DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Mércores, 13 de marzo de 2024 Páx. 18748

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 5 de marzo de 2024, do tribunal encargado de cualificar o proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso-oposición, para o ingreso no corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1, escala técnica de mantemento de servizos (Diario Oficial de Galicia número 245, do 27 de decembro de 2022), e modificada pola Resolución do 20 de xaneiro de 2023 (Diario Oficial de Galicia número 15, do 23 de xaneiro) e do 6 de febreiro de 2023 (Diario Oficial de Galicia número 26, do 7 de febreiro), pola que se dá publicidade a diversos acordos.

O tribunal nomeado pola Resolución do 14 de novembro de 2023 (DOG núm. 222, do 22 de novembro) para cualificar este proceso selectivo

ACORDOU:

Primeiro. Ao abeiro do previsto na base II.1.2.7 da convocatoria, anular a pregunta
número 80, o seu lugar pasa a ser ocupado pola pregunta 134. Desestímanse na súa totalidade as restantes alegacións.

Segundo. De conformidade co disposto na base III.1.1. da convocatoria e, de acordo
cos criterios de corrección publicados, superarán o exercicio as persoas aspirantes que teñan as mellores puntuacións ata completar o número máximo de persoas aspirantes determinado polo resultado de multiplicar por catro (4) o número de prazas convocadas, sempre que acaden, en cada unha das partes, o mínimo do 50 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.

Subsidiariamente, de darse o caso de que o número de aspirantes que superasen este exercicio non sexa o previsto no parágrafo anterior, superarán o exercicio as persoas aspirantes que teñan as mellores puntuacións ata completar o número máximo de persoas aspirantes determinado polo resultado de multiplicar por catro (4) o número de prazas convocadas non cubertas conforme o previsto no parágrafo anterior, sempre que acaden, en cada unha das partes, o mínimo do 40 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.

Despois de facer a corrección con este mínimo do 50 %, non pasaría o corte o número de aspirantes sinalado, polo tanto, vólvese facer a corrección cun mínimo do 40 % das respostas correctas e, unha vez feitos os descontos correspondentes, superan o exercicio doce (12) aspirantes que obtiveron unha puntuación mínima de 30 puntos e fíxase en 70,25 o número de respostas correctas necesarias para acadar a dita puntuación, unha vez feitas as deducións previstas na base III.1.1. da convocatoria.

Terceiro. Publicar as puntuacións obtidas polas persoas aspirantes que superaron o
primeiro e único exercicio do proceso selectivo de acceso libre e mediante o sistema de concurso-oposición, para o ingreso no corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1, escala técnica de mantemento de servizos, no portal web corporativo https://www.xunta.gal/funcion-publica, así como a relación das que non acadaron os mínimos establecidos na base III.1.1. da convocatoria.

Cuarto. De acordo co disposto na base III.1.2.8. da convocatoria, os/as aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación ás puntuacións no prazo de dez (10) días hábiles, contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Quinto. De conformidade co disposto na base V.13. da orde de convocatoria, contra
este acordo poderase interpoñer recurso de alzada, ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2024

Ismael Vilacoba Vieito
Presidente do tribunal