DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Venres, 22 de marzo de 2024 Páx. 20563

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

ANUNCIO do 15 de marzo de 2024, da Secretaría Xeral de Industria, polo que se somete a información pública a solicitude de autorización ambiental integrada (AAI) para o proxecto de planta de produción de hidróxeno renovable de 50 MW en Meirama, promovido por H2Meirama, S.L. e declarado proxecto industrial estratéxico (PIE) polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 27 de xullo de 2023, que se implantará no concello de Cerceda (A Coruña).

En cumprimento do disposto no artigo 80.3 do Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial; no Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación; na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia; no Real decreto 840/2015, do 21 de setembro, polo que se aproban medidas de control dos riscos inherentes aos accidentes graves en que interveñan substancias perigosas, e nas demais normas vixentes de aplicación, sométese a información pública a solicitude relacionada co proxecto que se detalla a continuación.

Antecedentes:

1. O 27.7.2023, o proxecto de planta de produción de hidróxeno renovable de Meirama, en Cerceda (A Coruña), promovido por H2Meirama, S.L., foi declarado proxecto industrial estratéxico (PIE) polo Consello da Xunta de Galicia, ao abeiro do establecido no Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial.

2. O 13.3.2024, o promotor presenta a documentación exixida pola normativa aplicable. Unha vez completa a documentación de acordo co artigo 80.3 do Decreto lexislativo 1/2015, a Secretaría Xeral de Industria da Consellería de Economía, Industria e Innovación continúa coa tramitación do expediente e somete a información pública a solicitude de autorización ambiental integrada (AAI) para o proxecto industrial estratéxico (PIE) denominado planta de produción de hidróxeno renovable de 50 MW en Meirama, no concello de Cerceda (A Coruña).

• Solicitante/promotor: H2 Meirama, S.L.

• NIF: B44949055.

• Domicilio social: avenida de Arteixo, 171, 15008 A Coruña.

• Denominación do proxecto: planta de hidróxeno renovable de Meirama.

• Concello afectado pola industria: Cerceda (A Coruña).

• Situación da industria: estrada vella a Mesón do Vento, 15187 Cerceda (A Coruña) coas coordenadas X: 547.786,00; Y: 4.779.557,00 (ETRS89 Fuso 29). Parcela con referencia catastral: 6904601NH4860S0001FB.

• Actividade CNAE: 2011- Fabricación de gases industriais.

• Categoría principal da actividade: categoría 4.2.a) do anexo I do Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación. Adicionalmente, a actividade tamén se encontra incluída no anexo II, grupo 6. i), da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

• Descrición da actividade:

– Para a planta de produción de hidróxeno renovable de 50 MW de Meirama, o sistema de electrólise terá unha capacidade de produción máxima estimada de 1.000 kg/h de H2 gas.

– Dentro da fase de 50 MW, obxecto da presente tramitación, executarase primeiro a parte correspondente a 30 MW, para acometer despois os traballos ata completar a fase de 50 MW.

– Unha parte do hidróxeno producido transportarase ata a refinería de Repsol na Coruña a través dunha canalización illada (hidroxenoduto non incluído na presente tramitación), outra parte do hidróxeno renovable inxectarase na rede de gas natural a uns 82 bar a través dunha liña directa (hidroxenoduto non incluído na presente tramitación) e o resto almacenarase para o seu posterior uso en mobilidade, mediante expedición por tube tráiler a unha presión de 300 bar.

• Investimento (fase I): 43.021.829,56 euros.

• Características técnicas principais das instalacións:

Os sistemas que compoñen a planta de H2 renovable prevista son:

Sistema de produción de hidróxeno.

Sistema de compresión.

Sistema de almacenamento de hidróxeno.

Sistema de refrixeración de compoñentes.

Sistema de captación de auga bruta.

Sistema de almacenamento de auga de servizo e contra incendios.

Sistema de tratamento de auga.

Sistema de augas desmineralizadas.

Sistema de distribución de auga de servizos e potable.

Sistema de aire comprimido.

Sistema de nitróxeno.

Sistema de tratamento de augas residuais.

Sistema de protección contra incendios.

Sistema de ventilación e climatización de edificios.

Sistema de instrumentación e control.

• Consumo de auga:

A auga bruta da planta obtense do encoro de San Cosmade. No devandito encoro disponse unha casa de bombas onde se situarán as novas bombas de achega desde as cales se bombeará ata a planta, onde se almacenará no tanque de auga bruta. Aproveitarase a condución existente duns 2 km de lonxitude da antiga central térmica para conducir a auga do encoro ata o tanque de auga bruta (será necesario executar un pequeno tramo de tubaxe de conexión desde a tubaxe existente ata o tanque). Antes deste tanque disporase dun sistema de pretratamento da auga de achega para conseguir que a calidade da auga sexa a requirida antes do seu almacenamento.

Consumo previsto: 83,31 m3/h (con 8.500 h de operativa será de 708.135 m3/ano).

• Subministración eléctrica:

A enerxía que consumirá a planta de hidróxeno obterase desde unha posición na subestación Meirama 220 KV de REE existente en 30 kV, desde a cal se proporcionará unha alimentación por medio de cable subterráneo ás cabinas de 30 kV da planta de produción de hidróxeno.

Desde as cabinas de 30 kV da planta de produción de hidróxeno alimentaranse os transformadores que darán servizo aos rectificadores de alta potencia que, á súa vez, alimentarán en corrente continua os electrolizadores encargados de producir o hidróxeno. Adicionalmente, levarán dúas alimentacións aos servizos auxiliares da planta, a través de dous transformadores redundantes de 30/6,6 kV en baño de aceite.

Estes transformadores acometerán a dúas barras axustadas de 6,6 kV que darán servizo aos motores de gran potencia e a dous transformadores redundantes de distribución de MT/BT, todos situados anexos ao edificio eléctrico da planta.

• Verteduras:

Os efluentes e fluxos xerados na planta serán os seguintes:

Fluxo 1: rede de efluentes de proceso.

Fluxo 2: rede de purga de refrixeración.

Fluxo 3: rede de augas pluviais de vías.

Fluxo 4: rede de aguas pluviais limpas.

Fluxo 5: rede de augas sanitarias.

Na seguinte táboa resúmese o balance de augas:

Punto de consumo

Consumo anual estimado

Fluxo

Augas residuais xeradas

Destino das augas xeradas

Planta de tratamento de augas (PTA)

Pretratamento (2)

70.805 m3/ano

(8,33 m3/h de

rechazo auga)

Entran 83,31

m3/hora e saen

74,98 m3/h.

Fluxo

1.1

120.785 m3/ano

(8,33 m3/h en pretratamento

+ 5,88 m3/h en desmineralización)

Planta de tratamento de efluentes (PTE) e posterior derivación a PT-004A para canalización e vertedura en PT-004B.

Desmineralización

134.980 m3/ano

(15,88 m3/h)

Augas de servizo

(baldeos, limpezas, etc.)

850 m3/ano

(0,10 m3/h)

Fluxo

1.2

850 m3/ano

(0,10 m3/h)

Planta de tratamento de efluentes (PTE) e posterior derivación a PT-004A para canalización e vertedura en PT-004B.

Augas de refrixeración

501.500 m3/ano

(59,00 m3/h)

Fluxo 2

127.500 m3/ano

(15,00 m3/h)

Planta de tratamento de efluentes (PTE) e posterior derivación a PT-004A para canalización e vertedura en PT-004B.

Augas pluviais vías e zonas de tránsito

-

Fluxo 3

Segundo a pluviometría (estimación de 15.140 m3/ano recollidas en vías)

Tratamento en equipo desareador e separador de hidrocarburos-02 e posterior derivación a PT-004A para canalización e vertedura en PT-004B.

Augas pluviais cubertas

-

Fluxo 4

Segundo a pluviometría

Drenaxe de pluviais ás partes más baixas da parcela para que continúen co seu curso natural

Augas consumo humano

2.715,60 m3/ano

(0,31 m3/h)

Fluxo 5

2.715,60 m3/ano

(0,31 m3/h)

Depósitos estancos de almacenamento de augas sanitarias e entrega a xestor autorizado.

Non se xeran vertidos.

Destácase que se sobredimensiona para unha estimación de 50 operarios en previsión de futuras ampliacións.

Total consumo captación

708.135 m3/ano

(83,31 m3/h)

249.135 m3/ano

(29,31 m3/h)

Total augas a vertedura derivadas de proceso (Fluxo 1+2)

Total consumo rede municipal

2.715,60 m3/ano

(0,31 m3/h)

Segundo pluviometría.

Estimación media de 15.140 m3/ano

Total augas pluviais recollidas e tratadas con destino a vertedura

Total consumo de auga na planta

710.850,60 m3/ano

264.275 m3/ano

Vertedura de augas en PT-004B

(considerando a estimación de pluviais)

As augas que se verterán no PT-004B serán destinadas á vertedura ao río Pórtigo de Vilasenín (denominado tamén Río Postigo) nun punto situado a uns 2 km ao suroeste da central, ao sur da antiga entulleira de residuos non perigosos da central térmica.

O punto de vertedura final queda definido polas seguintes coordenadas (ETRS89 FUSO 29): X:546.382,49; Y: 4.778.163,57.

• Obxecto da información pública:

O proxecto industrial estratéxico (PIE) denominado planta de produción de hidróxeno renovable de Meirama e a solicitude da autorización ambiental integrada (AAI), para os efectos das autorizacións administrativas que procedan. Todo o anterior de forma conxunta en virtude do disposto no artigo 79.4 do Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro.

• Documentación que se expón:

1. Proxecto básico para a solicitude de autorización ambiental integrada da planta de produción de hidróxeno renovable de 50 MW en Meirama (A Coruña) e anexos.

2. Proxecto básico da planta de produción de hidróxeno verde de Meirama 30 MW (correspondente á fase I).

O que se fai público, de conformidade co artigo 80.3 do Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial e demais normas anteriormente citadas, para coñecemento xeral, e para que todas aquelas persoas, naturais ou xurídicas, que se consideren afectadas nos seus dereitos ou intereses, poidan examinar a documentación técnica anteriormente relacionada e, de ser o caso, presentar as alegacións ou observacións que consideren oportunas, dentro do prazo de trinta (30) días hábiles, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación deste acordo no Diario Oficial de Galicia (DOG).

A dita documentación poderá consultarse no portal web da Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través da seguinte ligazón:

https://economia.xunta.gal/transparencia/informacion-publica/proxectos-industriais-estratexicos

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2024

Nicolás Vázquez Iglesias
Secretario xeral de Industria