DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Luns, 4 de marzo de 2024 Páx. 16819

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 2 de febreiro de 2024, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, dunha instalación de distribución eléctrica no concello da Laracha (expediente IN407A 2023/131-1).

Expediente: IN407A 2023/131-1.

Promotora: Hidroeléctrica de Laracha, S.L.

Proxecto: LMTS, CT Proame e reforma da RBT.

Concello: A Laracha.

Feitos:

1. O día 13.3.2023, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da dita instalación de distribución eléctrica. O obxecto do proxecto é mellorar a fiabilidade e a manobrabilidade das redes de distribución de media tensión e baixa tensión e reducir os tempos e o número de interrupcións imprevistas nos lugares de Proame, Oldán, Quenxe e A Braña Grande (A Laracha). Por mor do final da vida útil do actual centro de transformación CT Proame (expediente 51.761), de 160 kVA de potencia, e das liñas de baixa tensión que están conectadas a el, proxéctanse as seguintes intervencións: substituír o dito centro de transformación por outro de tipo compacto prefabricado; substituír un tramo aéreo de liña de distribución de media tensión por outro soterrado; conectar o novo centro de transformación coa rede de baixa tensión existente mediante novas liñas soterradas e reformar varios tramos aéreos da rede de baixa tensión existente na zona.

Ao abeiro dos artigos 123 e 143 do Real decreto 1955/2000, achegan o proxecto de execución denominado LMTS, CT Proame e reforma da RBT, asinado o día 1.3.2023 (núm. de visado 620/23-CO, do 13.2.2023) por Juan Jesús Arijón Lafuente, enxeñeiro técnico industrial eléctrico con número de colexiado 2608 da Coruña; e a relación de bens e dereitos afectados de necesaria ocupación para a construcción da liña.

2. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante un acordo publicado nos seguintes medios:

– Portal da transparencia e goberno aberto da Consellería de Economía, Industria e Innovación.

– DOG: 27.6.2023.

– BOP: 8.6.2023.

– Xornal La Voz de Galicia: 10.6.2023.

– Taboleiro de anuncios do concello: segundo o certificado municipal do 13.9.2023.

3. Durante o período en que o proxecto se someteu ao trámite de información pública, Jesús Manuel Abelenda Bello achegou unha alegación, que se lle trasladou á empresa promotora, que respondeu na defensa dos seus intereses.

4. Consonte o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, solicitouse o informe preceptivo ás distintas entidades afectadas: Concello da Laracha e Servizo Provincial da Axencia Galega de Infraestruturas. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos informes presentados no prazo outorgado para ese efecto.

5. O día 16.1.2024 emitiuse o informe técnico.

Consideracións legais e técnicas:

1. O xefe territorial é competente para resolver este expediente segundo o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; o artigo 41 do Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), modificado polo Decreto 49/2023, do 19 de maio (DOG núm. 98, do 25 de maio), consonte a disposición transitoria primeira do Decreto do 22 de xuño polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia (DOG núm. 119, do 23 de xuño).

2. Lexislación de aplicación:

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 (BOE núm. 68, do 19 de marzo).

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23 (BOE núm. 139, do 9 de xuño).

– Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión (BOE núm. 224, do 18 de setembro).

– Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas (BOE núm. 246, do 14 de outubro).

– Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa (BOE núm. 351, do 17 de decembro).

– Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o regulamento da Lei de expropiación forzosa (BOE núm. 160, do 20 de xuño).

3. Características técnicas:

As instalacións de alta tensión obxecto deste expediente están situadas nos lugares da Estrada e da Braña Grande, parroquia de San Román de Cabovilaño, no concello da Laracha, e as súas características técnicas son as seguintes:

– Desmontaxe do tramo LMTA a 15 kV, de 295 m, condutor tipo LA-56 Al, con orixe no apoio nº 7 proxectado tipo C-14/2000 con PA/S que se intercarlará na LMT Entrerríos-A Laracha (expediente 51.761) e remate no CT Proame existente, que se vai retirar. Retirada dos apoios existentes nº 7, 8 e 9.

– LMTS a 15 kV, de 624 m, condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 1×150 mm2 Al, con orixe no PA/S proxectado no apoio nº 7 proxectado e remate nos empalmes que se realizarán na LMT Entrerríos-A Laracha (IN407A 2019/219-1) alí onde está o apoio nº 8 (ref. do proxecto) e retirar, logo de facer E/S no CTC proxectado. A liña proxectada discorrerá soterrada en gabia de dimensións 0,50 metros de largo e de entre 1,20 e 1,40 metros de profundidade, canalizada no interior de tubo de polipropileno de 160 mm de diámetro; instalarase outro tubo de similares características do anterior a modo de reserva e un tubo de polipropileno de 125 mm de diámetro para comunicacións. A lonxitude total da canalización proxectada é de 404 metros.

– Novo CT Proame compacto prefabricado, cunha potencia de 160 kVA, unha relación de transformación de 20.000/400-230 V e configuración 2L+1P. Desmantelamento do CT Proame (expediente 51.761) existente en envolvente de obra civil.

4. Á vista da alegación presentada por Jesús Manuel Abelenda Bello, da resposta da empresa distribuidora e do resto de documentación que obra no expediente, conclúese que:

– A solución incluída no proxecto cumpre cos requisitos establecidos no punto 1.5.1 da Instrución técnica complementaria do Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión, ITC-LAT 07.

– Non é posible a reforma do CT existente por canto o novo CT proxectado ocupará unha superficie maior que o existente, o que implicaría non cumprir coas distancias de recuamento preceptivas a lindeiros e á estrada.

– O recuamento do CT proxectado en relación coa situación orixinal é o mínimo exixido respecto da estrada.

– O CT proxectado non ocupará o centro da parcela afectada, senón que se situará no seu vértice gardando as distancias mínimas á estrada e á parcela estremeira.

– A ocupación prevista é dun 3 % da superficie total da parcela, sen se alteraren as súas condicións fundamentais, en concreto o seu uso agrícola vencellado á PAC. Calquera prexuízo que se poida acreditar no uso da parcela deberá facerse constar no procedemento expropiatorio de cara á determinación do prezo xusto correspondente. Non obstante o anterior, se o afectado considera que como consecuencia da expropiación resulta antieconómica a conservación da parte do predio non expropiado, durante ese procedemento poderá solicitar da Administración que a dita expropiación comprenda a totalidade do predio, de acordo co establecido no artigo 23 da dita Lei do 16 de decembro de 1954.

– Non queda acreditada ningunha das causas de limitación de servidume de paso establecidas no artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Do anterior conclúese que non procede atender a solicitude realizada.

5. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.

Consonte todo o sinalado,

RESOLVO:

A) Conceder a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da dita instalación de distribución eléctrica.

B) A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos afectados e implicará a urxente ocupación, para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

C) Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante esta xefatura territorial unha solicitude á cal xuntará a seguinte documentación:

– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.

– Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.

– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

D) Esta autorización outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada perante a conselleira de Economía, Industria e Innovación, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da dita Lei 39/2015, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren axeitado.

Mediante este documento notifícaselles aos interesados esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da Lei 39/2015.

A Coruña, 2 de febreiro de 2024

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña

ANEXO

LMTS, CT Proame e reforma da RBT

Relación de bens e dereitos afectados-termo municipal da Laracha

Parcela proxecto

Propietario/titular

Referencia catastral

Afección pleno dominio
(LMT aérea-apoios)

LMT aérea-voo

(servidume de paso
de enerxía eléctrica)

LMTS (servidume
de paso de enerxía eléctrica soterrada)

Afección pleno dominio

(centro de transformación)

Natureza do terreo

Nº do apoio

Superficie (m2)

Lonxitude

Superficie (m2)

Lonxitude

Superficie (m2)

Superficie edificio (m2)

Beirarrúa

Acceso

1

Manuel Cotelo Varela

15042A153000870000RP

Novo apoio nº 7 proxectado

2

40

119

Agrario.

Prados ou pradarías

2

Jesús Abelenda Bello

15042A153003530000RR

8

15

62

Agrario.

Prados ou pradarías