DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Venres, 15 de marzo de 2024 Páx. 19335

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 29 de febreiro de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 29 de febreiro de 2024 relativa á solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común Feixos ou Terrois, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Corzos, no concello da Veiga.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) Feixos ou Terrois, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Corzos, no concello da Veiga, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 14.2.2023, a CMVMC de Corzos presentou unha solicitude (Rexel número 2023/511272) de revisión de esbozo do MVMC Feixos ou Terrois, no concello da Veiga.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do Acordo da asemblea xeral do 18 de setembro de 2022.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 8 de maio de 2023 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que o perímetro obxecto de revisión inclúe as partes do perímetro lindeiras con particulares, así como tamén o tramo estremeiro co MVMC Campo da Gonza, pertencente á CMVMC de Carracedo, Castromao, Corzos e Pradolongo, e co MVMC Valdecabrita, pertencente á CMVMC de Baños, Corzos e Valdín.

A superficie do MVMC Feixos ou Terrois, unha vez revisado o esbozo, sería de 233,15 ha fronte ás 236 ha do acordo de clasificación, o que supón unha redución do 1,2 %.

Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable sobre a revisión do esbozo do MVMC Feixos ou Terrois.

Consideración legal e técnica:

Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándoos e completándoos con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular, os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 8 de maio de 2023, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 20 de febreiro de 2024:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC Feixos ou Terrois, pertencente á CMVMC de Corzos, no concello da Veiga.

Ourense, 29 de febreiro de 2024

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense