DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Venres, 22 de marzo de 2024 Páx. 20537

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 7 de marzo de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se arquiva o expediente do parque eólico Pedra Queimada e se cancela a garantía económica depositada por Desarrollos Renovables del Norte, S.L.U. para tramitar a solicitude de acceso e conexión á rede (expediente IN408A 2020/70).

De conformidade co previsto no artigo 42.4, alíneas a) e b), da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, publícase o extracto da Resolución do 7 de marzo de 2024 pola que se arquiva o expediente do parque eólico Pedra Queimada e se cancela a garantía económica depositada por Desarrollos Renovables del Norte, S.L.U. para tramitar a solicitude de acceso e conexión á rede.

Primeiro. Contido da resolución e condicións que a acompañan:

1. Denegar a solicitude de autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción, declaración de utilidade pública e aprobación do proxecto sectorial (proxecto de interese autonómico) das instalacións do parque eólico Pedra Queimada, sito nos concellos de Arteixo, A Laracha e Carballo (A Coruña) e promovido por Desarrollos Renovables del Norte, S.L.U., tras a declaración de impacto ambiental desfavorable formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 23 de xaneiro de 2023.

2. Arquivar o expediente do parque eólico Pedra Queimada (expediente IN408A 2020/70).

3. Cancelar e devolver a garantía depositada por Desarrollos Renovables del Norte, S.L.U. o 20 de outubro de 2020, por importe de 456.000 € e número de rexistro 1302/20, para garantir o cumprimento das súas obrigas no procedemento de acceso e conexión á rede de distribución do parque eólico Pedra Queimada.

Segundo. Principais motivos e consideracións nos que se basea a resolución:

1. O 8 de maio de 2020, Desarrollos Renovables del Norte, S.L.U. presentou solicitude de autorización de instalacións de produción de enerxía eléctrica e as súas infraestruturas de evacuación para o proxecto denominado parque eólico Pedra Queimada ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

2. O 2 de xullo de 2020 notificóuselle á promotora o cumprimento dos requisitos a que fan referencia os artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro. Coa mesma data, Desarrollos Renovables del Norte, S.L.U. presentou o xustificante de pagamento das taxas correspondentes á autorización administrativa do parque eólico Pedra Queimada.

3. O 20 de outubro de 2020, Desarrollos Renovables del Norte, S.L.U. depositou unha garantía económica, por importe de 456.000 € e número de rexistro 1302/20, para garantir o cumprimento das súas obrigas no procedemento de acceso e conexión á rede de distribución do parque eólico Pedra Queimada en substitución da garantía constituída inicialmente o 14 de abril de 2019 e devolta pola Resolución desta dirección xeral do 7 de decembro de 2020.

4. O 10 de febreiro de 2021, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático emitiu informe sobre a relación de organismos e persoas interesadas que deberían emitir informe do estudo de impacto ambiental do parque eólico Pedra Queimada.

5. O 13 de abril de 2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe previsto no artigo 33.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, en que se indica que os aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación regulada no Psega respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable.

6. O 30 de abril de 2021, Desarrollos Renovables del Norte, S.L.U. presentou unha solicitude de modificación substancial do parque eólico. A modificación solicitada consiste, de forma xeral, no desprazamento da posición do aeroxerador A1.

7. O 10 de decembro de 2021 notificóuselle á promotora a admisión a trámite da modificación solicitada.

8. Esta dirección xeral, para continuar co procedemento, solicitou o informe recollido no artigo 33 ao órgano competente en materia do territorio o 29 de decembro de 2021. En resposta á citada solicitude de informe, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, o 18 de xaneiro de 2022, o informe onde indica que os aeroxeradores cumpren as distancias de 500 m a núcleos de poboación, regulada na disposición transitoria sétima da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.

9. Mediante o Acordo do 17 de xuño de 2022, da Xefatura Territorial da Coruña, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental (EIA) e o proxecto sectorial (proxecto de interese autonómico, PIA) do proxecto do parque eólico Pedra Queimada, nos concellos de Arteixo, A Laracha e Carballo (DOG núm. 126, do 4 de xullo).

Durante o período de información pública presentáronse alegacións, as cales foron remitidas a Desarrollos Renovables del Norte, S.L.U. e contestadas por esta.

10. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a xefatura territorial solicitou a emisión dos correspondentes condicionados técnicos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de interese xeral para os que a empresa promotora presentou a correspondente separata do proxecto de execución.

11. Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: Augas de Galicia, Axencia de Turismo de Galicia, Concello de Arteixo, Concello de Carballo, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Pública, Instituto de Estudos do Territorio e Sociedade Galega de Historia Natural.

O 23 de xaneiro de 2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou unha declaración de impacto ambiental desfavorable relativa ao parque eólico Pedra Queimada, que a fixo pública mediante o Anuncio do 23 de xaneiro de 2023 (DOG núm. 16, do 24 de xaneiro).

12. O 4 de xullo de 2023 notificóuselle á promotora o acordo polo que se inicia o procedemento de denegación da solicitude de autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción, declaración de utilidade pública e aprobación do proxecto sectorial (proxecto de interese autonómico), arquivamento do expediente instruído do parque eólico Pedra Queimada e devolución da garantía depositada por Desarrollos Renovables del Norte, S.L.U. o 20 de outubro de 2020, por importe de 456.000 € e número de rexistro 1302/20, para garantir o cumprimento das súas obrigas no procedemento de acceso e conexión á rede.

13. Con data 11 de febreiro de 2024, a promotora achegou escrito en que manifesta que non desexa formular alegacións ao acordo de inicio do procedemento de arquivamento do expediente do parque eólico Pedra Queimada.

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2024

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética
e Recursos Naturais