DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Martes, 26 de marzo de 2024 Páx. 20962

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Augas de Galicia

RESOLUCIÓN do 19 de febreiro de 2024 pola que se fai pública a aprobación definitiva, mediante o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 18 de xaneiro de 2024, do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do aproveitamento hidroeléctrico de Portodiz, no río Furelos, Santiso e Melide (A Coruña) (clave 5/244/2/3).

En cumprimento do disposto no artigo 60 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, faise pública a aprobación definitiva, mediante o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 18 de xaneiro de 2024, do proxecto sectorial denominado Proxecto construtivo da ampliación da Central hidroeléctrica de Portodiz, no río Furelos, Santiso (A Coruña). Separata X. Proxecto sectorial de incidencia supramunicipal. Xuño 2022 (en diante, PS), cuxa parte dispositiva ten o seguinte teor literal:

«Aprobar o proxecto sectorial Proxecto construtivo da ampliación da Central hidroeléctrica de Portodiz, no río Furelos, Santiso (A Coruña). Separata X. Proxecto sectorial de incidencia supramunicipal. Xuño 2022», promovido por Hidroeléctrica Lumymey, S.L.

As determinacións contidas no proxecto teñen forza vinculante para as administracións públicas e para os particulares, e prevalecen sobre as determinacións do planeamento urbanístico, segundo o establece o artigo 11.1 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

Os concellos de Santiso e Melide deberán adaptar os seus planeamentos urbanísticos ao contido do proxecto sectorial nos prazos que determina este e, en todo caso, na primeira modificación ou revisión do planeamento urbanístico, segundo establece o artigo 11.2 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, citado».

O contido íntegro do documento, así como o Acordo de aprobación definitiva do instrumento de ordenación do territorio, pode consultarse na seguinte ligazón:

https://augasdegalicia.xunta.gal/tema/c/Planificacion_hidroloxica

De conformidade co previsto no artigo 25 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, mediante o Anuncio do 21 de marzo de 2022, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, publicado no DOG núm. 66, do 5 de abril de 2022, fíxose pública a declaración ambiental estratéxica do referido proxecto sectorial.

A declaración ambiental estratéxica do referido PS pode consultarse, xunto coa restante documentación do procedemento de avaliación ambiental estratéxica, no seguinte enderezo da internet (introducindo o código 2141/2018):
https://cmatv.xunta.gal/busca-por-palabra-clave

Os aspectos ambientais do PS avalíanse a través do estudo ambiental estratéxico (EsAE), que é parte integrante do dito proxecto, e que ten por obxecto identificar, describir e avaliar os posibles efectos significativos no ambiente da aplicación do PS, expondo alternativas razoables técnica e ambientalmente viables, que teñan en conta os obxectivos e o ámbito de aplicación xeográfico do proxecto sectorial.

As solicitudes de autorización da construción e aprobación do proxecto sectorial relativas á ampliación do salto de Portodiz, conxuntamente coas versións iniciais dos proxectos construtivos, PS, así como o estudo de impacto ambiental e EsAE, sometéronse simultaneamente á consulta das Administracións públicas afectadas e persoas interesadas, así como ao procedemento de información pública. As alegacións formuladas nos ditos trámites deron lugar a determinadas modificacións nos documentos.

Das alternativas formuladas no EsAE unicamente a alternativa 1 considerouse ambientalmente viable na declaración ambiental estratéxica, ao ser a única que mantería a conectividade ecolóxica lonxitudinal do río sen limitación funcional, ao establecer pasos piscícolas máis funcionais e só dependentes do comportamento dos peixes, favorecendo a dispoñibilidade dunha ampla superficie de hábitat fluvial situado augas arriba da actual presa, en que ademais se localiza unha especie catalogada «en perigo de extinción».

Como medida relativa ao seguimento dos efectos no ambiente da aplicación do PS, o EsAE recolle o programa de vixilancia ambiental, coas medidas que se adoptarán para garantir o cumprimento das condicións ambientais establecidas no ámbito da avaliación ambiental estratéxica e a avaliación de impacto ambiental do proxecto de ampliación do salto de Portodiz, nas súas distintas fases.

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2024

Teresa María Gutiérrez López
Directora de Augas de Galicia

ANEXO

1. Adecuación ao planeamento local vixente.

A ampliación da Central hidroeléctrica de Portodiz que se proxecta afecta os termos municipais de Santiso e Melide, ambos na provincia da Coruña.

O termo municipal de Santiso réxese polo seu plan xeral de ordenación urbana. Os terreos afectados están clasificados como solo rústico de protección de augas superposto con solo rústico de protección de espazos naturais.

O termo municipal de Melide réxese polas súas normas subsidiarias de planeamento. Os terreos afectados están clasificados como solo non urbanizable de protección de leitos.

2. Proposta de modificación do planeamento urbanístico vixente.

2.1. Adecuación ao plan.

As obras contidas no PS desenvólvense ao abeiro do Plan sectorial hidroeléctrico das concas hidrográficas de Galicia-Costa. A nova cualificación do solo afecto á instalación deberá ser:

Solo rústico de protección de infraestruturas (solo rústico especialmente protexido), e o uso permitido é o de aproveitamento hidroeléctrico.

Por tanto, deberase engadir á citada normativa de planeamento a ordenanza específica de solo rústico de protección de infraestruturas que se describe a seguir:

• Solo rústico de protección de infraestruturas.

a) Ámbito de aplicación.

A nova cualificación de solo proposta aplicarase á zona grafada no plano 4.01 (cualificación urbanística, situación proposta) do proxecto sectorial.

A infraestrutura proxectada non ten incidencia territorial, trátase dunha modernización na pequena Central hidroeléctrica xa existente. Esta actuación implicará unha recualificación do uso do solo, xa que na actualidade non aparece cualificado para este uso, a pesar de estar en operación a infraestrutura actual. No caso do Concello de Santiso o solo está cualificado como solo rústico de protección de augas, superposto con solo rústico de protección de espazos naturais. No Concello de Melide clasificarase como solo non urbanizable de protección de leitos.

En ambos casos, solicítase con este proxecto unha recualificación a solo rústico de protección de infraestruturas, de conformidade co disposto no artigo 34 2.e) da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

O uso que se lle vai dar ao solo reflíctese na letra m) do artigo 35 da referida Lei do solo de Galicia: «Instalacións e infraestruturas hidráulicas, de telecomunicacións, produción e transporte de enerxía, gas, abastecemento de auga, saneamento e xestión e tratamento de residuos, sempre que non impliquen a urbanización ou transformación urbanística dos terreos polos que discorren».

b) Condicións de uso e licenzas.

As condicións de uso para o solo afectado pola nova clasificación e cualificación serán as recollidas na Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, concretamente, na referencia que fan os artigos 34, 35 e 36 aos solos rústicos de protección especial e aos proxectos que se desenvolvan neles segundo un plan sectorial aprobado ao abeiro da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia.

c) Condicións de edificación, estéticas e de servizos.

As construcións asociadas á infraestrutura proxectada deberán cumprir o que a Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, recolle nos seus artigos:

– Artigo 39. Condicións xerais das edificacións en solo rústico.

– Artigo 91. Adaptación ao ambiente e protección da paisaxe.

– Artigo 92. Protección das vías de circulación.

2.2. Eficacia.

As determinacións contidas no presente PS terán forza vinculante para as administracións públicas e para os particulares e prevalecerán sobre as determinacións do planeamento urbanístico vixente.

Os concellos de Santiso e Melide en que se asentan as infraestruturas enerxéticas obxecto do PS deberán adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido deste e declarar a compatibilidade do aproveitamento hidroeléctrico cos usos previstos no planeamento mediante a inclusión dos terreos suxeitos á cualificación de solo rústico de protección de infraestruturas (solo rústico especialmente protexido).

2.3. Prazo.

Na primeira modificación, revisión ou redacción do seu planeamento, os concellos de Santiso e Melide deberán recoller o tramo de interese enerxético e demais determinacións recollidas ao longo do PS, conforme calquera dos seguintes fitos:

– A primeira modificación de carácter puntual que por calquera causa acorden os concellos de Santiso e Melide, que pode ser expresamente para a adaptación que aquí se expón.

– A revisión do planeamento urbanístico municipal vixente.

– A redacción ou adaptación do planeamento urbanístico vixente á Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

3. Cualificación das obras e instalacións de marcado carácter territorial.

O PS redactouse ao abeiro do plan sectorial hidroeléctrico das concas hidrográficas de Galicia Costa, aprobado no Consello da Xunta de Galicia do 29 de novembro de 2001. De acordo con el, quedan expresamente cualificadas como de carácter territorial as construcións e instalacións que de modo concreto e detallado se definen no PS.

De acordo coa Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, neste sentido estarase ao disposto no artigo 36.5, que establece: «Así mesmo, poderán implantarse en solo rústico aqueles usos previstos nos instrumentos de ordenación do territorio, logo de obtención do título municipal habilitante e sen necesidade de autorización urbanística autonómica».

4. Declaración de utilidade pública das obras e instalacións previstas, así como a necesidade de ocupación para os efectos de expropiación dos bens e dereitos necesarios para a execución do proxecto sectorial que levará implícita a urxente ocupación.

O artigo 59.1 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, establece que «A aprobación dos instrumentos de ordenación do territorio comportará a declaración de utilidade pública e interese social e a necesidade de ocupación dos bens e adquisición de dereitos afectados, a fins de expropiación, de ocupación temporal ou de imposición ou modificación de servidumes, cando os ditos instrumentos habiliten para a súa execución e esta deba producirse por expropiación».

Dado que as obras e instalacións previstas neste PS levaranse a cabo sobre as instalacións actuais da antiga central hidroeléctrica, que é propiedade do promotor, non será preciso levar a cabo ningunha expropiación de bens ou dereitos para a execución do proxecto, nin tampouco a urxente ocupación de ningún espazo afectado.