DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Mércores, 13 de marzo de 2024 Páx. 18595

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 7 de marzo de 2024 pola que se determinan os servizos mínimos durante a folga que afectará o persoal incluído no ámbito de aplicación do convenio colectivo para os establecementos sanitarios de hospitalización, asistencia, consulta e laboratorios de análises clínicas da provincia da Coruña.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa traballadora o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e nas competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño, polo que se ditan normas para garantir a prestación dos servizos esenciais no ámbito da Comunidade Autónoma (DOG núm. 116, do 20 de xuño), entre os que se atopa a sanidade.

O exercicio público da prestación de asistencia sanitaria non pode verse afectado gravemente polo lexítimo exercicio do dereito de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación con este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os/as conselleiros/as competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, establezan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para a determinación do persoal preciso para a súa prestación.

As organizacións sindicais CIG, UGT e CC.OO. comunicaron a convocatoria dunha folga que afectará o persoal incluído no ámbito de aplicación do Convenio colectivo provincial para os establecementos sanitarios de hospitalización, asistencia, consulta e laboratorios de análises clínicas da provincia da Coruña, que se desenvolverá os días 14 e 15 de marzo; 15, 16 e 17 de abril; 13, 14, 15 e 16 de maio; 10, 11, 12, 13 e 14 de xuño de 2024, desde as 00.00 ás 24.00 horas (para o persoal que traballe en quendas comezará o día anterior ás 22.00 e 23.00 horas e rematará ás 22.00 e 23.00 horas, respectivamente, das datas sinaladas).

Con base no que antecede e logo de audiencia ao Comité de Folga,

DISPOÑO:

Artigo 1

A folga convocada entenderase condicionada ao mantemento dos servizos mínimos que se establecen nesta orde.

Os servizos mínimos que se fixan resultan imprescindibles para manter a cobertura adecuada do servizo esencial de asistencia sanitaria, para os efectos de evitar que se produzan graves prexuízos á cidadanía no que atinxe ás persoas doentes e usuarias asistidas nos devanditos servizos. Ao propio tempo, responden á necesidade de compatibilizar o respecto ineludible do exercicio do dereito á folga coa atención á poboación, que baixo ningún concepto pode quedar desasistida, dadas as características do servizo dispensado.

Estas circunstancias, unidas á necesidade de garantir a presenza dun mínimo de persoal que poida atender de forma permanente a actividade imprescindible nese ámbito, así como a atención urxente e permanente que non pode aprazarse sen consecuencias negativas para a saúde, conducen á adopción dos seguintes criterios reitores para a determinación dos servizos esenciais nas entidades afectadas:

A) Persoal facultativo:

1. Cobertura do 100 % da actividade urxente nos seguintes ámbitos:

• Servizos de urxencias e gardas médicas.

• Quirófanos urxentes para a atención dos/das usuarios/as que requiran intervención cirúrxica inaprazable.

• Salas de partos.

2. Cobertura do 100 % da actividade nas seguintes áreas:

• Unidades de reanimación.

• Unidades de coidados intensivos, de adultos ou pediátricas e unidades coronarias.

• Área de diálise.

• Área de tratamentos oncolóxicos (radioterapia, hospital de día).

3. Cobertura da actividade cirúrxica nos/nas pacientes, tanto hospitalizados como ambulatorios, con respecto ás patoloxías que poñan en perigo a súa vida ou agraven o seu estado de saúde; en especial, procesos neoplásicos.

4. Na área de hospitalización establecerase o número necesario para garantir as visitas médicas, a atención indefectible dos/das pacientes hospitalizados e as altas clínicas.

5. No ámbito de consulta, así como as interconsultas dos/das pacientes hospitalizados que o requiran, atenderanse as consideradas como urxentes ou preferentes, no criterio do persoal facultativo. Así mesmo, atenderanse as consultas dos/das pacientes oncolóxicos que requiran tratamento citostático e os/as pacientes desprazados polo mesmo motivo.

6. Garantirase a realización de determinacións e probas complementarias urxentes, e as que se refiren aos/ás pacientes hospitalizados que, no criterio do persoal facultativo, sexan necesarias e inaprazables, entendendo incluídas as dos/das doentes con neoplasias malignas.

7. Garantirase a dispensación de sangue, de medicamentos e de produtos sanitarios que, segundo o criterio do persoal facultativo, sexan necesarios.

8. Garantirase a atención a pacientes subsidiarios de hospitalización a domicilio e coidados paliativos.

B) Persoal sanitario non facultativo:

1. Cobertura do 100 % da actividade urxente nos seguintes ámbitos:

• Servizos de urxencias.

• Quirófanos urxentes (xerais e de tocoloxía) para a atención das persoas usuarias que requiran intervencións cirúrxicas inaprazables no ingreso.

• Atención ás salas de partos.

2. Na área de hospitalización establecerase o número necesario para garantir os coidados dos/das pacientes hospitalizados/as, en correspondencia cos efectivos dun domingo ou festivo.

3. No ámbito de consultas estableceranse os mínimos nun dobre ámbito:

• Apoio á atención das consultas especializadas consideradas como urxentes ou preferentes.

• Atenderanse as consultas inaprazables dos/das pacientes oncolóxicos que requiran tratamento citostático e os/as pacientes desprazados.

4. No ámbito dos servizos centrais, garantirase a realización das probas complementarias urxentes e as que se refiran aos/ás pacientes hospitalizados/as que, no criterio do persoal facultativo, sexan necesarias e inaprazables, en correspondencia cos efectivos dun domingo ou festivo.

5. Garantirase a dispensación de medicamentos, hemoderivados e produtos sanitarios, en correspondencia cos efectivos dun domingo ou festivo.

6. Unidades especiais: o número necesario para garantir o coidado dos/das pacientes, en correspondencia cos efectivos dun domingo ou festivo.

C) Persoal non sanitario:

1. Urxencias: o 100 % do persoal.

2. Área de hospitalización: un número de efectivos equivalente ao dos domingos ou festivos.

3. Cita previa: un número de efectivos que garantan a atención ao/á paciente que o requira, cun mínimo dun efectivo por centro e ata un máximo do 50 % dos efectivos da quenda.

4. Servizos de admisión e arquivo: un número equivalente ao dos domingos ou festivos.

5. Atención ao/á doente: un número de efectivos que garantan a atención ao/á doente que o requira, cun mínimo dun por centro e ata un máximo do 50 % dos efectivos da quenda.

6. Servizos de mantemento: un número equivalente aos domingos ou festivos.

7. Servizo de lavandaría e lencería: un número equivalente ao dos domingos e festivos ou ata o 50 % dos efectivos da quenda.

8. Limpeza: ata o 50 % dos efectivos da quenda.

9. Hostalaría: un número mínimo igual ao dos domingos ou festivos, ou ben un 60 % dos efectivos da quenda, en función do tamaño das prestacións dependentes de hostalaría en cada centro.

Coa finalidade de garantir o mantemento adecuado do servizo, servirase, con carácter xeral, un único menú aos/ás pacientes que non requiran dieta médica especial.

10. Condutores: o mesmo número de efectivos que o dos domingos ou festivos, cun mínimo, en todo caso, dun efectivo.

11. Outras áreas de traballo ou servizos: establecerase, con carácter xeral, un número de efectivos equivalente ao dos domingos ou festivos.

Artigo 2

Con base nos criterios recollidos no artigo anterior, cada institución afectada determinará, de forma motivada, o persoal que debe cubrir os servizos mínimos e establecerá a súa xornada e o horario de traballo.

A xustificación debe constar no expediente de determinación de servizos mínimos e exteriorizarse adecuadamente para o xeral coñecemento do persoal destinatario. Deberá quedar constancia no expediente dos factores ou criterios cuxa ponderación conduce a determinar as presenzas mínimas.

O persoal necesario para a cobertura dos servizos mínimos deberá ser publicado nos taboleiros de anuncios do centro ou da entidade con antelación ao comezo da folga.

A designación nominal dos efectivos que deben cubrir os servizos mínimos -que deberá recaer no persoal de xeito rotatorio- será determinada pola respectiva institución e notificada aos/ás profesionais designados/as.

O persoal designado como servizo mínimo que desexe exercer o seu dereito de folga poderá instar a substitución da súa designación por outro/a traballador/a que voluntariamente acepte o cambio de xeito expreso.

Artigo 3

Os paros e as alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo, sobre relacións de traballo (BOE núm. 58, do 9 de marzo).

Artigo 4

O disposto nos artigos precedentes non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e os efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías das persoas usuarias dos establecementos sanitarios. Os altercados ou incidentes que se produzan serán obxecto de sanción con base nas normas vixentes.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2024

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade