DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 56 Martes, 19 de marzo de 2024 Páx. 19762

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 6 de marzo de 2024, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, pola que se somete a información pública a aprobación inicial do Plan básico municipal do Concello de Alfoz (Lugo).

De conformidade co disposto nos artigos 63 e 64 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e concordantes do Decreto 143/2016, do 23 de setembro, polo que se aproba o Regulamento que desenvolve a dita lei, os plans básicos municipais son os instrumentos de planeamento urbanístico que se redactarán en desenvolvemento do Plan básico autonómico para os concellos de menos de 5.000 habitantes que non conten cun instrumento de planeamento xeral, e cuxa formulación, tramitación e aprobación corresponde á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Atendendo ao dito mandato normativo, a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acordou, mediante Resolución do 5 de marzo de 2024, aprobar inicialmente o Plan básico municipal do Concello de Alfoz, sometelo a información pública e suspender o outorgamento de licenzas por un prazo de dous anos contados desde a aprobación inicial naqueles ámbitos nos que a nova ordenación do Plan básico municipal altera a ordenación vixente, segundo o recollido no resumo executivo que se integra no expediente. En todo caso, a suspensión do outorgamento de licenzas extinguirase coa aprobación definitiva do planeamento.

En cumprimento do disposto nos artigos 64.3 da Lei 2/2016, do 10 febreiro, e 156.3 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, sométese a información pública o Plan básico municipal do Concello de Alfoz, polo prazo de dous meses contado a partir da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia.

Durante o referido prazo, calquera persoa poderá examinar o documento en horario de oficina, nas seguintes dependencias:

– Servizo Provincial de Urbanismo da Xefatura Territorial de Lugo (avenida Ramón Ferreiro, nº 28, 27071 Lugo. Teléfono: 982 29 43 96).

– Concello de Alfoz (A Seara, s/n, 27776 Alfoz (Lugo). Teléfono: 982 55 80 01).

Así mesmo, poderá consultarse o documento no seguinte enderezo electrónico:

https://cmatv.xunta.gal/seccion-tema/c/CMAOT_Territorio_e_urbanismo_Planeamento_urbanistico?content=SX_Ordenacion_Territorio_Urbanismo/Participacion_publica/seccion.html&std=Participacion_publica.html

Durante o referido prazo, calquera persoa poderá achegar alegacións no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia ou en calquera dos rexistros e oficinas sinalados no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2024

Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo