DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 56 Martes, 19 de marzo de 2024 Páx. 19748

IV. Oposicións e concursos

Consello de Contas de Galicia

RESOLUCIÓN do 11 de marzo de 2024 pola que se convoca a provisión, polo sistema de libre designación, dun posto de traballo vacante nesta institución.

En virtude das competencias que me corresponden conforme o artigo 10 do Regulamento de réxime interior do Consello de Contas de Galicia e en execución do Acordo da Comisión de Goberno, do 29 de febreiro de 2024, polo que se aproba a convocatoria pública para a provisión polo sistema de libre designación, dun posto de traballo vacante no Consello de Contas de Galicia e ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

De conformidade co disposto no artigo 17 da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas, no artigo 92 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e no artigo 25 e seguintes do Decreto 151/2022, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento dos procedementos de mobilidade do persoal funcionario de carreira da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais integrantes do sector público autonómico,

RESOLVO:

Primeiro. Anunciar a convocatoria para prover, polo sistema de libre designación, o posto de traballo que se indica no anexo I deste acordo.

Segundo. Poderán concorrer a ela os/as funcionarios/as que reúnan as condicións que para o dito posto de traballo se relacionan no anexo I.

Valorarase a experiencia desenvolvida e os coñecementos adquiridos en postos en que se levaran a cabo funcións similares ás previstas para o posto convocado no artigo 84 do Regulamento de réxime interior do Consello de Contas, sempre que foran debidamente acreditados polos aspirantes.

Terceiro. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado correspondente ao procedemento administrativo ADM050103, dispoñible na sede electrónica do Consello de Contas https://consellodecontasgalicia.sedelectronica.gal/, mediante o cal se achegará a solicitude segundo o modelo que se inclúe no anexo II, no prazo de quince (15) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Para a presentación electrónica poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura recollidos na propia sede electrónica do Consello de Contas.

Cuarto. Os/as aspirantes deberán xuntarlle á solicitude electrónica un currículo, así como a debida acreditación dos títulos académicos, dos cursos realizados, dos postos de traballo desempeñados nas administracións públicas, sempre que teñan relación coas funcións do posto convocado. A xustificación dos méritos alegados acreditarase mediante copia electrónica das correspondentes certificacións e dos títulos.

Quinto. No caso de resultar seleccionado/a para ocupar o posto de traballo que se relaciona no anexo I deste acordo un/unha funcionario/a con destino noutra Administración pública, requirirase o informe favorable do departamento en que presta servizos, considerándose favorable de non emitirse no prazo de 15 días, segundo o disposto no artigo 67 do Real decreto 364/1995, do 10 de marzo, e as demais disposicións concordantes.

Sexto. A resolución desta convocatoria farase pública no Diario Oficial de Galicia e poderá declararse deserta de considerarse oportuno.

Sétimo. O prazo para tomar posesión do novo destino obtido será de tres días hábiles se non implica cambio de residencia ou de sete días hábiles se comporta cambio de residencia. Cando a persoa adxudicataria do posto obteña coa súa toma de posesión o reingreso ao servizo activo, o prazo será de vinte días hábiles.

O prazo de toma de posesión empezará a contar a partir do día seguinte ao do cesamento, que se deberá producir dentro dos tres días hábiles seguintes ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, ou desde a data en que se comunique a resolución do traslado á Administración en que preste servizos. Se a resolución comporta o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión deberase computar desde o día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

Oitavo. Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o Pleno do Consello de Contas no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, segundo establecen os artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Contra a resolución do recurso de alzada, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses desde o día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co establecido nos artigos 10.1.ap.c e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2024

Juan Carlos Aladro Fernández
Conselleiro maior

ANEXO I

Denominación do posto de traballo: interventor.

Código do posto de traballo: CC.F02.01.01.

Localidade: Santiago de Compostela.

Subgrupo: A1.

Nivel de complemento de destino: 30.

Complemento específico: 33.814,75 €.

Corpo-escala: xeral/especial.

Adscrición administracións publicas: Comunidade Autónoma de Galicia, outras comunidades, Estado, corporacións locais e institucións de control externo estatais ou autonómicas (ICEX) (A12).

Formación específica: experiencia en fiscalización.

missing image file