DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Martes, 5 de marzo de 2024 Páx. 16945

II. Autoridades e persoal

a) Cesamentos

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 21 de febreiro de 2024 de cesamento dun membro do Comité Territorial de Ética da Investigación da Coruña-Ferrol.

A presidenta do Comité Territorial de Ética da Investigación da Coruña-Ferrol comunicou o día 1.2.2024 a súa propia renuncia como membro do referido comité.

Antecedentes:

1. No Decreto 63/2013, do 11 de abril, regúlanse os comités de ética da investigación en Galicia como órganos colexiados encargados da valoración ética, metodolóxica e legal dos estudos de investigación con seres humanos, o seu material biolóxico ou os seus datos de carácter persoal.

Co referido decreto creouse unha rede de comités de ética da investigación con diferentes funcións na avaliación dos estudos de investigación en referencia ao seu ámbito territorial, un deles é o da Coruña-Ferrol.

2. Mediante a Resolución do 11 de abril de 2022, que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 22 de abril, concedeuse a renovación da acreditación do Comité Territorial de Ética da Investigación da Coruña-Ferrol e nomeáronse como membros as persoas que se relacionaban no anexo, entre as cales figuraba María del Carmen Mella Pérez, facultativa especialista en medicina interna da área sanitaria de Ferrol, quen exerce ademais a presidencia do comité, e que presenta a súa renuncia por motivos persoais.

Consideracións legais e técnicas:

1. O Decreto 63/2013, do 11 de abril, regula os comités de ética de investigación clínica de Galicia. No relativo á súa composición, o artigo 9.5 sinala que as persoas membros destes comités serán designados/as e nomeados/as pola persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, por proposta da Secretaría Xeral Técnica, garantindo en todo caso a representación equilibrada entre homes e mulleres. O/a presidente/a, vicepresidente/a, secretario/a e vicesecretario/a serán elixidos/as polo propio comité de entre os seus membros.

2. O punto 6 do artigo 9 dispón que o nomeamento se efectuará por un período coincidente co de vixencia da acreditación do comité, aínda que poderá ser revogado ben por solicitude de baixa da persoa interesada, ben por se teren modificado as circunstancias que motivaron a súa designación de modo que supoña a perda dos requisitos para integrar o comité, ou ben por incumprimento notorio das súas funcións, ao criterio do comité, e logo de audiencia do/da interesado/a.

3. Sobre a composición numérica, en concreto, o punto 1 do mesmo artigo sinala que estará formado por un mínimo de nove e un máximo de quince membros, de maneira que se asegure a independencia, competencia e experiencia na toma de decisións e no cumprimento das súas funcións.

Na actualidade, o Comité Territorial de Ética da Investigación da Coruña-Ferrol conta con catorce membros e, coa proposta de renuncia, a composición axústase igualmente ao tope numérico indicado no parágrafo anterior.

Logo de ver o que se expuxo, e de acordo coa proposta do 14.2.2024 que efectuou a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade,

RESOLVO:

O cesamento de María del Carmen Mella Pérez como membro do Comité Territorial de Ética da Investigación da Coruña-Ferrol.

Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2024

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade