DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 56 Martes, 19 de marzo de 2024 Páx. 19790

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 11 de marzo de 2024, da Xefatura Territorial de Ourense, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 7 de marzo de 2024, polo que se declara a necesidade de ocupación, así como a prevalencia sobre un aproveitamento forestal, dos terreos necesarios para o desenvolvemento dos traballos nas concesións de explotación mineiras Faro número 4615.1, Faro número 4615.2 e Faro número 4615.5, sitas no concello de Melón (Ourense).

En cumprimento do disposto no artigo 21 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954 e no artigo 20 do Regulamento de expropiación forzosa do 26 de abril de 1957, faise público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 7 de marzo de 2024, polo que se declara a necesidade de ocupación, así como a prevalencia sobre un aproveitamento forestal, dos terreos necesarios para o desenvolvemento dos traballos nas concesións de explotacións mineiras Faro núm. 4615.1, Faro núm. 4615.2 e Faro núm. 4615.5, sitas no concello de Melón (Ourense).

Ourense, 11 de marzo de 2024

Alicia María López Míguez
Xefa territorial de Ourense

ANEXO

Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 7 de marzo de 2024, polo que se declara a necesidade de ocupación, así como a prevalencia sobre un aproveitamento forestal, dos terreos necesarios para o desenvolvemento dos traballos nas concesións de explotación mineiras Faro núm. 4615.1, Faro núm.  4615.2 e Faro núm. 4615.5, sitas no concello de Melón (Ourense)

Examinado o expediente da solicitude para a expropiación de bens e dereitos afectados polas concesións de explotación Faro núm. 4615.1, Faro núm. 4615.2 e Faro núm. 4615.5, sitas no concello de Melón, na provincia de Ourense, resultan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. A concesión de explotación Faro núm. 4615.1 foi outorgada pola Resolución do 21.5.1992 a Minera de Rocas, S.L.U., con NIF B36123693, por un período de 30 anos, para recursos da sección C) granito, cunha extensión de dúas cuadrículas mineiras situadas no termo municipal de Melón (Ourense). Esta concesión de explotación foi prorrogada por outros 30 anos o 8.1.2024.

Segundo. A concesión de explotación Faro núm. 4615.2 foi outorgada o 12.2.2001 a Minera de Rocas, S.L.U., por un período de 30 anos, para recursos da sección C), granito, cunha extensión de dúas cuadrículas mineiras, situadas no termo municipal de Melón.

Terceiro. A concesión de explotación Faro núm. 4615.5 foi outorgada pola Resolución do 29.4.2013 a Minera de Rocas, S.L.U., por un período de 30 anos, para recursos da sección C), granito, cunha extensión dunha cuadrícula mineira, situada no termo municipal de Melón.

Cuarto. O 22.8.2022, Minera de Rocas, S.L.U. presentou na Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Industria e Innovación de Ourense (en diante, a Xefatura Territorial) solicitude para a expropiación de bens e dereitos afectados polas concesións de explotación Faro núm. 4615.1, Faro núm. 4615.2 e Faro núm. 4615.5, sitas no concello de Melón. Na relación concreta e individualizada dos bens ou dereitos (en diante, RBDA) achegada, a promotora incluía como única comunidade de montes afectada a CMVMC de Tourón e dúas parcelas do Concello de Melón.

Quinto. O 29.11.2022, a CMVMC de Tourón tomou vista dos expedientes das concesións de explotación Faro núm. 4615.1, Faro núm. 4615.2 e Faro núm. 4615.5, e solicitou copia de documentación dos ditos expedientes, a cal lle foi remitida desde a Xefatura Territorial o 12.12.2022.

Sexto. O 10.1.2023, a Xefatura Territorial requiriulle documentación complementaria a Minera de Rocas, S.L.U., a cal achegou o 19.1.2023.

Sétimo. Tras a revisión da RBDA achegada, o 23.5.2023, a Xefatura Territorial, concretamente no relativo as dúas parcelas do Concello de Melón, requiriulle a descrición xurídica e a documentación acreditativa de que Minera de Rocas, S.L.U. intentou chegar a un acordo co citado concello. O 5.6.2023, a dita sociedade eliminou da RBDA as citadas parcelas do Concello.

Oitavo. Polo Acordo do 20.7.2023, da Xefatura Territorial, fíxose pública a RBDA formulada por Minera de Rocas, S.L.U. da solicitude de expropiación forzosa dos terreos necesarios para o desenvolvemento dos traballos nas concesións de explotación mineiras Faro núm. 4615.1, Faro núm. 4615.2 e Faro núm. 4615.5, sitas no concello de Melón (Ourense), e concedeuse un prazo de 15 días para presentar alegacións. O citado acordo foi publicado no DOG núm. 156, do 18.8.2023, no BOP de Ourense núm. 183, do 10.8.2023, e no xornal La Región do 28.7.2023. Así mesmo, o 24.7.2023, desde a Xefatura Territorial remitíronselle ao Concello de Melón o dito acordo e a RBDA para a súa publicación no taboleiro de anuncios do citado concello afectado, que remitiu o 15.11.2023 o certificado de exposición pública e achegou un escrito de alegacións.

Noveno. O 31.7.2023, a Xefatura Territorial deu traslado á Comunidade Veciñal do Monte en Man Común de Tourón da RBDA formulada por Minera de Rocas, S.L.U., a fin de que, de conformidade co artigo 18 do Regulamento de expropiación forzosa, do 26 de abril de 1957, no prazo de 15 días, puidese achegar cantos datos permitisen a rectificación dos posibles erros que se considerasen cometidos na relación que se fixo pública polo Acordo do 20.7.2023, a que se fai referencia no antecedente de feito anterior.

Décimo. O 1.8.2023, a Xefatura Territorial remitiulle á Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal o expediente de expropiación dos terreos necesarios para o desenvolvemento dos traballos nas concesións de explotación mineiras Faro núm. 4615.1, Faro núm. 4615.2 e Faro núm. 4615.5, para que, de acordo co artigo 6 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o regulamento de execución da Lei de montes veciñais en man común de Galicia, e unha vez feitos os trámites oportunos e oída a comunidade afectada, informase dos asuntos da súa competencia e llo devolvese á Xefatura Territorial de Ourense para a súa prosecución en forma legal.

Décimo primeiro. O 2.8.2023 e o 7.9.2023, a CMVMC de Tourón presentou alegacións relativas ao expediente de expropiación dos terreos necesarios para o desenvolvemento dos traballos nas concesións de explotación mineiras Faro núm. 4615.1, Faro núm. 4615.2 e Faro núm. 4615.5.

Décimo segundo. O 8.9.2023, a CMVMC parroquias de Quins e Melón, a cal non se incluía como interesada na RBDA presentada por Minera de Rocas, S.L.U., constituíuse como parte no citado expediente de expropiación.

Décimo terceiro. O 13.9.2023, desde a Xefatura Territorial remitíronse a Minera de Rocas, S.L.U. as alegacións presentadas pola CMVMC de Tourón e pola CMVMC parroquias de Quins e Melón, que foron respondidas pola promotora o 27.9.2023.

Décimo cuarto. Unha vez feita pública a relación concreta e individualizada dos bens ou dereitos formulada por Minera de Rocas, S.L.U. para a expropiación dos terreos necesarios para o desenvolvemento dos traballos nas concesións de explotación mineiras Faro núm. 4615.1, Faro núm. 4615.2 e Faro núm. 4615.5, e unha vez recibidas as alegacións das comunidades de montes afectadas e a resposta do promotor, a Xefatura Territorial achegoulle, o 4.10.2023, á Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal a citada documentación para completar o expediente, reiterando a solicitude do 1.8.2023, a que se fai referencia no antecedente de feito décimo deste acordo.

Décimo quinto. O 14.11.2023, a Xefatura Territorial recibiu o informe favorable, emitido pola Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal sobre a declaración de prevalencia da utilidade pública sobre o interese social de 716.180,69 m2 do MVMC de Tourón e 53.288,66 m2 do MVMC Serra do Faro, pertencentes ás CMVMC de Tourón, e Quins e Melón, respectivamente, para os terreos necesarios para o desenvolvemento dos traballos nas concesións mineiras Faro núm. 4615.1, Faro núm. 4615.2 e Faro núm. 4615.5.

Décimo sexto. Tras o requirimento feito pola Xefatura Territorial, Minera de Rocas, S.L.U. comunicou o 15.11.2023 que a única comunidade de montes afectada era a de Tourón e achegou documentación xustificativa.

Décimo sétimo. O 30.11.2023, a CMVMC de Tourón solicitou a paralización de todo labor mineiro da sociedade Minera de Rocas, S.L.U. sobre as concesións de explotación Faro núm. 4615.1, Faro núm. 4615.2 e Faro núm. 4615.5, así como a toma de vista dos citados expedientes.

Décimo oitavo. O 7.12.2023, tivo entrada na Xefatura Territorial un novo informe favorable, emitido pola Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, sobre a declaración de prevalencia da utilidade pública sobre o interese social de 769.469,35 m2 do MVMC de Tourón, pertencente á CMVMC de Tourón, para os terreos necesarios para o desenvolvemento dos traballos nas concesións mineiras Faro núm. 4615.1, Faro núm. 4615.2 e Faro núm. 4615.5. Este informe substitúe aquel a que se fai referencia no antecedente de feito décimo quinto deste acordo.

Décimo noveno. O 11.12.2023, desde a Xefatura Territorial remitíronselle a Minera de Rocas, S.L.U. o novo informe emitido pola Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal e as alegacións do Concello de Melón, que foron respondidas pola promotora o 3.1.2024.

Vixésimo. O 16.1.2024, persoal técnico da Xefatura Territorial visitou as concesións de explotación Faro núm. 4615.1, Faro núm. 4615.2 e Faro núm. 4615.5. Finalizada a actividade de comprobación, o persoal técnico da Xefatura Territorial non ordenou, por escrito, a suspensión inmediata dos traballos ou labores que se estaban a realizar nas citadas concesións de explotacións ao non concorrer grave e inminente risco para a seguridade ou saúde dos traballadores.

Vixésimo primeiro. O 23.1.2024, a CMVMC de Tourón tomou vista dos expedientes das concesións de explotación Faro núm. 4615.1, Faro núm. 4615.2 e Faro núm. 4615.5, o 25.1.2024 presentou un novo escrito de alegacións ao procedemento expropiatorio, e o 30.1.2024 solicitou copia de documentación dos ditos expedientes, a cal lle foi remitida desde a Xefatura Territorial o 7.2.2024.

Vixésimo segundo. O 31.1.2024, a Xefatura Territorial remitiulle a Minera de Rocas, S.L.U. as novas alegacións presentadas pola CMVMC de Tourón, que foron respondidas pola promotora o 7.2.2024.

Vixésimo terceiro. O 8.2.2024, persoal técnico do Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Ourense emitiu informe favorable sobre a necesidade ocupación dos terreos para o desenvolvemento dos traballos nas concesións mineiras Faro núm. 4615.1, Faro núm. 4615.2 e Faro núm. 4615.5.

Vixésimo cuarto. O 8.2.2024, a Xefatura Territorial de Ourense solicitou informe da área xurídica do mesmo organismo sobre a necesidade de ocupación e procedencia de elevar tal declaración ao Consello da Xunta de Galicia. O 9.2.2024, a devandita área xurídica emitiu informe favorable sobre a solicitude da necesidade de ocupación (...) considerando necesaria a elevación da citada declaración ao Consello da Xunta de Galicia.

Vixésimo quinto. O 9.2.2024, a Xefatura Territorial remitiu á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o expediente completo e ordenado, e propuxo continuar a súa tramitación para que o Consello da Xunta de Galicia adoptase o acordo de necesidade de ocupación, así como a prevalencia sobre un aproveitamento forestal, para o desenvolvemento dos traballos nas concesións mineiras Faro núm. 4615.1, Faro núm. 4615.2 e Faro núm. 4615.5, ao cumprirse os requisitos legais establecidos para iso.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. O Consello da Xunta de Galicia é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, no artigo 15 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954 e no punto 1 do artigo 6 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o regulamento de execución da Lei de montes veciñais en man común de Galicia, que indica que os montes veciñais en man común poderán ser obxecto de expropiación forzosa por causa de utilidade pública ou interese social prevalente ás do propio monte, mediante declaración expresa da Xunta de Galicia, logo de informe da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes e oídas as comunidades afectadas.

Segunda. O 22.8.2022, Minera de Rocas, S.L.U. presentou na Xefatura Territorial solicitude para a expropiación de bens e dereitos afectados polas concesións de explotación Faro núm. 4615.1, Faro núm. 4615.2 e Faro núm. 4615.5, sitas no concello de Melón (Ourense), na súa consideración de beneficiaria, para os efectos previstos no artigo 2.3 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e artigo 5 do Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa, e concorrendo na citada solicitude as circunstancias recollidas no artigo 105 da Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas, e no artigo 131 do seu regulamento, aprobado polo Real decreto 2857/1978, do 25 de agosto.

Ante a imposibilidade de chegar a acordos cos propietarios afectados, e en cumprimento do disposto no artigo 17.2 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, a entidade beneficiaria Minera de Rocas, S.L.U. formalizou a relación concreta e individualizada dos terreos sobre os que considera necesaria a expropiación forzosa.

De conformidade co artigo 105.1 da Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas, e co artigo 131.2 do seu regulamento, aprobado polo Real decreto 2857/1978, do 25 de agosto, e como queira que se trata de concesións de explotacións outorgadas, non é necesaria a declaración de utilidade pública, pero ao non se cumpriren as condicións establecidas no artigo 17.2 da Lei de expropiación forzosa, cómpre declarar a necesidade de ocupación.

Terceira. No título e capítulo segundo da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954 e do Regulamento de expropiación forzosa do 26 de abril de 1957, regúlase a necesidade de ocupación de bens ou de adquisición de dereitos.

En cumprimento do disposto no artigo 18 da Lei de expropiación forzosa e no artigo 17 do seu regulamento, fíxose pública a relación concreta e individualizada dos bens ou dereitos formulada por Minera de Rocas, S.L.U. a través do Acordo do 20.7.2023, da Xefatura Territorial de Ourense. O citado acordo foi publicado no DOG núm. 156, do 18.8.2023, no BOP de Ourense núm. 183, do 10.8.2023 e no xornal La Región do 28.7.2023. Así mesmo, o 24.7.2023, desde a Xefatura Territorial remitíronselle ao Concello de Melón o dito acordo e a RBDA para a súa publicación no taboleiro de anuncios do citado concello afectado, que remitiu o 15.11.2023 o certificado de exposición pública e achegou un escrito de alegacións.

O 31.7.2023, a Xefatura Territorial deulle traslado á Comunidade Veciñal do Monte en Man Común de Tourón da RBDA formulada por Minera de Rocas, S.L.U., a fin de que, de conformidade co artigo 18 do Regulamento de expropiación forzosa do 26 de abril de 1957, no prazo de 15 días puidese achegar cantos datos permitisen a rectificación dos posibles erros que se considerasen cometidos na relación que se fixo pública polo Acordo do 20.7.2023.

O 2.8.2023 e o 7.9.2023, a CMVMC de Tourón presentou alegacións relativas ao expediente de expropiación dos terreos necesarios para o desenvolvemento dos traballos nas concesións de explotación mineiras Faro núm. 4615.1, Faro núm. 4615.2 e Faro núm. 4615.5.

O 8.9.2023, a CMVMC parroquias de Quins e Melón constituíuse como parte no citado expediente de expropiación, a cal non se incluía na RBDA presentada por Minera de Rocas, S.L.U.

O 13.9.2023, desde a Xefatura Territorial remitíronse a Minera de Rocas, S.L.U. as alegacións presentadas pola CMVMC de Tourón e pola CMVMC parroquias de Quins e Melón, que foron respondidas pola promotora o 27.9.2023.

Nos puntos 1 e 2 do artigo 6 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o regulamento de execución da Lei de montes veciñais en man común de Galicia, recóllese que:

1. Os montes veciñais en man común poderán ser obxecto de expropiación forzosa por causa de utilidade pública ou interese social prevalente ás do propio monte, mediante declaración expresa da Xunta de Galicia, logo de informe da Consellería de Agricultura, Gandaría e Montes e oídas as comunidades afectadas.

2. Unha vez iniciado o expediente de expropiación e completado coa memoria xustificativa e a descrición do terreo de que se trate, remitirase á Consellería de Agricultura, Gandaría e Montes para que se dea vista del á comunidade afectada, por conduto da delegación provincial correspondente, que emitirá informe no termo dun mes. Unha vez cumprido aquel trámite, elevarao, no prazo de quince días, á Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, que propoñerá ao conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes o que proceda.

Unha vez feita pública a relación concreta e individualizada dos bens ou dereitos formulada por Minera de Rocas, S.L.U. para a expropiación dos terreos necesarios para o desenvolvemento dos traballos nas concesións de explotación mineiras Faro núm. 4615.1, Faro núm. 4615.2 e Faro núm. 4615.5, e unha vez recibidas as alegacións das comunidades de montes afectadas e a resposta do promotor, o 4.10.2023 a Xefatura Territorial achegoulle á Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal a citada documentación para completar o expediente, reiterando a solicitude do 1.8.2023.

O 14.11.2023, a Xefatura Territorial recibiu o informe favorable emitido pola Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal sobre a declaración de prevalencia da utilidade pública sobre o interese social de 716.180,69 m2 do MVMC de Tourón e 53.288,66 m2 do MVMC Serra do Faro, pertencentes ás CMVMC de Tourón, e Quins e Melón, respectivamente, para os terreos necesarios para o desenvolvemento dos traballos nas concesións mineiras Faro núm. 4615.1, Faro núm. 4615.2 e Faro núm. 4615.5.

Tras o requirimento feito pola Xefatura Territorial, Minera de Rocas, S.L.U. comunicou o 15.11.2023 que a única comunidade de montes afectada era a de Tourón e achegou documentación xustificativa.

O 7.12.2023, tivo entrada na Xefatura Territorial un novo informe favorable, emitido pola Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, sobre a declaración de prevalencia da utilidade pública sobre o interese social de 769.469,35 m2 do MVMC de Tourón, pertencente á CMVMC de Tourón, para os terreos necesarios para o desenvolvemento dos traballos de explotación nas concesións mineiras Faro núm. 4615.1, Faro núm. 4615.2 e Faro núm. 4615.5. No citado informe recóllese, literalmente, o seguinte:

(...) Antecedentes:

Primeiro. O 1.8.2023 foi remitida desde o Servizo da Propiedade Forestal unha nota interior (REXEL núm. 2023/1816380) coa que se daba conta do expediente de expropiación dos terreos necesarios para o desenvolvemento dos traballos de explotación nas concesións mineiras Faro núm. 4615.1, Faro núm. 4615.2 e Faro núm. 4615.5., sitos no concello de Melón; expediente, pola súa vez, remitido en orixe desde o Servizo de Enerxía e Minas de Ourense, dependente funcionalmente da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais que, en última instancia, posúe a competencia tramitadora do procedemento en cuestión.

Segundo. De acordo coa planimetría dos terreos que expropiar e cuadrículas das concesións achegada pola promotora durante a tramitación do expediente, e tendo en conta as coordenadas expresas dos vértices que definen o perímetro da concesión, os terreos que se van expropiar sitúanse practicamente na súa totalidade dentro do MVMC de Tourón. Porén, a marxe occidental destes (en concreto, o tramo perimetral definido polo vértices núm. 3 ao 29) atópase na zona estremeira entre o anterior monte e mais o MVMC Serra do Faro, das parroquias de Quins e Melón.

Consultados os perímetros procedentes da dixitalización dos esbozos incluídos nas carpetas-ficha, os cales, na ausencia dunha liña de deslindamento que defina con precisión e seguridade a estrema común, constitúen a ferramenta ou referencia mínima que se ten para poder representar e traballar con estes montes e tendo en conta todo o anterior, dos 769.469,35 m2 por expropiar, 716.180,69 m2 (93,08 % do total) sitúanse a priori dentro do MVMC de Tourón e 53.288,66 m2 (6,94 %) dentro do MVMC Serra do Faro.

Terceiro. Os terreos afectados corresponden maiormente ao vaso da canteira preexistente, ademais doutros elementos tamén xa presentes e inherentes ao desenvolvemento deste tipo de explotacións como entulleiras, balsas, camiños ou edificacións. Trátase de elementos, pola súa vez, correspondentes a concesións mineiras xa autorizadas desde hai anos polo organismo competente en minas.

Fóra da localización dos anteriores elementos, o resto de terreos que expropiar atópanse a raso e predominantemente cubertos por afloramentos rochosos, coa soa excepción, groso modo, de tres pequenos rodais arborizados.

En consecuencia, trátase fundamentalmente de terreos en que hai implantados usos de carácter industrial dende hai polo menos dúas décadas, de xeito que a expropiación non afectaría os aproveitamentos nin os usos que nos últimos tempos se veñen desenvolvendo en ningún dos montes.

Cuarto. O 14.9.2023, comunícase polo Sistema Notifica ás CMVMC de Tourón e Quins e Melón a apertura dun período de audiencia do expediente de prevalencia, durante un prazo de quince días hábiles. Non se reciben alegacións.

Quinto. Con data do 24.10.2023, o xefe do Servizo de Montes de Ourense emite informe favorable sobre a declaración de prevalencia solicitada.

Sexto. O 22.11.2023, o Servizo de Montes de Ourense comunica a existencia dun acto de conciliación aprobado polo Xurado Provincial de Montes o 4.2.2020, segundo o cal toda a afección avaliada no informe de prevalencia emitido dentro da tramitación do expediente recae, integra e exclusivamente, sobre o MVMC de Tourón, polo que procede unha nova proposta de informe de prevalencia que teña en conta o dito acto de conciliación, que non se atopaba incluído no Rexistro de Montes de Ourense.

Consideracións legais e técnicas.

1. O artigo 6.1 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común de Galicia, establece que os montes veciñais só poderán ser obxecto de expropiación forzosa ou impoñérselles servidumes por causa de utilidade pública ou interese social prevalente aos dos propios montes veciñais.

2. O Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o regulamento para a execución da citada Lei 13/1989, no artigo 6 dispón que os montes veciñais en man común poderán ser obxecto de expropiación forzosa por causa de utilidade pública ou interese social prevalente ás do propio monte, mediante declaración expresa da Xunta de Galicia, logo de informe da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes (actualmente competencia da Consellería do Medio Rural, de acordo co Decreto 79/2023, do 22 de xuño, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia) e oídas as comunidades afectadas.

3. O órgano competente para informar sobre as prevalencias de utilidade pública é o conselleiro do Medio Rural, de acordo co artigo 6 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común de Galicia. Segundo o artigo décimo da Orde do 17 de novembro de 2015, de delegación de competencias en diversos órganos da Consellería de Medio Rural, delégase na secretaria xeral técnica a emisión dos informes que o artigo 6 do Decreto 260/1992, de 4 de setembro, polo que se aproba o regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común de Galicia, atribúe ao conselleiro.

4. Respecto ao procedemento que hai que seguir, o punto 2 do artigo 6 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común de Galicia, establece que, unha vez iniciado o expediente de expropiación e completado coa memoria xustificativa e a descrición do terreo de que se trate, remitirase á Consellería de Agricultura, Gandería e Montes (na actualidade Consellería do Medio Rural), para que se dea vista del á comunidade afectada, por conduto da delegación provincial correspondente, que emitirá informe sobre el no termo dun mes. Unha vez cumprido aquel trámite, elevarao no prazo de 15 días á Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural (actualmente Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal) que proporá ao conselleiro o que proceda. Por outra banda, o número 3 do mesmo artigo establece que sendo favorable á expropiación o criterio manifestado polo conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes, devolveráselle o expediente ao organismo expropiante para a súa prosecución en forma legal. A eventual discrepancia deberá ser resolta polo Consello da Xunta de Galicia.

De acordo co indicado, e visto o informe favorable do xefe do Servizo de Montes de Ourense, a achega do acto de conciliación entre as CMVMC de Tourón e Quins e Melón e demais documentación que consta no expediente, propoño:

Que se emita informe favorable sobre a declaración de prevalencia da utilidade pública sobre o interese social de 769.469,35 m2 do MVMC de Tourón, pertencente á CMVMC de Tourón, para os terreos necesarios para o desenvolvemento dos traballos de explotación nas concesións mineiras Faro núm. 4615.1, Faro núm. 4615.2 e Faro núm. 4615.5. Esta declaración substitúe a que foi aprobada o 27.10.2023.

Conforme a anterior proposta, este centro directivo acorda darlle a súa aprobación nos seus propios termos.

Cuarta. O 2.8.2023, o 7.9.2023, o 30.11.2023 e o 25.1.2024, a CMVMC de Tourón presentou, en resumo, as seguintes alegacións relativas ao expediente de expropiación dos terreos necesarios para o desenvolvemento dos traballos nas concesións de explotación mineiras Faro núm. 4615.1, Faro núm. 4615.2 e Faro núm. 4615.5.

– O 28.9.2023 venceu o prazo de vixencia do contrato entre a citada CMVMC de Tourón e a sociedade Minera de Rocas, S.L.U., polo que a comunidade solicita que, a partir do 29.9.2023, a sociedade mineira abandone os terreos que foron obxecto do contrato vencido. O 30.11.2023, a CMVMC de Tourón solicitou a paralización de todo labor mineiro da sociedade Minera de Rocas, S.L.U. sobre as concesións de explotación Faro núm. 4615.1, Faro núm. 4615.2 e Faro núm. 4615.

– A comunidade de Tourón non se opón a subscribir un novo contrato con Minera de Rocas, S.L.U., senón que pretende ter as garantías necesarias para evitar incumprimentos da sociedade mineira no pasado.

– As discrepancias coa empresa mineira xorden en canto ao prazo de vixencia do novo contrato e nos termos económicos.

– A superficie do terreo que se pretende expropiar é de 769.469,35 m2, que constitúe un 30 % da superficie total do monte, polo que o uso que define o interese social do monte e o seu contorno veranse gravemente comprometidos coa actividade mineira.

– O procedemento é nulo de pleno dereito, xa que non se seguiu o procedemento establecido no número 2 do artigo 6 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o regulamento de execución da Lei de montes veciñais en man común de Galicia, nin consta no expediente de expropiación o informe do Servizo de Montes de Ourense.

– Solicita que se debería realizar unha nova avaliación de impacto ambiental das explotacións mineiras, a teor da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

– Con respecto ao trámite de información pública existen discrepancias en predios incluídos no proxecto de expropiación, e nos incluídos no anexo do Acordo do 20.7.2023, da Xefatura Territorial de Ourense. Ademais, omítese a preceptiva exposición pública nos concellos afectados.

– A titularidade do monte veciñal non é unha simple titularidade privada ordinaria; é unha utilidade pública de acordo coa Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

– O 25.10.2023 deuse conformidade entre a empresa e a comunidade de montes a un borrador de acordo de arrendamento dos terreos, que foi validado pola asemblea de veciños o 4.11.2023 e Minera de Rocas, S.L.U. non se volveu pronunciar en relación co citado acordo.

– A explotación mineira para a que se solicita a expropiación afecta o ambiente, tal e como consta das actuacións levadas a cabo pola Confederación Hidrográfica do Miño Sil, facendo referencia ao Auto do TSXG do 16.1.2023, relativo ao P.O.4303/2022.

– É de aplicación o recollido na sentenza non firme do TSXG do 22.11.2023, relativa ao P.O. 7027/2023, concretamente: «Así pois, o que non permite a normativa citada é que o órgano gobernativo declare a utilidade pública ou interese social de algo que xa se vén realizando desde hai anos nun espazo, coa finalidade de que se transforme un contrato de arrendamento por un título de propiedade, que é o que aquí aconteceu cando se frustrou a posibilidade de manter aqueles contratos polas codemandadas (...)».

Con respecto ás citadas alegacións presentadas o 2.8.2023, o 7.9.2023 o 30.11.2023 e o 25.1.2024 pola CMVMC de Tourón, cómpre manifestar o seguinte:

– En relación coa solicitude de que a partir do 29.9.2023 a sociedade mineira abandone os terreos que foron obxecto do contrato vencido, trátase dun tema civil, que deberán dilucidar a empresa mineira e a comunidade de montes acudindo ás instancias civís, se for o caso.

– Con respecto á paralización de todo labor mineiro da sociedade Minera de Rocas, S.L.U. sobre as concesións de explotación Faro núm. 4615.1, Faro núm. 4615.2 e Faro núm. 4615, o 16.1.2024, persoal técnico da Xefatura Territorial visitou as ditas concesións de explotación. Finalizada a actividade de comprobación, o persoal técnico da Xefatura Territorial non ordenou, por escrito, a suspensión inmediata dos traballos ou labores que se estaban a realizar nas citadas concesións de explotacións ao non concorrer grave e inminente risco para a seguridade ou saúde dos traballadores.

– No relativo a que a comunidade de Tourón non se opón a subscribir un novo contrato con Minera de Rocas, S.L.U., constan no expediente escritos da sociedade mineira en que recolle que intentou acadar acordos coa citada comunidade. No último escrito do 15.11.2023, a sociedade expón que, tras as reunións coa comunidade de montes nos últimos tres anos, as condicións impostas son cada vez máis gravosas e lesivas. Ademais, consta no expediente expropiatorio documentación que xustifica o intento de chegar a acordos por parte da empresa coa comunidade de montes.

– Con respecto ás discrepancias económicas entre a CMVMC de Tourón e a sociedade Minera de Rocas, S.L.U., non corresponde a súa resolución a esta fase do procedemento, xa que o órgano competente para determinar o prezo xusto é o Xurado de Expropiación de Galicia, a quen se lle remitirá o expediente logo de redactar as actas previas á ocupación e incorporar as follas de valoración contraditorias que presenten as partes.

– No relativo a que o procedemento é nulo de pleno dereito, xa que non se seguiu o procedemento establecido no número 2 do artigo 6 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e que a superficie do terreo que se pretende expropiar é de 769.469,35 m2, o que constitúe un 30 % da superficie total do monte, polo que o uso que define o interese social do monte e o seu contorno se verán gravemente comprometidos coa actividade mineira, tal e como se recolle na consideración legal e técnica anterior deste acordo, consta no expediente o informe favorable, emitido pola Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, sobre a declaración de prevalencia da utilidade pública sobre o interese social de 769.469,35 m2 do MVMC de Tourón, pertencente á CMVMC de Tourón, para os terreos necesarios para o desenvolvemento dos traballos de explotación nas concesións mineiras Faro núm. 4615.1, Faro núm. 4615.2 e Faro núm. 4615.5.

– En relación coa solicitude de que se debería realizar unha nova avaliación de impacto ambiental das explotacións mineiras a teor da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, esta alegación non se corresponde co obxecto deste procedemento, posto que non se está a resolver a aprobación de ningún proxecto de explotación mineira; non obstante, cómpre indicar que as concesións mineiras Faro núm. 4615.1, Faro núm. 4615.2 e Faro núm. 4615.5 contan coas correspondentes resolucións de outorgamentos, tal e como se recolle nos tres primeiros antecedentes deste acordo.

– Con respecto ao trámite de información pública, o 31.7.2023, a Xefatura Territorial deulle traslado á Comunidade Veciñal do Monte en Man Común de Tourón da RBDA formulada por Minera de Rocas, S.L.U., a fin de que, de conformidade co artigo 18 do Regulamento de expropiación forzosa do 26 de abril de 1957, no prazo de 15 días puidese achegar cantos datos permitiran a rectificación dos posibles erros que se considerasen cometidos na relación que se fixo pública polo Acordo do 20.7.2023. Ademais, o 24.7.2023, desde a Xefatura Territorial remitíronselle ao Concello de Melón o dito acordo e a RBDA para a súa publicación no taboleiro de anuncios do citado concello afectado, que remitiu o 15.11.2023 o certificado de exposición pública e achegou un escrito de alegacións.

– En relación coa titularidade do monte veciñal, aínda que eses montes son de titularidade privada, o artigo 6 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, establece a necesidade dun informe de prevalencia para a súa expropiación; neste caso, o 7.12.2023, a Xefatura Territorial recibiu o informe favorable, emitido pola Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, sobre a declaración de prevalencia da utilidade pública sobre o interese social de 769.469,35 m2 do MVMC de Tourón, pertencente á CMVMC de Tourón, para os terreos necesarios para o desenvolvemento dos traballos de explotación nas concesións mineiras Faro núm. 4615.1, Faro núm. 4615.2 e Faro núm. 4615.5. Por tal motivo a competencia para resolver este procedemento é do Consello da Xunta de Galicia, tal e como se recolle na consideración legal e técnica primeira deste acordo.

– No relativo ao Auto do 16.1.2023 do P.O. 4303/2022, de denegación da medida cautelar solicitada pola mercantil Minera de Rocas, S.L.U. contra a resolución da Confederación Hidrográfica do Miño Sil, cómpre manifestar que o TSXG recolle literalmente o seguinte: «No presente caso non resulta acreditada a concorrencia de prexuízos de imposible ou difícil reparación para a mercantil recorrente derivados da execución da resolución impugnada, xa que o acto impugnado non supón unha alteración do estado de cousas, desde a perspectiva da situación de feito, respecto ás posibilidades reais e inmediatas da recorrente de desenvolver a súa actividade e de continuar o seu proxecto empresarial (...)».

– Con respecto á sentenza non firme do TSXG do 22.11.2023 relativa ao P.O. 7027/2023, concretamente ao alegado pola comunidade de montes de que se transforme un contrato de arrendamento nun título de propiedade, o número 1 do artigo 21 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, recolle que «Naqueles casos en que a Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas, ou norma que a substitúa, declare implícita a utilidade pública no outorgamento do dereito mineiro, a persoa promotora poderá solicitar a declaración da necesidade de ocupación dos bens ou dereitos que sexan indispensables para o inicio do proxecto, sen prexuízo da posibilidade de futuros expedientes expropiatorios para o desenvolvemento da totalidade do proxecto». Polo que Minera de Rocas, S.L.U., unha vez vencido o contrato de arrendamento e ao non acadar acordo coa comunidade de montes, pode solicitar a expropiación de bens e dereitos afectados polas concesións de explotación de sección C) Faro núm. 4615.1, Faro núm. 4615.2 e Faro núm. 4615.5, que levan implícita a utilidade pública, para o desenvolvemento da totalidade do proxecto.

Quinta. O 8.9.2023, a CMVMC de Quins e Melón presentou, en resumo, as seguintes alegacións relativas ao expediente de expropiación dos terreos necesarios para o desenvolvemento dos traballos nas concesións de explotación mineiras Faro núm. 4615.1, Faro núm. 4615.2 e Faro núm. 4615.5:

– Oposición contra a ocupación dos bens xa que na RBDA publicada no anexo do Acordo do 20.7.2023, da Xefatura Territorial, se inclúen parcelas que son da CMVMC de Quins e Melón, polo que a dita comunidade se constitúe como parte no expediente de expropiación e terán que entender con ela as presentes actuacións.

– Con respecto ás citadas alegacións presentadas o 8.9.2023 pola CMVMC de Quins e Melón, cómpre manifestar que, o 7.12.2023, a Xefatura Territorial recibiu o informe favorable, emitido pola Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, sobre a declaración de prevalencia da utilidade pública sobre o interese social de 769.469,35 m2 do MVMC de Tourón, pertencente á CMVMC de Tourón, para os terreos necesarios para o desenvolvemento dos traballos de explotación nas concesións mineiras Faro núm. 4615.1, Faro núm. 4615.2 e Faro núm. 4615.5. De acordo co citado informe, desestímanse as alegacións da CMVMC de Quins e Melón ao non estar incluída na relación concreta e individualizada dos bens ou dereitos afectados.

Sexta. O 15.11.2023, o Concello de Melón remitiu xunto co certificado de exposición pública un escrito, no cal, que en resumo, recolle as seguintes alegacións relativas ao expediente de expropiación dos terreos necesarios para o desenvolvemento dos traballos nas concesións de explotación mineiras Faro núm. 4615.1, Faro núm. 4615.2 e Faro núm. 4615.5:

– O Concello descoñece o contido do citado expediente administrativo de expropiación para poder presentar alegacións.

– O Concello manifesta a inexistencia de utilidade pública ou interese social da canteira de Minera de Rocas, S.L.U.; é prevalente o monte pertencente á CMVMC de Tourón.

– O procedemento expropiatorio é contrario ao ordenamento xurídico, concretamente á Lei de montes e ao seu regulamento, polo que solicita que se anule o dito procedemento.

– Solicitou copia do expediente administrativo de expropiación.

Con respecto ás citadas alegacións presentadas o 15.11.2023 polo Concello, cómpre manifestar o seguinte:

– Tras a revisión da relación concreta e individualizada dos bens ou dereitos afectados (RBDA) achegada por Minera de Rocas, S.L.U., o 23.5.2023, desde a Xefatura Territorial, concretamente, no relativo as dúas parcelas do Concello de Melón, requiríuselle a descrición xurídica e a documentación acreditativa de que Minera de Rocas, S.L.U. intentou chegar a un acordo co citado concello. O 5.6.2023, esta sociedade eliminou da RBDA as citadas parcelas do concello.

– Ademais, o 7.12.2023, a Xefatura Territorial recibiu o informe favorable, emitido pola Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, sobre a declaración de prevalencia da utilidade pública sobre o interese social de 769.469,35 m2 do MVMC de Tourón, pertencente á CMVMC de Tourón, para os terreos necesarios para o desenvolvemento dos traballos de explotación nas concesións mineiras Faro núm. 4615.1, Faro núm. 4615.2 e Faro núm. 4615.5.

De acordo co anterior, desestímanse as alegacións do Concello de Melón ao non estar incluído como titular na relación concreta e individualizada dos bens ou dereitos afectados.

Sétima. Na documentación incorporada ao expediente figuran os informes do Servizo de Enerxía e Minas e da Área Xurídica da Xefatura Territorial (respectivamente, do 8.2.2024 e do 9.2.2024), que son favorables á necesidade de ocupación, así como á prevalencia sobre un aproveitamento forestal, e á remisión do expediente para a adopción do acordo polo Consello da Xunta de Galicia.

De acordo con todo o que antecede, o Consello da Xunta de Galicia adopta o seguinte

ACORDO:

Declarar a necesidade de ocupación, así como a prevalencia sobre un aproveitamento forestal, dos terreos necesarios para o desenvolvemento dos traballos nas concesións de explotación mineiras Faro núm. 4615.1, Faro núm. 4615.2 e Faro núm. 4615.5, no concello de Melón (Ourense), a favor da sociedade Minera de Rocas, S.L.U., con NIF B36123693.

Segundo o artigo 20 da Lei de expropiación forzosa, os bens e dereitos a que afecta a expropiación son os incluídos no anexo do Acordo do 20.7.2023, da Xefatura Territorial de Ourense, polo que se fixo pública a relación concreta e individualizada dos bens ou dereitos formulada por Minera de Rocas, S.L.U. para os terreos necesarios para o desenvolvemento dos traballos nas concesións de explotación mineiras Faro núm. 4615.1, Faro núm. 4615.2 e Faro núm. 4615.5.

Este acordo publicarase e notificarase aos interesados de conformidade co establecido no artigo 21 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954 e no artigo 20 do Regulamento de expropiación forzosa do 26 de abril de 1957.

Contra este acordo, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.