identificación electrónica para a presentación da denuncia, os datos serán tratados anonimizadamente mediante tecnoloxías de información para garantir a indemnidade da persoa denunciante e evitar calquera tipo de eventual represalia sobre ela, en termos semellantes aos establecidos na directiva europea.

A xestión da canle de denuncias corresponderalle á Dirección Xeral de Simplificación Administrativa.

3. A investigación e o tratamento das denuncias presentadas axustaranse ao disposto nos puntos 2.3.2 e 2.3.3 do Plan xeral de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude da Xunta de Galicia.

Disposición adicional primeira. Delegación de competencias

Delégase na persoa titular da Dirección de Augas de Galicia a competencia para resolver o procedemento de concesión de subvencións, a modificación da resolución e outras incidencias que poidan xurdir na súa tramitación, así como a competencia para autorizar e dispoñer os gastos, recoñecer as obrigas e propoñer os pagamentos, en relación co disposto no artigo 73.a) da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobada polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Disposición adicional segunda. Impugnación da convocatoria

Contra esta resolución poderá interpoñerse, ante a Presidencia de Augas de Galicia, recurso potestativo de reposición, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Alternativamente, poderá interpoñerse directamente recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo da cidade de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da resolución

Facúltase a persoa titular da Dirección de Augas de Galicia para ditar cantas resolucións sexan precisas para o desenvolvemento desta convocatoria.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2024

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Presidenta de Augas de Galicia

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file