DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Mércores, 20 de marzo de 2024 Páx. 20059

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Redondela

ANUNCIO de información pública relativa á aprobación do Plan xeral de ordenación municipal.

Mediate o Acordo do Pleno do Concello, en sesión extraordinaria que tivo lugar o día 21 de febreiro de 2024, aprobouse inicialmente o Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) de Redondela, datado en decembro de 2021, e cuxos documentos están provistos da sinatura electrónica da arquitecta María Ríos Carballeira, do que forma parte o estudo ambiental estratéxico, o resumo non técnico do estudo ambiental estratéxico e o resumo executivo.

De conformidade co disposto nos artigos 60.6 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), e 144.6 do regulamento da Lei 2/2016, aprobado polo Decreto 143/2016, do 22 de setembro (RLSG), sométese a información pública, mediante a publicación deste anuncio no xornal Faro de Vigo e no Diario Oficial de Galicia, durante o prazo de 3 meses, contado a partir do seguinte á última publicación. Durante este prazo poderán presentarse alegacións, suxestións ou documentos que se consideren oportunos en relación co expediente sometido a información pública. A documentación íntegra aprobada inicialmente pódese consultar na web do Concello de Redondela (www.redondela.gal e www.redondela-pxom.gal), de luns a venres, das 8.30 ás 14.30 horas, no local habilitado na planta baixa do edificio sito na rúa Reveriano Soutullo, 1, Redondela (antigo conservatorio).

A documentación sometida a información pública abarcará todos os documentos integrantes do expediente tramitado, incluídos o resumo executivo, o estudo ambiental estratéxico e o resumo non técnico do estudo ambiental estratéxico.

O devandito acordo determina, por aplicación dos artigos 47.2 da LSG e 86.2 do RLSG, e con efectos desde a publicación oficial do acordo, a suspensión automática do procedemento de outorgamento de licenzas naqueles ámbitos en que as novas determinacións supoñan a modificación da ordenación urbanística vixente, co alcance previsto no resumo executivo, de acordo co punto 4 do artigo 86 do RLSG. A dita suspensión, que terá unha duración máxima de dous anos, non afectará os supostos previstos no artigo 86.3 do RLSG e extinguirase, en todo caso, coa aprobación definitiva do planeamento (artigo 47.2 da LSG).

De conformidade co resumo executivo aprobado, suspéndese o procedemento de outorgamento de licenzas de parcelación, edificación ou demolición (exceptuando aquelas que se fagan por motivos de seguridade estrutural) dentro do ámbito municipal e, especialmente, nos seguintes casos:

– Nos solos que están destinados a sistemas e dotacións públicas ou privadas no plan aprobado inicialmente, cando non coincida co uso establecido no planeamento vixente coa excepción dos que, sendo de titularidade pública, garantan as condicións de urbanización ou edificación en consonancia co planeamento vixente e co planeamento aprobado inicialmente.

– Nos solos urbanos consolidados, cando coincida con novas incorporacións no catálogo de bens do patrimonio cultural, exceptuando as actuacións de conservación.

Poderán outorgarse licenzas naqueles terreos onde se cumpran simultaneamente as condicións do planeamento vixente (NSP87) e o PXOM aprobado inicialmente, do seguinte xeito:

– En solo rústico, poderán outorgarse licenzas sempre que simultaneamente se cumpran as condicións do planeamento vixente e as do plan aprobado inicialmente, aplicando para o primeiro o establecido na disposición transitoria primeira 2.d) da LSG.

– No solo de núcleo rural, sempre que simultaneamente se cumpran as condicións do planeamento vixente e as do plan aprobado inicialmente, aplicando para o primeiro o establecido na disposición transitoria primeira 2.c) da LSG.

– No solo urbanizable, sempre que simultaneamente se cumpran as condicións do planeamento vixente e as do plan aprobado inicialmente, aplicando para o primeiro o establecido na disposición transitoria primeira 2.b) da LSG.

– No solo urbano consolidado, sempre que simultaneamente se cumpran as condicións do planeamento vixente e as do plan aprobado inicialmente:

• Nos casos en que a zona proposta polo Plan aprobado inicialmente defira da zona do planeamento vixente, pero as condicións de ordenación sexan asimilables entre si, en relación cos parámetros de forma, tamaño, dimensión e uso.

• En todo caso serán de aplicación os parámetros do planeamento vixente, NSP 87, sempre que non contradigan á alza as determinacións do plan aprobado inicialmente.

– Nos ámbitos de planeamento incorporado.

– Nos ámbitos dos plans especiais:

• PEP 01 conxunto histórico de Redondela e xardíns da Alameda, será de aplicación o establecido no réxime transitorio da ficha correspondente destas normas, en coherencia co artigo 57 da LPCG e, de xeito subsidiario, anéxanse os alzados das normas subsidiarias de planeamento aprobadas definitivamente o 6 de novembro de 1987 e publicadas no BOP o 14 de abril de 1988, e que quedarán derrogadas coa aprobación definitiva deste plan.

• No resto dos PEP, será de aplicación o establecido nos puntos anteriores, en relación coa clase e categoría de solo que lle corresponda.

Redondela, 22 febreiro de 2024

Digna Rosa Rivas Gómez
Alcaldesa