DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 55 Luns, 18 de marzo de 2024 Páx. 19568

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 27 de febreiro de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 27 de febreiro de 2024, relativa á solicitude de deslindamento formulada polos representantes dos montes veciñais en man común O Lombo e Campo da Gonza, no concello de Vilariño de Conso.

Examinada a solicitude de deslindamento formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) O Lombo, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) da parroquia de Tabazoa de Hedroso, e o de Campo da Gonza, pertencente á CMVMC de Hedroso, no concello de Viana do Bolo, resultan os seguintes:

Feitos:

Primeiro. O 6.7.2022 a CMVMC de Tabazoa de Hedroso presentou un escrito (Rexel 2022/1773961) en que solicitan a aprobación dun deslindamento coa CMVMC de Hedroso.

Coa solicitude achegou a seguinte documentación:

– Acta de deslindamento.

– Memoria e planos.

– Acta de conciliación levantada no Xulgado de Paz de Viana do Bolo.

– Certificacións de aprobación das dúas comunidades.

Segundo. O informe do Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense, de data 31 de xaneiro de 2023, fai constar que a documentación achegada corresponde ao deslindamento parcial do perímetro estremeiro entre o MVMC O Lombo, pertencente á CMVMC de Tabazoa de Hedroso, e o MVMC Campo da Gonza, pertencente á CMVMC de Hedroso, desde o vértice 0 (o situado máis ao L) ata o vértice 30 (o situado máis ao O).

Logo de analizar os vértices e a súa localización, obsérvase que, de conformidade co indicado na propia acta e memoria do deslindamento, o vértice 0 ten a consideración de punto auxiliar coa denominación límite entre Tabazoa de Hedroso e Quintela de Hedroso. Porén, conclúese que o vértice 1, Pedra Pequena ou Pedra das Merendas, onde comezaría realmente o linde entre Tabazoa de Hedroso e Hedroso, debe ser considerado tamén un punto auxiliar na medida en que está situado, segundo a liña intermunicipal vixente do IXN, no T.M. da Veiga, concretamente, sobre terreos do MVMC Campo da Gonza dos veciños de Carracedo, Castromao, Corzos e Pradolongo; pois, se ben é certo que o punto Pedra das Merendas vén identificado coma un marco da liña de termo e punto significativo na descrición dos perímetros, non se pode presupoñer que o vértice 1 sexa realmente ese punto pois non consta a conformidade da CMVMC de Carracedo, Castromao, Corzos e Pradolongo.

En consecuencia, considérase o vértice 2 coma o punto inicial do deslindamento, tendo o vértice 1 a condición de punto auxiliar que permite definir a dirección da liña no tramo inicial a partir da liña intermunicipal.

O citado informe considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e proponlle ao Xurado Provincial a súa aprobación, entre os vértices 2 e 30 indicados na acta de conciliación, tendo o punto 1 a consideración de vértice auxiliar que permite definir a dirección da liña no tramo inicial.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A presente resolución dítase o abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segundo. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento para seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común, logo do exame da documentación presentada, dite resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 31 de xaneiro de 2023, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou, por unanimidade, o día 20 de febreiro de 2024:

Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras dos MVMC O Lombo, pertencente á CMVMC de Tabazoa de Hedroso; e do MVMC Campo da Gonza, pertencente á CMVMC de Hedroso, no concello de Viana do Bolo.

Contra esta resolución, que pon fin a vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 27 de febreiro de 2024

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense