DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Venres, 22 de marzo de 2024 Páx. 20576

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 7 de marzo de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 29 de febreiro de 2024, relativa á solicitude de revisión do esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común Carballos de Portela, Cimbro e Cubela, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Vilar de Cerreda, no concello de Nogueira de Ramuín.

Examinada a solicitude de revisión do esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) Carballos de Portela, Cimbro e Cubela, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Vilar de Cerreda, no concello de Nogueira de Ramuín, resultan os seguintes:

Feitos:

Primeiro. O 30.9.2022, a CMVMC da parroquia de Vilar de Cerreda presentou unha solicitude (Rexel núm. 2022/2412586) de revisión do esbozo do MVMC Carballos de Portela, Cimbro e Cubela, no concello de Nogueira de Ramuín.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do acordo da asemblea xeral do 15.1.2022.

– Planos da proposta.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 5 de maio de 2023 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que o perímetro obxecto de revisión inclúe as partes do perímetro lindeiras con particulares.

A superficie do MVMC Carballos de Portela, Cimbro e Cubela, unha vez revisado o esbozo e tendo en conta certas correccións inapreciables de índole xeométrica efectuadas sobre a planimetría dixital achegada, sería de 564,36 ha fronte ás 546 ha do acordo de clasificación, o que supón un incremento do 3,4 %.

Tendo en conta o anterior, infórmase favorablemente a revisión do esbozo do MVMC Carballos de Portela, Cimbro e Cubela.

Consideracións legais e técnicas:

Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 5 de maio de 2023, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 20 de febreiro de 2024:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC Carballos de Portela, Cimbro e Cubela, pertencente á CMVMC da parroquia de Vilar de Cerreda, no concello de Nogueira de Ramuín.

Ourense, 7 de marzo de 2024

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense