DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Luns, 25 de marzo de 2024 Páx. 20744

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 7 de marzo de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 5 de marzo de 2024 relativa á solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común Portela, Rabazal, Ouzal, Currás, Veiga e Outeiro das Pereiras pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Santa Comba, no concello de Bande.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) Portela, Rabazal, Ouzal, Currás, Veiga e Outeiro das Pereiras, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Santa Comba, no concello de Bande, resultan os seguintes:

Feitos:

Primeiro. O 29.9.2022, a CMVMC de Santa Comba presentou unha solicitude (Rexel núm. 2022/2400058) de revisión de esbozo do MVMC Portela, Rabazal, Ouzal, Currás, Veiga e Outeiro das Pereiras, no concello de Bande.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do acordo da Asemblea Xeral do 20.8.2022.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

– Informe de validación gráfica emitido pola Dirección Xeral do Catastro.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 5 de maio de 2023 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que o perímetro obxecto de revisión inclúe as partes do perímetro lindeiras con particulares, sen entrar a revisar as estremas coas comunidades de montes lindeiras.

A superficie do MVMC Portela, Rabazal, Ouzal, Currás, Veiga e Outeiro das Pereiras, unha vez revisado o esbozo e logo das consideracións incluídas no punto 1, sería de 61,90 ha fronte ás 58 ha do acordo de clasificación, o que supón un incremento do 6,7 %.

Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable sobre a revisión do esbozo do MVMC Portela, Rabazal, Ouzal, Currás, Veiga e Outeiro das Pereiras.

Consideracións legais e técnicas:

Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándoos e completándoos con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 5 de maio de 2023, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 20 de febreiro de 2024:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC Portela, Rabazal, Ouzal, Currás, Veiga e Outeiro das Pereiras, pertencente á CMVMC de Santa Comba, no concello de Bande.

Ourense, 7 de marzo de 2024

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Ourense