DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Luns, 11 de marzo de 2024 Páx. 18234

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 27 de febreiro de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 27 de febreiro de 2024, relativa á solicitude de deslindamento formulada polos representantes dos montes veciñais en man común Aceveda ou Coto Castiñeira e de Chaguazoso, no concello de Vilariño de Conso.

Examinada a solicitude de deslindamento formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) Aceveda ou Coto Castiñeira, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) da parroquia de Castiñeira, e Chaguazoso, pertencente á CMVMC de Chaguazoso, no concello de Vilariño de Conso, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 8 de xullo de 2022, a CMVMC de Castiñeira presentou un escrito (Rexel 2022/1794982) en que solicita a aprobación de deslindamentos entre o MVMC Aceveda ou Coto de Castiñeira e o MVMC de Chaguazoso.

Coa solicitude achegou a seguinte documentación:

– Acta de deslindamento do 19.1.2022.

– Memoria e planos.

– Acta de conciliación redactada no Xulgado de Paz de Vilariño de Conso.

– Certificacións de aprobación das dúas comunidades.

Segundo. O informe do Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense, do 14 de xullo de 2022, fai constar que a documentación achegada corresponde ao deslindamento parcial do perímetro estremeiro entre o MVMC Aceveda ou Coto Castiñeira, pertencente á CMVMC de Castiñeira, e o MVMC Chaguazoso, pertencente á CMVMC de Chaguazoso, desde o vértice 1 (o situado máis ao E) ata o vértice (auxiliar) 7 (o situado máis ao O).

Logo de analizar os vértices e a súa localización, conclúese que os puntos que se pretende aprobar son os comprendidos entre o 1 e o 6, xa que o 7 se sitúa presumiblemente en terreos do MVMC Veiga de Conselo, de aí que o dito punto veña definido na memoria como punto auxiliar, é dicir, que teoricamente se terá en conta para definir a dirección da liña de deslindamento a partir do vértice 6. Porén, na práctica non sería necesario telo en conta xa que dende o vértice 4, tal como se describe na correspondente acta, o límite entre os dous montes ata a presa do Cenza o constitúe o propio río Cenza, pasando polo punto nº 5 (…) o punto nº 6 (…). A este respecto, tamén cómpre aclarar que o trazado do río non procede de ningunha base cartográfica oficial, senón da dixitalización sobre ortoimaxe.

O citado informe considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A presente resolución dítase o abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segunda. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que se debe seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 14 de xullo de 2022, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade, o día 20 de febreiro de 2024:

Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras dos MVMC Aceveda ou Coto Castiñeira, pertencente á CMVMC de Castiñeira; e do MVMC de Chaguazoso, pertencente á CMVMC de Chaguazoso, no concello de Vilariño de Conso.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso- administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 27 de febreiro de 2024

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense