DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Luns, 25 de marzo de 2024 Páx. 20748

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 7 de marzo de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 29 de febreiro de 2024 relativa á solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común de Serra e Ladeiras, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común das parroquias de Fontei, A Rúa e San Xulián, no concello da Rúa.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) de Serra e Ladeiras, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) das parroquias de Fontei, A Rúa e San Xulián, no concello da Rúa, resultan os seguintes:

Feitos:

Primeiro. O 30.9.2022, a CMVMC das parroquias de Fontei, A Rúa e San Xulián presentou unha solicitude (Rexel núm. 2022/2414734) de revisión parcial de esbozo do MVMC Serra e Ladeiras, no concello da Rúa.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do acordo da Asemblea Xeral do 23.4.2023.

– Planos da proposta.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 8 de maio de 2023 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que o perímetro obxecto de revisión inclúe as partes do perímetro lindeiras con particulares correspondentes ao enclavado da parroquia de San Xulián, así como tamén tres pequenos tramos estremeiros con predios particulares da parroquia da Rúa, no seu linde S.

A superficie do MVMC Serra e Ladeiras, unha vez revisado o esbozo, sería de 1.077,23 ha fronte ás 1.105 ha do acordo de clasificación, o que supón unha redución do 2,5 %

Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable sobre a revisión do esbozo do MVMC Serra e Ladeiras, de xeito que o perímetro quedaría revisado nas estremas coas propiedades particulares de San Xulián e unha pequena parte das da Rúa. Quedaría pendente de revisar a maior parte do seu perímetro estremeiro coas propiedades particulares da Rúa, no seu vento S.

Consideracións legais e técnicas:

Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándoos e completándoos con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 8 de maio de 2023, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 20 de febreiro de 2024:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC Serra e Ladeiras, pertencente á CMVMC das parroquias de Fontei, A Rúa e San Xulián, no concello da Rúa.

Ourense, 7 de marzo de 2024

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Ourense