DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Martes, 12 de marzo de 2024 Páx. 18482

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 28 de febreiro de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 28 de febreiro de 2024, relativa á solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común Lamas e Prado, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Requeixo, no concello da Veiga.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) Lamas e Prado, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Requeixo, no concello da Veiga, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 15.2.2023, a CMVMC de Requeixo presentou unha solicitude (Rexel núm. 2023/538422) de revisión parcial de esbozo do MVMC Lamas e Prado, no concello da Veiga.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do acordo da Asemblea Xeral do 20.9.2022.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable, o día 2 de maio de 2023, en relación coa citada solicitude. Nel indícase que o perímetro obxecto de revisión inclúe o perímetro estremeiro con particulares. Non se modifican os límites con montes veciñais estremeiros.

A superficie do MVMC Lamas e Prado, unha vez revisado o esbozo, resulta de 95,22 ha (incluíndo os 2 rodais non revisados do punto 3) fronte ás 89 ha clasificadas, o que supón un aumento dun 7 %.0

Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable sobre a revisión do esbozo do MVMC Lamas e Prado.

Consideracións legais e técnicas:

Único. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 2 de maio de 2023, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade, o día 20 de febreiro de 2024:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC Lamas e Prado, pertencente á CMVMC de Requeixo, no concello da Veiga.

Ourense, 28 de febreiro de 2024

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Ourense