DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Venres, 22 de marzo de 2024 Páx. 20553

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 8 de marzo de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se arquiva o expediente do parque eólico Fonsanta e se cancela a garantía económica depositada por Greenalia Wind Power, S.L.U. para tramitar a solicitude de acceso e conexión á rede de transporte (expediente IN408A/2018/017).

De conformidade co previsto no artigo 42.4, alíneas a) e b), da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, publícase o extracto da Resolución do 8 de marzo de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se arquiva o expediente do parque eólico Fonsanta e se cancela a garantía económica depositada por Greenalia Wind Power, S.L.U. para tramitar a solicitude de acceso e conexión á rede de transporte.

Primeiro. Contido da resolución e condicións que a acompañan:

A dita Resolución do 8 de marzo de 2024 dispón o seguinte:

1. Denegar a solicitude de autorización administrativa previa e de construción das instalacións do parque eólico Fonsanta, sito nos concellos de Bande, Rairiz de Veiga e Verea (Ourense) e promovido por Greenalia Wind Power, S.L.U., tras a declaración de impacto ambiental desfavorable formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 16 de febreiro de 2023.

2. Arquivar o expediente do parque eólico Fonsanta (expediente IN408A/2018/017).

3. Cancelar a garantía depositada o 25 de abril de 2018, por importe de 500.000 € e número de rexistro 357/2018, para garantir o cumprimento das súas obrigas no procedemento de acceso e conexión á rede de transporte do parque eólico Fonsanta.

Segundo. Principais motivos e consideracións nos que se basea a resolución:

1. O 25 de abril de 2018, Greenalia Power, S.L. (actual Greenalia Wind Power, S.L.U.) depositou unha garantía económica, por importe de 500.000 € e número de rexistro 357/2018, para garantir o cumprimento das súas obrigas no procedemento de acceso e conexión á rede de distribución do parque eólico Fonsanta.

2. O 25 de abril de 2018, Greenalia Power, S.L. (actual Greenalia Wind Power, S.L.U.) presentou telematicamente, ao abeiro do procedemento IN408A, a solicitude de autorización administrativa de instalacións de produción de enerxía eléctrica para o proxecto denominado parque eólico Fonsanta, sito nos concellos de Bande, Rairiz de Veiga e Verea (Ourense), ao abeiro da Lei 8/2009, a cal foi admitida a trámite pola Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o 25 de outubro de 2018.

3. O 30 de setembro de 2020, Greenalia Wind Power, S.L.U. presentou unha nova solicitude de modificación substancial para a autorización de instalacións de produción de enerxía eléctrica e as súas infraestruturas de evacuación para o proxecto denominado parque eólico Fonsanta, a cal foi admitida a trámite pola Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o 1 de xuño de 2021.

4. O 8 de xullo de 2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe previsto no artigo 33.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, en que se indica que os aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación regulada no PSEGA respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable.

5. Mediante o Acordo do 22 de abril de 2022, a Xefatura Territorial de Ourense, someteu a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, coa necesidade de urxente ocupación, a autorización administrativa de construción, o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e o estudo de impacto ambiental do parque eólico Fonsanta, situado nos concellos de Bande, Rairiz de Veiga e Verea, na provincia de Ourense (expediente IN408A 2018/017). O dito acordo foi publicado no Diario Oficial de Galicia o 19 de maio de 2022 (DOG núm. 96).

6. Durante a tramitación do procedemento e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos: Axencia Galega de Infraestruturas, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Retegal, Unión Fenosa Distribución, S.A., Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Cellnex Telecom, S.A., así como aos concellos de Bande, Rairiz de Veiga e Verea.

7. Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: Axencia Turismo de Galicia, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Pública, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Instituto de Estudos do Territorio, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega), Sociedade Galega de Historia Natural e dos concellos de Rairiz de Veiga e Verea.

O 16 de febreiro de 2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou unha declaración de impacto ambiental (DIA) desfavorable relativa ao parque eólico Fonsanta, que fixo pública mediante Anuncio do 17 de febreiro de 2023 (DOG núm. 43, do 2 de marzo).

8. O 3 de xullo de 2023, esta dirección xeral notificoulle ao promotor o inicio do procedemento de arquivamento do expediente, e abrese o trámite de audiencia do artigo 82 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administración públicas.

9. O 7 de marzo de 2024, Greenalia Wind Power, S.L.U. presentou ante esta dirección xeral unha solicitude de arquivamento do expediente administrativo IN408A/2018/017 asociado ao proxecto do parque eólico Fonsanta, ante a imposibilidade de continuar coa súa tramitación e construción como consecuencia da DIA desfavorable, e de cancelación e devolución da garantía co número de rexistro 357/2018, por valor de 500.000 euros, mencionada no antecedente de feito primeiro.

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2024

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética
e Recursos Naturais