DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Venres, 22 de marzo de 2024 Páx. 20578

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 7 de marzo de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 5 de marzo de 2024, relativa á solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común Valdín, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Valdín, no concello da Veiga.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) Valdín, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Valdín, no concello da Veiga, resultan os seguintes:

Feitos:

Primeiro. O 29.9.2022, a CMVMC de Valdín presentou unha solicitude (Rexel núm. 2022/2394158), de revisión parcial de esbozo do MVMC de Valdín, no concello da Veiga.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do acordo da asemblea xeral do 4.9.2022.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable, o día 10 de maio de 2023, en relación coa citada solicitude. Nel indícase que o perímetro obxecto de revisión inclúe as partes do perímetro lindeiras con particulares. Non se modifican os límites cos montes veciñais estremeiros, salvo algúns tramos coincidentes coa revisión de esbozo 21320606/2021 do MVMC Carballal de Lobos, pertencente a Seoane.

A superficie do MVMC de Valdín, unha vez revisado o esbozo, resulta de 1.287,11 ha fronte ás 1.226 ha da clasificación, o que supón un aumento dun 5 %.

Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable sobre a revisión do esbozo do MVMC de Valdín.

Consideracións legais e técnicas:

Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 10 de maio de 2023, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou, por unanimidade, o día 20 de febreiro de 2024:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC de Valdín, pertencente á CMVMC de Valdín, no concello da Veiga.

Ourense, 7 de marzo de 2024

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense