DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Mércores, 13 de marzo de 2024 Páx. 18601

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 11 de marzo de 2024 pola que se determinan os servizos mínimos, en materia de asistencia sanitaria, durante a folga convocada no ámbito territorial do concello de Pontevedra para o día 14 de marzo de 2024.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa traballadora o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño, polo que se ditan normas para garantir a prestación dos servizos esenciais no ámbito da Comunidade Autónoma (DOG núm. 116, do 20 de xuño), entre os que se atopa a sanidade.

O desempeño da prestación da asistencia sanitaria non pode verse afectado gravemente polo lexítimo exercicio do dereito de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación con este. Isto implica a necesidade de conxugar o dito exercicio cun axeitado establecemento dos servizos mínimos naquelas áreas e actividades que repercuten na xestión dos servizos sanitarios, para preservar, en último termo, o propio dereito á vida e á integridade física das persoas usuarias dos devanditos servizos.

O artigo 3 do citado decreto faculta os/as conselleiros/as competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, establezan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para a determinación do persoal preciso para a súa prestación.

A Secretaría Xeral do Sindicato Único de Trabajadores Solidaridad Obrera de Pontevedra de CGT comunicou a convocatoria dunha folga de 24 horas de duración, que dará comezo ás 00.00 horas do día 14 de marzo de 2024 e que afectará o persoal que presta servizos, entre outros, nos centros de traballo e dependencias da Administración autonómica, situados no ámbito xeográfico municipal do concello de Pontevedra, entre os que se atopan os centros e establecementos sanitarios dependentes do Servizo Galego de Saúde e das entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade no devandito ámbito territorial, así como os dispositivos sanitarios situados nese concello.

Con base no que antecede e logo da audiencia ao comité de folga,

DISPOÑO:

Artigo 1

A folga convocada entenderase condicionada ao mantemento dos servizos mínimos que se establecen nesta orde, circunscrita ao ámbito da asistencia sanitaria pública.

Os servizos mínimos que se fixan resultan imprescindibles para manter a axeitada cobertura do servizo esencial de asistencia sanitaria, para os efectos de evitar que se produzan graves prexuízos á cidadanía no que atinxe ás persoas doentes e usuarias asistidas nos devanditos servizos. Ao propio tempo, responden á necesidade de compatibilizar o respecto ineludible do exercicio do dereito á folga coa atención á poboación, que baixo ningún concepto pode quedar desasistida, dadas as características do servizo dispensado.

Estas circunstancias, unidas á necesidade de garantir a presenza dun mínimo de persoal que poida atender de forma permanente a actividade imprescindible nese ámbito, así como a atención urxente e permanente que non pode aprazarse sen consecuencias negativas para a saúde, conducen á adopción dos seguintes criterios reitores para determinar os servizos esenciais nas entidades afectadas:

I. O persoal mínimo necesario para a cobertura do 100 % da atención urxente e permanente e as emerxencias xestionadas pola Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 (en diante, FPUSG-061) no marco territorial da folga.

II. No ámbito da transfusión de sangue, os servizos necesarios para o mantemento do abastecemento sanguíneo en todo o territorio.

No eido da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, os servizos mínimos que se fixan resultan imprescindibles para manter a axeitada cobertura da subministración de sangue e hemoderivados a todos os centros sanitarios, tanto públicos como privados, así como para evitar que se produzan prexuízos aos doadores e, consecuentemente, aos posibles receptores. Na mesma medida, deben garantirse a coordinación das doazóns, os transplantes de órganos e os implantes de células e tecidos, velando polo cumprimento dos estándares de calidade vixentes e da lexislación de aplicación.

III. Centros e institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde:

A) Persoal facultativo do ámbito da atención hospitalaria:

1. Cobertura do 100 % da actividade urxente nos seguintes ámbitos:

– Servizos de urxencias e gardas médicas.

– Quirófanos urxentes para a atención das persoas usuarias que requiran intervención cirúrxica inaprazable.

– Salas de partos.

Nas áreas sinaladas é imprescindible a cobertura do 100 % da actividade urxente, dado que non é posible prever as necesidades, por non ser unha actividade programable, e posto que nestes casos é preciso dar unha resposta asistencial inmediata, ten que manterse a cobertura asistencial establecida nos supostos de urxencia.

2. Cobertura do 100 % da actividade nas seguintes áreas:

– Unidades de reanimación.

– Unidades de coidados intensivos, de adultos ou pediátricas e unidades coronarias, de ser o caso.

– Área de diálise.

– Área de tratamentos oncolóxicos (radioterapia, hospital de día).

As unidades de reanimación de coidados intensivos precisan manter a súa cobertura habitual, pois teñen que dar resposta aos quirófanos e ás posibles urxencias que, pola súa gravidade e ante unha posible falta axeitada de resposta, porían en perigo a vida dos/das pacientes.

No caso da diálise e dos tratamentos oncolóxicos, a súa demora ou aprazamento poden carrexar un agravamento importante dos/das doentes. Neste senso, as descompensacións do equilibrio hidroelectrolítico por ausencia de tratamento renal substitutivo e a suspensión do tratamento antineoplásico teñen un papel fundamental no aumento de morbilidade dos/das pacientes.

3. Cobertura da actividade cirúrxica dos/das pacientes, tanto hospitalizados/as como ambulatorios/as, con respecto ás patoloxías que poñan en perigo a súa vida ou agraven o seu estado de saúde, en especial, procesos neoplásicos.

Nestes casos, a morbilidade e o prognóstico dos/das pacientes poderían agravarse de forma significativa no suposto de que se modificase a planificación realizada. A historia natural de moitas enfermidades graves e oncolóxicas pode evitarse dando a resposta máis áxil posible.

4. Na área de hospitalización establecerase o número necesario para garantir a atención urxente dos/das doentes hospitalizados/as e as altas clínicas. Ademais, garantirase a presenza dun/dunha facultativo/a por unidade de hospitalización médica e cirúrxica co obxectivo de garantir a asistencia ás persoas usuarias ingresadas, calquera que sexa a modalidade da prestación, coa seguinte proporción:

– En unidades con catro ou menos profesionais: 1 efectivo.

– En unidades de cinco a oito profesionais: 2 efectivos.

– En unidades de nove a doce profesionais: 3 efectivos.

– En unidades con trece ou máis profesionais: 4 efectivos.

Os/as pacientes ingresados/as precisan do control axeitado que permita asegurar o seguimento da súa evolución e a supervisión do tratamento, evitando estadías innecesarias que poidan modificar ou complicar a dita evolución. A hospitalización é necesaria nos casos en que a situación clínica do/da paciente o determina, e a súa prolongación excesiva pode ter implicacións clínicas prexudiciais.

5. No ámbito de consulta, así como das interconsultas dos/das pacientes hospitalizados/as que o requiran, atenderanse as consideradas como urxentes ou preferentes, segundo o criterio do persoal facultativo. Así mesmo, atenderanse as consultas dos/das pacientes oncolóxicos que requiran tratamento citostático, incluíndo os/as pacientes desprazados.

Dada a importante variedade das patoloxías que se atenden nos centros sanitarios, establécese como criterio de urxencia ou de realización ineludible o do/da facultativo/a responsable da asistencia da persoa enferma. Con isto garántese a necesaria asistencia sanitaria que debe prestarse aos/ás doentes para tentar evitar complicacións e manter o seguimento necesario das súas patoloxías.

6. Garantirase a realización de determinacións e probas complementarias urxentes e as que se refiren aos/ás pacientes hospitalizados/as que, no criterio do persoal facultativo, sexan necesarias e inaprazables, entendéndose incluídas as dos/as doentes con neoplasias malignas.

Tendo en conta a gran variedade das patoloxías que se atenden nos centros sanitarios, establécese como criterio de urxencia ou de determinación ineludible o do persoal facultativo responsable da asistencia do/da enfermo/a. Os atrasos na realización destas probas poden comprometer a situación clínica do/da paciente.

7. Garantirase a dispensación de sangue, medicamentos e produtos sanitarios que, segundo o criterio do persoal facultativo, sexan necesarios.

As demoras na dispensa dos hemoderivados e os medicamentos poden comprometer a situación clínica do/da paciente.

8. Garantirase a atención necesaria a pacientes de hospitalización a domicilio e coidados paliativos.

No caso da hospitalización a domicilio, requírese garantir a prestación asistencial, ao igual que na hospitalización convencional. No que atinxe aos coidados paliativos, dado o limitado prognóstico vital e a complexidade da situación clínica dos/das pacientes, tense que garantir o nivel de coidados necesario.

B) Persoal licenciado sanitario do ámbito da atención primaria (persoal médico, pediatra, farmacéutico e odontólogo):

1. Cobertura do 100 % da actividade urxente.

É imprescindible a cobertura do 100 % da actividade do servizo de urxencias extrahospitalarias (puntos de atención continuada-PAC), tendo en conta que non cabe prever as necesidades por non se tratar dunha actividade programable e ante a que é preciso dar unha resposta asistencial inmediata. Polo tanto, ten que manterse a cobertura asistencial establecida nos supostos de urxencia.

2. No tramo ordinario de atención nos centros de saúde (non PAC) prestarase a asistencia urxente ou inaprazable da unidade, calquera que sexa a modalidade da prestación.

A prestación sanitaria urxente no horario ordinario é desenvolvida polos profesionais dos servizos de atención primaria (persoal médico, pediatra, farmacéutico e odontólogo), polo que cómpre definir uns mínimos para garantir a asistencia urxente e o seguimento e tratamento dos procesos inaprazables, calquera que sexa a modalidade da prestación, garantindo a seguinte dotación mínima:

– En centros con catro ou menos profesionais: 1 efectivo por categoría.

– En centros de cinco a oito profesionais: 2 efectivos por categoría.

– En centros de nove a doce profesionais: 3 efectivos por categoría.

– En centros con trece ou máis profesionais: 4 efectivos por categoría.

C) Persoal sanitario non facultativo da atención hospitalaria:

Respecto a este colectivo, a xustificación dos criterios reitores obedece substancialmente ao xa sinalado para o caso do persoal facultativo, dado que a asistencia debe ser necesariamente realizada en equipo, sen que se poida levar a efecto sen a colaboración do conxunto do persoal implicado.

1. Cobertura do 100 % da actividade urxente nun triplo ámbito:

– Servizos de urxencias.

– Quirófanos urxentes (xerais e de tocoloxía) para a atención das persoas usuarias que requiran intervencións cirúrxicas inaprazables.

– Salas de partos.

2. Na área de hospitalización establecerase o número necesario para garantir os coidados dos/das pacientes hospitalizados/as, en correspondencia cos efectivos dun domingo ou festivo.

3. No eido das consultas estableceranse servizos mínimos nun dobre ámbito:

– Apoio á atención das consultas especializadas consideradas como urxentes ou preferentes.

– Atenderanse as consultas inaprazables dos/das pacientes oncolóxicos que requiran tratamento citostático, incluíndo os/as desprazados/as.

4. No ámbito dos servizos centrais, garantirase a realización das probas complementarias urxentes e as que se refiran aos/ás doentes hospitalizados/as que, segundo o criterio do persoal facultativo, sexan necesarias e inaprazables, en correspondencia cos efectivos dun domingo ou festivo.

5. Garantirase a dispensación de medicamentos, hemoderivados e produtos sanitarios, en correspondencia cos efectivos dun domingo ou festivo.

6. Unidades especiais: o número necesario para garantir o coidado dos/das pacientes, en correspondencia cos efectivos dun domingo ou festivo.

D) Persoal sanitario non facultativo da atención primaria:

Respecto a este colectivo, a xustificación dos criterios reitores obedece substancialmente ao xa sinalado para o caso do persoal facultativo, dado que a asistencia debe ser necesariamente realizada en equipo, sen que poida levarse a efecto sen a colaboración do conxunto dos/das profesionais implicados/as.

1. Cobertura do 100 % da actividade urxente.

É tamén imprescindible cubrir o 100 % da actividade urxente, tendo en conta que non cabe prever as necesidades por non se tratar dunha actividade programable e dado que nestes casos é preciso dar unha resposta asistencial inmediata. Polo tanto, ten que manterse a cobertura asistencial establecida nos supostos de urxencia.

2. Os servizos mínimos que se fixan no tramo ordinario de atención prestarán a asistencia urxente e inaprazable da unidade, calquera que sexa a modalidade da prestación.

A prestación sanitaria urxente no horario ordinario é desenvolvida polos/as profesionais dos servizos de atención primaria, polo que cómpre definir uns mínimos para garantir a asistencia urxente e o seguimento e tratamento dos procesos inaprazables, garantindo a seguinte dotación mínima:

– En centros con catro ou menos profesionais: 1 efectivo.

– En centros de cinco a oito profesionais: 2 efectivos.

– En centros de nove a doce profesionais: 3 efectivos.

– En centros con trece ou máis profesionais: 4 efectivos.

E) Persoal de xestión e servizos de atención hospitalaria:

1. Urxencias: un número de efectivos que garanta a cobertura do 100 % da actividade urxente.

Na liña indicada para outros colectivos, os dispositivos de urxencias constitúen un servizo vital de atención ininterrompida as 24 horas e todos os días do ano, e para a prestación do servizo é imprescindible a existencia de persoal de apoio ao propiamente sanitario.

2. Área de hospitalización: un número de efectivos equivalente ao dos domingos ou festivos.

Nesta área é necesaria unha prestación continuada do persoal non sanitario equivalente aos efectivos que de xeito habitual prestan servizo nos festivos e domingos; considérase que por debaixo desas presenzas non se garante a atención aos/ás doentes ingresados/as.

3. Cita previa: un número de efectivos que garanta a atención ao/á paciente que o requira, cun mínimo dun efectivo por centro e ata un máximo do 50 % dos efectivos da quenda.

A situación é variable debido ás diferentes organizacións e infraestruturas dos centros sanitarios, polo que ante unha situación de folga e coas incidencias que dela poden derivar, é preciso manter os mínimos servizos de atención nesta área ás persoas usuarias.

4. Servizos de admisión e arquivo: un número equivalente ao dos domingos ou festivos.

5. Atención ao/á paciente: un número de efectivos que garanta a atención ao/á doente que o requira, cun mínimo dun efectivo por centro e ata un máximo do 50 % dos efectivos da quenda.

Ao igual que no caso anterior e debido á diferente casuística da organización e infraestrutura dos centros, perante unha situación de folga e as incidencias que desta poidan derivar, cómpre establecer uns mínimos efectivos de atención nesta área, fundamental no apoio ás persoas usuarias e na resolución das problemáticas propias deste ámbito.

6. Servizos de mantemento: un número equivalente ao dos domingos ou festivos ou ata o 50 % dos efectivos da quenda.

Nestas áreas de traballo, das cales depende o funcionamento de todas as instalacións e equipamentos dos centros, é necesaria unha prestación continuada equivalente aos efectivos fixados; considérase que por debaixo desas presenzas non se garante a actividade mínima que asegure o axeitado funcionamento das instalacións e equipamentos.

7. Servizo de lavandaría e lenzaría: un número equivalente ao dos domingos e festivos ou ata o 50 % dos efectivos da quenda.

Neste ámbito é preciso garantir a dispoñibilidade de roupa de doentes e lenzaría para camas e padiolas, así como a dotación de roupa para o persoal que debe traballar en áreas críticas, urxencias e quirófanos, e tamén para resolver as cuestións puntuais que se precisen para unha prestación axeitada dos servizos. Considérase que os mínimos necesarios para a súa atención son os que de xeito habitual prestan servizo nos festivos e domingos, naqueles centros que dispoñen de persoal neses días. De xeito subsidiario, naqueloutros centros en que o traballo está organizado para que o persoal non preste servizos os domingos e días festivos, é preciso manter unha actividade que garanta a non rotura de existencias de roupa nas unidades, sen que sexa posible asumila sen romper a cadea de produción nos restantes días da semana; por iso, nestes casos considérase necesario tomar como referencia o 50 % do persoal da quenda de traballo.

8. Limpeza:

– Áreas de urxencias, laboratorio de urxencias, radiodiagnóstico de urxencias, UCI, área cirúrxica, reanimación poscirúrxica, reanimación cardíaca, oncoloxía radioterápica, hematoloxía, hospital de día e diálise: o persoal preciso para garantir o 100 % das presenzas e prestación de limpeza habituais na actualidade.

– Áreas de radioloxía intervencionista, esterilización e hospitalización: o persoal preciso para garantir o 70 % das presenzas e prestación de limpeza habituais na actualidade.

– Restantes áreas: o persoal preciso para garantir o 50 % das presenzas e prestación de limpeza habituais na actualidade.

Por mor da hixiene necesaria para a prestación dos servizos sanitarios, neste eido sempre resulta preciso garantir con carácter xeral que as instalacións estean en perfectas condicións de limpeza e hixiene, no que atinxe a zonas de hospitalización de doentes, vestiarios de persoal, áreas críticas, servizos de urxencias e quirófanos, así como nas zonas comúns de uso xeral, pois as eventuais diminucións dos parámetros de limpeza nalgunha delas pode incidir directamente tamén nas outras.

9. Hostalaría: un número mínimo igual ao dos domingos ou festivos, ou ben un 60 % dos efectivos da quenda, en función do tamaño das prestacións dependentes de hostalaría en cada centro.

Nesta área de traballo é preciso garantir a dispoñibilidade de alimentos dos/das doentes e do persoal de garda. Considérase que os mínimos necesarios para a súa atención son os efectivos que de xeito habitual prestan servizo nos festivos e domingos, naqueles centros que dispoñen de persoal neses días. Naqueloutros en que o traballo está organizado para que o persoal non preste servizos os días festivos, é preciso manter unha actividade que garanta que non se rompan as existencias de alimentos preparados nas unidades, sen que sexa posible asumila sen romper a cadea de produción nos restantes días da semana. Por iso, nestes casos considérase necesario tomar como referencia o 60 % do persoal da quenda de traballo, imprescindible para garantir un mínimo funcionamento da cadea de elaboración, colocación da comida no prato, distribución e recollida de comidas e utensilios.

10. Condutores/as: o mesmo número de efectivos que os domingos ou festivos, cun mínimo, en todo caso, dun efectivo.

Considérase que esta é a prevención mínima que garante a resposta ás necesidades de utilización de vehículos en cada centro, para atender aquelas cuestións urxentes que poidan xurdir.

11. Servizos administrativos:

– Información: o número de profesionais necesarios para garantir a debida información aos/ás pacientes e usuarios/as.

A situación é variable debido á diferente organización e estrutura física de cada centro, polo que ante unha situación de folga e coas incidencias que dela poden derivar, é preciso manter unha mínima dotación para prestar atención e información ás persoas usuarias.

– Persoal: o número imprescindible para garantir a atención das incidencias e xestións derivadas da folga, cun máximo do 40 % dos efectivos da quenda.

Nunha xornada de folga, os servizos de recursos humanos deben asumir unha serie de tarefas específicas relacionadas con esta e coa propia xestión dos servizos mínimos, incluíndo a recompilación de información, resolución de incidencias, etc., que fan que nesa xornada sexa preciso manter unha dotación mínima que permita realizar todas esas xestións, ademais daqueloutras tarefas que non admitan demora por estaren suxeitas a prazos fixados normativamente.

– Subministracións: o número imprescindible para garantir os pedidos urxentes, cun máximo do 25 % dos efectivos da quenda.

Neste ámbito de traballo cómpre garantir a dispoñibilidade de todo tipo de material, sanitario e non sanitario, para a correcta atención das persoas ingresadas e das atendidas no servizo de urxencias. Para iso é preciso manter efectivos nas unidades administrativas encargadas da tramitación e xestión dos pedidos de material.

– Almacén: un número imprescindible para a xestión do almacén, cun máximo do 25 % dos efectivos da quenda.

Nesta área de actividade, é preciso unha dotación de efectivos nos almacéns encargados da xestión dos pedidos de material que inclúe a súa preparación e envío ás unidades de subministracións.

– Contabilidade: un número imprescindible para as xestións urxentes co máximo do 25 % dos efectivos da quenda.

É necesario garantir a tramitación e xestións de carácter urxente que poidan ser requiridas respecto ás tarefas administrativas de contabilidade.

F) Persoal de xestión e servizos de atención primaria:

1. Urxencias: un número de efectivos que garanta a cobertura do 100 % da actividade urxente.

Os dispositivos de urxencias extrahospitalarias constitúen un servizo vital de atención ininterrompida durante as 24 horas e todos os días do ano; é imprescindible para a prestación do servizo a existencia de persoal de apoio aos/ás profesionais sanitarios/as dos devanditos dispositivos.

2. Centros de atención primaria:

– En centros con catro ou menos profesionais: 1 efectivo.

– En centros con cinco ou máis profesionais: 1 efectivo por centro e, en caso de teren varios andares, un máis por andar.

Un efectivo resulta o mínimo imprescindible para manter o soporte administrativo ás tarefas de xestión, información ás persoas usuarias e apoio aos/ás profesionais sanitarios/as para a realización do seu traballo. No caso dos centros de atención primaria de maior tamaño, distribuídos en varios andares, faise preciso un efectivo por andar co fin de garantir o mínimo imprescindible para manter o soporte administrativo ás devanditas tarefas.

G) Persoal das tecnoloxías da información e das comunicacións (TIC): na quenda da mañá, 2 efectivos de presenza física; nas quendas da tarde e a noite, 2 efectivos localizados.

Estes efectivos resultan imprescindibles para atender as incidencias urxentes ou de carácter inaprazable nas áreas de actividade da súa competencia.

H) Outras áreas de traballo ou servizos: un número equivalente ao dos domingos ou festivos.

Nas restantes áreas de actividade en que sexa necesaria unha prestación continuada dos servizos para o seu correcto funcionamento, e que nese sentido xa dispoñen de persoal os domingos e festivos, os mínimos necesarios son os que traballan de xeito habitual neses días; considérase que por debaixo das citadas presenzas non se garante a prestación do servizo esencial que asegure o axeitado funcionamento das institucións sanitarias.

I) Persoal de empresas privadas que realizan labores de servizos contratados co Servizo Galego de Saúde: aplicaranse os criterios establecidos nos puntos anteriores para a correspondente área de actividade. No caso de que algunha empresa actúe nunha área de traballo que non se corresponda coas dos criterios precedentes, establecerase un número de efectivos equivalente ao dos domingos ou festivos.

IV. Transporte sanitario:

No ámbito do transporte sanitario, a folga abrangue as seguintes actividades no eido da FPUSG-061:

1) Transporte sanitario urxente, organizado e xestionado pola FPUSG-061 a través da Rede de transporte sanitario urxente de Galicia (RTSUG, no sucesivo).

2) Transporte sanitario non urxente, tanto ambulatorio como hospitalario, e o hospitalario urxente organizado e xestionado polo Servizo Galego de Saúde. As modalidades de transporte sanitario que inclúe esta prestación son:

a) Transporte programado: traslados de enfermos/as ambulatorios/as aos centros sanitarios.

b) Transporte hospitalario: inclúense os ingresos hospitalarios, as altas hospitalarias, traslados interhospitalarios de consultas, probas e/ou tratamentos, traslados interhospitalarios para ingresos hospitalarios e transporte interhospitalario urxente.

c) Traslados entre comunidades autónomas.

3) Transporte sanitario prestado polas empresas, que afecte enfermos/as ou accidentados/as na comunidade autónoma, non incluído nos puntos anteriores.

A RTSUG está organizada con base nunha superficie, nunha poboación e nun complexo mapa de isócronas, onde cada recurso garante o servizo a unha poboación nunha área determinada, cun persoal especificamente formado para este tipo de asistencia, e sobre a base de que poden ter lugar accidentes e darse situacións de urxencia de difícil resolución se non están dispoñibles todos os recursos de transporte urxente, dado que non se pode prever a demanda. O número de recursos está axustado a esa finalidade. En consecuencia, para garantir a protección á saúde da poboación e dar resposta ao 100 % dos servizos solicitados pola FPUSG-061, neste ámbito imponse unha cobertura do 100 % das unidades.

O resto dos traslados que se consideran esenciais, en que é necesario establecer o 100 % dos servizos solicitados, xustifícase no suposto do transporte inter e intrahospitalario, cando as persoas enfermas se atopen nunha situación de urxencia que implique risco vital ou dano irreparable para a saúde, así como o traslado ao centro hospitalario das patoloxías tempo-dependentes que, de non seren tratadas nun curto prazo de tempo, poden implicar un risco para a vida do/da paciente ou o seu estado funcional posterior, tal como se reflicte en programas como o Código Ictus, Código Sepse, Progaliam ou calquera outro programa relativo a patoloxías tempo-dependentes, ademais dos casos de atención a pacientes críticos/as (como politraumatizados ou neurocirúrxicos).

Resulta necesario o 100 % dos servizos solicitados nos supostos en que a morbilidade e o prognóstico de determinados pacientes poden agravarse de forma significativa se se modificar a planificación asistencial. A historia natural de moitas enfermidades graves, como a insuficiencia renal crónica ou os procesos oncolóxicos, pode evitarse dando a resposta máis áxil posible. Dada a gran variedade das patoloxías que se atenden nos centros sanitarios, establécese como criterio de urxencia ou de realización ineludible o criterio do/da facultativo/a responsable da asistencia da persoa enferma. Con isto garántese a necesaria asistencia sanitaria inaprazable nos casos de urxencia e que debe prestarse ás persoas doentes para tentar evitar complicacións e manter o seguimento necesario das súas patoloxías, tanto no transporte interhospitalario urxente como nas consultas externas urxentes e probas diagnósticas do mesmo carácter.

Os criterios reitores para a determinación do persoal necesario para o mantemento dos servizos esenciais na folga referida, en consonancia coa anterior fundamentación, son os seguintes:

– Unha cobertura do 100 % das unidades respecto da atención urxente prestada a través da FPUSG-061 e do transporte interhospitalario urxente.

– O 100 % dos servizos de transporte para persoas enfermas que requiran tratamentos continuados de oncoloxía, o que inclúe a aplicación de radioterapia e diálise, así como o transporte inter e intrahospitalario urxente, as consultas externas urxentes e as probas diagnósticas urxentes.

Inclúese nesta epígrafe, polo seu carácter clínico inaprazable, o traslado dos/das pacientes ingresados/as por algún dos procesos cualificados como de prioridade 1 nos protocolos asistenciais, consonte o Decreto 105/2017, do 28 de setembro, polo que se regula o sistema de garantía de tempos máximos de acceso ás prestacións sanitarias públicas (DOG núm. 214, do 10 de novembro) –en particular, procesos oncolóxicos, patoloxías severas de válvulas cardíacas, aneurismas cerebrais, obstrucións ou estenoses arteriais graves, desprendementos de retina e hidrocefalias–, incluíndo os traslados interhospitalarios para probas diagnósticas, consultas ou cirurxías.

Considéranse igualmente inaprazables, segundo a priorización establecida nos protocolos da xerencia:

– O traslado das altas hospitalarias das persoas ingresadas e afectadas por enfermidades que cursen con inmunosupresión, para as cales o risco de permaneceren ingresadas nun centro hospitalario é elevado e, pola contra, é prioritario o traslado ao seu domicilio, debido ao estado de inmunodeficiencia que presentan.

– Os traslados de altas hospitalarias que permitan garantir a asistencia hospitalaria nos servizos de urxencias, xa que sen estas non é posible a drenaxe cara á planta desde os servizos, o que impediría a asistencia a novos/as pacientes con patoloxías potencialmente con risco vital ou tempo-dependentes.

Os vehículos que resulten precisos para o mantemento dos servizos mínimos, consonte os anteriores criterios reitores, contarán coa dotación mínima de persoal establecida na normativa vixente.

Artigo 2

As empresas privadas que prestan servizos no eido da sanidade e, en particular, as que poidan ter concertada a prestación pública sanitaria do Servizo Galego de Saúde no ámbito territorial do concello de Pontevedra deberán fixar o persoal preciso para garantir a prestación de recoñecida e inaprazable necesidade de acordo cos criterios establecidos nos puntos precedentes.

Artigo 3

A determinación do persoal necesario con base nos criterios anteriores faraa a dirección da correspondente institución e deberá estar adecuadamente motivada.

A xustificación debe constar no expediente de determinación de servizos mínimos e exteriorizarse axeitadamente para o xeral coñecemento do persoal destinatario. Deberá quedar constancia no expediente dos factores ou criterios cuxa ponderación conduce a determinar as presenzas mínimas.

O persoal necesario para a cobertura dos servizos mínimos deberá ser publicado nos taboleiros de anuncios do centro ou entidade con antelación ao comezo da folga.

A designación nominal dos efectivos que deben cubrir os servizos mínimos –que deberá recaer no persoal de xeito rotatorio– será determinada pola respectiva institución e notificada aos/ás profesionais designados/as.

O persoal designado como servizo mínimo que desexe exercer o seu dereito de folga poderá instar a substitución da súa designación por outro/a traballador/a que voluntariamente acepte o cambio de xeito expreso.

No anexo desta orde recóllese o número de presenzas mínimas acordado para cubrir a xornada de folga no ámbito do Sistema público de saúde de Galicia no concello de Pontevedra.

Artigo 4

Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo, sobre relacións de traballo (BOE núm. 58, do 9 de marzo).

Artigo 5

O disposto nos artigos precedentes non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 6

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías das persoas usuarias dos establecementos sanitarios. Os altercados ou incidentes que se produzan serán obxecto de sanción con base nas normas vixentes.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2024

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO

– Servizos de Atención Hospitalaria:

Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra:

Servizos mínimos

Mañá

Tarde

Noite

Persoal facultativo

Urxencias

8

8

6

Área cirúrxica

56

18

17

Área clínica/Hospitalización

46

12

12

Servizos centrais

22

4

4

Persoal enfermeiro

Urxencias

9

9

8

Área cirúrxica

19

9

6

Área clínica/Hospitalización

49

46

44

Servizos centrais

42

20

8

Matrón/a

2

2

2

Persoal sanitario FP

Técnico/a coidados auxiliares enfermaría

99

67

51

Técnico/a especialista

17

9

7

Persoal celador

43

39

20

Persoal informático

2

2

2

Persoal administrativo

66

6

3

Mantemento

6

3

2

Telefonista

2

2

1

Hostalaría

Cociñeiro/a

2

2

-

Pinche

14

14

-

Persoal condutor

1

-

-

Lavandeiro/a

8

-

-

Mantemento Hospital Provincial (empresa contratada)

1

1

1

Limpeza (contratada)

27

22

2

Cafetaría Hospital Montecelo (contratada)

5

3

-

Seguridade (contratada)

2

2

2

Cociña Hospital Provincial (contratada)

12

12

-

Loxística (contratada)

1

1

-

Cafetería Hospital Provincial (contratada)

5

4

-

Repartición de material (plataforma loxística) (contratada)

3

-

-

– Servizos sanitarios de Atención Primaria:

Servizos mínimos

Mañá

Tarde

Noite

Persoal médico de familia, pediatra, odontólogo e farmacéutico

15

10

2

Persoal de enfermaría

16

9

1

Persoal non sanitario

8

6

1

Limpeza (contratada)

3

5

-

– Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS):

Servizos mínimos

Mañá

Tarde

Persoal facultativo

Médico/a hemodoazón

1

2

Persoal sanitario non facultativo

Hemodoazón

2

3

Persoal non sanitario

Hemodoazón

1

1

– Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia - 061:

Base medicalizada de Pontevedra:

Servizos mínimos

Mañá

Tarde

Noite

Persoal facultativo

Médico/a asistencial de base simple - 061

1

1

1

Persoal sanitario non facultativo

Enfermeiro/a de base simple - 061

2

2

1