DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Luns, 1 de abril de 2024 Páx. 21268

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 20 de marzo de 2024, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, pola que se fai pública a aprobación definitiva dos ámbitos suspendidos do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Ares (A Coruña).

En cumprimento do disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 144.18 e 199 do Decreto 143/2016, do 23 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, faise pública a aprobación definitiva dos ámbitos suspendidos do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Ares, mediante a Orde da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, do 14 de marzo de 2024, que figura como anexo.

Unha vez inscritos os ámbitos suspendidos do Plan xeral de ordenación municipal no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, a documentación íntegra deste, incluído o extracto ambiental, poderá consultarse na seguinte ligazón: https://cmatv.xunta.gal/rexistro-de-planeamento-urbanistico-de-galicia

Así mesmo, o informe ambiental estratéxico e a demais documentación do procedemento de avaliación ambiental do referido plan poderán ser consultados na seguinte ligazón: https://cmatv.xunta.gal/plans-e-programas-por-tipoloxia?p_p_id=aaeTipology_WAR_aae&p_p_lifecycle=0&p_p_state=normal&p_p_mode=view&p_p_col_id=column-2&p_p_col_count=1&_aaeTipology_WAR_aae__spage=%2Fportlet_action%2Faae%2FdetalleProxecto%3Fid%3D1302&_aaeTipology_WAR_aae_id=1302

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2024

Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

Orde de aprobación definitiva dos ámbitos suspendidos
do Plan xeral municipal do Concello de Ares (A Coruña)

O Concello de Ares achega documentación sobre os ámbitos en suspenso do PXOM de Ares, para a súa aprobación definitiva, segundo o procedemento establecido no artigo 85.7 da LOUG e a disposición transitoria 2.2 da LSG.

Analizada a documentación redactada en novembro de 2023 polo enxeñeiro de camiños Ángel Delgado Cid e de conformidade coa proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O PXOM do Concello de Ares conta con aprobación definitiva, parcial e condicionada, segundo a Orde da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia do 5.2.2020.

2. No punto 1 da resolución desa orde resólvese deixar en suspenso os seguintes ámbitos:

– Zona da Punta da Pena, desde a avenida dos Castros-rúa Regueiras ata o mar, atendendo ao requirido no informe sectorial da Dirección Xeral de Sostibilidade da Costa e do Mar, do Ministerio de Transición Ecolóxica, do 11.7.2019.

– Núcleo rural de Seselle, dada súa condición de núcleo de identidade do litoral.

3. O Concello de Ares achegou o documento refundido do PXOM para dar cumprimento ás condicións da citada orde de aprobación definitiva parcial, constando a súa inscrición no Rexistro de Planeamento Territorial e Urbanístico de Galicia con data 27.10.2020, e publicada a súa normativa no BOP do 3 de novembro.

4. O Concello de Ares conta tamén cunha corrección de erros do PXOM da normativa e planos, aprobada definitivamente mediante a Orde da CMATV do 30.8.2023 (publicada no DOG núm. 178, do 19 de setembro).

5. O Concello de Ares achegou a esta Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, con data do 9.12.2021, documentación sobre os ámbitos en suspenso do PXOM para a súa aprobación definitiva. Con data do 21.1.2022, emitiuse un requirimento de documentación sobre o expediente administrativo e sobre o documento técnico.

6. O 30.11.2023, o Concello de Ares achegou a seguinte documentación:

– Copia do plan en soporte dixital debidamente dilixenciado, en formato pdf.

– Documento editable en formato pdf.

– Informe da Demarcación de Costas do 27.12.2022, en formato pdf.

– Escrito do equipo redactor con cambios realizados, en formato pdf.

7. O 20.12.2023, o Concello de Ares achegou certificado do Acordo plenario, do 27.11.2023, sobre a aprobación dos ámbitos suspendidos do PXOM.

8. A Subdirección Xeral de Ordenación do Territorio emitiu informe previo favorable en materia de costas o 26.2.2024; e informe previo favorable en materia do POL o 11.3.2024.

9. O 12.3.2024, o Concello achegou documentación relativa ao expediente administrativo.

II. Obxecto e descrición.

1. A documentación achegada recolle as determinacións da corrección de erros aprobada definitivamente mediante a Orde da CMATV do 30.8.2023, segundo indican o informe técnico municipal e o certificado do secretario. Tamén recolle as consideracións e condicións do Informe da Dirección Xeral da Costa e do Mar, como consta no informe favorable da Subdirección Xeral de Ordenación do Territorio do 27.12.2022.

2. A aprobación definitiva solicitada afecta tres planos e tres documentos de texto, que substituirán os do mesmo nome no Documento refundido do PXOM:

a) Plano núm. 1 (folla 1 de 1) Ordenación termo municipal. Estrutura xeral e orgánica do territorio. Escala 1/10.000.

b) Plano núm. 2.1 (folla 4 de 5) Ordenación termo municipal. Escala 1/5.000.

c) Plano núm. 4 (folla 5 de 7) Ordenación solo urbano. Ares. Escala 1/1.000.

d) Documento III. Memoria xustificativa: modifica a redacción do punto 6.5.2.1.1; modifica o punto 8.11; modifica o punto 4.4.

Neste documento constátase que desaparece inxustificadamente o cadro das estradas convencionais do punto 6.5.2.1.1, polo que debe engadirse de novo.

e) Documento IV. Estratexia de actuación e estudo económico: modifica os cadros do punto 2.1.3; cadro do punto 2.2; do punto 3, o cadro da letra A e o resumo de custos das actuacións, e o punto 4.

f) Documento V. Normativa urbanística: engade un novo artigo 94.bis, no capítulo VII, que consiste nunha nova ordenanza específica para o núcleo de Seselle.

III. Análise e consideracións.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1 e 83.5 da LSG e no artigo 146.1 e 200.5 do RLSG, en relación cos decretos 59/2023, do 14 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

IV. Orde.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva aos ámbitos suspendidos do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Ares, con suxeición ao cumprimento da condición sinalada no punto II.2.d) anterior.

2. De conformidade co establecido no artigo 88 da LSG e artigo 212.1 do RLSG, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a MP no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De acordo co disposto nos artigos 82 e 88.4 da LSG e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e as ordenanzas da MP aprobada definitivamente, unha vez inscrita no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia.

4. Notifíquese esta orde ao Concello.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.