DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Martes, 26 de marzo de 2024 Páx. 20915

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 18 de marzo de 2024, do tribunal nomeado para xulgar o proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso-oposición, para o ingreso no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala técnica de finanzas, pola que se fan públicos a data, a hora e o lugar de realización do segundo exercicio.

En sesión que tivo lugar o 18 de marzo de 2024, o tribunal nomeado pola Resolución do 5 de decembro de 2023 (DOG núm. 233, do 11 de decembro) para cualificar o proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso-oposición, para o ingreso no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala técnica de finanzas, convocado pola Resolución do 22 de decembro de 2022 (DOG núm. 245, do 27 de decembro) e modificado polas resolucións do 20 de xaneiro de 2023 (DOG núm. 15, do 23 de xaneiro) e do 6 de febreiro de 2023 (DOG núm. 26, do 7 de febreiro), acordou, de conformidade co disposto na base III.1.2.6 da convocatoria, que o segundo exercicio da oposición terá lugar o día 17 de abril de 2024, en chamamento único que se iniciará ás 15.30 horas, na Escola Galega de Administración Pública (EGAP), no polígono das Fontiñas, na rúa de Madrid, 2-4, en Santiago de Compostela, na seguinte aula: aula 11.

As persoas aspirantes deberán ir provistas de DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal, e bolígrafo de tinta azul.

As persoas aspirantes serán provistas de calculadora polo tribunal e quedará prohibido o uso de calculadoras distintas daquelas que se lles faciliten.

En relación cos textos legais sen comentarios dos cales se poderán servir as persoas aspirantes para o desenvolvemento do exercicio, admitiranse as súas versións consolidadas, aquelas nas cales figuren notas de vixencia e/ou referencias cruzadas a outras normas e os subliñados simples sempre que non inclúan ningunha outra información, comentario doutrinal ou referencia xurisprudencial. Así mesmo, estará expresamente prohibida a utilización de libros de consulta, das resolucións do presidente do Instituto de Contabilidade e Auditoría de Contas, e de temarios, informes ou ditames de calquera tipo.

Durante o desenvolvemento do exercicio, os membros do tribunal e o persoal colaborador poderán examinar o material que está a utilizar cada persoa aspirante e comprobar que se axusta ao establecido no parágrafo anterior. O manexo de textos normativos distintos dos permitidos determinará a expulsión da persoa aspirante.

Non se permitirá o acceso ás aulas onde se realice o exercicio con teléfonos móbiles, axendas electrónicas, reloxos intelixentes ou calquera outro material ou instrumento de que se poida valer a persoa aspirante para auxiliarse na realización do exercicio. Non se habilitará no recinto ningún servizo de recollida de móbiles.

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2024

José Ángel Mourelo Ortueta
Presidente do tribunal