DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Luns, 25 de marzo de 2024 Páx. 20746

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 7 de marzo de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 7 de marzo de 2024 relativa á solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común Carballal de Lobos, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Seoane, no concello da Veiga.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) Carballal de Lobos, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Seoane, no concello da Veiga, resultan os seguintes:

Feitos:

Primeiro. O 29.9.2022, a CMVMC de Seoane presentou unha solicitude (Rexel núm. 2022/2396492) de revisión parcial de esbozo do MVMC Carballal de Lobos, no concello da Veiga.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do acordo da Asemblea Xeral do 10.4.2022.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 9 de maio de 2023 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que o perímetro obxecto de revisión inclúe as partes do perímetro lindeiras con particulares. Non se modifican os límites cos montes veciñais estremeiros, salvo algúns tramos coincidentes coa revisión de esbozo 21320616/2021 do MVMC de Valdín.

A superficie do MVMC Carballal de Lobos, unha vez revisado o esbozo, resulta de 1.072,10 ha fronte ás 910 ha da clasificación, o que supón un aumento dun 18 %.

Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable sobre a revisión do esbozo do MVMC Carballal de Lobos.

Consideracións legais e técnicas:

Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándoos e completándoos con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 9 de maio de 2023, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 20 de febreiro de 2024:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC Carballal de Lobos, pertencente á CMVMC de Seoane, no concello da Veiga.

Ourense, 7 de marzo de 2024

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Ourense